Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 2003 Páx. 364

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 30 de decembro de 2002 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións ás federacións deportivas galegas, clubs deportivos galegos de categoría nacional e agrupacións deportivas escolares comarcais ou de zona para o ano 2003.

A Secretaría Xeral para o Deporte, co fin de que as federacións deportivas galegas, os clubs deportivos galegos que participan ou organizan competicións nacionais de carácter oficial e as agrupacións deportivas organizadoras de competicións en idade escolar de ámbito comarcal ou de zona poidan levar adiante o seu labor de promoción e desenvolvemento deportivo, regula o réxime de concesión de subvencións con cargo á aplicación orzamentaria 04.03.355-A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003. Sen embargo, co fin de facer efectivo o principio de coordinación e cooperación entre as distintas administracións públicas, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá asinar con estas convenios de cooperación dirixidos a ampliar, dentro dos seus respectivos ámbitos territoriais, as dotacións asignadas a determinados programas incluídos nesta orde. A necesidade de evita-la paralización destas actividades nos primeiros meses do ano, período de maior traballo da

tempada deportiva, obriga a tramita-la presente orde como expediente anticipado de gasto. Con este fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As subvencións que se regulan ó abeiro desta orde atenderanse con cargo á aplicación orzamentaria 04.03.355-A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, cun crédito de seis millóns sesenta e seis mil catrocentos cinco euros (6.066.405 A), e irán destinadas a:

A) Organización da actividade deportiva federada e doutras actividades de especial transcendencia social que contribúan á promoción deportiva.

B) Participación ou organización de competicións nacionais de carácter oficial.

C) Desenvolvemento de competicións e programas deportivos en idade escolar, de ámbito comarcal ou zonal, promovidos pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Este crédito poderá variarse en función das solicitudes presentadas, sen que en ningún caso supere os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, no referido concepto.

Os créditos referidos neste artigo poderán ser incrementados con achegas económicas destinadas por outras institucións públicas para apoiar calquera dos programas que regula a presente orde e que sexan resultado de convenios que se formalicen con cada unha delas.

Artigo 2º

Poderán solicitar subvencións ó abeiro desta orde:

-Para as axudas ás que fai referencia o artigo 1º, alínea A: federacións deportivas galegas inscritas no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia, da Secretaría Xeral para o Deporte.

-Para as axudas ás que fai referencia o artigo 1º, alínea B: clubs deportivos galegos que participen ou organicen competicións nacionais de carácter oficial, inscritos no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia da Secretaría Xeral para o Deporte, excepto os clubs galegos dos deportes náuticos olímpicos (piragüismo, remo e vela).

-Para as axudas ás que fai referencia o artigo 1º, alínea C: agrupacións deportivas escolares comarcais ou de zona, coorganizadoras da campaña do deporte en idade escolar, inscritas no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia da Secretaría Xeral para o Deporte.

A Secretaría Xeral para o Deporte poderá subscribir convenios coas entidades subvencionadas nos que se recollan as condicións das subvencións outorgadas, así como as obrigas ás que se comprometen.

Artigo 3º

As solicitudes formalizaranse nos impresos oficiais, segundo os modelos que se xuntan á presente orde como anexo I, no caso das axudas ás que fai referencia o artigo 1º, alínea A), como anexo II, no caso das axudas ás que fai referencia o artigo 1º, alínea B) ou como anexo III, no caso das axudas ás que fai referencia o artigo 1º, alínea C). Achegarase tamén:

-Para as axudas ás que fai referencia o artigo 1º, alínea A):

A) Proxecto de actividade:

-Programa I. Docencia e tecnificación.

Presentarase proxecto detallado no que se fará referencia expresa das concentracións técnicas, cursos de adestradores e xuíces, e detección de novos valores.

-Programa II. Competicións e actividades.

Faranse consta-las ligas e torneos desagregados por categorías, así como as actividades das seleccións galegas.

-Programa III. Axudas a clubs.

Farase referencia expresa do número de entidades afiliadas e dos equipos e licencias desagregadas por categorías.

-Programa IV. Gastos xerais.

Especificaranse os gastos de mantemento da estructura administrativa da entidade.

B) Orzamento de gastos por programa.

-Programa I. Docencia e tecnificación.

-Programa II. Competicións e actividades.

-Programa III. Axudas a clubs.

-Programa IV. Gastos xerais.

C) Orzamento de ingresos totais da entidade.

D) Distribución territorial do gasto asignado a cada delegación.

-Para as axudas ás que fai referencia o artigo 1º, alínea B):

A) Calendario da actividade.

B) Equipos que integran o club e competicións nas que participan.

C) Orzamento de ingresos e gastos.

-Para as axudas ás que fai referencia o artigo 1º, alínea C):

A) Proxecto da actividade que se pretende realizar.

B) Orzamento de ingresos e gastos da actividade.

Os peticionarios das axudas presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas Administracións públicas competentes.

As solicitudes presentaranse no rexistro da Secretaría Xeral para o Deporte (estadio multiúsos de San Lázaro, s/n, 15890 Santiago de Compostela), ou ben por calquera outro dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes rematará ós vinte días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º

Unha vez recibida a documentación das solicitudes de subvención, a Secretaría Xeral para o Deporte convocará a comisión avaliadora encargada de xulgalas, que estará formada polas seguintes persoas:

Presidente: subdirector xeral de Deportes.

Vocais:

Xefe do Servicio de Coordinación Deportiva.

Xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte na Coruña.

Xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte en Lugo.

Xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte en Ourense.

Xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte en Pontevedra.

Secretario: xefe da Sección de Programación e Actividades Deportivas.

Así mesmo, para aqueles programas nos que outras Administracións públicas participen mediante convenios de cooperación, e exclusivamente no que respecte ós seus correspondentes ámbitos territoriais, formarán parte desta comisión avaliadora dous representantes designados por cada unha daquelas.

Unha vez estudiadas pola comisión avaliadora as documentacións dos solicitantes, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá presentarlles ás distintas entidades os reparos ou obxeccións que crea necesarios para axustalas ós obxectivos desta orde, co fin de que se realicen as oportunas correccións nun prazo de dez días hábiles a partir da data de notificación.

Para a concesión das subvencións a comisión avaliadora terá en conta os seguintes criterios:

A) Para as axudas ás que fai referencia o artigo 1º, alínea A):

-Interese do proxecto valorado da actividade para o ano 2003. Cursos de formación, calendario oficial de competicións e programa de tecnificación. Este último deberá constar dun proxecto no que figuren os obxectivos, sistema de selección de deportistas incluídos, planificación do traballo e relación de técnicos responsables do programa.

-Grao de cumprimento dos obxectivos técnicos do anterior exercicio.

-Clubs federados e número de participantes nas distintas actividades, categorías, ámbito territorial, resultados en competicións, eventos organizados e interese social.

-Distribución do gasto para cada delegación.

B) Para as axudas ás que fai referencia o artigo 1º, alínea B):

-Nivel das competicións que organiza ou nas que participan os equipos do club.

-Calendario de competicións dos equipos do club.

-Desprazamentos a competicións oficiais.

-Historial do club.

C) Para as axudas ás que fai referencia o artigo 1º, alínea C):

-Participación nas competicións deportivas en idade escolar promovidas pola Secretaría Xeral para o Deporte.

-Obxectivos da actividade que se vai desenvolver.

-Duración e lugar onde se desenvolverán as actividades.

A comisión avaliadora, a través do seu presidente elevará proposta ó secretario xeral para o Deporte para a resolución definitiva das subvencións.

Non obstante, no caso das axudas ás que fai referencia o artigo 1º, alínea A), a comisión avaliadora, á vista da documentación presentada e ante a súa complexidade, poderá elevar propostas de resolución por programas e, dentro destes, por ámbitos territoriais, co fin de lles dar cumprimento ós convenios ós que se refire o artigo 1º desta orde.

Igualmente, no caso das axudas ás que fai referencia o artigo 1º, alínea B), a comisión avaliadora poderá elevar propostas de resolución por ámbitos territoriais, co fin de lles dar cumprimento ós devanditos convenios.

Artigo 5º

A resolución das subvencións seralles notificada ós solicitantes nun período de tres meses, contado desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43.2º, a contrario sensu, da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común).

Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Polo tanto, o recurso de reposición

potestativo interporase de acordo cos artigos 116 e 117 da devandita lei.

O recurso contencioso-administrativo rexerase pola Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa e, particularmente no concernente ós prazos para interpolo, polo artigo 46 da dita lei.

Artigo 6º

Os beneficiarios de subvención poderán recibir ata un máximo do oitenta por cento da contía concedida como pagamentos parciais. Para o seu cobramento, as entidades remitirán á Secretaría Xeral para o Deporte certificación expedida polo seu secretario, co visto e prace do presidente, na que se faga consta-lo importe do pagamento que solicitan, coa relación detallada do gasto realizado, segundo o proxecto aprobado, na que se especifiquen os perceptores, co número de CIF ou NIF, contía e motivo do gasto.

Para a percepción do resto da subvención, unha vez rematada a actividade e, en todo caso, antes do 30 de novembro de 2003, os beneficiarios presentarán memoria da actividade realizada e certificación expedida polo seu secretario, co visto e prace do seu presidente, na que se faga consta-la aplicación definitiva dos fondos. Na certificación especificaranse os perceptores, co número de CIF ou NIF, contía e motivo do gasto. Os xustificantes orixinais dos gastos deberán ser custodiados pola correspondente entidade e quedarán á disposición da Secretaría Xeral para o Deporte para posibles comprobacións.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e en calquera caso antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas Administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

As federacións deportivas galegas, unha vez que sexan resoltas as subvencións que lles correspondan, poderán recibir, en concepto de anticipo de pagamento, o dez por cento da contía outorgada. A aplicación deste anticipo xustificarase posteriormente mediante certificación expedida polo secretario da federación, co visto e prace do seu presidente, na que se especificarán os perceptores, co seu número de CIF ou NIF, contía e motivo do gasto realizado, segundo o proxecto aprobado.

As federacións deportivas galegas, unha vez percibido o devandito anticipo, poderán tramitar pagamentos parciais ata completa-lo oitenta por cento da subvención, ou proceder á liquidación total da subvención, para o que será de aplicación o sinalado nos parágrafos anteriores.

Artigo 7º

Obrigas das entidades ás que se lles concede subvención:

A) Comunicarlle á Secretaría Xeral para o Deporte a obtención de subvencións ou axudas para as mesmas finalidades, procedentes de calquera administración ou de entes públicos.

B) Non poderán modifica-lo programa aprobado da actividade subvencionada sen a expresa autorización da Secretaría Xeral para o Deporte.

C) A Secretaría Xeral para o Deporte poderá facer comprobación e control das actividades que se subvencionan con cargo á presente orde. Ademais, poderá encarga-la realización de auditorías ou de verificacións contables ás entidades receptoras de subvencións, con aviso previo quince días hábiles antes da data da realización.

Así mesmo, os beneficiarios de subvención quedan sometidos ás actuacións de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

D) Emprega-lo distintivo «Deporte Galego» da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia en tódalas actividades e comunicacións que promovan.

Artigo 8º

En caso de que o beneficiario da subvención incumprise o disposto nesta orde, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá anula-la subvención concedida, logo da audiencia do interesado. Neste caso, o beneficiario non poderá solicitar outra subvención mentres non sexa devolta a anterior, no suposto de que fose anulada, de acordo co réxime previsto no artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro).

Artigo 9º

Nos aspectos non contidos na presente orde haberá que aterse ó disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro), e na demais normativa vixente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os créditos que amparan esta orde figuran no programa 355-A., fomento da actividade deportiva, do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2003.

Segunda.-A suma dos créditos empregados para atende-la presente orde cos empregados para atende-la alínea A) da orde pola que se regula o réxime de concesión de subvencións para a organización de actividades, construcción ou reforma de instalacións náuticas e compra de equipamento náutico deportivo para o 2003, non poderá exceder dos créditos consignados na aplicación orzamentaria 04.03.355-A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2003.

Disposición transitoria

A teor do disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, sobre a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, a resolución da presente liña de subvencións non será notificada ata que non resulten aprobados os créditos adecuados e suficientes que amparen o correspondente gasto, con cargo ós orzamentos definitivos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública