Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Martes, 17 de decembro de 2002 Páx. 17.310

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2002 pola que se convocan e regulan as bases para a concesión de dúas bolsas de apoio técnico a proxectos ou traballos de investigación relacionados coa estatística pública.

A Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, regula os principios e as normas nas que se basean as actividades estatísticas da Comunidade Autónoma, encomendándolle ó Instituto Galego de Estatística (IGE) o impulso e fomento da investigación estatística que contribúa a mellora-lo coñecemento da realidade socioeconómica de Galicia.

Co fin de promove-la investigación no ámbito da estatística pública relacionada cos temas de interese para Galicia, o IGE convoca dúas bolsas de apoio técnico.

Por todo isto, esta dirección resolve facer pública a presente convocatoria, que se aterá ás seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Convócanse, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia dúas bolsas de apoio técnico

para promover e fomentar traballos de investigación relacionados coa estatística pública, nas áreas das estatísticas demográficas, sociais ou económicas, que teñan como ámbito territorial a Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Requisitos dos solicitantes.

Para optar a estas bolsas será necesario cumpri-los seguintes requisitos:

a) Ser estudiante de 3º ciclo, bolseiro de investigación ou doutorando matriculado en calquera das universidades de Galicia.

b) Realizar proxectos ou traballos de investigación relacionados coa estatística pública.

Terceira.-Presentación, formalización e prazo de solicitudes.

As solicitudes formalizaranse no impreso que se achega como anexo a esta convocatoria e deberán presentarse no rexistro do IGE, sito no complexo administrativo San Lázaro, San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou nos rexistros dos demais

órganos e oficinas ós que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación en orixinal ou fotocopia debidamente compulsada.

-Documento nacional de identidade.

-Certificado que acredite os requisitos esixidos na base segunda desta convocatoria.

-Memoria relativa ó proxecto de investigación, visada polo seu director.

-Declaración expresa e responsable de non ter sido separado do servicio de calquera das administracións públicas mediante expediente disciplinario.

-Escrito no que se faga consta-lo tipo de apoio técnico que se require.

-Currículum vitae do solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

Cuarta.-Selección e avaliación das solicitudes.

A selección e avaliación das solicitudes será levada a cabo por unha comisión integrada polos seguintes membros:

-Presidenta: a secretaria técnica do IGE.

-Vocais: o subdirector xeral de Coordinación Técnica e Planificación Estatística do IGE; o xefe de Difusión e Información Estatística; os tres representantes do Consello Galego de Estatística de relevancia profesional.

-Secretario: actuará como secretario/a un funcionario/a do IGE.

A selección dos aspirantes será levada a cabo pola comisión de avaliación e valorarase segundo o seguinte baremo:

-Memoria relativa ó proxecto ou traballo de investigación: 0,9 puntos.

-Experiencia curricular: 0,1 puntos.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a comisión de avaliación fará pública a lista provisoria de excluídos, dispoñendo os interesados de cinco días naturais para emenda-las deficiencias observadas. Transcorrido o dito prazo sen que se proceda a completar ou emenda-las deficiencias considerarase que desistiu da súa solicitude, procedéndose segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Efectuada a avaliación dos méritos, consonte o baremo establecido na base cuarta, farase pública a relación definitiva de candidatos admitidos e

excluídos na que constará a puntuación alcanzada. A comisión elevaralle ó director do IGE unha proposta de concesión para a designación dos titulares. Cos restantes admitidos elaborarase unha lista de suplentes, por orde decrecente de puntuación. Esta lista será operativa no caso de que os bolseiros seleccionados non se incorporasen na data establecida, cando o bolseiro renunciase á bolsa ou cando se procedese á súa revogación.

Quinta.-Resolución, notificación e publicidade.

Elevada pola comisión de avaliación proposta de concesión esta convocatoria será resolta polo director do IGE. Contra esta resolución poderá interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o director do IGE no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación da resolución nos termos dos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente, recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación da resolución de conformidade co establecido no artigo 46.4º da Lei 29/1998, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

A notificación da resolución ós titulares farase segundo o disposto no artigo 59.1º da Lei 30/1992, dando, así mesmo, a oportuna publicidade no DOG.

Recibida a notificación, e nos 15 días seguintes, os beneficiarios deberán proceder a comunicar por escrito a aceptación da bolsa e de cantas obrigas se deriven do seu desfrute. O bolseiro que non se incorporase no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa. Neste suposto o director do IGE procederá, mediante resolución, á concesión da bolsa ó primeiro candidato que figure na lista que para tal efecto elabore a comisión de avaliación.

Sexta.-Duración da bolsa.

O tempo de duración da bolsa será o que veña determinado pola realización do traballo e como máximo o de vixencia do Plan Galego de Estatística 2002-2006 (31-12-2006).

Sétima.-Obrigas dos bolseiros.

-Cumprir co réxime establecido polo director do IGE, en canto ó asesoramento, orientación e dirección.

-Comprometerse a cita-lo IGE como organismo colaborador, en calquera difusión que se faga dos traballos.

-Garda-lo segredo estatístico respecto dos datos ós que teñan acceso, segundo o disposto na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia.

Oitava.-Renuncia á bolsa.

A renuncia á bolsa por parte do beneficiario, unha vez iniciado o seu desfrute, deberá comunicarse por escrito dirixido ó director do IGE.

Novena.-Dotación económica.

A concesión das bolsas que se convocan na presente resolución non dá dereito á percepción por parte dos bolseiros de ningún tipo de retribución polo que non implica gasto económico para o IGE.

Décima.-Impugnabilidade.

A presente convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados, nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décimo primeira.-Duración do procedemento.

Para os efectos do establecido no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes será de tres meses, contados a partir da publicación da presente convocatoria.

Décimo segunda.-Cláusula xeral.

A participación na presente convocatoria implica o coñecemento e aceptación destas bases.

A concesión e posterior aceptación da bolsa non supón ningún tipo de vinculación laboral entre o bolseiro e o Instituto Galego de Estatística.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das bolsas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O director poderá revoga-lo desfrute da bolsa se o bolseiro non realiza o traballo conforme o asesoramento ou orientación que se lle indique; en tal suposto, así como no de renuncia da bolsa por parte do beneficiario, o director do IGE procederá na forma prevista na base cuarta desta convocatoria.

Disposición derradeira

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2002.

José Antonio Campo Andión

Director do Instituto Galego de Estatística

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL