Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Venres, 17 de xaneiro de 2003 Páx. 600

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CEE

ANUNCIO.

O Pleno corporativo deste concello, na sesión realizada o día vintesete de decembro de dous mil dous, acordou a aprobación definitiva da reforma puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal

relativa ó cambio de ordenanza na parcela G do recheo da Seca.

De acordo co disposto no artigo 48.2º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, faise público o texto íntegro da ordenanza modificada, así como a de nova creación e que queda redactada como segue:

«Artigo 37º.-Uso comercial.

Uso comercial é aquel que corresponde a locais de servicio ó público destinados á compravenda polo miúdo ou permuta de mercadorías.

Os diversos tipos de locais cumprirán tódalas disposicións vixentes que sexan de aplicación. Subsidiariamente establécense as seguintes:

No caso de que no edificio exista uso de vivendas, deberán dispoñer estas de accesos, escaleiras e ascensores independentes.

Os locais comerciais e os seus almacéns non poderán comunicarse coas vivendas, caixa de escaleira nin portal se non é a través dun cuarto ou paso intermedio con porta de saída inalterable ó lume.

A altura dos locais comerciais será a que se especifica en cada zona, a excepción dos sotos, que terán unha altura libre mínima de 2,70 m, no caso de destinarse a uso comercial. Se o seu uso é de garaxe aparcamento, as condicións que deben reunir serán as reguladas no artigo 27º.

As escaleiras de servicio ó público nos locais comerciais terán un largo mínimo dos chanzos de 1,20 m.

Os locais comerciais dispoñerán dos seguintes servicios sanitarios:

Ata 120 m, un retrete e un lavabo; por cada 200 m máis ou fracción aumentarase un retrete e un lavabo. A partir dos 120 m instalaranse con absoluta independencia para donas e cabaleiros. En calquera caso, estes servicios non poderán comunicarse directamente co resto dos locais e deberán instalarse nun vestíbulo ou zona de illamento.

No caso de agruparse locais comerciais nun centro comercial, os servicios sanitarios poderán distribuírse da seguinte maneira.

Os locais de menos de 60 m poderán servirse de aseos comúns que se situarán no seu mesmo andar. Para tal efecto, a suma da superficie comercial total destes locais determinará a necesidade de aseos comúns, a razón dun retrete ou lavado por cada 300 m ou fracción. Ademais, deberase cumpri-la proporción dun lavado por cada dous retretes ou urinarios.

Poderán instalarse galerías interiores voadas e abertas para o almacenamento de mercadorías, o voo dos muros non pasará dos 2 m, a altura libre inferior non será menor de 2,20 m e a altura libre sobre a súa superficie será como mínimo de 2 m.

A zona que se destine á venda ó público no local terá unha superficie mínima de 10 m, non servirá de paso nin terá comunicación directa con ningunha vivenda a excepción da do titular.

Os locais destinados a establecementos comerciais estarán dotados de ventilación natural ou artificial. A natural farao a través de ocos na fachada ou a patios que posúan as dimensións mínimas establecidas nas mesmas condicións mínimas que as esixidas ós locais vivideiros de vivenda. En calquera caso, as cociñas e os locais semellantes ventilarán por chemineas, ben exclusivas para elas, ben xerais do edificio.

Se os locais non reúnen as condicións anteriores, esixirase ventilación artificial, para o que se incluirá esta instalación co seu cálculo e dimensionamento no proxecto para a solicitude da licencia de acondicionamento do local, de maneira que esta garanta como mínimo a renovación horaria da totalidade do aire do local. Anteriormente á concesión da licencia de apertura de calquera local comercial, o concello comprobará o funcionamento de tódalas instalacións do local. Esta comprobación poderá repetila en calquera momento de oficio o concello ou por petición da parte interesada.

Os locais comerciais dispoñerán de saídas de urxencia, accesos, instalacións de alarma e extinción e demais condicións e requisitos esixidos pola normativa contra incendios en vigor en cada momento. As estructuras da edificación serán resistentes ó lume nas condicións esixidas pola NBE-CPI ou a norma que a susbstitúa.

Os locais comerciais terán tódalas instalacións necesarias para garantirlles ós veciños e viandantes a supresión de molestias, cheiros, fumes, vibracións, etc.

Os comercios que se establezan en planta baixa deberán ter acceso directo desde a vía pública, excepto no caso de atoparse nun centro comercial, caso no que poderán ter acceso desde as zonas comúns interiores. Cando no soto haxa un establecemento comercial de calquera tipo, este estará vinculado ó local da planta baixa situado sobre el, terán que coincidir polo menos nun 20% da súa planta e dispoñerán de comunicación directa entre eles.

Se un local comercial ocupa unha planta alta en calquera edificio, terá que estar vinculado necesariamente ó situado inmediatamente debaixo coincidindo en máis do 50% da súa superficie e contando con comunicación directa entre ámbolos dous con escaleira dun largo mínimo 1,50 e así sucesivamente ata ter parte da súa superficie en planta baixa. No caso anterior terase que cumprir que a superficie do local situada en cada planta terá que ser necesariamente maior ou igual que a planta inmediatamente superior.

As prazas de aparcamento para locais comerciais, ademais das reguladas pola ordenanza da zona correspondente segundo o tipo de establecemento

de que se trate e da súa superficie, serán como mínimo as seguintes para prover e resolver dentro do edificio ou, cando menos, da parcela:

Nas prazas de abastos e mercados, 20 m de aparcamento por cada 50 m construídos de uso comercial.

Nos establecementos de autoservicio de máis de 500 m, 20 m de aparcamento por cada 50 m construídos de uso comercial.

Nas galerías comerciais e conxuntos de establecementos que superen en conxunto os 300 m, 20 m de aparcamento por cada 75 m construídos de uso comercial.

As prazas de abastos, os establecementos de autoservicio e os conxuntos de tendas con accesos comúns que teñan unha superficie construída maior de 1.000 m terán que situarse en edificios exclusivos nos que se admitirán como usos complementarios os usos de espectáculos, oficinas e servicios administrativos, salas de reunión, almacéns, garaxe-aparcamento e talleres e servicios do automóbil.

Artigo 84º bis.-Ordenanza reguladora 30. Extensión núcleo centro comercial.

-Aliñacións: as definidas nos planos de ordenación.

-Parcela mínima: 1.000 m.

-Ocupación máxima planta baixa: 100%.

-Ocupación máxima planta alta: 100%.

-Altura mímina planta: 3 m.

-Altura máxima da edificación: 2 plantas (B+1), 11 m.

-Aproveitamento baixo cuberta: non autorizado.

-Sotos: 1 planta.

Usos permitidos:

-Planta soto: almacén, garaxe-aparcamento e talleres e servicios do automóbil.

-Planta baixa: comercial, espectáculos, oficinas e servicios administrativos, salas de reunión, almacén, garaxe-aparcamento e talleres e servicios do automóbil.

-Planta primeira: comercial, espectáculos, oficinas e servicios administrativos, salas de reunión, almacén.

Dadas as características singulares desta ordenanza, non se fixa a altura máxima de planta, estando limitada en todo caso á altura do edificio pola altura máxima da edificación.

Permítense as entreplantas, que se define como aquela planta que na súa totalidade ten o forxado do piso nunha posición intermedia entre os planos do pavimento e teito dunha planta. Admítese a súa construcción sempre que a súa superficie útil non exceda do 50% da superficie útil do local a que estea adscrita.

A altura libre do piso por enriba e por debaixo da entreplanta será a correspondente ó uso que se destine e, en todo caso, igual ou superior a 2,20 m.

A cuberta do edificio poderá ser a dúas ou a catro augas, cunha pendente máxima de 10º, medida desde a liña da cornixa.

Por enriba da cuberta só se permite a construcción de:

-Conductos de ventilación (chemineas, etc).

-Instalacións técnicas da edificación (permítense igualmente en calquera planta).

-Antepeitos decorativos cunha altura máxima de 1,25 m, que na fachada principal poderán chegar ata 5 m, medidos sobre o último forxado.

-Aqueles elementos que definan a imaxe comercial do centro, sendo obrigatorio integralos dentro da estructura estética do inmoble.

-Lucernarios, sempre que a súa cumieira non supere a altura de 2,20 m por enriba da cumieira do edificio e non excedan do 25% de ocupación sobre a superficie total da cuberta.

Permítense os voos sobre a vía pública. Neste caso, estarán como mínimo a unha altura de 3,60 m da rasante da rúa, medidos no punto máis desfavorable. A lonxitude máxima de voo será o 10% do largo da rúa, cun máximo de 1,20 m. No caso de marquesinas, permítense, podendo ter unha lonxitude máxima de voo de 3 m (en ningún caso poderá ser maior do largo da beirarrúa menos 0,50 m), situándose igualmente a 3,60 m sobre a rasante da rúa.

Será obrigatoria a reserva dunha praza de aparcamento por cada 60 m construídos de uso comercial, nas condicións sinaladas no artigo 27º, exceptuando as dimensións mínimas das prazas, que serán de 2,50x4,80 m, para as prazas en batería e de 2,20x4,80 no caso de que se sitúen en liña (medidas desde o eixe do piar ou muro). Non se considera obrigatorio o cumprimento do número 3 do artigo 27º, no relativo ó espacio horizontal de fondo mínimo 5 m».

Cee, 8 de xaneiro de 2003.

José Antonio Domínguez García

Alcalde-presidente