Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Venres, 17 de xaneiro de 2003 Páx. 604

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE MUGARDOS

ANUNCIO de aprobación definitiva do estudio de detalle para ordenar volumes, reaxustar aliñacións e rasantes do SUNC-P8 Cantón de Cora do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O concello pleno, na sesión celebrada o día 27 de decembro de 2002, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro.-Estimar parcialmente o punto terceiro da alegación presentada por Eduardo Filgueiras Bouza; a distancia do muro existente na propiedade do alegante á zona residencial que marca o PXOM (1,00 m) é inferior á determinada polo estudio de detalle (2,70 m) polo que debería corrixirse este feito, debéndose poñer no estudio de detalle a profundidade da zona residencial 1,00 m de fondo máis que o muro existente na propiedade do alegante.

Segundo.-Desestima-los demais puntos da alegación polos motivos expostos no informe do técnico municipal de data 15 de outubro de 2002, que se dá aquí por reproducido.

Terceiro.-Aprobar definitivamente o estudio de detalle para ordenar volumes, reaxustar aliñacións e rasantes do SUNC-P8 Cantón de Cora, promovido por Bogamar Galicia, S.L., Varinca, S.L., e Vaibén-Const., S.L. e redactado polo arquitecto José María Dopico Suárez, con data 28 de outubro de 2002; documento que xa contén a alegación estimada parcialmente, tal e como consta no informe do técnico municipal de data 11 de novembro de 2002.

Cuarto.-Comunicar ós promotores que antes do inicio das obras deberán ter en conta as consideracións establecidas no informe de Demarcación de Costas en Galicia do Ministerio de Medio Ambiente, de data 19-12-2002, que se transcribe:

«O estudio de detalle ten como finalidade establece-las aliñacións, volumes e rasantes, establecendo unhas edificacións de tipoloxía plurifamiliar, destinando espacios públicos e privados.

Unha das citadas construccións proxéctase de modo que se atopa situada xusto a 20 m do deslinde no límite da zona de servidume de protección de costas. Dada esta singular característica, é preceptivo que antes do inicio da construcción se solicite o replanteo da devandita liña a esta demarcación.

En todo caso, non se permitirán voos, nin beirís sobre a servidume de protección de costas, se previamente non acredita unha autorización o órgano competente da Comunidade Autónoma. O mesmo cabe dicir de tódalas obras, instalacións, desmontes ou terrapléns que se executen na dita zona.

No caso de que se realicen cerramentos na costa deberase garantir previamente a servidume de tránsito de 6 m, de acordo co especificado no artigo 27 da Lei 22/1998, de costas, os accesos ó mar deberán ser públicos e gratuítos, de acordo co artigo 28 da citada lei.

Coas anteriores consideracións, emítese informe favorable do estudio de detalle do asunto».

Quinto.-Proceder á publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia e no BOP, debendo publicarse tamén neste último o documento que contén a normativa e as ordenanzas tal e como preceptúa o artigo 48 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

Sexto.-Comunicarlle ó conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda o presente acordo, dándolle traslado dunha copia autenticada do expediente con tódolos planos e documentos que integran o estudio de detalle, debidamente dilixenciado polo secretario do concello.

Sétimo.-Que se notifique o presente acordo ós interesados e ó alegante con indicación dos recursos pertinentes.

O que se fai público, en cumprimento do disposto no artigo 48 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

Contra o presente acordo, que esgota a vía administrativa, poderá interporse recurso contencioso-administrativo durante o prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da publicación do presente anuncio, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Mugardos, 2 de xaneiro de 2003.

Ramón Toimil Saavedra

Alcalde