Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 24 de decembro de 2002 Páx. 17.659

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 23 de decembro de 2002 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 120 millóns de euros.

O artigo 1 da Lei 5/2002, do 20 de decembro, de modificación da posición neta debedora da Comunidade Autónoma de Galicia a 31 de decembro de 2002, modifica o artigo 27.1º da Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, establecendo que a posición neta debedora da Comunidade Autónoma ó final do exercicio poderá experimentar unha variación de 65.000.000 de euros.

Así mesmo, o artigo 2 da citada Lei 5/2002, autoriza o conselleiro de Economía e Facenda para que dispoña a realización das operacións financeiras recollidas nos artigos 29 e 30 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Mediante acordo do Consello de Ministros do 11 de outubro de 2002 obtívose a autorización establecida no artigo 14.3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Emitir débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia por un importe de 120 millóns de euros. Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións da Xunta de Galicia, representada mediante anotacións en conta, ó abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores coas modificacións introducidas pola Lei 44/2002, do 22 de novembro, de medidas de reforma do sistema financeiro e da Lei 41/1999, do 12 de novembro, sobre sistemas de pagamentos e de liquidación de valores.

A emisión de débeda pública que autoriza esta orde terá as características que se detallan a continuación:

Importe: 120 millóns de euros.

Data da emisión: 27 de decembro de 2002.

Data de desembolso: 27 de decembro de 2002.

Prezo da emisión: á par, libre de gastos para o subscritor.

Nominal das obrigacións: 1.000 euros.

Subscrición: realizarana directamente as entidades financeiras aseguradoras da emisión, actuando no nome propio ou por conta de terceiras persoas, o día 26 de decembro de 2002.

Cupón: os cupóns serán semestrais e vencerán os días 27 de xuño e 27 de decembro de cada ano. A Xunta de Galicia pagará no seu vencemento os cupóns polo seu importe líquido. Se o posuidor é un investidor non residente que non opere en España mediante establecemento permanente, procederase á devolución de oficio das retencións practicadas, segundo o procedemento establecido na resolución da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro desta consellería, do 22-10-1993 (DOG do 8 de novembro). Así mesmo, procederase á devolución de oficio das retencións practicadas ós investidores suxeitos pasivos do imposto de sociedades, así como ós investidores non residentes que operen en España a través de establecemento permanente, segundo o procedemento establecido na resolución da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro do 3-7-2001 (DOG do 9 de xullo).

Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda pública á Central de Anotacións de Débeda Pública do Banco de España na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores e nos demais preceptos legais aplicables na materia.

Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións cá débeda pública do Estado.

Amortización: dunha soa vez á par, ós tres (3) anos da data da emisión.

Tipo de xuro: variable, fixarase semestralmente, con referencia ó Euribor (sen marxe) a prazo de 6 meses das 11 horas, publicado por Reuters na páxina Euribor01 (ou outra que a substitúa) do segundo día hábil anterior ó inicio do período de xuro.

Liquidez: as entidades aseguradoras garanten durante a vida da emisión a liquidez das obrigacións.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2002.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda