Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 30 de decembro de 2002 Páx. 17.999

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2002, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 366, que afecta o monte de Pando, do lugar de Pando, parroquia de Torea, concello de Muros.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2002, adoptou o seguinte acordo:

«Reunido o 26 de xuño de 2002 o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man

Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente, Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes, coa asistencia dos vocais, Josefa Fernández Fernández, xefa do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común, e da secretaria Ana María Díaz López, xefa do Servicio Xurídico da Delegación de Medio Ambiente da Coruña, para estudiar e resolve-lo

Expediente: 366.

Monte: de Pando.

Comunidade: Pando.

Parroquia: Torea.

Concello: Muros.

Antecedentes de feito

Primeiro.-Os veciños do lugar de Pando, parroquia de Torea, concello de Muros, solicitaron deste xurado, con data do 5-5-2000, a cualificación como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado, e que ten as seguintes características:

Superficie: 106 ha.

Lindeiros:

Procede do monte Calvos e outros, nº 110 do C.U.P.

Norte: co monte do lugar de Riomao, do piquete 241 do deslindamento do monte Calvos e outros, ata o Coto Frei Mariño, próximo ó piquete 257, deste ó Coto Ventureira, entre os piquetes 36 e 37, e de aquí segue a orde de piquetes ata o piquete 45. Leste: co Rego de San Lourenzo, do piquete 45 ó 50 seguindo a orde de piquetes. Co monte de Bornalle, O Vilar, Priegue e Pazos, desde un punto próximo ó piquete 50, seguindo aproximadamente unha liña recta en dirección sur, pasando pola Laxe da Pendente; de aquí vai á Casa Cabalar ou Outeiros Cabalares, próxima á Fonte Insuela, e segue ata un punto na liña do deslindamento, próximo ó piquete 73. Sur: propiedades particulares de veciños de Pando, do punto próximo ó piquete 73, ata o 74, e deste ó 123, seguindo a orde de piquetes. Oeste: propiedades particulares de veciños de Pando, do piquete 123 ó 241, seguindo a orde de piquetes.

Segundo.-Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 10-5-2001, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeándose como instructor a Juan Ramón Beneyto Bellas, que aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Muros, oídas tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do Concello de Muros, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose

edictos no DOG (nº 173, do 6-9-2001), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

Terceiro.-Os veciños de Pando fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común en que veñen aproveitando en réxime de comunidade e sen asignación de cotas, os montes do dito lugar. Para tal efecto presentan acta de manifestacións ante notario de varios veciños de avanzada idade.

Cuarto.-Ante este expediente formularon alegación os veciños de Bornalle, O Vilar, Priegue e O Pazo, na parroquia de Abelleira. Reclaman a pertenza de parte do monte, fundamentando o seu recurso nos límites históricos da parroquia de Abelleira, achegando copia da transcrición do interrogatorio do 31-10-1687, seguido por Domingo Lestón y Caamaño, xuíz real e da extinguida xurisdicción da Serra, para apear e deslinda-los termos parroquiais, así como certificación dun documento subscrito por Pelayo Ventura de Moledo, rector da freguesía de Santo Estevo de Abelleira e anexo San Xián de Torea, cunha relación do ano 30-4-1979 na que figura a capela de San Lourenzo, encravada no monte en cuestión.

Quinto.-Como consecuencia das contradiccións entre as manifestacións realizadas por ámbalas partes durante o trámite de audiencia, o xurado solicitou informe do Concello de Muros en relación cos límites entre comunidades, e outro do Servicio de Montes sobre as posibles reclamacións existentes no expediente de deslindamento. Á dita petición non houbo resposta do concello, mentres que por parte do Servicio de Montes compareceu Inhacio López da Osa, enxeñeiro encargado da sección de montes veciñais, que informou verbalmente o xurado, achegando copia das actas de apeo, relación das alegacións presentadas polos veciños, entre as que figura unha transcrición da carta foral do monte de Pando, e a resolución do deslindamento do monte Calvos e outros. Tales documentos incorporáronse ó expediente.

Sexto.-No mesmo trámite de audiencia de 29-5-2002, os veciños de Pando recoñeceron que unha parte do monte en cuestión é da pertenza dos veciños de Bornalle e outros, e presentaron bosquexo que se incorporou ó expediente.

Sétimo.-Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo, e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expedien

te, en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Seguno.-De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños do lugar de Pando son parte lexítima para solicita-la iniciación deste expediente de cualificación.

Terceiro.-Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Que aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

Cuarto.-Das actuacións que constan no expediente e, en especial, da comprobación do expresado no punto anterior, o xurado considera acreditada a natureza veciñal en man común do monte, atribuíndo a súa pertenza ó lugar de Pando, na parroquia de Torea, conforme os antecedentes que figuran no catálogo de utilidade pública xa desde o ano 1901, e ratificados no posterior expediente de deslindamento de 1968, no que os veciños de Pando comparecen no acto do apeo e presentan abundantes reclamacións, achegando incluso transcrición da carta foral do dito lugar. Do mesmo modo, os aproveitamentos no monte víñanos realizando os veciños de Pando, de acordo co informe do Servicio de Montes que consta no expediente.

Quinto.-Non se acepta a alegación dos veciños de Bornalle e outros, posto que nos documentos relativos ós límites históricos parroquiais non hai referencias directas nin á pertenza nin ós aproveitamentos de tal comunidade. Tampouco hai intervención de veciños da parroquia de Abelleira no expediente de deslindamento do monte Calvos e outros.

Sexto.-Modifícanse as características do monte de Pando recollidas no antecedente primeiro, conforme o recoñecemento que teñen feito da pertenza de parte do monte Calvos e outros.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta do instructor,

Acorda cualificar como veciñal en man común o monte de Pando, de pertenza do lugar de Pando, parroquia de Torea, concello de Muros, coas características que figuran no antecedente primeiro desta resolución. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivese inscrito, e

incluílo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Medio Ambiente da Coruña.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da coruña no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 12 de xullo de 2002.

Ana María Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común da Coruña