Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Martes, 31 de decembro de 2002 Páx. 18.108

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 30 de decembro de 2002 pola que se modifica a Orde do 17 de xullo de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, e se particulariza para o exercicio 2003 o devandito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto.

A aplicación das disposicións da Orde do 17 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases e

condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura (Diario Oficial de Galicia nº 149, do 2 de agosto) -norma que articula o réxime de concesión das axudas do vixente programa operativo IFOP 2000-2006 destinadas a este importante sector do tecido productivo galego- e a experiencia derivada da tramitación dos expedientes administrativos xerados polas solicitudes de axuda presentadas nas sucesivas convocatorias vén motivando a oportunidade de realizar puntuais modificacións na redacción do texto da referida orde que, non supoñendo unha modificación do procedemento que desenvolve, contribúan a facer este máis áxil e eficiente.

Neste sentido, cómpre puntualiza-la redacción da alínea 3ª do artigo 14 para o efecto de que, dado o elevado número de solicitudes presentadas, poidan ser resoltas favorablemente e coa máxima axilidade só aquelas que reúnan á data de finalización do correspondente prazo anual de presentación de solicitudes a totalidade dos permisos necesarios para a execución dos correspondentes investimentos, o que permitirá evitar demoras innecesarias na resolución de solicitudes como consecuencia do seu supeditamento á resolución de procedementos de solicitude de permisos e licencias perante terceiros organismos.

Para facilita-la obtención dos devanditos permisos e licencias polos interesados cómpre en consecuencia amplia-lo prazo de presentación de solicitudes, que se fixa agora en trinta (30) días hábiles, modificándose tamén o artigo 15º da orde.

Finalmente, a devandita orde establece no seu artigo 4º que nos exercicios sucesivos da vixencia do actual Programa Operativo IFOP 2000-2006 as axudas outorgaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias que para esta mesma finalidade se determinen na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma do ano correspondente, e no seu artigo 15º o prazo de presentación de solicitudes contados a partir do seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria.

E polo que, rematado o procedemento de concesión de axudas para o exercicio 2002 ó abeiro da referida orde e aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2003, cómpre establece-las condicións particulares para a concesión destas axudas no vindeiro exercicio, ó abeiro do disposto no artigo 1º 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (Diario Oficial de Galicia nº 33, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (Diario Oficial de Galicia nº 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (Diario Oficial de Galicia nº 209, do 29 de outubro).

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícanse os artigos 14º, na súa alínea 3ª, e 15º da Orde do 17 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura (Diario Oficial de Galicia nº 149, do 2 de agosto), de xeito que quedan redactados como segue:

-Artigo 14º, alínea 3º:

«Acreditación de que o solicitante está en posesión das autorizacións necesarias para a realización dos investimentos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes da correspondente convocatoria».

-Artigo 15º:

«O prazo de presentación de solicitudes será de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ou da correspondente convocatoria».

Artigo 2º

Para o exercicio orzamentario 2003 as axudas ó abeiro da Orde do 17 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura (Diario Oficial de Galicia nº 149, do 2 de agosto) concederanse con cargo á aplicación 12.03.722A.770.0 que figura dotada no proxecto de orzamento de gastos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para 2003, e ata o importe máximo de 17.852.353,75 euros.

En todo caso e de conformidade co disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998 (Diario Oficial de Galicia nº 33, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (Diario Oficial de Galicia nº 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (Diario Oficial de Galicia nº 209, do 29 de outubro), o gasto que se proxecta queda condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2003 no momento da resolución.

Artigo 3º

De conformidade co disposto no seu artigo 15º, para a concesión de axudas ó abeiro da devandita Orde do 17 de xullo de 2000 con cargo ó exercicio orzamentario 2003 o prazo de presentación de soli-

citudes será de trinta (30) días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Única.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos