Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 27 de decembro de 2002 Páx. 17.830

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 20 de decembro 2002 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración da Xunta de Galicia (grupo A), escala de sistemas e tecnoloxía da información.

De conformidade co establecido no Decreto 255/2002, do 30 de xullo, polo que se modifica a oferta de emprego público no sentido de ampliar diversas prazas de corpos, escalas e categorías da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, aprobada polo Decreto 200/2002, do 6 de xuño, esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, segundo a redacción que lle deu a Lei 3/1995, do 10 de abril, (DOG nº 76, do 20 de abril).

DISPÓN:

Convocar proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración da Xunta de Galicia, grupo A, escala de sistemas e tecnoloxía da información, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será a cobertura dunha (1) praza do corpo superior de Administración da Xunta de Galicia, grupo A, escala de sistemas e tecnoloxía da información, polo sistema de acceso libre, polo procedemento de concurso-oposición.

I.1.1. De conformidade coa disposición adicional sétima da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e co Decreto 200/2002, do 6 de xuño, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas prazas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, por non acada-las porcentaxes mínimas esixidas non se reservará ningunha praza para ser cuberta por persoas con minusvalidez co grado de discapacidade igual ou superior ó 33%.

I.1.2. A este proceso selectivo seralle aplicable a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada polas leis 4/1991, do 8 de marzo, e 3/1995, do 10 de abril, a Lei 30/1984, do 2 de agosto, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo, o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de

Galicia, a Lei 17/1993, do 23 de decembro, de acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos estados membros da Unión Europea, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos dos candidatos.

I.2.1. Para seren admitidos á realización do proceso selectivo, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

I.2.1.1. Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea, ou nacional daqueles estados nos que, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

Tamén poderá participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe dos españois e dos nacionais de países membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da dita idade, que vivan ás súas expensas.

Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados cando así se prevexa nos tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España.

I.2.1.2. Ter cumpridos os dezaoito anos e non ter acadada a idade de xubilación.

I.2.1.3. Estar en posesión ou en condicións de obte-lo título de licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán estar en posesión do documento que acredite fidedignamente a súa homologación.

I.2.1.4. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.1.5. Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin atoparse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

I.2.1.6. Os aspirantes que non posúan nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

I.2.1.7. Ter aboados os dereitos de exame, se é o caso.

I.2.1.8. Para persoas con minusvalidez, estar en posesión do documento xustificativo da discapacidade igual ou superior ó 33%, conforme a normativa vixente.

I.2.2. Tódolos requisitos enumerados con anterioridade deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, e terán que se manter ata a toma de posesión como funcionarios.

I.3. Solicitudes.

I.3.1. Os que desexen tomar parte no proceso selectivo deberán facelo constar mediante instancia que se axustará ó modelo que se publica como anexo I desta convocatoria. Para o cumprimento deste requi

sito poderase utilizar unha fotocopia do documento correspondente que como anexo I forma parte desta convocatoria.

Á instancia xuntarase fotocopia do documento nacional de identidade, e xustificante de ter aboados os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente, así como, se é o caso, a copia cotexada da cualificación de minusvalidez, para os efectos da exención prevista no parágrafo quinto desta base.

Xunto coa instancia presentarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade.

b) Xustificante de ter aboados os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente ou, se é o caso, a copia cotexada da cualificación de minusvalidez, para os efectos da exención prevista no parágrafo quinto desta base.

c) Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar unha fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional de outro Estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán xunta-la declaración xurada ou promesa deste de que non está separado de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que o aspirante vive ás súas expensas ou está ó seu cargo.

Para os efectos de información, o teléfono de contacto é o 902 12 00 12 das 9 ás 19 horas de luns a venres, e das 9 ás 14 horas os sábados.

Por imperativo legal, de conformidade co disposto no artigo 31, punto 3º, da Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, que modifica o punto 3º do artigo 18 do Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar no proceso selectivo deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe de 47,54 euros e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, utilizando para isto o impreso de autoliquidación sinalado no anexo II. O dito impreso seralles facilitado ós interesados no rexistro xeral da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, nos das súa delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia. Non obstante o anterior, para o

cumprimento deste requisito poderase utilizar unha fotocopia do documento correspondente que como anexo II forma parte desta convocatoria.

Estarán exentos do pagamento das taxas por dereitos de inscrición os que posúan unha discapacidade igual ou superior ó 33%, circunstancia que deberá ser acreditada documentalmente xunto coa instancia, presentando copia cotexada da cualificación da minusvalidez.

A presentación do xustificante do ingreso das taxas, no que non figure o selo da entidade bancaria con indicación da data, determinará a exclusión do

aspirante. En ningún caso a presentación do xustificante do ingreso de taxas suporá a substitución da presentación, en tempo e forma, da solicitude.

O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolveráselles, logo dos trámites correspondentes, ós aspirantes excluídos que o soliciten no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación no DOG da resolución definitiva da Dirección Xeral da Función Pública á que fai referencia o punto terceiro da base I.4.2.

I.3.2. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no das súas delegacións provinciais, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte (20) días naturais a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG, e dirixiranse á directora xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse, no prazo expresado no parágrafo anterior, a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes, que as remitirán seguidamente ó organismo competente.

I.3.3. Os aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ó 33%, ó que se refire a base I.1.1., deberán indicalo expresamente na solicitude, especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecida polo órgano competente. Así mesmo, deberán solicita-las posibles adaptacións de medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo iso conforme o contido na Lei 13/1982, do 7 de abril, e no Decreto 200/2002, do 6 de xuño, polo que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2002, que en ningún caso desvirtuarán o contido das probas de valoración de aptitude dos aspirantes.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Expirado o prazo de presentación de instancias, a directora xeral da Función Pública dictará resolución de conformidade co establecido no artigo 12 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que se publicará no DOG, así como oportunamente nos lugares determinados pola normativa vixente e na que se declarará aprobada a lista de admitidos e excluídos, así como as causas da súa exclusión e a indicación do lugar no que se atopan expostas as listas de admitidos. Na lista deberán constar, en todo caso, os apelidos, nome e número do documento nacional de identidade.

I.4.2. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivase a exclusión.

Para tal efecto, a estimación ou desestimación das ditas peticións de emenda entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a listaxe definitiva.

Unha vez transcorrido o dito prazo, a Dirección Xeral da Función Pública dictará resolución definitiva, contra a que se poderá interpoñer recurso postestativo de reposición perante esta consellería no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1º do mesmo texto legal.

O feito de figurar na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos no procedemento que se convoca. Cando da documentación que se debe presentar no caso de supera-lo proceso selectivo se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os interesados decaerán en tódolos dereitos que se puidesen derivar da súa participación no procedemento.

II. Concurso-oposición.

O procedemento de selección será o de concurso-oposición.

II.1. Fase de concurso:

Valoración de méritos:

II.1.1. Ós aspirantes que desempeñen ou desempeñasen postos de traballo na Administración xeral da Xunta de Galicia, en réxime de persoal interino ou contratado administrativo, que deban ser desempeñados por funcionarios do corpo superior da Adminsitración da Xunta de Galicia, grupo A, escala de sistemas e tecnoloxía da información, valoraránselle-los os servicios prestados en tal Administración, a razón de 0,25 puntos por mes de servicios prestados ou fracción.

II.1.2. Ós aspirantes contratados en réxime laboral que realicen ou realizasen nesta Administración funcións propias do corpo superior de Administración da Xunta de Galicia (grupo A), escala de sistemas e tecnoloxía da información, valoraránselle-los servicios prestados correspondentes ó grupo I do convenio colectivo único da Xunta de Galicia, a razón de 0,25 puntos por mes ou fracción.

II.1.3. Ó persoal que teña prestado servicios noutras administracións públicas, no grupo A, en escala análoga á desta convocatoria con carácter de persoal funcionario ou interino ou persoal laboral do grupo I en funcións propias da citada escala, valoraránselle estes a razón de 0,25 puntos por mes ou fracción.

II.1.4. A suma das distintas puntuacións que se poidan adxudicar conforme o previsto nas bases II.1.1., II.1.2. e II.1.3. en ningún caso poderá exceder de 30 puntos conxuntamente.

II.1.5. Ós aspirantes que xa accedesen á condición de funcionario da Xunta de Galicia, ós que se lles computaron os servicios a que fan referencia os puntos II.1.1., II.1.2. e II.1.3. para o seu ingreso na función pública, non se lles valorarán estes nesta convocatoria.

II.1.6. Os méritos enumerados na base II.1 deberanse referir á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Os méritos, requisitos e datos imprescindibles deberán ser acreditados mediante certificado, que se achegará coa instancia que se presente, segundo o modelo que figura como anexo III a esta orde, debendo xuntarlle á dita certificación, o funcionario competente que certifique, as fotocopias da documentación correspondente ás distintas situacións e méritos que se invoquen, que formarán parte integrante da certificación e que se presentarán cotexadas fidedignamente, debendo numerarse de acordo co indicado modelo, e significando que non se terán en conta as certificacións que non se axusten ó establecido anteriormente.

As certificacións deberán ser expedidas polas unidades seguintes de acordo co destino definitivo de cada aspirante:

-Servicios centrais:

-Secretario xeral, subdirector xeral ou xefes do servicio que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral da consellería respectiva ou dos seus organismos autónomos.

-Servicios periféricos:

-Secretarios ou, se é o caso, funcionario responsable da área de Persoal das delegacións/direccións territoriais, provinciais ou comarcais da consellería respectiva, ou dos seus organismos autónomos.

II.1.7. Rematada a fase de oposición e respecto dos aspirantes que superaron a dita fase, o tribunal procederá á baremación desta fase de concurso e publicarase no Diario Oficial de Galicia, con indicación da puntuación obtida por cada aspirante. Contra a baremación, os aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación perante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia da dita baremación.

Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, se é o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal procedrá á súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Unha vez publicada a relación definitiva anteriormente indicada, o tribunal publicará a proposta co aspirante que superase o proceso selectivo, unha vez sumadas a fase de concurso e a de oposición.

II.2. Fase de oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas será o publicado no DOG nº 165, do 27 de agosto de 2001, aprobado pola orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 26 de xullo de 2001.

II.2.1. Exercicios:

A fase de oposición constará dos seguintes exercicios eliminatorios:

Primeiro exercicio: consistirá na realización dunha proba na que se deberá resolver por escrito un cuestionario de 150 preguntas tipo test, máis tres (3) de reserva, con catro (4) respostas alternativas, propostas polo tribunal, que será o resultante do sorteo de entre dous cuestionarios elaborados previamente por el e relacionado coas materias que figuran no anexo da Orde do 26 xullo de 2001.

Este exercicio ten por finalidade medi-la amplitude e profundidade dos coñecementos dos aspirantes sobre as materias do temario, polo que incluirá tanto preguntas de coñecementos como preguntas conceptuais que esixan a asociación de elementos de coñecemento diferentes. O tempo máximo de duración será de dúas horas e media.

Cada opositor poderá obter copia do exercicio realizado ó remate del.

No prazo das vintecatro horas seguintes ó da realización farase pública, no lugar de realización do exercicio, o modelo do test indicando as respostas correctas.

Este exercicio cualificarase de cero (0) a trinta (30) puntos, sendo necesario para superalo obter un mínimo de quince (15) puntos. Para iso, terase en conta que por cada tres respostas incorrectas se descontará unha correcta.

Corresponderalle ó tribunal determina-lo número de respostas correctas esixido para acada-la puntuación mínima.

As puntuacións publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, dándose o prazo de dez (10) días para efectos de reclamacións.

Este exercicio terá lugar no prazo máximo de corenta (40) días desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

Segundo exercicio: consistirá nunha proba de coñecementos do idioma inglés. O obxectivo desta proba é determina-la amplitude dos coñecementos do aspirante e a súa capacidade de comprensión e expresión en lingua inglesa.

Consistirá nunha traducción directa, por escrito, en galego, dun texto técnico en inglés, nun tempo máximo dunha hora. Non se poderá utilizar diccionario.

O texto técnico en inglés utilizado polo tribunal referirase a sistemas e tecnoloxías da información e as comunicacións. Para a verificación deste exercicio o tribunal poderá ser asistido por asesores especialistas designados por el.

Este exercicio cualificarase de cero (0) a vinte (20), e será necesario para superalo obter un mínimo de dez (10) puntos; correspóndelle ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixidos para acada-la puntuación mínima.

As puntuacións publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, e darase o prazo de dez (10) días para efectos de reclamacións.

O exercicio terá lugar nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días.

Terceiro exercicio: consistirá na redacción por escrito, durante un tempo máximo de tres horas, de dous temas, a elixir polo opositor, entre tres, extraídos ó chou do temario que figura no anexo da Orde do 26 de xullo de 2001.

Posteriormente, serán convocados oportunamente polo tribunal para proceder á súa lectura pública que se levará a cabo polo seu autor. Este exercicio será lido ante o tribunal, e poderá este face-las pre

guntas que xulgue convenientes durante un período máximo de quince minutos.

O tribunal poderá dispoñer de copias fotoestáticas dos exercicios para cotexa-la lectura efectuada polo aspirante.

Neste exercicio valorarase non só o nivel de coñecementos do candidato senón tamén a capacidade de expresión escrita e oral, así como a capacidade de sistematiza-los temas.

Este exercicio cualificarase de cero (0) a vinte (20) puntos, e será necesario para superalo obter un mínimo de dez (10) puntos, corresponderalle ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixidos para acada-la puntuación mínima.

As puntuacións publicaranse diariamente unha vez rematada a lectura dos exercicios correspondentes.

Os aspirantes terán o prazo de dez (10) días, para efectos de reclamacións, desde a publicación da última das notas correspondentes a este exercicio.

O exercicio terá lugar nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días.

Cuarto exercicio: consistirá na resolución por escrito, durante un período máximo de cinco horas, dun suposto práctico, que se elixirá entre distintas opcións tecnolóxicas propostas polo tribunal, correspondentes a diferentes dominios do coñecemento no campo dos sistemas e tecnoloxías da información e as comunicacións, relacionadas coas materias que figuran na parte específica.

Neste exercicio o tribunal valorará a calidade técnica da solución proposta, a sistemática, a capacidade de análise e a capacidade de expresión escrita do aspirante, así como os seus coñecementos sobre o programa.

Este exercicio cualificarase de cero (0) a cincuenta (50) puntos, e será necesario para superalo obter un mínimo de vintecinco (25) puntos; correspóndelle ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixidos para acada-la puntuación mínima.

As puntuacións publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, e darase o prazo de dez (10) días para efectos de reclamacións.

O exercicio terá lugar nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días.

II.2.2. Os aspirantes deberanse presentar para a realización de cada exercicio provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ó xuízo do tribunal. Así mesmo, deberanse presentar provistos do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización do exercicio tipo test.

II.2.3. Os exercicios terán lugar a porta pechada sen outra asistencia que a dos opositores, membros do tribunal e os colaboradores designados por este, agás a exposición do terceiro exercicio, que se realizará en sesión pública.

II.2.4. Desenvolvemento dos exercicios:

II.2.4.1. Os exercicios deberanse desenvolver en galego ou castelán, agás o segundo exercicio, que se deberá desenvolver obrigatoriamente en galego.

II.2.4.2. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra S, de conformidade co establecido na resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 27 de febreiro de 2002, polo que se publica o resultado do sorteo realizado o 26 de febreiro de 2002, ó tratarse dunha convocatoria correspondente ó ano 2002.

II.2.4.3. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal correspondente coa finalidade de acredita-la súa personalidade.

II.2.4.4. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo excluído da oposición quen non compareza.

A publicación dos sucesivos anuncios de realización do segundo e restantes exercicios será efectuada polo tribunal nos locais onde teñan lugar, e por calquera outro medio, se se xulga conveniente, para facilita-la súa máxima divulgación, con corenta e oito horas, polo menos, de antelación á sinalada para o seu inicio. Cando se trate de distintas fases do mesmo exercicio, o anuncio será publicado nos locais onde teña lugar, e nalgún outro medio se se xulga conveniente con doce horas, polo menos, de antelación.

II.2.4.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún aspirante non cumpre algún dos requisitos esixidos pola convocatoria, logo da audiencia do interesado, deberá acorda-la súa exclusión, se procede.

Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que os interesados poidan presentar nos dous días hábiles seguintes ó da realización do exercicio, anulase algunha ou algunhas das preguntas incluídas nun exercicio, anunciarao publicamente no Diario Oficial de Galicia.

Contra tal acordo poderase interpoñer recurso de alzada conforme o previsto no artigo 114 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

II.3. A orde de prelación dos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa suma da puntuación obtida na fase de concurso e na da oposición, e non poderá supera-lo proceso selectivo un número superior ó de prazas convocadas.

III. Tribunais.

III.1. Os tribunais cualificadores do proceso serán designados por orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 7 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

III.2. Ademais dos tribunais que se designen na orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, poderán nomearse máis tribunais para xulga-lo proceso, por proposta do tribunal número 1, cando polo número de aspirantes isto fose necesario.

A autoridade convocante publicará no DOG resolución pola que se nomeen os novos tribunais, se é o caso.

III.3. Os membros dos tribunais deberanse abster de intervir, notificándoo á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou realizasen tarefas de preparación de aspirantes a procesos selectivos nos cinco anos anteriores á publicación da convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se atopar incursos nas circunstancias previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias previstas nesta base.

III.4. A autoridade convocante publicará no DOG resolución pola que se nomeen os novos membros do tribunal, que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base III.3.

III.5. Logo da convocatoria do presidente do tribunal número 1, constituiranse os tribunais en sesión conxunta. Tal constitución entenderase válida con que asistan a ela a maioría dos membros de cada tribunal.

A realización da sesión de constitución terá lugar no prazo máximo de quice días a partir da publicación dos tribunais, e mínimo de dez días antes da realización do primeiro exercicio.

Na dita sesión os tribunais, baixo a dirección e coordinación do tribunal número 1, adoptarán tódalas decisións que lles correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

Especialmente cando as circunstancias así o aconsellen, os tribunais poderán acordar que a realización de calquera dos exercicios da fase de oposición se realice simultaneamente en varias localidades. No dito caso, os aspirantes serán convocados para a realización do mencionado exercicio na localidade correspondente.

III.6. A partir da sesión de constitución, cada tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría dos seus membros, titulares ou suplentes.

III.7. O procedemento de actuación dos tribunais axustarase en todo momento ó disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

III.8. A cada tribunal corresponderalle xulgar un número determinado de aspirantes, que estarán comprendidos entre as letras do abecedario correspondentes ós apelidos dos opositores que se lles asignasen.

III.9. Corresponderalle ó tribunal nomeado co número un:

-Cursar de orde do seu presidente citación ó resto dos tribunais para se constituíren nun acto conxunto.

-Mediante anuncio público no DOG e demais anuncios correspondentes fixarase o lugar, a data e a hora de realización do primeiro exercicio.

-Recibi-los expedientes dos demais tribunais relativos ó transcurso das probas e respectivas propostas, e eleva-la proposta definitiva de aprobados.

III.10. Co obxecto de acada-la necesaria coordinación entre os tribunais cualificadores, todos actuarán conxuntamente baixo a dirección do número 1, que resolverá cantas consultas, interpretacións e criterios de valoración e de unificación poidan ser presentados e solicitados polos restantes tribunais sobre as normas da convocatoria.

Os tribunais cualificadores actuarán coordinadamente procurando a maior uniformidade nos criterios valorativos dos exercicios, sen prexuízo de que funcionarán con autonomía no que se refire á selección dos aspirantes, formulando as súas propias propostas.

III.11. Por cada sesión do tribunal levantarase acta que, lida ó principio da sesión seguinte, e feitas, se é o caso, as rectificacións que procedan, se autorizará coa sinatura do secretario e o visto e prace do presidente.

III.12. Cada tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que considere pertinente, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores deberáselle comunicar á directora xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

III.13. Os tribunais cualificadores adoptarán as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que os aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios que os restantes participantes. Neste sentido estableceranse, para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3.3., as adaptacións posibles en medios para a súa realización.

Se na súa realización se lle suscitasen dúbidas ó tribunal respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos funcionarios do corpo ó que opta, poderá solicita-lo correspondente dictame do órgano competente.

III.14. O presidente de cada tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios da fase de oposición que se realicen en forma escrita sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, utilizando para iso os impresos adecuados.

Os tribunais excluirán aqueles candidatos con exercicios nos que figuren marcas ou signos que permitan coñece-la identidade do opositor.

III.15. Os tribunais que actúen no proceso selectivo terán a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

O número máximo de sesións de cada un dos tribunais será fixado por resolución da Dirección Xeral da Función Pública; poderá só ser ampliado o número delas, con base en causa xustificada, pola dita dirección xeral.

III.16. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes que o de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Rematado o proceso selectivo e no suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, este resolverase pola puntuación obtida no cuarto exercicio e, se iso non fose suficiente, pola puntuación obtida no exercicio terceiro, primeiro e segundo, por esta orde. De persisti-lo empate resolverase pola orde alfabética á que se refire a base II.2.4.2.

Cada tribunal resolverá os empates que se produzan relativos ós aspirantes que lles correspondan. No caso de que, unha vez elevadas as distintas propostas ó tribunal número 1, se produzan novos empates, estes serán resoltos polo dito tribunal, de acordo cos criterios expresados no parágrafo anterior.

III.17. As comunicacións que formulen os aspirantes ós tribunais dirixiranse á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública (edificio administrativo San Caetano. Santiago de Compostela).

IV. Lista de aprobados.

Rematado o proceso selectivo, os tribunais farán públicas no DOG, no lugar ou lugares de realización do último exercicio e naqueloutros que coiden oportunos, as relacións dos aspirantes que superaron o proceso selectivo, por orde de puntuación acadada, con indicación do seu documento nacional de identidade.

O presidente do tribunal número 1 enviaralle proposta de lista de aprobados á directora xeral da Función Pública, especificando, igualmente, o número de aprobados en cada un dos exercicios.

V. Presentación de documentación e nomeamento de funcionarios.

V.1. Por orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública elevarase a definitiva a proposta dos tribunais do aspirante que superou o proceso selectivo, publicándose no DOG, e a partir da dita publicación computarase o prazo de vinte días naturais para que o citado aspirante presente na Dirección Xeral da Función Pública os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada polo órgano competente (servicios de persoal, se é o caso rexistros xerais ou fedatarios públicos) do título esixido na base I.2, ou certificación académica que acredite ter realizados tódolos estudios para a obtención do título ou, se é o caso, documento que acredite fidedignamente a posesión do correspondente título académico.

b) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin atoparse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estar sometidos a sanción disci

plinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública, segundo o modelo que figura como anexo IV a esta convocatoria.

c) Certificado médico oficial no que se acrediten os extremos sinalados na base I.2.1.4.

V.2. Os que dentro do prazo fixado, salvo os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2., non poderán ser nomeados funcionarios e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

V.3. Rematado o proceso selectivo, e unha vez cumpridos os requisitos esixidos con anterioridade, o que o superou será nomeado funcionario de carreira mediante orde do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que se publicará no DOG, na que se indicará o destino adxudicado de acordo coa puntuación obtida no proceso selectivo; non poderá supera-lo proceso selectivo un número superior ó de prazas convocadas.

V.4. Como consecuencia de falecemento ou renuncia dalgún dos aspirantes que, tendo superado o proceso selectivo, fosen propostos polo tribunal para o seu nomeamento, o tribunal poderá nomea-lo seguinte aspirante nas mesmas circunstancias que o anterior e no seu lugar, atendendo á orde de prelación de notas.

V.5. A adxudicación das prazas ós aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base II.3.

V.6. A toma de posesión do aspirante aprobado será efectuada no prazo dun mes, contado a partir da data de publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade coas disposicións previstas na Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada polas leis 4/1991, do 8 de marzo, e 3/1995, do 10 de abril, e demais normas concordantes.

VI. Publicación.

As listas de admitidos e excluídos, así como as notas dos exercicios correspondentes ós procesos selectivos publicaranse, ademais dos lugares determinados pola normativa vixente, a través da Internet no seguinte enderezo http.//www.xunta.es/notasop/notas.jsp.

VII. Disposición derradeira.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase impugnar directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo o artigo 8.2º en conexión co artigo 10.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

ANEXO IV

Don/a..., con domicilio en... e con DNI/pasaporte..., declara baixo xuramento ou promete, para efectos de ser nomeado/a funcionario/a do corpo superior de Administración da Xunta de Galicia, grupo A, escala de sistemas e tecnoloxía da información, que non está sometido a sanción disciplinaria ou condena no Estado de..., que me impida o acceso á función pública.

En (país e localidade)... de... de 200..

INSTRUCCIÓNS PARA O/A INTERESADO/A

PARA CUBRI-LO ANEXO I:

* Instruccións xerais:

-Escriba soamente á máquina ou con bolígrafo sobre superficie dura, empregando maiúsculas de tipo imprenta.

-Asegúrese de que os datos resultan claramente lexibles en tódolos exemplares.

-Evite dobra-lo papel e realizar correccións, emendas ou riscadas.

-Non escriba nos espacios sombreados ou reservados.

-Non esqueza asina-lo impreso.

-Non esqueza achega-lo impreso de autoliquidación de taxas debidamente cuberto e selado pola entidade bancaria.

-Non esqueza xuntar fotocopia do seu DNI ou documentación acreditativa segundo a base 1.3.1 da convocatoria.

-Non esqueza xuntar copia cotexada da cualificación da minusvalidez, se é o caso.

* Instruccións particulares:

1. Corpo. Consigne o texto e código correspondente, segundo a táboa seguinte:

01. Grupo A. Corpo superior de Administración, escala de sistemas e tecnoloxía da información.

02. Grupo B. Corpo de xestión de Administración, escala de xestión de sistemas de informática.

03. Grupo C. Corpo administrativo, escala técnica auxiliar de informática.

2. Grupo. Sinale a letra do grupo correspondente.