Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 27 de decembro de 2002 Páx. 17.722

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 352/2002, do 5 de decembro, polo que se regula a producción dos residuos da construcción e demolición.

A producción de residuos aumentou nos últimos anos dun xeito considerable, resultando que a súa composición é cada día máis heteroxénea. En consecuencia, a axeitada protección da saúde humana e do ambiente debe partir da existencia dunha única regulación para tódolos residuos e completarse cunha regulación específica para determinadas categorías de residuos que responda ós crecentes problemas derivados da súa especificidade.

Entre os distintos tipos de residuos que precisan dunha regulación específica encóntranse os residuos derivados da construcción e demolición. Estes residuos que, con carácter xeral, se coñecen habitualmente como entullos, proceden, na súa maior parte, da execución de obras de reforma de instalacións e edificios, construcción de estradas e infraestructuras, operacións de derribo así como de fraccións de materiais de construcción das obras de nova planta e de pequenas obras de reformas de vivendas ou urbanizacións.

Na actualidade, xéranse grandes cantidades das que o destino final adoita se-lo vertido incontrolado co impacto visual e ecolóxico conseguinte motivado polo gran volume que ocupan e o escaso control ambiental dos terreos onde se depositan. No mellor dos casos, os ditos residuos deposítanse en vertedoiros contribuíndo á rápida acugulación destes, sen ter en conta as súas posibilidades de reutilización ou reciclaxe a partir dunha axeitada selección en orixe.

Por todo isto, e dadas as excepcionais dificultades que suscita na actualidade a xestión deste tipo de residuos, resulta necesario o establecemento, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, dunha regulación específica que comprenda as actividades de producción dos residuos da construcción e demolición.

Esta regulación terá en conta o principio de prevención na producción previsto na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, e na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, así como o fomento, por esta orde, da súa reducción, reutilización, reciclaxe e outras formas de valorización coa finalidade de protexe-lo ambiente e a saúde das persoas.

Así mesmo, a Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, tendo en conta a necesaria protección do ambiente, esixe que os edificios se proxecten, constrúan, manteñan e conserven de tal xeito que se garanta unha axeitada xestión de toda clase de residuos.

Neste contexto, o recentemente aprobado Plan Nacional de Residuos de Construcción e Demolición

para o período 2001-2006 fixa una serie de obxectivos ecolóxicos para o logro dos cales propón, entre outras medidas, a elaboración dunha normativa específica sobre a materia baseada nos principios de xerarquía e no de responsabilidade do productor.

Tendo en conta todo o anterior adoptouse, ó abeiro do disposto no artigo 9.1º da citada Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, por somete-la autorización administrativa da delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente as actividades productoras de residuos de construcción e demolición que figuren na lista ás que se refire o artigo 4º deste decreto. Para tal efecto, deberá previamente constituírse unha fianza ambiental na contía que resulte da aplicación da disposición adicional primeira deste decreto. Esta autorización non exime o solicitante de obte-lo resto das autorizacións e licencias esixibles, en particular, a licencia urbanística regulada na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, e no Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Co obxecto de axiliza-la tramitación da citada autorización, fixouse un prazo máximo de notificación da resolución correspondente de tres meses, transcorrido o cal as solicitudes entenderanse estimadas. En todo caso, e co obxecto de facilita-la tramitación das correspondentes autorizacións, estableceuse tamén un sistema de inscrición de carácter voluntario e previo á autorización necesaria para cada obra, de tal xeito que as persoas físicas e xurídicas que decidan acollerse a el poidan evita-la multiplicidade de documentación que, noutro caso, sería necesario presentar. Este sistema complétase cun período transitorio que facilita, desde a entrada en vigor deste decreto, a súa inmediata aplicación.

Por outra banda é de destacar que nesta liña de desenvolve-lo artigo 9 da Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, se produce unha modificación do artigo 24 do Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación do productor e xestor de residuos de Galicia, polo que se fai necesario concretar esta modificación nunha disposición adicional na que se modifica expresamente este artigo 24 e engádese un artigo 26 bis, no que se indica quen ten a obriga de inscribirse na nova sección III (dos residuos da construcción e demolición) que se crea.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de decembro de dos mil dous,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Este decreto ten por obxecto regular, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as actividades de producción dos residuos da construcción e demolición.

2. A producción dos residuos procedentes de obras menores de construcción e reparación domiciliaria, non se rexerán por este decreto resultándolles de aplicación a súa normativa específica en materia de producción e posesión de residuos urbanos.

3. Quedarán así mesmo excluídos do ámbito de aplicación deste decreto as terras procedentes de escavacións.

Artigo 2º.-Obxectivos.

As actividades consistentes na realización de obras de construcción e/ou demolición comprendidas no ámbito de aplicación deste decreto, deberán executarse nas condicións que permitan acada-lo cumprimento dos seguintes obxectivos:

a) Impedi-lo abandono, o vertido e, en xeral, o depósito inadecuado dos residuos.

b) Previr e reducir desde a orixe os efectos negativos que poidan ter sobre o ambiente.

c) Fomenta-la reutilización ou reciclaxe das materias e substancias que conteñen os residuos mediante a recuperación selectiva e a separación en orixe.

d) Facilita-la xestión axeitada dos diferentes residuos procedentes das actividades reguladas neste decreto mediante unha previa separación en orixe, en particular, dos residuos perigosos así como dos envases e residuos de envases e, en xeral, de todos aqueles residuos dos que a xestión estea sometida a unha regulación específica.

e) Dispoñer da información necesaria para elaborar un sistema estatístico de xeración de datos e un sistema de información sobre este tipo de residuos.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos deste decreto enténdese por:

a) Obras menores de construcción e reparación domiciliaria: as de sinxela técnica e escasa entidade constructiva e económica que non supoñan alteración do volume, do uso, das instalacións e servicios de uso común ou do número de vivendas e locais, nin afecten o deseño exterior, a cimentación, a estructura ou as condicións de habitabilidade ou seguridade dos edificios ou instalacións de tódalas clases.

b) Residuos de construcción: aqueles que se orixinen no proceso de execución material dos traballos de construcción, tanto de nova planta como de rehabilitación ou reparación.

c) Residuos de demolición: aqueles materiais e productos de construcción que se orixinan como resultado das operacións de desmontaxe, desmantelamento e derribo de edificios e de instalacións.

d) Productor do residuo: para estes efectos, entenderase como productor do residuo a persoa ou entidade, pública ou privada que realice as operacións de construcción e/ou demolición xeradoras deste tipo de residuos, sexa ou non o propietario do inmoble ou estructura que o orixine.

e) Xestor do residuo: a persoa física ou entidade, pública ou privada, que realiza calquera das operacións que compoñen a xestión dos residuos, sexa ou non o productor deles.

Artigo 4º.-Lista de residuos da construcción e demolición.

Para os efectos do establecido no artigo 9 da Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, e atendendo ás excepcionais dificultades que suscita a súa xestión, apróbase a lista de residuos da construcción e demolición que se recolle no anexo I deste decreto na que quedan incluídos os residuos non perigosos do capítulo 17 da Orde MAM/304/2002, do 8 de febreiro, pola que se publican as operacións de valorización e eliminación de residuos e a lista europea de residuos.

Capítulo II

Da producción de residuos

Artigo 5º.-Obrigas do productor.

Os productores de residuos estarán obrigados a:

a) Preve-la xeración de residuos.

b) Reutilizar e recicla-los seus residuos.

c) Facerse cargo directamente da xestión dos seus propios residuos, ou entregalos a un xestor autorizado para a súa valorización ou eliminación.

d) Afianzar, con carácter previo ó outorgamento da autorización regulada neste decreto, os custos previstos para a xestión dos residuos que se produzan, salvo no caso de que a dita fianza sexa constituída polo productor ou polo xestor do residuo.

e) Sufraga-los correspondentes custos de xestión.

f) Obte-la autorización administrativa previa da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente regulada no artigo 6º deste decreto, así como a inscrición no Rexistro Xeral de Productores e Xestores de Galicia nos termos do Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación do productor e xestor de residuos de Galicia e se crea o Rexistro Xeral de Productores e Xestores de Residuos de Galicia.

g) Garantir que as operacións de xestión dos residuos in situ se leven a cabo de acordo cos obxectivos deste decreto.

h) Facilitarlles ás administracións competentes na materia toda a información que lles soliciten e as actuacións de inspección en relación coas materias reguladas neste decreto.

Capítulo III

Sistema de prevención

Sección 1ª

Procedemento ordinario

Artigo 6º.-Acción preventiva.

1. Someteranse ó réxime de autorización como productores, pola Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente, as persoas físicas o xurídicas que pretendan levar a cabo as obras de construcción e/ou demolición reguladas neste decreto.

2. A solicitude de autorización presentarase no modelo normalizado que figura no anexo II, detallando a ficha técnica da obra que se vai realizar, e dirixirase á Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente debendo ir acompañada da seguinte documentación:

a) Copia compulsada do código de identificación fiscal (CIF) da empresa ou, se é o caso, documento

nacional de identidade (DNI) e número de identificación fiscal (NIF) do empresario individual.

b) En caso de persoa xurídica, copia da escritura de constitución ou modificación da sociedade, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil ou no rexistro correspondente se non se trata de sociedade mercantil.

c) Poder notarial do representante legal da empresa.

d) Memoria correspondente ó proxecto técnico da obra que se pretende realizar debidamente asinada polo técnico competente. Na dita memoria deberá incluírse unha previsión do volume de residuos que xerará a obra proxectada.

e) Copia compulsada do documento ou documentos de aceptación asinado/s cun ou varios xestores autorizados que garantan o correcto destino dos residuos que se deriven da execución das obras proxectadas, cando os ditos residuos non os xestionen directamente o seu productor ou posuidor.

f) Documentación acreditativa da previa constitución dunha fianza nos termos e condicións fixados no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental en relación coa disposición adicional primeira do presente decreto.

3. A autorización conterá, como mínimo, as seguintes especificacións:

a) Que a autorización se outorgará sen prexuízo das demais autorizacións ou licencias esixidas pola normativa aplicable.

b) O número de productor de residuos autorizado.

c) O prazo polo que se outorga a autorización.

d) A obriga de cumpri-lo contido da memoria presentada.

e) A contía da fianza.

f) A cantidade máxima por unidade de producción e características de residuos que se poden xerar.

4. Así mesmo, na citada autorización poderase impoñe-la obriga de separar en orixe as materias que deban ser obxecto de reutilización ou reciclaxe sempre que as características da obra o permitan e os custos sexan asumibles.

5. O prazo máximo no que debe notificarse a resolución expresa será de tres meses, transcorrido o cal entenderase estimada a solicitude formulada.

Sección 2ª

Procedemento de inscrición previa

de carácter voluntario

Artigo 7º.-Rexistro previo voluntario.

1. Co obxecto de axiliza-la tramitación do procedemento de autorización regulado neste decreto créase, dentro da sección III (do rexistro xeral de productores e xestores de residuos de Galicia) unha subsección denominada: da inscrición previa de carácter voluntario.

2. Na dita subsección poderanse inscribir, con carácter previo á obtención da correspondente autorización, todas aquelas persoas físicas o xurídicas

que pretendan levar a cabo obras de construcción e/ou demolición, e se encontren suxeitas ó réxime de autorización como productores regulada neste decreto.

3. A inscrición no rexistro é voluntaria, polo que a ausencia de inscrición unicamente determinará que o productor non inscrito deba presentar toda a documentación regulada no artigo 6º deste decreto no momento de solicita-la correspondente autorización.

Artigo 8º.-Procedemento da inscrición voluntaria.

As solicitudes de inscrición no rexistro tramitaranse ante a Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente e presentaranse en modo normalizado, que figura como anexo III, xunto coa seguinte documentación:

a) Copia compulsada do código de identificación fiscal (CIF) da empresa ou, se é o caso, documento nacional de identidade (DNI) e número de identificación fiscal (NIF) do empresario individual.

b) En caso de persoa xurídica, deberase presentar copia da escritura de constitución ou modificación da sociedade, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil ou no rexistro correspondente se non se trata de sociedade mercantil.

c) Poder notarial do representante legal da empresa.

d) Copia compulsada do documento ou documentos de aceptación asinado/s cun xestor ou xestores autorizados que garantan o correcto destino de tódolos residuos que se deriven da execución das obras que prevé realizar, cando os ditos residuos non os xestionen directamente o seu productor ou posuidor.

Artigo 9º.-Resolución das solicitudes.

1. A Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente, unha vez recibida a solicitude, coa documentación sinalada no artigo anterior adoptará a resolución que corresponda para a inscrición solicitada. O prazo para a notificación da resolución será de tres meses.

2. Acordada a inscrición no rexistro asignaráselle ó productor o número rexistral correspondente, con notificación ó interesado.

Artigo 10º.-Modificación respecto ós documentos e datos rexistrais e declaración expresa das acreditacións rexistrais.

1. Os productores inscritos estarán obrigados a poñer inmediatamente en coñecemento da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente calquera alteración que se produza respecto dos documentos e datos rexistrados, e en particular:

a) Toda alteración de carácter substancial, especialmente as que se refiren ó obxecto social ou á personalidade xurídica do empresario e que afecte o réxime de autorización regulado neste decreto.

b) As modificacións que afecten a representación conferida ou a personalidade da sociedade.

c) A perda de vixencia do documento de aceptación dos residuos polo xestor ou xestores autorizados.

2. Independentemente do anterior, estarán obrigados a formular anualmente declaración expresa

responsable, relativa á vixencia sen contradicción, das circunstancias referidas. O incumprimento desta obriga, logo de apercibimento que para tal efecto lle dirixa o rexistro, suporá a suspensión provisional durante un prazo máximo de 6 meses dos efectos da inscrición ata a súa reparación. Transcorrido o dito prazo máximo sen recibi-la referida declaración, procederase á anulación definitiva da inscrición rexistral.

3. A solicitude de modificación será presentada no modelo normalizado que figura como anexo IV, xunto cos documentos acreditativos da modificación pretendida.

4. Mentres non se produza a incorporación ó rexistro da modificación solicitada, o productor estará obrigado a achegar con cada solicitude de autorización a documentación acreditativa dos extremos ós que aquela se refira.

Artigo 11º.-Efectos da notificación da inscrición ou modificación rexistral.

1. Unha vez notificada ó interesado a inscripción ou modificación, o titular da actividade quedará exonerado de achegar, para cada unha das obras de construcción e/ou demolición que pretenda levar a cabo a documentación que se encontre vixente no rexistro.

2. No suposto de inscrición previa, o prazo máximo para resolver sobre a autorización á que fai referencia o número 5 do artigo 6 pasará a ser dun mes.

3. En calquera momento, previo ou posterior á inscrición, a Consellería de Medio Ambiente poderá requirir da persoa inscrita a achega de calquera documento complementario ou aclaratorio que resulte necesario para a comprobación da exactitude e certeza dos datos achegados.

Artigo 12º.-Suspensión ou anulación definitiva da inscrición.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, logo de tramitación do correspondente expediente administrativo con trámite de audiencia ó interesado, poderá acorda-la suspensión temporal ou, se é o caso, a anulación definitiva da inscrición dos contratistas dos que non conste poder vixente, nos que consten datos ou documentos rexistrais incursos en falsidade ou inexactitudes relevantes, que non realizasen as comunicacións ou declaracións ás que veñan obrigados de conformidade co establecido neste decreto, sen prexuízo da suspensión á que se refire o artigo 10º.2.

Capítulo IV

Das relacións administrativas

Artigo 13º.-Relacións interadministrativas.

Nos termos da lexislación de réxime local, os concellos facilitarán á Consellería de Medio Ambiente a información que esta lles solicite en relación coas licencias outorgadas para a execución de obras de construcción e/ou demolición ás que resulte de aplicación este decreto.

Capítulo V

Das infraccións e sancións

Artigo 14º.-Infraccións e sancións.

A potestade sancionadora en relación coas actividades de producción dos residuos reguladas neste

decreto exercerase nos termos do disposto na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, e a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e demais disposicións que resulten de aplicación.

Disposicións adicionais

Primeira.-Importe da fianza.

1. O importe da fianza prevista no artigo 6º.2 f) deste decreto fíxase nas seguintes cantidades: 20 euros/tonelada de residuos previstos no proxecto, cun mínimo de 500 euros.

2. A Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia actualizará a contía da fianza cada dous anos.

Segunda.-Residuos perigosos.

As actividades de producción de residuos da construcción e demolición que teñan a consideración de perigosos rexeranse polo disposto no Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia e se crea o Rexistro Xeral de Productores e Xestores de Residuos de Galicia.

Terceira.-Normativa supletoria.

Ademais do establecido na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, e a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, no non previsto neste decreto serán de aplicación, nas súas materias respectivas, as seguintes normas:

1. Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

2. Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia e se crea o Rexistro Xeral de Productores e Xestores de Residuos de Galicia.

Cuarta.-Valorización e eliminación dos propios residuos nos centros de producción.

A Consellería de Medio Ambiente poderá eximir da esixencia de autorización administrativa para levar a cabo as actividades de xestión ás empresas e establecementos que se ocupen da valorización ou da eliminación dos seus propios residuos de construcción e demolición nos centros de producción, sempre que a Xunta de Galicia dicte normas xerais sobre cada tipo de actividade, nas que se fixarán os tipos e as cantidades de residuos e as condicións nas que a actividade pode quedar dispensada da autorización. Estas actividades serán, en todo caso, obxecto de inscrición no Rexistro Xeral de Productores e Xestores de Residuos de Galicia.

Quinta.-Contratos celebrados polas administracións públicas.

No caso de obras públicas, corresponderá ó contratista constituí-la fianza prevista no artigo 6º, de acordo co previsto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Sexta.-Entidades colaboradoras.

1. O control do cumprimento dos obxectivos cuantificados de prevención incluídos no proxecto técnico

poderase levar a cabo a través de entidades colaboradoras da Administración.

2. A función das ditas entidades colaboradoras consistirá na emisión dun dictame no que, polo menos, se avalíen as seguintes cuestións:

a) O cumprimento dos obxectivos cuantificados de prevención.

b) A eficacia das medidas concretas establecidas no proxecto técnico para acada-los ditos obxectivos.

c) Os procedementos de control establecidos para comproba-la súa consecución.

3. Este dictame poderá ademais ser esixido con carácter previo á cancelación da fianza establecida neste decreto.

Sétima.-Requisitos técnicos das actividades de producción.

A Consellería de Medio Ambiente fixará, mediante orde, os requisitos técnicos que deberán de cumprirse no exercicio das actividades de producción reguladas neste decreto.

Oitava.-De modificación do Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación do productor e xestor de residuos de Galicia e se regula a inscrición no Rexistro Xeral de Productores e Xestores de Residuos de Galicia.

1. Modifícase o artigo 24 do Decreto 298/2000, do 7 de decembro, que queda redactado como segue:

«1. Artigo 24º.-Estructura do rexistro.

O Rexistro Xeral de Productores e Xestores de Residuos de Galicia estructúrase en tres seccións:

a) Sección I: dos residuos perigosos.

b) Sección II: dos residuos non perigosos.

c) Sección III: dos residuos da construcción e demolición».

2. Establécese un novo artigo, o artigo 26 bis, co seguinte contido:

«Artigo 26 bis. Dos residuos da construcción e demolición.

Inscribiranse na sección III as persoas físicas ou xurídicas, titulares das instalacións ou actividades de producción e xestores dos residuos da construcción e demolición regulados pola súa normativa específica».

Novena.-Taxas.

As actuacións administrativas que deriven da aplicación deste decreto estarán sometidas ó aboamento das taxas previstas na normativa vixente.

Disposición transitoria

As obrigas establecidas nas alíneas a) e f) do artigo 5º deste decreto non serán de aplicación ata transcorridos seis meses desde a publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, os productores de residuos da construcción e demolición poderán solicita-la inscrición no rexistro previo voluntario regulado nos artigos 7 e seguintes desde a entrada en vigor deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de decembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

Listaxe de residuos da construcción e demolición (inclúense os códigos que, para cada residuo, establece a Orde MAM/304/2002, do 8 de febreiro, pola que se publican as operacións de valorización e eliminación de residuos e a lista europea de residuos):

17 01Formigón, ladrillos, tellas e materiais cerámicos.

17 01 01Formigón.

17 01 02Ladrillos.

17 01 03Tellas e materiais cerámicos.

17 01 07Mesturas de formigón, ladrillos, tellas e materiais cerámicos distintos dos especificados no código 17 01 06.

17 02Madeira, vidro e plástico.

17 02 01Madeira.

17 02 02Vidro.

17 02 03Plástico.

17 03Mesturas bituminosas, alcatrán de hulla e outros productos alcatranados.

17 03 02Mesturas bituminosas distintas das especificadas no código 17 03 01.

17 04Metais (incluídas as súas aliaxes).

17 04 01Cobre, bronce, latón.

17 04 02Aluminio.

17 04 03Chumbo.

17 04 04Zinc.

17 04 05Ferro e aceiro.

17 04 06Estaño.

17 04 07Metais mesturados.

17 04 11Cables distintos dos especificados no código 17 04 10.

17 06 04Materiais de illamento distintos dos especificados nos códigos 17 06 01 e 17 06 03.

17 08Materiais de construcción a partir de xeso.

17 08 02Materiais de construcción a partir de xeso distintos dos especificados no código 17 08 01.

17 09Outros residuos de construcción e demolición.

17 09 04Residuos mesturados de construcción e demolición distintos dos especificados nos códigos 17 09 01, 17 09 02 e 17 09 03.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL