Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Sábado, 21 de decembro de 2002 Páx. 17.520

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 5/2002, do 20 de decembro, de modificación da posición neta debedora da Comunidade Autónoma de Galicia ó 31 de decembro de 2002.

As especiais características que definen a prestación dun servicio sanitario ó conxunto da poboación galega converten nunha tarefa de especial dificultade a estimación da asistencia demandada e das prestacións solicitadas. Esta situación deberase facer compatible cos recursos totais que se poñen á disposición do sistema de saúde.

O Servicio Galego de Saúde (Sergas) vén ultimamente manifestando certas presións en determinados gastos, en especial nos destinados á prestación farmacéutica. Como consecuencia deste feito, os citados gastos impútanse a exercicios posteriores, o que fai incidir tensións sobre estes, ó reduci-lo orzamento dispoñible por anotacións do exercicio anterior, e o que impide que o orzamento corrente se dedique na súa totalidade á cobertura dos gastos do propio exercicio e á mellora do servicio.

O importe das necesidades de financiamento estimadas ó próximo 31 de decembro de 2002, segundo se explica na memoria económico-financeira que se incorpora como anexo a esta lei, ascendería a 65.000.000 A.

No expediente de ampliación de crédito no Sergas, de referencia AM-11-50-014-2002, e por importe de 69.057.124,39 A, destinado ó pagamento de productos farmacéuticos procedentes de receitas médicas, establecéronse como fontes de financiamento, por unha parte, unhas retencións de crédito no capítulo VI do devandito organismo, por importe de 4.057.124,39 A, e por outra, por importe de 65.000.000 A, con cargo ó aforro bruto da Comunidade Autónoma que derive da liquidación do actual exercicio orzamentario, todo iso respectando o necesario equilibrio económico-financeiro e polo tanto non entrañando déficit orzamentario.

Como a totalidade do aforro bruto se dedica ó financiamento de parte dos gastos de capital, a súa diminución supoñería unha reducción na mesma contía na execución dos programas de investimento. O mantemento dos mesmos niveis previstos para non producir desviacións dos obxectivos dos programas respectivos, tendo en conta que o artigo 27.Un da Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, establece que a posición neta debedora da Comunidade Autónoma á fin do exercicio non experimentará variación, obriga a modifica-la autorización do devandito nivel de endebedamento para permiti-lo financiamento destes programas de gasto de investimento.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto

de Galicia e no artigo 24 da lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, formulo en nome de El-Rei, a Lei de modificación da posición neta debedora da Comunidade Autónoma de Galicia ó 31 de decembro de 2002.

Artigo 1

Modifícase o artigo 27.Un da Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2002, ó que se lle dá a seguinte redacción:

«Un.-A posición neta debedora da Comunidade Autónoma á fin do exercicio poderá experimentar unha variación de sesenta e cinco millóns de euros (65.000.000 A), e todo iso sen prexuízo do disposto no apartado Dous.

Para estes efectos inclúese a posición neta debedora da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.».

Artigo 2

Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para que dispoña a realización das operacións financeiras ás que se refiren os artigos 29 e 30 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coa limitación establecida no artigo anterior.

Artigo 3

Sen prexuízo do disposto nos artigos anteriores, na medida en que tanto as desviacións estimadas coma os recursos adicionais ós que se fai referencia na memoria económico-financeira que se incorpora como anexo a esta lei difiran das que finalmente se realicen e, polo tanto, non acaden estes últimos a cubri-las devanditas desviacións, se é o caso, sanearanse estas mediante a obtención de aforro bruto suficiente por parte do Sergas, durante catro anos sucesivos, contados desde 2004 inclusive.

Artigo 4

Co obxecto de que o gasto sanitario se manteña e evolucione dentro das previsións orzamentarias, nos orzamentos do Sergas establecerase un fondo de continxencia dotado cun importe non inferior ó 3,5% dos créditos iniciais dos capítulos II e IV coa finalidade de garanti-lo necesario equilibrio económico-financeiro, que podería verse afectado por desviacións nos gastos de funcionamento dos centros e nos gastos de farmacia.

A citada porcentaxe poderá ser reducida, se é o caso, nas futuras leis de orzamentos segundo os efectos derivados das medidas que se adopten na Comisión de Racionalización do Gasto Farmacéutico.

Para o exercicio 2003, este fondo constituirase no centro 50.01 mediante as retencións de crédito noutros capítulos do orzamento de gastos.

Para exercicios sucesivos, a súa constitución non impedirá que os créditos iniciais destes capítulos II e IV do Sergas evolucionen como mínimo na mesma porcentaxe que o fagan os recursos procedentes do modelo de financiamento sanitario.

Do devandito fondo poderase dispoñer, total ou parcialmente, cada ano, para outras atencións na medida en que as previsións do gasto en tales capítulos non fagan necesaria a súa utilización.

Para estes efectos, trimestralmente, a Consellería de Economía e Facenda fará o oportuno seguimento dos citados gastos e daralle conta á Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o Consello da Xunta, por proposta das consellerías de Economía e Facenda e de Sanidade, no ámbito das súas respectivas competencias, para dicta-las disposicións necesarias a prol do desenvolvemento desta lei.

Segunda.-Esta lei entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de decembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

ANEXO

Memoria económico-financeira da lei de modificación da posición neta debedora da Comunidade Autónoma de Galicia ó 31 de decembro de 2002

A prestación sanitaria en Galicia ten experimentado importantes melloras, tanto cualitativas coma cuantitativas, desde que no ano 1991 esta Comunidade Autónoma asumiu a competencia, motivado fundamentalmente polo positivo comportamento da evolución do modelo de financiamento sanitario.

Así, desde o ano 1991, obsérvase que o incremento porcentual medio anual desta partida se elevou ó 10,25%, o que en termos acumulativos supón un 112,76%. Nembargantes, o financiamento sanitario nestes últimos anos viuse complementado con recursos da propia Comunidade Autónoma, que se elevaron a un montante global de 157,4 millóns de euros, tamén desde 1991.

Sen embargo, e motivado en gran medida polas especiais características que definen a prestación do servicio sanitario, o Servicio Galego de Saúde vén manifestando, nestes últimos exercicios, certas presións en determinados gastos, especialmente nos destinados á prestación farmacéutica. Como consecuencia deste feito, os citados gastos impútanse a exercicios posteriores, o que fai incidir tensións sobre estes, ó reduci-lo orzamento dispoñible por anotacións do exercicio anterior, e o que impide que o orzamento corrente se dedique na súa totalidade á cobertura dos gastos do propio exercicio e, polo tanto, á mellora do servicio.

Por tal motivo, xa no ano 2000, acordouse un escenario orzamentario segundo o que os créditos destinados á prestación farmacéutica se facían evolucionar a uns índices superiores á situación real do gasto, co obxecto de que no ano 2005 quedasen absorbidas as presións anteriormente citadas.

É certo que a evolución deste gasto experimentou crecementos superiores á estimación no seu día realizada, o que impediu o pretendido equilibrio. Para que tal situación non mingüe capacidades de xestión en anos vindeiros e que os incrementos do financiamento repercutan en melloras certas do nivel dos servicios e o orzamento anual constitúa unha referencia obrigada do total do gasto sanitario, cómpre facer neste momento unha estimación das desviacións que poderían producirse ó próximo 31 de decembro de 2002, coa finalidade de atendelas para que os seus efectos non se trasladen a exercicios futuros.

O importe ó que ascendería a estimación destas desviacións no próximo 31 de decembro de 2002 sería de 203.999.471,20 A, de acordo coa seguinte desagregación:

Capítulo I:7.200.000,00.

Capítulo II (Deputación de Lugo.-Liquidación

por estancias en San Rafael ó 30-9-2002):46.267.559,17.

Estimación do 4º trimestre:1.183.609,40.

Capítulo II (resto):55.293.113,28.

Capítulo IV (Prestación farmacéutica):91.491.647,86.

Capítulo IV (resto):2.563.541,49.

Total:203.999.471,20.

Estas necesidades estimadas de financiamento absorberíanse en parte a través das seguintes fontes, que deben orixinar recursos complementarios:

Liquidacións ás CC.LL. (hospitais provinciais):95.099.061,55.

Dereitos recoñecidos:-8.130.228,14.

Neto:86.968.833,41.

Previsión da liquidación definitiva de 2001:47.973.513,40.

Total:134.942.346,81.

En consecuencia, a diferencia pendente de financiar ascende a 69.057.124,39 A, que se obtería a través da incoación do seguinte expediente:

Expediente de ampliación de crédito no Sergas, de referencia AM-11-50014-2002, por importe de 69.057.124,39 A, destinado ó pagamento de productos farmacéuticos procedentes de receitas médicas, por ter este gasto a consideración de crédito ampliable segundo o establecido no artigo 64.1 f) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

O punto 2 do citado artigo 64 determina que o expediente de ampliación de crédito deberá establece-la fonte de financiamento de devandita ampliación. Consecuentemente no expediente de referencia figuran como fontes de financiamento as seguintes:

-Retencións de crédito no capítulo VI de dito organismo, por importe de 4.057.124,39 A.

-E 65.000.000 A con cargo ó aforro bruto do Comunidade Autónoma que derive da liquidación do actual exercicio orzamentario, todo iso respectando o necesario equilibrio económico-financeiro, o que polo tanto non entraña déficit orzamentario.

Ó quedar polo tanto, desta forma, resolta a totalidade das tensións anteriormente indicadas, é preciso facer constar que como consecuencia de que a totalidade do aforro bruto se dedica ó financiamento de parte dos gastos de capital, a súa diminución supoñería unha reducción na mesma contía na execución dos programas de investimento da Comunidade Autónoma.

Polo tanto, co obxecto de mante-los mesmos niveis previstos para non producir desviacións nos obxectivos dos programas respectivos, tendo en conta que o artigo 27.Un da Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, establece que a posición neta debedora da Comunidade Autónoma á fin do exercicio non experimentará variación, faríase necesario modifica-la autorización do devandito nivel de endebedamento para permiti-lo financiamento destes programas de gasto de capital.