Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 2003 Páx. 373

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

CÉDULA do 19 de decembro de 2002, do Servicio Provincial de Transportes de Ourense, pola que se fai pública a Resolución do 13 de novembro de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, na que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de Telecadeira da Fonte Fría. Estación de Manzaneda-Manzaneda-Meisa (Ourense), nos concellos de Manzaneda e A Pobra de Trives (Ourense), promovido por Manzaneda Estación de Montaña, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 13 de novembro de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de Telecadeira da Fonte Fría. Estación de Manzaneda-Manzaneda-Meisa (Ourense), nos concellos de Manzaneda e A Pobra de Trives (Ourense), promovido por Manzaneda Estación de Montaña, S.A. que se transcribe como anexo desta cédula.

Ourense, 19 de decembro de 2002.

Xosé Inacio Palomanes Rodríguez

Xefe do Servicio Provincial de Transportes

de Ourense

Antecedentes

A Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, establece que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no seu anexo I, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental.

Entre os proxectos contemplados no antedito anexo I atópanse as pistas de esquí, remontes e teleféricos e construccións asociadas cando se desenvolvan en zonas especialmente sensibles, designadas en aplicacións das Directivas 79/409/CEE ou en zonas húmidas incluídos na lista do Convenio de Ramsar.

Dado que a instalación proxectada, unha telecadeira na estación de montaña de Manzaneda (Ourense), se localiza no espacio natural en réxime de protección xeral denominado Macizo Central proposto como lugar de importancia comunitaria (LIC) que se incluirá na Rede Natura 2000, en virtude da Orde do 7 de xuño de 2001, prócedese a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de referencia.

A telecadeira ten unha lonxitude de 1.110 m salvando un desnivel de 170 m cunha pendente do 15%. Consta de 11 pilastras, unha estación motriz no extremo inferior e unha de reenvío no superior todas elas fixadas sobre macizos de formigón.

Segundo a documentación avaliada, a vexetación actual na área de influencia da telecadeira está composta por formacións de uzais húmidos atlánticos de zonas mornas (Genisto anglicae-Ericetum tetralicis), nun estado de conservación moi baixo e antropizado, e repoboacións de piñeiros (Pinus pinaster).

Con data 17 de xaneiro de 2002 (DOG nº 12) publícase a Cédula do 5 de decembro de 2001, do Servicio Provincial de Transportes de Ourense, pola que se somete a información pública o estudio ambiental correspondente ó citado proxecto, constando durante o período de exposición pública a presentación de alegación que se resume no anexo III desta declaración.

Con data do 15 de xullo de 2002 recíbese nesta dirección xeral o expediente ambiental do proxecto remitido polo Servicio Provincial de Transportes de Ourense, contendo o resultado da información pública e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural e Turismo, inclúe así mesmo copias do estudio de impacto arqueolóxico do proxecto e documentación do promotor en contestación á alegación formulada polo Grupo Erva durante a información pública.

O 10 de outubro de 2002 recíbese o informe emitido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza. De acordo co contido deste informe, o promotor

presenta documentación complementaria ó estudio ambiental, titulada Análise da vexetación. Estudio de impacto ambiental. Telecadeira da Fonte Fría. Estación de montaña Manzaneda-Meisa (Ourense, outubro 2002. Con data 7 de novembro de 2002, recíbese nesta dirección xeral un exemplar do devandito documento, xunto co correspondente informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, formula, para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental do proxecto de Telecadeira da Fonte Fría. Estación de Manzaneda-Meisa (Ourense), nos concellos de Manzaneda e A Pobra de Trives (Ourense), promovido por Manzaneda Estación de Montaña, S.A.

O órgano substantivo para este proxecto é a Dirección Xeral de Transportes, a través do Servicio Provincial de Transportes de Ourense, e o órgano ambiental a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Este órgano ambiental ten coñecemento de que a obra está executada, polo que na presente DIA non procede establecer condicionados para a fase de obra ou previos a esta, sen prexuízo das medidas que, derivadas do anterior, resulte oportuno adoptar, se é o caso, por parte do órgano substantivo.

O anexo I comprende un resumo do proxecto e das medidas protectoras e correctoras propostas no estudio ambiental (EA).

No anexo I resúmese o contido dos informes recibidos dos distintos organismos consultados. O resultado destas consultas tívose en conta, no que procede, no condicionado da presente DIA.

No anexo II resúmese a alegación recibida como resultado do trámite de información pública, que foi proposta polo promotor e tida en conta coa presentación de documentación complementaria, ademais de ser contemplada, no que procede, nos puntos 5 e 8 do condicionado da DIA.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

«Estudio de impacto ambiental. Telecadeira da Fonte Fría. Estación de montaña Manzaneda-Meisa (Ourense). Outubro 2001»,

«Documento de síntese. Telecadeira da Fonte Fría. Estación de montaña Manzaneda-Meisa (Ourense). Outubro 2001»,

«Informe final. Avaliación de impacto sobre o patrimonio cultural. Telecadeira da Fonte Fría. Estación de montaña de Manzaneda. Ourense»,

«Contestación ás alegacións realizadas polo grupo Erva. Febreiro 2002»,

«Análise da vexetación. Estudio de impacto ambiental. Telecadeira da Fonte Fría. Estación de montaña de Manzaneda-Meisa (Ourense). Outubro 2002»,

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente DIA, sen prexuízo do disposto no artigo 6.4º do Real decreto 1997/1995, do 7 de decembro, polo que se establecen medidas para contribuír a garanti-la biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, as seguintes condicións, ademais das incluídas na documentación avaliada, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva ó proxecto denominado Telecadeira da Fonte Fría. Estación de montaña Manzaneda-Meisa (Ourense), que consiste na instalación e posta en marcha dunha telecadeira de 1.100 m de lonxitude na estación de montaña de Manzaneda (Ourense), segundo se reflicte no plano de infraestructuras. Plano nº 0 incluído no documento «Análise da vexetación. Estudio de impacto ambiental. Telecadeira da Fonte Fría. Estación de montaña Manzaneda-Meisa (Ourense). Outubro 2002».

2. Sobre o ruído.

2.1. Os niveis de presión sonora debidos á actividade non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiental exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica.

2.2. Para tal fin, presentarase un estudio acústico e un plan de seguimento do nivel de ruído na fase de funcionamento, de acordo co requirido no punto 8.1º b) da DIA.

2.3. As medicións serán efectuadas por entidade homologada por esta dirección xeral, conforme o Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, e os informes de resultados deben estar asinados por técnicos da entidade realizadora da medición.

3. Protección da rede hidrolóxica.

3. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga precisará da autorización da Confederación Hidrográfica do Norte.

4. Xestión de residuos.

4.1. Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da instalación, explotación e desmantelamento da telecadeira deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte ó vertido.

4.2. Os residuos almacenaranse en contedores axeitados ata a súa entrega ó xestor autorizado, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia e tipoloxía.

4.3. Antes do inicio da fase de explotación deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

5.1. As tarefas de mantemento da telecadeira, en especial a roza de vexetación, deberán ser realizadas fóra da temporada de cría das especies animais existentes.

5.2. Como medida compensatoria deberase presentar un inventario da situación actual da avifauna (especies sedentarias, estivais e invernantes, se é o caso), micromamíferos e réptiles do contorno, así como un plan de seguimento, de acordo co requirido no punto 8.1º d) da DIA.

5.3. Os labores de tala ou roza de vexetación durante as tarefas de mantemento reducirase ó estrictamente necesario, delimitando adecuadamente a zona de actuación, e deberán contar con autorización previa conforme a lexislación vixente de aplicación.

5.4. No caso de que se detectase algún impacto non previsto na documentación avaliada ou nesta declaración, ou de demostrarse algunha repercusión sobre os valores polos que o espacio foi declarado espacio natural en réxime de protección xeral e proposto como LIC, tomaranse medidas oportunas para paralizar esta afección, poñendo en coñecemento do Servicio Provincial de Conservación da Natureza a incidencia detectada, que a avaliará e informará sobre a conveniencia ou non de continua-la actuación nesas circunstancias.

6. Sobre o patrimonio cultural.

6.1. Considerando que na área de afección de 200 m arredor da telecadeira non se documentaron entidades arqueolóxicas, históricas ou etnográficas, que as zonas de risco ou as potenciais de albergar xacigos arqueolóxicos visibles están actualmente destruídas por construccións varias e que non hai evidencias de que existan xacigos visibles no subsolo, non se estima necesario o deseño dun plan de medidas correctoras nin a realización de control de seguimento arqueolóxico do proxecto.

7. Fase de abandono da instalación.

7.1. Ó longo da fase de abandono, unha vez rematada a vida útil da telecadeira, procederase, con

carácter xeral, á desmontaxe e retirada das estructuras que a compoñen, así como calquera outro elemento susceptible de provocar contaminación, sendo entregados todos eles a un xestor autorizado para a súa correcta eliminación e/ou reciclaxe.

8. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxeto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudio ambiental e no condicionado da presente declaración. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas problemáticas xurdidas. Así mesmo, este programa ten como obxetivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor.

O promotor remitirá a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo e nos prazos sinalados, dous (2) exemplares da seguinte documentación:

8.1. Antes da posta en marcha da instalación:

a) Identificación do responsable ambiental por parte do promotor, en cumprimento da condición 9.3 desta DIA.

b) Estudio acústico conforme o Decreto 150/1999, do 7 de maio, e o plan de seguimento do nivel de ruído para a fase de funcionamento, de acordo co indicado no punto 2.2 da DIA.

c) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da instalación, indicando nas fotografías a data e a hora, xuntando un plano de situación.

d) Inventario da situación actual das aves, considerando as especies sedentarias, estivais e invernantes, se é o caso, e dedicando especial atención ó papoazul (Luscinia svecica) e á charrela (Perdix perdix), micromamíferos e réptiles do contorno, así como un plan de aseguramento xurídico e económico, así como as medidas de actuación que se deban desprender deste, serán consensuadas coa Subdirección Xeral de Espacios Naturais e Biodiversidade.

e) Descrición e valoración económica de tódalas actuacións necesarias para o desmantelamento e abandono da instalación unha vez rematada a súa vida útil, conforme a condición 7.1 da DIA, que conterá memoria, planos, prego de condicións e orzamento con medicións, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos descompostos, prestacións parciais, orzamento total de execución material e orzamento total de execución por contrata.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder á posta en marcha da instalación ata que conte co informe favorable desta dirección xeral, respecto da totalidade da documentación requirida.

Unha vez obtido o informe favorable, o promotor comunicará a esta dirección xeral, sen prexuízo do órgano substantivo, a data de posta en marcha da instalación.

8.2. Informe de seguimento ambiental, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento, e anual nos seguintes, durante toda a vida útil da instalación. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultados das medicións do nivel de ruído, conforme o punto 2.2 da DIA, coa instalación en pleno funcionamento, lembrando que as medicións deben ser efectuadas por entidade homologada.

b) Resultados do plan de seguimento de fauna ó que se refire a condición 5.2.

c) Memoria na que se recolla o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudio ambiental e no condicionado da presente DIA, e resultados do plan de vixencia ambiental proposto no EA, indicando as incidencias ou problemas detectados e solucións adoptadas.

d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados nos labores de mantemento da instalación.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada do promotor ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-lo contido do dito informe, así como a frecuencia dos controis que hai que realizar.

8.3. Informe previo ó abandono: nun prazo máximo de seis (6) meses previos á finalización da explotación da telecadeira, remitirase un programa de abandono das instalacións, que conterá as accións previstas polo promotor en cumprimento do punto 7 da presente declaración.

8.4. Informe posterior ó abandono: nun prazo máximo de dous (2) meses contados desde o fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Xuntarase unha reportaxe fotografica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono.

Con carácter xeral, no caso de que se detecten durante o seguimento ambiental que hai que efectuar, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente a esta dirección xeral, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas.

9. Condicións adicionais.

9.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

9.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Sen embargo, o promotor poderá solicitar do órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outra, naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mecionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

9.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

9.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental e será notificado previamente, a través do órgano substantivo, a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.5. Previamente ó inicio da actividade, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1999, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá ser fixado polo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto. O importe definitivo do aval poderá propoñerse cando o promotor presente o orzamento do plan de desmantelamento, conforme o punto 8.1 e) da DIA.

9.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non contemplado actualmente.

9.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.

9.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder a solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

9.9. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós órganismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta.

9.10. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

9.11. En materia urbanística, o proxecto de referencia estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

9.12. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderá iniciarse a actividade ata que se cumpra este trámite.

ANEXO I

Resumo do proxecto

As obras previstas consisten na construcción dunha telecadeira na estación de montaña de Manzaneda (Ourense), cunha lonxitude de 1.100 m, para salvar un desnivel de 170 m. A pendente da zona é do 15%.

A instalación consiste nun medio mecánico de transporte por cable, de movemento continuo, e que emprega como medio de transporte cadeiras de mordaza fixas. Consta dunha estación motriz no extremo inferior, con dispositivo hidráulico de tensión, 11 pilastras intermedias tubulares ó longo da traza, estación de reenvío na parte superior, cable tractor sobre poleas, cadeiras de catro prazas con mordazas fixas e equipos de seguridade, telefónicos e de salvamento.

A velocidade de funcionamento chega a 2,3 m/s, e o rendemento 2.000 persoas/hora, a distancia entre cadeiras é de 16,56 m e o número destas é de 133. O motor ten unha potencia de 220 CV e o cable tractor ten un diámetro de 40,5 mm.

Medidas preventivas e correctoras

Atmosfera.

Terase especial coidado en que o levantamento de po durante a fase de construcción sexa o menor posible.

Se os movementos de terras coinciden con tempo seco realizaranse regas periódicas co obxecto de minimiza-la emisión de po.

A maquinaria empregada durante a fase de construcción deberá cumprir coa lexislación vixente en materia de emisión de fumes e gases de vehículos a motor. No caso de que non se cubran os límites, a maquinaria será substituída.

Calidade sonora.

Exisirase ós contratistas que a maquinaria empregada durante a fase de construcción non emita ruídos por riba dos niveis que marca a lei.

No caso de existir algunha queixa veciñal polas emisións de ruído durante a fase de construcción, realizarase unha inspección á zona e comprobarase o correcto funcionamento dos equipos. De non cumpri-las esixencias, serán substituídos.

A maquinaria durante a explotación non emitirá ruídos por riba dos niveis que marca a lei.

Calidade co medio hídrico.

A maquinaria empregada durante a fase de construcción deberá pasar tódolos controis necesarios para evitar derrames de aceites, graxas, combustibles, etcetera.

Non se verterá ningún tipo de efluente directamente ó río, agás autorización expresa da Confederación Hidrográfica do Norte.

Edafoloxía.

No caso de que durante o movemento de terras ou na apertura de gabias existan materiais sobrantes, deberanse xestionar de forma adecuada e ser levados a vertedoiro controlado.

Se durante a execución se producise algún derrame que puidera infiltrarse no solo, tomaranse as medidas adecuadas para repara-lo incidente e deixa-lo solo en óptimas condicións.

Durante a explotación realizarase unha recollida dos residuos sólidos que sexan depositados en zonas non aptas.

Durante os labores de roza terase coidado de non excede-los límites permitidos.

Fauna e vexetación.

Os residuos perigosos que se xeren durante a construcción e funcionamento almacenaranse adecuadamente durante un máximo de seis meses, etiquetaranse segundo a lexislación vixente e entregaranse a un xestor autorizado.

Retirada e correcto amoreamento de solos con valor agrobiolóxico daqueles terreos que vaian ser alterados.

Paisaxe.

Utilizaranse materiais acordes coa paisaxe e cos empregados nas outras telecadeiras xa existentes.

Medio socioeconómico.

Contarase cun arqueólogo que traballará na dirección de obra.

Contemplase a contratación de persoas que residan nos municipios ós que pertencen os terreos de localización da telecadeira.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informa favorablemente o informe final da avaliación do impacto do proxecto sobre o patrimonio cultural, indicando que as conclusións da devandita memoria se incluirán na correspondente declaración ambiental.

A Dirección Xeral de Turismo emite informe de incidencia do proxecto, que inclúe os seguintes puntos: antecedentes (descrición do proxecto e do asentamento), idoneidade turística da instalación, impacto visual na paisaxe e principios normativos nos que se basea o informe.

No punto de conclusións indican que o impacto visual que produciría a instalación se pode cualificar como moderado, e que desde o punto de vista turístico a instalación da telecadeira traería efectos beneficiosos para o desenvolvemento e potenciación do dito sector, resolvendo polo tanto que ten unha incidencia turística positiva.

A Subdirección Xeral de Espacios Naturais e Biodiversidade, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, emite un primeiro informe no que pon de manifesto unha serie de carencias do estudio ambiental presentado, que non permiten efectuar unha axeitada análise e valoración do medio natural afectado, así como do seu impacto global.

No segundo informe, á vista do documento «Análise da vexetación. Estudio de impacto ambiental. Telecadeira da Fonte Fría. Estación de montaña Manzaneda-Meisa (Ourense)», indica as seguintes consideracións:

As instalacións encóntranse dentro dos límites do lugar de importancia comunitaria proposto pola nosa comunidade para a Rede Natura 2000 coa denominación de Macizo Central, segundo a Orde do 13 de xuño de 2002, que prorroga a do 7 de xuño de 2001.

Con relación á afección ós hábitats presentes na área afectada onde se asenta o proxecto, segundo se reflicte na documentación presentada, a telecadeira instálase sobre un espacio con hábitat prioritario 2000 (uzais húmidos atlánticos de zonas mornas con Erica ciliaris e Erica tetralix).

A tesela da zona anterior, definida como 4020, atópase moi antropizada nun moi mal estado de conservación por encontrarse dentro da zona de desenvolvemento das actividades da estación de montaña, polo que non foi nin inventariada para a elaboración dos hábitats presentes no LIC Macizo Central. Por

conseguinte, vistas as actuacións que se pretenden desenvolver así como os valores polos que o espacio foi declarado, observamos que non se prevé deterioración dos hábitats nin alteracións que repercutan sobre os valores que motivaron a designación do espacio como LIC.

Non obstante, considérase que para levar a cabo as actuacións previstas, deberanse cumpri-los seguintes puntos co fin de conseguir unhas obras coa mínima afección ó medio natural:

Evitar depositar residuos ou productos sólidos en zonas onde as escorregas produzan arrastres ós leitos. A instalación de apoios realizarase en momentos secos. Cumprirase a normativa vixente en calidade das augas.

Tomaranse as medidas de seguridade necesarias para evitar derrames accidentais de substancias contaminantes.

No caso da tala de vexetación, relizarase con autorización previa e fóra da temporada de cría das especies animais existentes.

Segundo a información proporcionada por traballos sobre aves realizados en Manzaneda, comprobouse a presencia de papoazul (Luscinia svecica) nas proximidades da zona da instalación da telecadeira. Por este motivo, e debido a que esta especie se atopa no anexo I da Directiva 79/409/CEE, relativa á conservación das aves silvestres, deberase delimitar adecuadamente a zona de actuación co obxecto de minimiza-la ocupación do solo e a afección á vexetación. Esta medida é imprescindible e de carácter preventivo.

Deberase presentar, como medida compensatoria, un inventario da situación actual das aves sedentarias, estivais e invernantes, de se-lo caso, micromamíferos e réptiles do contorno, así como un plan de seguimento.

As cotas axustaranse ó proxecto. No caso de producirse algún imprevisto que ocasione un impacto negativo, ou de demostrarse algunha repercusión sobre os valores polos que o espacio foi declarado, tomaranse inmediatamente as medidas adecuadas para palia-la dita afección, poñéndoo en coñecemento do Servicio Provincial de Conservación da Natureza, que decidirá sobre a conveniencia da solución que hai que adoptar, así como as actuacións precisas ou as medidas compensatorias adecuadas, para corrixi-los efectos provocados.

ANEXO III

Resumo da alegación

O Grupo Erva presenta un primeiro escrito de alegacións no que, en síntese, indica o seguinte:

O estudio ambiental non cumpre cos requisitos dos decretos 42/1990 e 327/1991, de avaliación de impacto/efectos ambientais para Galicia. O proxecto afectaría gravemente ós valores naturais do espacio natural Macizo Central, incluído na proposta de LIC para integrar na Rede Natura 2000 e catalogado como espacio natural en réxime de protección xeral

por Orde do 28 de outubro de 1999 e posteriores actualizacións. Non se pode permiti-la alteración dos valores naturais deste espacio.

O estudio presenta unha serie de carencias e irregularidades, referidas ó inventario ambiental nos capítulos de vexetación, fauna e paisaxe, co que a valoración global do impacto non resulta correcta. O proxecto afectaría a unha serie de comunidades vexetais incluídas no anexo I da Directiva 92/43/CEE, entre as que cabe sinala-los hábitats 4020, 4030, 4090, 9230, 3110 e 5120. É de destaca-la presencia na zona das últimas poboacións galegas de charrela (Perdix perdix hispaniensis), incluída no anexo I da Directiva 79/409/CEE. Ademais a zona é zona de cría do papoazul (Luscinia svecica), tamén incluída no anexo I da Directiva. No estudio non se ten conta a lexislación vixente de protección de flora, fauna e hábitats.

Na área cabe destaca-la presencia de especies de aves, mamíferos, anfibios, réptiles, invertebrados e flora incluídos nas Directivas 92/43/CEE e 79/409/CEE e no R.D. 439/1990 (a alegación inclúe unha lista de especies).

En resumo, o estudio carece dun inventario minimamente serio para a importancia desta área, que será gravemente ameazada e abocada á extinción.

No segundo escrito de alegacións, á vista da resposta dada polo promotor ó primeiro escrito, o Grupo Erva ratifica e amplía as consideracións efectuadas na primeira alegación.