Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Xoves, 09 de xaneiro de 2003 Páx. 310

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2002 pola que se aproba a modificación do plan eólico estratéxico presentado pola empresa Endesa, Cogeneración y Renovables S.A. denominado P.E.E. Endesa-Made.

Examinado o expediente instruído por instancia de Endesa, Cogeneración y Renovables S.A. con domicilio para efectos de notificacións en r/ Castiñeiro, 12-3º. Santiago de Compostela, sobre aprobación de modificación do P.E.E. Endesa-Made; esta consellería ten en conta os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 29 de outubro de 2001, Concepción Cánovas del Castillo, no nome e representación de Endesa, Cogeneración y Renovables S.A., solicitou a aprobación da modificación de potencia do plan eólico estratéxico denominado P.E.E. Endesa-Made, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, todo isto en virtude do disposto na disposición transitoria segunda da Orde do 31 de xaneiro de 2002.

Segundo.-De acordo coa súa solicitude as áreas do seu PEE pasarían a ter a potencia que de seguido se expón:

ÁreaPot MW

Capelada31,35

Barbanza29,04

Bustelo40,54

Carba44,20

Pena Luisa43,56

Serra da Faladoira96,36

Pene Grande31,02

Xistral45,54

Escoiras17,82

A Fonsagrada49,50

Serra de Punaga30,36

Estaca de Bares49,50

Malpica14,52

Península de Morrazo49,50

Ordes49,50

Pico Cerdeira24,42

Becerreá-Paradela79,20

Carballeira24,42

Pena Ventosa74,30

San Sebastián49,50

Serra das Penas73,92

A Peroxa36,30

Terceiro.-Os servicios técnicos da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas emitiron informe avaliando a viabilidade do plan nas diferentes áreas de estudio solicitadas, co fin de resolve-los diferentes plans estratéxicos en competencia, seguindo os seguintes criterios de avaliación:

-Viabilidade do plan tecnolóxico industrial e previsións de desenvolvemento.

-Investimentos previstos e tempo de execución.

-Capacidade técnica e financeira do promotor.

-Achegas e efectos industriais, socioeconómicos, tecnolóxicos e ambientais do plan

-Desenvolvementos vinculados a terreos e concellos afectados.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo cal se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, así como o disposto na disposición transitoria segunda do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo cal se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-Ante o gran número de solicitudes presentadas, e en tramitación paralela, de aprobación do plan eólico estratéxico, os criterios seguidos de forma xeral para a adxudicación ou non das áreas asignadas foron os expostos no fundamento de feito terceiro, téndose en conta a limitación existente desde o punto de vista de infraestructuras en canto á rede de transporte de enerxía eléctrica, o que supón que soamente se poidan satisfacer aquelas solicitudes que cumpran de forma máis completa os criterios de adxudicación expostos.

Terceiro.-Debido ás limitacións que deben terse presentes no que se refire ás infraestructuras de evacuación existentes e previstas nun prazo medio, non se pode acceder na súa totalidade ó solicitado polo peticionario. Nembargantes, si resulta factible incrementa-la potencia autorizada no plan, pois hai que sinalar que se outorga sen que se produza un incremento das áreas de investigación outorgadas; é dicir, a nova potencia desenvolverase nas áreas que compoñen o plan eólico estratéxico do solicitante.

A xustificación a esta nova adxudicación atópase no satisfactorio desenvolvemento do plan industrial do promotor así como o axeitado aproveitamento eólico levado a cabo nas áreas xa explotadas por medio de instalacións concretas, dando así a posibilidade de aumentar infraestructuras naquelas áreas inicialmente concedidas.

Así mesmo, esta nova adxudicación suporá o apoio do promotor a unha serie de actuacións relacionadas coas enerxías renovables de importancia capital na planificación enerxética autonómica.

Por outro lado, o incremento da potencia tamén se xustifica por se-lo promotor un dos que desenvolveron o seu plan de maneira máis satisfactoria ó longo dos últimos anos, asumindo actuacións de risco que deben ser apoiadas pola Administración debido á súa incidencia no tecido industrial galego.

Do exposto extráese como consecuencia o incremento de potencia en 45 MW.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta consellería, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

-Aproba- la modificación do plan eólico estratéxico P.E.E. Endesa-Made, coa previsión de aumento de potencia en 45 MW.

Esta resolución supón o outorgamento do dereito de investigación nas áreas de referencia, así como o dereito preferente, nas devanditas áreas, á autorización das instalacións de aproveitamento de enerxía eólica, de acordo co sinalado no artigo 8 do Decreto 205/1995, do 6 de xullo.

A aprobación da modificación do plan eólico estratéxico une á Administración e a empresa Endesa, Cogeneración y Renovables S.A. sen prexuízo das

futuras resolucións que se adopten para o suposto de non exerce-lo dereito preferencial previsto no artigo 8 do devandito Decreto 205/1995, do 6 de xullo. Nembargantes, o desenvolvemento dos parques eólicos derivados destas áreas compatibilizarase coa posible inclusión de parques eólicos singulares neles.

A aprobación da modificación do plan eólico estratéxico outórgase conforme as seguintes condicións:

Primeira.-Endesa, Cogeneración y Renovables S.A. iniciará a execución do plan industrial no prazo de seis meses a partir da aprobación deste plan estratéxico, debendo executalo nas condicións sinaladas no anexo I desta resolución, salvo imposibilidades técnicas ou causa de forza maior debidamente xustificada.

En calquera momento poderá a Administración solicita-la documentación que coide pertinente co obxecto de verifica-lo cumprimento do establecido neste punto.

Segunda.-A modificación do plan eólico estratéxico ou o incumprimento das condicións impostas nesta resolución e na autorización para a montaxe das instalacións será causa de resolución desta aprobación.

Nembargantes, se por alteración substancial das circunstancias ou por causas sobrevidas, non fose axeitado o mantemento dalgunha ou algunhas das instalacións previstas no plan eólico estratéxico que se aproba, a empresa poderá solicitar da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia:

1. Autorización para a modificación ou substitución das actuacións, sen altera-las restantes condicións do plan eólico estratéxico.

2. A aprobación dun novo plan eólico estratéxico para novas instalacións, se a importancia dos investimentos así o xustifican, tendo en conta sempre os dereitos que terceiros interesados poidan ter.

Terceira.-Endesa, Cogeneración y Renovables S.A. deberá presentar un informe trimestral á Consellería de Industria e Comercio que incluirá os seguintes puntos:

-Datos eólicos obtidos nas áreas de investigación.

-Investimentos realizados e previstos.

-Operacións realizadas con empresas galegas.

-Emprego xerado.

-Participación de entidades galegas.

-Endesa, Cogeneración y Renovables S.A. así mesmo deberá remiti-los datos que se esixan na Orde do 29 de xullo de 2001 pola cal se crea e regula o procedemento para a captación e procesamento dos datos de producción de Galicia (SICAPDE), das instalacións acollidas ó réxime especial de producción de energía eléctrica nos parámetros e forma en que veña determinado.

Cuarta.-A empresa Endesa, Cogeneración y Renovables S.A. poderá transferir en calquera momento

os dereitos dimanantes desta aprobación logo da autorización da Dirección Xeral de Industria, subrogándose o novo titular en tódalas obrigas e dereitos do transmitente derivados do plan eólico aprobado.

Quinta.-O presente plan eólico apróbase sen prexuízo de terceiros, deixando a salvo os dereitos particulares e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións de aproveitamento eólico.

Contra esta resolución, que é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes desde o día seguinte ó da súa notificación, de acordo co establecido no artigo 116.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, ó abeiro do disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden procedente.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2002.

P.D. (Orde 20-12-2001, DOG nº 250, do 28 de decembro)

Jesús Vázquez San Luis

Secretario xeral da Consellería de Industria

e Comercio

ANEXO I

Documento de síntese

-Plan eólico estratéxico.

A modificación do plan eólico estratéxico terá unha duración ata o ano 2006 e suporá un investimento global estimado de 20.000.000 de euros.

-Plan de investigación eólica.

A empresa Endesa, Cogeneración y Renovables, S.A. realizará a investigación cun investimento total de 12.000 euros.

Co obxecto de coordina-los resultados da investigación co resto de plans eólicos estratéxicos aprobados, a empresa Endesa, Cogeneración y Renovables S.A. usará coma entidade colaboradora para a investigación ó Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

-Plan industrial

A empresa Endesa, Cogeneración y Renovables S.A., incrementará os compromisos de investimento asociados proporcionalmente ós incrementos de potencia autorizados e participará no Plan de fomento da enerxía solar a través dun programa de desenvolvemento, implantación e servicio posvenda de aproveitamento solar térmico mediante a tecnoloxía de paneis solares Made, ou subsidiariamente:

A empresa Endesa, Cogeneración y Renovables, S.A., colaborará na implantación e desenvol

vemento do Plan de fomento da enerxía solar que executará a Consellería de Industria e Comercio a través do Inega.

As súas contribucións realizaranse da seguinte forma:

-3.000 euros por MW achegaranse ó plan antes da finalización de 2003.

-Anualmente achegaranse unha cantidade equivalente ó 0,5% da facturación dos parques eólicos que se poñan en funcionamento en desenvolvemento do plan.

Estas actuacións poderán ser substituídas por outras equivalentes relacionadas coa fabricación de paneis solares que realice o promotor en instalacións radicadas na Comunidade Autónoma galega.