Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 24 de decembro de 2002 Páx. 17.683

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2002, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 369 que afecta o monte Relleira de Sobreiros e Costa das Pasantes, Prado das Porfías, Costa de Cova Ladróns, Relleira de Corneda e Campo de Monteira de Riba, do lugar das Pasantes, parroquia de Vimianzo, concello de Vimianzo.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º (da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o 29 de maio de 2002, adoptou o seguinte acordo:

«Reunido o 29 de maio de 2002 o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente, Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes, coa asistencia dos vocais, Josefa Fernández Fernández, xefa do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez Castro-Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común, e da secretaria Ana María Díaz López, xefa do Servicio Xurídico da Delegación de Medio Ambiente da Coruña, para estudiar e resolve-lo expediente: 369.

Monte: Relleira de Sobreiros e Costa das Pasantes, Prado das Porfías, Costa de Cova Ladróns, Relleira de Corneda e Campo de Monteira de Riba.

Comunidade: As Pasantes.

Parroquia: Vimianzo.

Concello: Vimianzo.

Antecedentes de feito:

1. Os veciños do lugar das Pasantes, na parroquia de Vimianzo, concello de Vimianzo, solicitaron deste xurado, con data do 15-3-2000, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 66,79 ha.

Lindeiros:

Parcela A) Relleira de Sobreiros e Costa das Pasantes, Prado das Porfías e Costa de Cova Ladróns. Norte: monte veciñal do lugar da Toxa e parcelas particulares de veciños das Pasantes (Francisco Carballo, José Lema e José Rodríguez). Leste: parcelas particulares de veciños das Pasantes (José Nieves, Modesto Pérez, Esperanza Senra, Hdros. de María Miñonez, Francisco Carballo, José Antelo, Hdros. de Manuel Vázquez e outros). Sur: parcelas particulares nas súas estremas (Modesto Pérez e Hdros. de Francisco Vázquez, veciños das Pasantes e A Gándara), e con parcelas de monte veciñal dos veciños da Gándara non afectadas, co pico Monte Sangre. Oeste: Rego de Mouzo, parcelas particulares de Esperanza Senra, das Pasantes, e outros.

Parcela B) Relleiras de Corneda e Campo de Monteiro de Riba. Norte: monte veciñal do lugar da Toxa e parcelas particulares de Manuel Vázquez. Leste: Rego de Mouzo, camiño de Carnés e predios particulares de Ricardo Lema e Carmen Cundíns, de Bribes, e José Antelo, das Pasantes. Sur: monte veciñal do lugar de Ogas, parroquia de Cambeda, e parcelas particulares de Francisco Carballo. Oeste: monte veciñal do lugar de Cures, parroquia de Cereixo.

2. Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 10-5-2001, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeándose como instructor a Juan Ramón Beneyto Bellas, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Corcubión, oídas tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do Concello de Vimianzo, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 175, do 10-9-2001), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

3. Os veciños das Pasantes fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común na posesión e aproveitamento desde tempos inmemoriais do monte do dito lugar.

Presentan copia da sentencia firme da Audiencia Provincial da Coruña de data 29-4-1997, confirmatoria da sentencia do 10-1-1995, recaída en xuízo declarativo seguido polo Xulgado de Primeira Instancia número un de Corcubión. Nela considérase acreditada a posesión e o aproveitamento da comunidade sobre o citado monte.

4. Este monte xa foi obxecto do expediente nº 218 deste xurado, que na súa reunión do 13-6-1983 acor

dou cualifica-lo monte como veciñal, e con data do 29-10-1984 desestimou o recurso de reposición formulado contra tal resolución. Interposto recurso contencioso-administrativo contra as ditas resolucións, foi estimado pola sentencia do 9-4-1988 da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña, confirmada pola sentencia do 18-6-1991 da sala terceira, sección sexta do Tribunal Supremo.

Tales sentencias declaraban a nulidade das resolucións do xurado, baseándose en que nos expedientes administrativos non se acreditou que o monte fose posuído e aproveitado polos veciños, ó considerar que os informes e documentos existentes no expediente non eran base suficiente para cualifica-lo monte como veciñal.

Agora, á vista das novas sentencias achegadas, onde figura o recoñecemento explícito tanto da orixe veciñal do monte coma dos aproveitamentos realizados pola comunidade, o xurado decide o inicio de novo expediente de cualificación.

5. Publicados os edictos, e transcorrido o prazo para posibles reclamacións, non se presentan ningunha alegación contra este expediente.

6. Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo, e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundamentos de dereito:

1. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expediente, en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2. De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños do lugar das Pasantes son parte lexítima para solicita-la iniciación deste expediente de cualificación.

3. Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

4. Das actuacións que constan no expediente e, en especial, da comprobación do expresado no punto anterior, que vén avalado polo recoñecemento tanto

da orixe veciñal do monte coma dos aproveitamentos realizados pola comunidade solicitante que se recolle nas sentencias achegadas, dedúcese que neste caso nos encontramos cun monte pertencente á comunidade veciñal do lugar das Pasantes, onde se cumpren os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta do instructor,

ACORDA:

Cualificar como veciñal en man común o monte Relleira de Sobreiros e Costa das Pasantes, Prado das Porfías, Costa de Cova Ladróns, Relleira de Corneda, e Campo de Monteira de Riba, de pertenza do lugar das Pasantes, parroquia de Vimianzo, concello de Vimianzo. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do Catálogo dos de utilidade pública, se neles estivese inscrito, e incluído no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Medio Ambiente da Coruña».

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 12 de xuño de 2002.

Ana María Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común da Coruña