Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Mércores, 08 de xaneiro de 2003 Páx. 230

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 27 de decembro de 2002 pola que se establece a normativa aplicable á concesión das axudas e subvencións ó funcionamento de obradoiros de emprego en 2003, e se procede á convocatoria das ditas axudas e subvencións.

O Decreto 171/1999, do 27 de maio, e a Orde do 4 de abril de 2002, que o desenvolve, establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ó programa de obradoiros de emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia en 2002.

As características e peculiaridades dos obradoiros de emprego, a duración dos proxectos formativos aprobados e a vocación de continuidade e permanencia no tempo das citadas disposicións, características comúns coa normativa estatal aplicable, conxugadas cos principios de economía e eficiencia así como a ausencia de modificacións no seu articulado, agás no relativo ó financiamento, xustifican a necesidade da publicación desta norma co obxecto de mante-la vixencia da antedita orde en 2003.

Así, de conformidade co previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o financiamento das axudas previstas nesta orde realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.241A.480.0 do proxecto de lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, por un importe de 4.646.000 euros.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas e subvencións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Por outra banda, esta orde tramítase ó abeiro do disposto no artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na súa redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, ó existir crédito adecuado e suficiente no proxecto de lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do día 17 de outubro de 2002.

Consecuentemente co que antecede, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo dos informes favorables da Asesoría Xurídica, Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, Inspección Xeral de Servicios e Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e autorizadas polo Consello da Xunta de Galicia a concesión de anticipos e a forma de pagamento das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como a adquisición de compromisos de carácter plurianual e a superación dos límites previstos no artigo 58, números 1 b) e 3 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia na súa reunión do día 19 de decembro de 2002, no uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria das axudas e subvencións ó programa de obradoiros de emprego en 2003.

Artigo 2º.-Normativa aplicable.

Os réximes xurídico e económico-financeiro aplicables ás axudas e subvencións do programa de obradoiros de emprego, durante 2003, son os contidos na Orde do 4 de abril de 2002, pola que se desenvolve o Decreto 171/1999, do 27 de maio.

Artigo 3º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes para a obtención de axudas e subvencións ó funcionamento de obradoiros de emprego poderán presentarse durante todo o ano 2003, nos modelos que se publican como anexo á Orde do 4 de abril de 2002, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 77, do 22 de abril.

Artigo 4º.-Aplicación orzamentaria.

As axudas e subvencións que se concedan ó abeiro desta norma, serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.241A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Artigo 5º.-Pagamento da subvención.

1. Correspóndelles ás delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude o pagamento das subvencións concedidas, logo da solicitude da entidade promotora, no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego, por períodos semestrais e en función das fases do proxecto que se indiquen na resolución de concesión.

2. Con carácter xeral, acreditado o inicio do primeiro período pola entidade promotora, mediante a oportuna certificación, aboaráselle a esta, en concepto de anticipo, unha cantidade equivalente ó custo subvencionado correspondente a ese período.

Rematada a fase anterior e logo da xustificación de gastos, no prazo dun mes contado desde a data da súa solicitude, aboaráselle ó promotor, en concepto de pagamento a conta da liquidación definitiva e a medida que o beneficiario xustifique os gastos, unha cantidade equivalente ó custo subvencionado correspondente ó segundo período, sen que en ningún caso se supere o límite do 80% do importe total da subvención para o conxunto do proxecto. Para a determinación deste límite do 80% descontarase da base de cálculo o importe do libramento anterior debidamente xustificado pola entidade promotora, de acordo co establecido no artigo 34 da Orde do 4 de abril de 2002.

3. Cando o obradoiro de emprego conste dunha fase e unha vez acreditado o seu inicio na forma prevista no parágrafo segundo, aboaráselle á entidade promotora, en concepto de anticipo, unha cantidade equivalente ó 50% do importe total da subvención para o conxunto do proxecto.

Neste caso, despois de recibida a súa solicitude, poderá aboarselle ó promotor, en concepto de pagamento a conta e a medida que o beneficiario xustifique os gastos, unha cantidade equivalente ó 30% do importe total da subvención para o conxunto do proxecto.

4. O 20% ou, se é o caso, o 50% restante aboaráselle á entidade promotora unha vez rematado o obradoiro de emprego, xustificados tódolos gastos e presentada a acta de liquidación do expediente nos termos dispostos nos artigos 34 e 36.

5. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións reguladas por esta orde estará supeditada á existencia de crédito na aplicación 14.04.241A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de 2003.

Segunda.-Os créditos correspondentes a subvencións que conteñan fases que se inicien en exercicios futuros terán o carácter de plurianuais, de conformidade co preceptuado polo artigo 58.1º b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no acordo do Consello da Xunta de Galicia, adoptado na súa sesión do 19 de decembro de 2002, e polo que se autoriza a adquisición de compromisos de carácter plurianual e a superación dos límites previstos no número 3 do precitado artigo.

Terceira.-As solicitudes presentadas ó abeiro da Orde do 4 de abril de 2002 e que non se resolvesen dentro de 2002 poderán resolverse no exercicio de 2003.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude