Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 27 de decembro de 2002 Páx. 17.809

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 20 de decembro de 2002 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo administrativo da Xunta de Galicia (grupo C), escala técnica auxiliar de informática.

De conformidade co establecido no Decreto 255/2002, do 30 de xullo, polo que se modifica a oferta de emprego público no sentido de ampliar diversas prazas de corpos, escalas e categorías da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, aprobaba polo Decreto 200/2002, do 6 de xuño, esta consellería no uso das competencias que lle atribúe a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, segundo a redacción que lle deu a Lei 3/1995, do 10 de abril, (DOG nº 76, do 20 de abril),

DISPÓN:

Convocar proceso selectivo para o ingreso no corpo administrativo da Xunta de Galicia, grupo C, escala técnica auxiliar de informática (acceso libre e promoción interna), con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será a cobertura de cincuenta e tres (53) prazas do corpo administrativo da Xunta de Galicia, escala técnica auxiliar de informática, polos sistemas de promoción interna e de acceso libre, polo procedemento de concurso-oposición.

I.1.1. O número total de vacantes reservadas ó sistema de promoción interna ascenderá a dezanove (19) prazas, que corresponde ó 35 % do total das vacantes.

O número total de vacantes reservadas ó sistema de acceso libre ascenderá a trinta e catro (34) prazas.

As prazas sen cubrir das reservadas ó sistema de promoción interna acumularanse ó sistema de acceso libre.

I.1.2. De conformidade coa disposición adicional sétima da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e co Decreto 200/2002, do 6 de xuño, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas prazas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, do total de prazas do sistema de acceso libre reservaranse dúas (2) para seren cubertas por persoas con minusvalidez cun grao de discapacidade igual ou superior ó 33%.

Os aspirantes con minusvalideces cun grado de discapacidade igual ou superior ó 33% deberán acreditar tal condición xunto coa solicitude, xuntando, así mesmo, certificación de compatiblidade coas funcións propias do corpo emitida polos órganos competentes da Consellería de Asuntos Sociais ou, se é o caso, da Administración correspondente.

No suposto de que estas prazas non sexan cubertas, excluiranse da dita cota de reserva e pasarán a integrarse ás restantes prazas correspondentes ó sistema de acceso libre.

I.1.3. Os aspirantes só poderán participar nun dos sistemas citados. Se da instancia que se presente non se deduce a súa opción, serán excluídos nas listas provisionais que se publiquen. De non emendaren o defecto na solicitude, quedarán definitivamente excluídos. Polo tanto, trala publicación da lista definitiva de admitidos e excluídos, non se permitirá ningún cambio de quenda posterior ou calquera outro tipo de corrección ou aclaración ó respecto.

I.1.4. Ó presente proceso selectivo seralle aplicable a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada polas leis 4/1991, do 8 de marzo, e 3/1995, do 10 de abril, a Lei 30/1984, do 2 de agosto, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo; o regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 17/1993, do 23 de decembro, de acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos estados membros da Unión Europea, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos dos candidatos.

I.2.1. Para seren admitidos á realización do proceso selectivo os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

I.2.2. Para promoción interna:

I.2.2.1. Estar en posesión ou en condicións de obte-lo título de bacharelato superior, formación profesional de segundo grao ou equivalente.

I.2.2.2. Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

I.2.2.3. Os aspirantes deberán ser funcionarios da Administración da Xunta de Galicia e pertencer o día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia a algún dos corpos ou escalas integrados no grupo D (corpo auxiliar ou corpo de auxiliares técnicos da Administración da Xunta de Galicia) de acordo co disposto no Decreto 91/1991, do 20 de marzo, de integración dos funcionarios na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, ter unha antigüidade de, polo menos, dous anos no corpo ou escala de orixe e posuí-la titulación requirida para o acceso ó corpo.

I.2.2.4. Ter aboado os dereitos de exame, se é o caso.

I.2.3. Para acceso libre:

I.2.3.1. Ser español, ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados nos que, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

Tamén poderá participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais de países membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da dita idade, que vivan ás súas expensas.

Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados cando así se prevexa nos tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España.

I.2.3.2. Ter cumprido os dezaoito anos e non ter acadado a idade de xubilación.

I.2.3.3. Estar en posesión ou en condicións de obte-lo título de bacharelato superior, formación profesional de segundo grao ou equivalente.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá estarse en posesión do documento que acredite de maneira que faga fe a súa homologación.

I.2.3.4. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.3.5. Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

I.2.3.6. Os aspirantes que non posúan nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

I.2.3.7. Ter aboado os dereitos de exame, se é o caso.

I.2.3.8. Para persoas con minusvalidez, estar en posesión do documento xustificativo da discapacidade igual ou superior ó 33%, conforme a normativa vixente e, así mesmo, do certificado a que fai referencia a base I.1.2.

I.2.4. Tódolos requisitos enumerados na base I.2.2. e I.2.3. deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e terán que manterse ata a toma de posesión como funcionarios.

I.3. Solicitudes.

I.3.1. Os que desexen tomar parte no proceso selectivo deberán facelo constar mediante instancia que se axustará ó modelo que se publica como anexo I desta convocatoria. Para o cumprimento deste requisito poderase utilizar unha fotocopia do documento correspondente que, como anexo I forma parte desta convocatoria.

Á instancia xuntarase fotocopia do documento nacional de identidade, e xustificante de ter aboado os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente, así como, se é o caso, a copia cotexada da cualificación de minusvalidez, para os efectos da exención prevista no parágrafo quinto desta base e do disposto nas bases I.1.2 e I.2.3.8

Xunto coa instancia presentarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade.

b) Xustificante de ter aboado os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente ou, se é o caso, a copia cotexada da cualificación de minusvalidez, para os efectos da exención prevista no parágrafo quinto desta base e do disposto nas bases I.1.2 e I.2.3.8.

c) Así mesmo, os aspirantes con minusvalideces cun grado de discapacidade igual ou superior ó 33% deberán presentar xunto coa solicitude certificación de compatibilidade coas funcións propias do corpo emitida polos órganos competentes da Consellería de Asuntos Sociais ou, se é o caso, da Administración correspondente, para acreditaren que reúnen o requisito de aptitude para o desempeño das correspondentes funcións.

d) Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar unha fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de viviren as expensas ou estaren a cargo do nacional de outro Estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán xunta-la declaración xurada ou promesa de que non están separados de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que o aspirante vive ás expensas ou está ó seu cargo.

Para os efectos de información, o teléfono de contacto é o 902 12 00 12 en horario de 9 a 19 horas de luns a venres e de 9 a 14 horas os sábados.

Por imperativo legal, de conformidade co disposto no artigo 31 punto 3º da Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, que modifica o punto 3º do artigo 18 do Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, pola que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar no proceso selectivo deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe de 35,62 euros e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, utilizando para isto o impreso de autoliquidación sinalado no anexo II. O dito impreso será facilitado ós interesados no rexistro xeral da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, nos das súa delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia. Non obstante o anterior, para o

cumprimento deste requisito poderase utilizar unha fotocopia do documento correspondente que como anexo II forma parte desta convocatoria.

Estarán exentos do pagamento das taxas por dereitos de inscrición os que posúan unha discapacidade igual ou superior ó 33%, circunstancia que deberá ser acreditada documentalmente xunto coa instancia, presentando copia cotexada da cualificación da minusvalidez.

A presentación do xustificante do ingreso das taxas no que non figure o selo da entidade bancaria con indicación da data determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso a presentación do xustificante do ingreso de taxas suporá a substitución da presentación, en tempo e forma, da solicitude.

O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolverase, logo dos trámites correspondentes, ós aspirantes excluídos que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación no DOG da resolución definitiva da Dirección Xeral

da Función Pública á que fai referencia o punto terceiro da base I.4.2.

I.3.2. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no das súas delegacións provinciais, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte días naturais a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG, e dirixiranse á directora xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse, no prazo expresado no parágrafo anterior, a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes, que as remitirán seguidamente ó organismo competente.

I.3.3. Os aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ó 33% ó que se refire a base I.1.2 deberán indicalo expresamente na solicitude especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecida polo órgano competente. Así mesmo, deberán solicita-las posibles adaptacións de medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo iso conforme o contido na Lei 13/1982, do 7 de abril, e no Decreto 200/2002, do 6 de xuño, polo que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2002, que en ningún caso desvirtuarán o contido das probas de valoración de aptitude dos aspirantes.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Expirado o prazo de presentación de instancias, a directora xeral da Función Pública dictará resolución de conformidade co establecido no artigo 12 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que se publicará no DOG así como oportunamente nos lugares determinados pola normativa vixente e na que se declarará aprobada a lista de admitidos e excluídos, así como as causas da súa exclusión e a indicación do lugar no que se atopan expostas as listas de admitidos. Na lista deberán constar, en todo caso, os apelidos, nome e número de documento nacional de identidade.

I.4.2. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución, para poderan emendar, se é o caso, o defecto que motivase a exclusión.

Para tal efecto a estimación ou desestimación das ditas peticións de correción entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a lista definitiva.

Unha vez transcorrido o dito prazo, a Dirección Xeral da Función Pública dictará resolución definitiva, contra a que se poderá interpoñer recurso postestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación ,no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de

Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1º do mesmo texto legal.

O feito de figurar na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos no procedemento que se convoca. Cando da documentación que debe presentarse, no caso de supera-lo proceso selectivo, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os interesados decaerán en tódolos dereitos que puidesen derivar da súa participación no procedemento.

II. Concurso-oposición.

O procedemento de selección será o de concurso-oposición.

II.1. Fase de concurso:

II.1.1. Para o acceso mediante promoción interna:

Valoración de méritos:

II.1.1.1. Servicios prestados na Comunidade Autónoma:

Na fase de concurso valoraranse os servicios prestados con carácter definitivo na Administración da Xunta de Galicia no seu grupo D, a razón de 0,05 puntos por mes de servicios efectivos ou fracción, ata o tope de 6,3 puntos.

II.1.1.2. Servicios prestados noutras administracións públicas:

No grupo D con carácter definitivo: 0,05 puntos por mes de servicios efectivos ou fracción, ata o tope de 6,3 puntos.

II.1.1.3. Grao persoal consolidado, ata o tope de 4,5 puntos:

a) Nivel 12: 0,9 puntos.

b) Por cada dous niveis superiores: 0,9 puntos.

II.1.1.4. Traballo desenvolvido:

Polo desempeño como funcionario do grupo D de postos de traballo incluídos no intervalo de niveis correspondentes ó grupo C: 0,30 puntos por ano completo, ata o tope de 2,92 puntos. Só se terán en conta os intervalos de niveis de aplicación ós funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

II.1.1.5. Cursos de formación e perfeccionamento:

Por cada curso directamente relacionado coas funcións propias da escala á que se opta no corpo administrativo da Xunta de Galicia, realizados en administracións públicas, escolas das administracións públicas, universidades e INEM, así como os cursos homologados e os que recibiron informe favorable da comisión de formación continua da Comunidade Autónoma de Galicia:

-Ata as primeiras 20 horas: 0,20 puntos.

-Por cada hora que exceda dese número: 0,01 puntos por hora.

Se non se acredita a duración, entenderase ata 20 horas.

Non se valorarán os diplomas relativos á celebración de xornadas, seminarios, simposios e similares.

A puntuación máxima alcanzable neste epígrafe será de 2,47 puntos.

II.1.1.6. A suma das distintas puntuacións que poidan adxudicarse conforme o previsto nas bases II.1.1.1, II.1.1.2, II.1.1.3, II.1.1.4 e II.11.5, en ningún caso poderá exceder de 22,5 puntos conxuntamente.

II.1.2 Para o acceso libre.

II.1.2.1. Ós aspirantes que desempeñen ou desempeñasen postos de traballo na Administración xeral da Xunta de Galicia en réxime de persoal interino ou contratado administrativo, que deban ser desempeñados por funcionarios do corpo administrativo da Xunta de Galicia, grupo C, escala técnica auxiliar de informática, valoraránselle-los servicios prestados en tal administración, a razón de 0,18 puntos por mes de servicios prestados ou fracción.

II.1.2.2. Ós aspirantes contratados en réxime laboral que realicen ou realizasen nesta administración funcións propias do corpo administrativo da Xunta de Galicia (grupo C), escala técnica auxiliar de informática, valoraránselle-los servicios prestados correspondentes ó grupo III do Convenio Colectivo Único da Xunta de Galicia, a razón de 0,18 puntos por mes ou fracción.

II.1.2.3. Ó persoal que teña prestado servicios noutras administracións públicas, no grupo C, en escala análoga á da presente convocatoria con carácter de persoal funcionario ou interino ou persoal laboral do grupo III en funcións propias da citada escala, valoraránselle estes a razón de 0,18 puntos por mes ou fracción.

II.1.2.4. A suma das distintas puntuacións que poidan adxudicarse conforme o previsto nas bases II.1.2.1, II.1.2.2 e II.1.2.3, en ningún caso poderá exceder de 22,5 puntos conxuntamente.

II.1.2.5. Ós aspirantes que xa accedesen á condición de funcionario da Xunta de Galicia ós que se lles comuputaron os servicios a que fan referencia os epígrafes II.1.2.1, II.1.2.2 e II.1.2.3 para o seu ingreso na función pública, non se lles valorarán estes na presente convocatoria.

II.1.3. Os méritos enumerados nas bases II.1.1. e II.1.2. deberán referirse á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Os méritos, requisitos e datos imprescindibles deberán ser acreditados mediante certificado, que se achegará coa instancia que se presente, segundo os modelos que figuran como anexo III e IV a esta orde, debendo o funcionario competente que certifique, xuntarlle a dita certificación, as fotocopias da documentación correspondente ás distintas situacións e méritos que se invoquen, que formarán parte integrante da certificación e presentaranse cotexadas de maneira que faga fe, debendo numerarse de acordo co indicado modelo, significando que non se terán en conta as certificacións que non se axusten ó establecido anteriormente.

As certificacións deberán ser expedidas polas unidades seguintes de acordo co destino definitivo de cada aspirante:

-Servicios centrais:

-Secretario xeral, subdirector xeral ou xefes do servicio que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría

xeral da consellería respectiva ou dos seus organismos autónomos.

-Servicios periféricos:

-Secretarios ou, se é o caso, funcionario responsable da área de Persoal das delegacións/direccións territoriais, provinciais ou comarcais da consellería respectiva, ou dos seus organismos autónomos.

II.1.4. Rematada a fase de oposición e respecto dos aspirantes que superaron a dita fase, o tribunal procederá á baremación desta fase de concurso e publicarase no Diario Oficial de Galicia, con indicación da puntuación obtida por cada aspirante. Contra a baremación, os aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación perante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia da dita baremación.

Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, se é o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal procederá á súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Unha vez publicada a relación definitiva anteriormente indicada, o tribunal publicará a proposta cos aspirantes que superaron o proceso selectivo, unha vez sumada a fase de concurso e a da oposición.

II.2. Fase de oposición.

O programa que rexe as probas selectivas é o publicado no DOG nº 165, do 27 de agosto, aprobado pola orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 26 de xullo de 2001.

II.2.1. Exercicios.

A fase de oposición constará dos seguintes exercicios eliminatorios.

Primeiro exercicio: consistirá na realización dunha proba na que se deberá resolver por escrito un cuestionario de cincuenta (50) preguntas tipo test, máis tres (3) de reserva, con catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, que será o resultante do sorteo de entre dous cuestionarios elaborados previamente polo mesmo e relacionado coas materias que figuran no anexo da Orde do 26 de xullo de 2001. Os aspirantes que participen pola quenda de promoción interna, quedan eximidos das preguntas sobre os temas que no anexo figuran na parte común.

Este exercicio ten por finalidade medi-la amplitude e profundidade dos coñecementos do aspirante sobre as materias do temario, polo que incluirá tanto preguntas de coñecemento como preguntas conceptuais que esixan a asociación de elementos de coñecementos diferentes. O tempo máximo de duración será de unha hora.

Cada opositor poderá obter copia do exercicio realizado ó remate del.

No prazo das vintecatro horas seguintes ó da celebración farase pública no lugar de realización do exercicio o modelo do test, indicando as respostas correctas.

Este exercicio cualificarase de cero (0) a vinte (20) puntos, sendo necesario para superalo obter un mínimo de dez (10) puntos. Para iso, terase en

conta que por cada tres respostas incorrectas desse contará unha correcta.

Corresponderá ó tribunal determina-lo número de respostas correctas esixido para acada-la puntuación mínima.

As puntuacións publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, dándose o prazo de dez (10) días para efectos de reclamacións.

Este exercicio celebrarase no prazo máximo de corenta (40) días desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

Segundo exercicio: consistirá nunha proba de coñecementos do idioma inglés. O obxectivo desta proba é determina-la amplitude dos coñecementos do aspirante e a súa capacidade de comprensión e expresión en lingua inglesa.

Consistirá nunha traducción directa, por escrito, en galego dun texto técnico en inglés, nun tempo máximo dunha hora. Non poderá utilizarse diccionario.

O texto técnico en inglés utilizado polo tribunal referirase a sistemas e tecnoloxías da información e as comunicacións. Para a verificación deste exercicio, o tribunal poderá ser asistido por asesores especialistas designados por el.

Este exercicio cualificarase de cero (0) a vinte (20), sendo necesario para superalo obter un mínimo de dez (10) puntos, correspondendo ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixidos para acada-la puntuación mínima.

As puntuacións publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, dándose o prazo de dez (10) días para efectos de reclamacións.

O exercicio celebrarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días.

Terceiro exercicio: consistirá na resolución por escrito, durante un período máximo de dúas horas, dun suposto práctico, que se elixirá entre distintas opcións tecnolóxicas propostas polo tribunal, correspondentes a diferentes dominios do coñecemento no campo dos sistemas e tecnoloxías da información e as comunicacións, relacionadas coas materias que figuran na parte específica.

Neste exercicio o tribunal valorará a claridade técnica da solución proposta, a sistemática, a capacidade de análise e a capacidade de expresión escrita do aspirante, así como os seus coñecementos sobre o programa.

Este exercicio cualificarase de cero (0) a cincuenta (50) puntos, sendo necesario para superalo obter un mínimo de vintecinco (25) puntos, correspondendo ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixidos para acada-la puntuación mínima.

As puntuacións publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, dándose o prazo de dez (10) días para efectos de reclamacións.

O exercicio celebrarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días.

II.2.2. Os aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos do DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistos do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

II.2.3. Os exercicios celebraranse a porta pechada sen outra asistencia que a dos opositores, membros do tribunal e os colaboradores designados por este.

II.2.4. Desenvolvemento dos exercicios:

II.2.4.1. Os exercicios deberán desenvolverse en galego ou castelán, agás o segundo exercicio, que deberá desenvolverse obrigatoriamente en galego.

II.2.4.2. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra S, de conformidade co establecido na resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 27 de febreiro de 2002, polo que se publica o resultado do sorteo celebrado o 26 de febreiro de 2002, ó tratarse dunha convocatoria correspondente ó ano 2002.

II.2.4.3. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal correspondente coa finalidade de acreditaren a súa personalidade.

II.2.4.4. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo excluído da oposición quen non compareza.

A publicación dos sucesivos anuncios de celebración do segundo e restantes exercicios será efectuada polo tribunal nos locais onde se celebrasen, e por calquera outro medio, se se xulga conveniente, para facilita-la súa máxima divulgación, con corenta e oito horas, polo menos, de antelación á sinalada para a súa iniciación. Cando se trate de distintas fases do mesmo exercicio, o anuncio será publicado nos locais onde se celebrase e nalgún outro medio, se se xulga conveniente, con doce horas, polo menos, de antelación.

II.2.4.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún aspirante non cumpre algún dos requisitos esixidos pola convocatoria, logo da audiencia do interesado deberá acorda-la súa exclusión, se procede.

Se o tribunal, de oficio ou en base as reclamacións que os interesados poidan presentar nos dous días hábiles seguintes á realización do exercicio, anulase algunha ou algunhas das preguntas incluídas nun exercicio, anunciarao publicamente no Diario Oficial de Galicia.

Contra tal acordo poderá interpoñerse recurso de alzada conforme o previsto no artigo 114 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

II.3. A orde de prelación dos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa suma da puntuación obtida na fase de concurso e na da oposición, non podendo supera-lo proceso selectivo un número superior ó de prazas convocadas.

II.4. Os aspirantes que ingresen polo sistema de promoción interna, en virtude do disposto no artigo 22.2º do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, terán, en todo caso, preferencia sobre os aspirantes provenientes do sistema de acceso libre para cubri-las vacantes correspondentes.

No sistema de promoción interna, os aspirantes que superen o proceso selectivo poderán tomar posesión da praza que viñesen desempeñando con carácter definitivo, cando esta, de conformidade cos requisitos esixidos nas relacións de postos de traballo, poida ser desempeñada por funcionarios pertencentes ó corpo ó que accedan, de acordo co disposto no artigo 60 da Lei 4/1988, do 26 de maio, modificada pola Lei 3/1995, da función pública de Galicia.

III. Tribunais.

III.1. Os tribunais cualificadores do proceso serán designados por orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 7 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

III.2. Ademais dos tribunais que se designen na orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, poderán nomearse máis tribunais para xulga-lo proceso, a proposta do tribunal número 1, cando polo número de aspirantes isto fose necesario.

A autoridade convocante publicará no DOG resolución pola que se nomeen os novos tribunais, se é o caso.

III.3. Os membros dos tribunais deberán absterse de intervir, notificándoo á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes en procesos selectivos nos cinco anos anteriores á publicación da convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se atoparen incursos nas circunstancias previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias previstas nesta base.

III.4. A autoridade convocante publicará no DOG resolución pola que se nomeen os novos membros do tribunal, que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base III.3.

III.5. Logo da convocatoria do presidente do tribunal número 1, constituiranse os tribunais en sesión conxunta. Tal constitución entenderase válida con que asista a ela a maioría dos membros de cada tribunal.

A celebración da sesión de constitución terá lugar no prazo máximo de quince días a partir da publicación dos tribunais e mínimo de dez días antes da realización do primeiro exercicio.

Na dita sesión, os tribunais, baixo a dirección e coordinación do tribunal número 1, adoptarán tódalas decisións que lles correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

Especialmente cando as circunstancias así o aconsellen, os tribunais poderán acordar que a celebración de calquera dos exercicios da fase de oposición se realice simultaneamente en varias localidades. No dito caso, os aspirantes serán convocados para a realización do mencionado exercicio na localidade correspondente.

III.6. A partir da sesión de constitución, cada tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría dos seus membros, titulares ou suplentes.

III.7. O procedemento de actuación dos tribunais axustarase en todo momento ó disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

III.8. A cada tribunal corresponderalle xulgar un número determinado de aspirantes que estarán comprendidos entre as letras do abecedario correspondentes ós apelidos dos opositores que se lles asignasen.

III.9. A un dos tribunais corresponderalle xulga-los aspirantes correspondentes ó sistema de promoción interna.

III.10. Corresponderalle ó tribunal nomeado co número un:

-Enviar por orde do seu presidente citación ó resto dos tribunais para constituírense nun acto conxunto.

-Mediante anuncio público no DOG e demais anuncios correspondentes, fixarase o lugar, a data e a hora de celebración do primeiro exercicio.

-Recibi-los expedientes dos demais tribunais relativos ó transcurso das probas e respectivas propostas, e eleva-la proposta definitiva de aprobados.

III.11. Co obxecto de acada-la necesaria coordinación entre os tribunais cualificadores, todos actuarán conxuntamente baixo a dirección do número 1, que resolverá cantas consultas, interpretacións e criterios de valoración e de unificación poidan presentar e solicita-los restantes tribunais sobre as normas da convocatoria.

Os tribunais cualificadores actuarán coordinadamente, procurando a maior uniformidade nos criterios valorativos dos exercicios, sen prexuízo de que funcionarán con autonomía no que se refire á selección dos aspirantes, formulando as súas propias propostas.

III.12. Por cada sesión do tribunal levantarase acta que, lida ó principio da sesión seguinte e feitas, se é o caso, as rectificacións que procedan, autorizarase coa sinatura do secretario e o visto e prace do presidente.

III.13. Cada tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que coide pertinentes, limitándose os ditos asesores a

presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores deberá comunicárselle á directora xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

III.14. Os tribunais cualificadores adoptarán as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que os aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ás dos restantes participantes. Neste sentido estableceranse, para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3.3., as adaptacións posibles en medios para a súa realización.

Se na súa realización se lle suscitasen dúbidas ó tribunal respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos funcionarios do corpo ó que opta, poderá solicita-lo correspondente dictame do órgano competente.

III.15. O presidente de cada tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios da fase de oposición que se realicen en forma escrita sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, utilizando para iso os impresos adecuados.

Os tribunais excluirán aqueles candidatos con exercicios nos que figuren marcas ou signos que permitan coñece-la identidade do opositor.

III.16. Os tribunais que actúen no proceso selectivo terán a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

O número máximo de sesións de cada un dos tribunais será fixado por resolución da Dirección Xeral da Función Pública, podendo só ampliarse o número delas, con base en causa xustificada, pola dita dirección xeral.

III.17. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superarou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Rematado o proceso selectivo, e no suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, estas resolveranse pola puntuación obtida no terceiro exercicio e, se iso non fose suficiente, pola puntuación obtida no primeiro e segundo, por esta orde. De persisti-lo empate, resolverase pola orde alfabética á que se refire a base II.2.4.2.

Cada tribunal resolverá os empates que se produzan relativos ós aspirantes que lles correspondan. No caso de que, unha vez elevadas as distintas propostas ó tribunal número 1, se produzan novos empates, estes serán resoltos polo dito tribunal de acordo cos criterios expresados nos parágrafos anteriores.

III.18. As comunicacións que formulen os aspirantes ós tribunais dirixiranse á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública (edificio administrativo San Caetano. Santiago de Compostela).

IV. Lista de aprobados.

Rematado o proceso selectivo, os tribunais farán públicas no DOG, no lugar ou lugares de celebración do último exercicio e naqueles outros que coiden oportunos, a relación de aspirantes que superaron o proceso selectivo, tanto polo sistema de acceso libre como polo de promoción interna, por orde de puntuación acadada, con indicación do seu documento nacional de identidade.

O presidente do tribunal número 1 enviará proposta de lista de aprobados á directora xeral da Función Pública, especificando, igualmente, o número de aprobados en cada un dos exercicios.

V. Presentación de documentación e nomeamento de funcionarios.

V.1. Por orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública elevarase a definitiva a proposta dos tribunais dos aspirantes que superaron o proceso selectivo, publicándose no DOG, e a partir da dita publicación computarase o prazo de vinte días naturais para que os citados aspirantes presenten na Dirección Xeral da Función Pública os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada polo órgano competente (servicios de persoal, se é o caso rexistros xerais ou fedatarios públicos) do título esixido na base I.2, ou certificación académica que acredite ter realizados tódolos estudios para a obtención do título ou, se é o caso, documento que acredite de maneira que faga fe a posesión do correspondente título académico.

b) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estaren sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública, segundo o modelo que figura como anexo V a esta convocatoria.

c) Certificado médico oficial no que se acrediten os extremos sinalados na base I.2.3.4.

V.2. Respecto das persoas que accedan pola cota de reserva de minusválidos, e no caso de que o certificado de minusvalidez sufrise modificacións con respecto ó inicio do procedemento, a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública requirirá documento acreditativo sobre a compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións, o órgano correspondente da Consellería de Asuntos Sociais, ou, se é o caso, da Administración correspondente.

V.3. Os que tivesen a condición de funcionarios de carreira da administración da Xunta de Galicia están exentos de xustificaren documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obte-lo seu anterior nomeamento, debendo presentar certificación do rexistro de persoal da consellería

ou organismo do que dependeran para acreditar tal condición, así como a data do seu cumprimento.

V.4. Os que dentro do prazo fixado, salvo os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2., non poderán ser nomeados funcionarios e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

V.5. Rematado o proceso selectivo e unha vez cumpridos os requisitos esixidos con anterioridade, os que os superasen serán nomeados funcionarios de carreira mediante orde do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que se publicará no DOG na que se indicará o destino adxudicado de acordo coa puntuación obtida no proceso selectivo, non podendo supera-lo proceso selectivo un número superior ó de prazas convocadas.

V.6. A consecuencia do falecemento ou renuncia dalgún dos aspirantes que tendo superado o proceso selectivo, fosen propostos polo tribunal para o seu nomeamento, o tribunal poderá nomea-lo seguinte aspirante nas mesmas condicións que o anterior e no seu lugar atendendo á orde de prelación de notas.

V.7. A adxudicación das prazas ós aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base II.3, unha vez aplicado o disposto na base II.4.

V.8. A toma de posesión dos aspirantes aprobados será efectuada no prazo dun mes, contado a partir da data de publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade coas disposicións previstas na Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada polas leis 4/1991, do 8 de marzo e 3/1995, do 10 de abril, e demais normas concordantes.

VI. Publicación.

As listas de admitidos e excluídos así como as notas dos exercicios correspondentes ós procesos selectivos publicaranse, ademais de nos lugares determinados pola normativa vixente, a traves da Internet no seguinte enderezo http.//www.xunta.es/notasop/notas.jsp.

VII. Disposición derradeira.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase impugnar directamente ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo o artigo 8.2º en conexión co artigo 10.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

ANEXO V

Don/a ... con domicilio en ... e con DNI/pasaporte ... declara baixo xuramento ou promete, para efectos de ser nomeado/a funcionario/a do corpo administrativo da Xunta de Galicia, grupo C, escala técnica auxiliar de informática, que non está sometido a sanción disciplinaria ou condena no Estado de ..., que me impida o acceso á función pública.

En (país e localidade), ... de ... de 200...

INSTRUCCIÓNS PARA O/A INTERESADO/A

PARA CUBRI-LO ANEXO I

*Instruccións xerais:

-Escrita soamente a máquina ou con bolígrafo sobre superficie dura, empregando maiúsculas de tipo imprenta.-Asegúrese de que os datos resultan claramente lexibles en tódolos exemplares.-Evite dobra-lo papel e realizar correccións, emendas ou riscaduras.

-Non escriba nos espacios sombreados ou reservados.-Non esqueza asina-lo impreso.-Non esqueza achega-lo impreso de autoliquidación de taxas debidamente cuberto e selado pola entidade bancaria.-Non esqueza xuntar fotocopia do seu DNI ou documentación acreditativa segundo a base I.3.1 da convocatoria.-Non esqueza xuntar copia cotexada da cualificación da minusvalidez, se é o caso.

*Instruccións particulares:

1. Corpo. Consigne o texto e o código correspondente segundo a táboa seguinte:

01. Grupo A. Corpo superior de Administración, escala de sistemas e tecnoloxía da información.

02. Grupo B. Corpo de xestión de Administración, escala de xestión de sistemas de informática.

03. Grupo C. Corpo administrativo, escala técnica auxiliar de informática.

2. Grupo. Sinale a letra do grupo correspondente.