Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Martes, 07 de xaneiro de 2003 Páx. 91

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 3 de xaneiro de 2003 pola que se declara de interese galego a Fundación Arao e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Con data 3 de xaneiro de 2003 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 2 de xaneiro de 2003 pola que se clasifica como mixta a Fundación Arao, adscribíndoa á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 30 de decembro de 2002, ante o notario José Antonio Cortizo Nieto, co número mil cento sesenta e seis do seu protocolo, por Manuel Fraga Iribarne, Jaime Pita Varela, José Antonio Orza Fernández, José Cuíña Crespo, Jesús Pérez Varela, José Carlos del Álamo Jiménez, Corina Porro Martínez e Miguel Ángel López Sieiro; interveñen todos por razón dos seus cargos.

Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto promover, incentivar e executar cantas accións se orienten á recuperación ambiental de Galicia así como á recuperación dos danos causados polo afundimento do Prestige canalizando as axudas públicas ou privadas que para este fin se destinen.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación Arao ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación Arao no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala la Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública