Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 16 de decembro de 2002 Páx. 17.237

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN E COOPERACIÓN EXTERIOR

DECRETO 342/2002, do 28 de novembro, polo que se modifica o Decreto 403/2001, do 28 de decembro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior.

A creación de novos programas e multiplicación das accións de axuda ós emigrantes galegos, o fenómeno crecente do retorno e o incremento de proxectos en materia de cooperación ó desenvolvemento aconsellan realizar modificacións na estructura orgánica da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior, de acordo con criterios de eficacia, para mellora-la organización administrativa e a prestación de servicios administrativos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior, logo do informe das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de novembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 4º dous 1,que quedará redactado como segue:

Baixo a dependencia directa do secretario xeral existirán as seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario, que exercerá as seguintes funcións:

a) A asistencia técnica e administrativa ó secretario xeral en tódolos asuntos que este lle encomende.

b) A xestión de tódolos asuntos relacionados co persoal da consellería, sen prexuízo das atribucións que correspondan ós órganos competentes das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda.

c) A coordinación da elaboración do anteproxecto de orzamento, o seu seguimento e control.

d) A organización do rexistro e a coordinación con outros rexistros existentes na consellería.

e) A contratación administrativa, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

f) A coordinación das publicacións da consellería.

g) A coordinación da formación de estatísticas, estudios e investigacións acerca das competencias da consellería, sen prexuízo das que ten asumidas o Instituto Galego de Estatística.

h) A xestión dos investimentos, compras, subministracións e servicios da consellería, sen prexuízo das competencias que poidan ter atribuídas outros órganos dela.

i) O establecemento, seguimento e mantemento dos procesos informáticos da consellería, sen prexuízo das competencias que a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública ten atribuídas nesta materia.

j) A tramitación da remisión dos asuntos que deban someterse ó Consello da Xunta de Galicia ou ás comisións delegadas, así como a das disposicións e actos administrativos que deban publicarse no Diario Oficial de Galicia ou en calquera outro diario oficial.

k) O desempeño das funcións de índole administrativa que teña encomendadas a consellería en relación coas fundacións sobre as que exerza o protectorado.

l) Tódolos aspectos relacionados co réxime interno da consellería.

m) A organización do arquivo da consellería.

Estrúcturase nas seguintes unidades:

1.1 Servicio de Xestión Orzamentaria e Réxime Interior.

Son funcións deste servicio:

a) A elaboración do anteproxecto de orzamento.

b) A xestión e seguimento da execución orzamentaria.

c) A habilitación de pagamentos, agás os relativos ó capítulo I.

d) O rexistro xeral da consellería.

e) O arquivo.

f) O réxime interior.

1.2 Servicio Técnico Xurídico, Contratación e de Persoal.

Son funcións deste servicio:

a) Estudia-los proxectos de disposicións que vaia promulga-la consellería adaptándoos ás prescricións do ordenamento xurídico cando así se lle encomende.

b) Elabora-las propostas de resolución dos recursos administrativos que debe resolve-lo conselleiro.

c) O estudio das disposicións de carácter xeral que deban someterse á Comisión de Secretarios Xerais e que sexan encargadas polo secretario xeral.

d) O rexistro, arquivo e custodia das disposicións legais emanadas da consellería ou dos seus centros directivos.

e) As funcións relativas ó exercicio do protectorado en relación con aquelas fundacións que se atopen baixo a tutela da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior.

f) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa.

g) A tramitación dos expedientes administrativos relativos ó persoal funcionario e laboral dependente da consellería.

h) A habilitación de pagamentos relativos ó capítulo I.

i) Programa-las necesidades de persoal da consellería.

j) O control de asistencia e puntualidade.

k) Aquelas outras actividades relativas ó persoal da consellería que, no seu ámbito de competencia, lle encomende o secretario xeral.

Artigo 2º

Modifícase o artigo 5º, que quedará redactado como segue:

Un.-A Dirección Xeral de Emigración é o centro directivo encargado de executa-la política da Xunta de Galicia sobre Comunidades Galegas asentadas fóra de Galicia. Para tal fin exercerá as seguintes competencias:

a) As actuacións nas materias derivadas da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade.

b) As relacións da Xunta de Galicia coas Comunidades Galegas asentadas fóra do territorio da Comunidade Autónoma.

c) A preparación e, se é o caso, sinatura e seguimento da execución dos convenios de colaboración coas distintas administracións públicas, os seus organismos e demais institucións e que, en relación cos galegos residentes no exterior, teñan por obxecto a consecución de actividades de tipo social, educativo, formativo e cultural que, dado o caso, procedan.

d) O fomento para a creación, a coordinación e a participación nas principais cidades do exterior nas que así o aconselle o apreciable volume de residentes galegos, de unidades de asesoramento nos centros galegos existentes ou que se creen.

e) A ordenación e planificación dos programas de atención ós emigrantes retornados.

Dous.-Para o exercicio das súas funcións e competencias a Dirección Xeral de Emigración estructúrase da seguinte forma:

1. Subdirección Xeral de Programas Sociais e Emerxencias, á que lle corresponderá a asistencia ó director xeral en materia de política social a prol dos emigrantes, incluídos os aspectos formativos e culturais, así como a elaboración de programas sociais e de emerxencias e a coordinación e dirección dos servicios que dela dependan.

Estructúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Atención Social ós Emigrantes.

Son funcións deste servicio:

a) A proposta, articulación e deseño das medidas de actuación de asistencia social tendentes á mellora da calidade de vida dos galegos residentes fóra de Galicia.

b) A preparación, coordinación e seguimento dos programas de axudas ós galegos residentes no exterior.

c) Regula-los criterios de avaliación socioeconómica necesarios para realiza-lo diagnóstico sobre os estados de necesidade dos nosos maiores residentes no exterior solicitantes de axuda.

d) Prestar información e asesoramento ós emigrantes galegos sobre as cuestións formuladas, tanto de carácter social como sobre a actualidade de Galicia.

e) O estudio, tramitación e seguimento de programas que permitan a mobilidade xeográfica entre os lugares de residencia dos galegos do exterior e Galicia.

f) A preparación, coordinación e seguimento de programas de colaboración asistencial e social coas residencias da terceira idade sitas no estranxeiro nas que exista presencia de anciáns galegos.

g) A proposta e seguimento de medidas para a promoción social dos emigrantes e das súas familias.

h) A elaboración de toda clase de estudios e informes relacionados coa situación dos galegos residentes no exterior que sexan solicitados pola dirección xeral.

i) Información xeral das prestacións que poidan afectar ós retornados ou interesados no retorno, así como dos dereitos dos que poidan ser potenciais beneficiarios.

j) Estudios e investigacións sobre as diversas facetas relacionadas co feito do retorno a Galicia dos emigrantes e os seus descendentes.

k) A elaboración de programas que apoien a integración sociolaboral do emigrante galego retornado á nosa Comunidade Autónoma.

1.2. Servicio de Acción Formativa e Cultural.

Son funcións deste servicio:

a) A confección e xestión dos programas de formación ou especialización dirixidos ás comunidades galegas residentes no exterior.

b) Elaboración e xestión de programas para a formación profesional, empresarial e ocupacional dos galegos no exterior, nos propios países en que residen.

c) Promoción e desenvolvemento das actividades culturais, de acción solidaria e tempo libre dirixidas á xuventude das comunidades galegas do exterior, así como o fomento da participación destes xoves nos programas e servicios que a favor da xuventude organiza a Xunta de Galicia.

d) A elaboración e xestión de programas de promoción e integración da xuventude na actividade sociocultural e xerencial das comunidades galegas.

e) A programación de cursos, seminarios e actividades dirixidas á promoción e difusión da cultura así como o coñecemento da realidade actual de Galicia no exterior.

f) A proposta de iniciativas de participación en traballos, conferencias e simposios de interese, así como a selección de relatorios e a realización das xestións necesarias para tales actos.

g) Elaboración de programas orientados á conservación dos fondos patrimoniais, documentais e bibliográficos das comunidades galegas no exterior.

h) Elaboración de estudios, informes e xestión de programas que lle sexan encomendados polo director xeral.

2. Subdirección Xeral de Comunidades Galegas, á que lle corresponderá a asistencia ó director xeral nas súas relacións institucionais coas comunidades galegas, os procesos de reordenación destas e o recoñecemento da galeguidade, así como o seguimento dos expedientes de gasto relativos ás axudas que derivan dos programas sociais e culturais, e asesoramento técnico na elaboración e xestión de bases de datos da dirección xeral.

Contará coa seguinte unidade:

2.1. Servicio de Rexistro de Comunidades Galegas e tramitación de axudas.

Son funcións deste servicio:

a) A xestión administrativa das axudas ou subvencións para programas destinados a entidades galegas que presten determinados servicios asistenciais e residenciais así como para aqueles plans de contido estructural, funcional e de equipamento dos centros galegos no exterior.

b) A xestión administrativa dos programas da consellería en forma de axudas e subvencións, nas áreas formativas e culturais e aquelas dedicadas ós mozos descendentes dos galegos no exterior.

c) Xestión do rexistro de comunidades galegas e nesta materia, segundo o previsto, tramitación dos expedientes de recoñecemento de galeguidade, de altas, baixas ou modificacións.

d) Preparación de convenios e concertos coas entidades galegas no exterior.

e) Planificación e xestión das bases de datos relacionais correspondentes a programas de actuación da dirección xeral.

f) A coordinación das actividades que presten as unidades de asesoramento nos centros galegos, coa actualización de procedementos e novas tecnoloxías, nos termos nos que se recoñece no artigo 3.1º da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade.

g) Asesoramento, apoio técnico e coordinación da Mesa Galega da Emigración e do Consello de Comunidades Galegas e outros órganos de consulta e asesoramento das institucións da Comunidade Autónoma de acordo co previsto no capítulo II da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade.

Artigo 3º

Modifícase o artigo 6º, que quedará redactado como segue:

Un.-Correspóndelle á Dirección Xeral de Cooperación Exterior a dirección e coordinación das actuacións da consellería en materia de cooperación ó desenvolvemento e cooperación interrexional. A tal fin, exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

a) A elaboración dos plans e estratexias de cooperación ó desenvolvemento no que se determinarán as prioridades xeográficas e sectoriais de actuación da Xunta de Galicia nesta materia.

b) Fomenta-la cooperación en favor dos países en vías de desenvolvemento entre os diferentes axentes de cooperación galegos, promovendo especialmente a participación do sector empresarial, a universidade e as entidades locais, así como as comunidades galegas no exterior.

c) Promover relacións de cooperación con entidades e institucións non estatais nin subestatais estranxeiras de tipo asociativo, académico ou fundacional de carácter científico, productivo, social ou cultural.

d) A participación de Galicia nos programas da Axgencia Española de Cooperación Internacional en materia de cooperación interrexional e para o desenvolvemento.

e) Impulsar novas vías de cooperación que fixe como obxectivo o PROCAE así como a xestión dos convenios específicos que se artellen para a execución dos ditos obxectivos.

f) A canalización e tramitación de accións cara ó acceso ás licitacións internacionais en materia de cooperación ó desenvolvemento e interrexional.

g) O fomento da imaxe integral de Galicia e o galego no exterior.

h) A elaboración de programas de fomento da cooperación a través da marca Empresa Galicia Solidaria.

i) Promove-la participación social e cidadá nas accións de cooperación para o desenvolvemento mediante a realización ou financiamento de campañas de concienciación e sensibilización en favor dos pobos máis desfavorecidos.

j) Promove-la formación e capacitación de técnicos galegos no eido da cooperación exterior a través de bolsas ou programas formativos.

Dous.-Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior estructúrase do seguinte xeito:

1. Subdirección Xeral de Cooperación Exterior.

Correspóndelle a esta subdirección xeral a asistencia ó director xeral nas súas competencias en

materia de cooperación exterior e, especialmente, a planificación e elaboración das disposicións normativas e os programa necesarios para a súa execución, así como a coordinación e dirección dos servicios dela dependentes.

Estructúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servicio de planificación, seguimento e avaliación da cooperación exterior.

Correspóndelle a este servicio as seguintes funcións:

a) A elaboración dos planes e estratexias de cooperación ó desenvolvemento no que se determinarán as prioridades xeográficas e sectoriais de actuación da Xunta de Galicia nesta materia.

b) O seguimento e avaliación dos programas e actuacións que en materia de cooperación exterior realice directamente a Xunta de Galicia ou en colaboración con outros axentes de cooperación.

c) A definición dos instrumentos técnicos que se poden utilizar nos diferentes programas de cooperación para o desenvolvemento segundo o disposto na normativa vixente e na Lei 23/1998, do 7 de xullo, de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

d) A elaboración de estudios, informes e propostas de participación da Xunta de Galicia en proxectos de cooperación ó desenvolvemento e interrexional a través das comisións mixtas da Axencia Española de Cooperación Internacional ou con outras comunidades autónomas ou administracións locais.

e) A tramitación administrativa dos expedientes sancionadores derivados das actuacións en materia de cooperación exterior.

f) Realizar labores de fomento da cooperación a través da marca Empresa Galicia Solidaria.

g) O asesoramento, apoio técnico e a coordinación dos órganos colexiados de cooperación exterior da Xunta de Galicia.

h) A canalización e tramitación de accións de cara ó acceso ás licitacións internacionais en materia de cooperación ó desenvolvemento.

1.2. Servicio de Fomento da Cooperación ó Desenvolvemento.

Correspóndelle a este servicio as funcións de:

a) Xestión administrativa dos programas de axudas e subvencións ós proxectos de cooperación ó desenvolvemento presentados polas ONG galegas.

b) O rexistro galego de Organizacións non Gobernamentais de Axuda ó Desenvolvemento.

c) Xestión administrativa dos programas de axudas e subvencións ós proxectos de cooperación ó desenvolvemento con comunidades galegas no exterior, universidades, empresas, sindicatos, entidades locais e outros axentes de cooperación galegos.

d) Promove-la participación social e cidadá nas accións de cooperación para o desenvolvemento mediante a realización ou financiamento de campañas de concienzación e sensibilización en favor dos pobos máis desfavorecidos.

e) Convenios de cooperación coas ONG galegas e as súas asociacións representativas.

f) Fomenta-la cooperación en favor dos países en vías de desenvolvemento entre os diferentes axentes de cooperación galegos, promovendo especialmente a participación do sector empresarial, a universidade e as entidades locais, así como as comunidades galegas no exterior.

g) A elaboración de estudios, informes e propostas de participación da Xunta de Galicia en proxectos de cooperación ó desenvolvemento a través das comisións mixtas da Axencia Española de Cooperación Internacional ou con outras comunidade autónomas ou administracións locais.

h) Xestión de sistemas de alerta rápida, programas de axuda alimentaria e reconstrucción nos países menos desenvolvidos.

1.3. Servicio de Cooperación Interrexional.

Son funcións deste servicio as seguintes:

a) Elaborar instrumentos de cooperación con entidades e institucións non estatais nin subestatais estranxeiras de tipo asociativo, académico ou fundacional de carácter científico, productivo, social ou cultural.

b) O desenvolvemento e execución dos acordos adoptados nas comisións mixtas de Cooperación Internacional nas que participe a Xunta de Galicia no seo da Axencia Española de Cooperación Internacional.

c) Participación no impulso das novas vías de cooperación que fixe como obxectivo o PROCAE así como a xestión dos convenios específicos que se artellen para a execución dos ditos obxectivos.

d) Facilita-la formación e capacitación de técnicos galegos no eido da cooperación exterior a través de bolsas ou programas formativos.

e) Fomento de investigacións e estudios sobre a imaxe integral de Galicia e o galego no exterior a través de bolsas e subvencións. As citadas actuacións requirirán informe previo e vinculante da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos.

f) Fomento da implicación dos axentes sociais nunha cultura cooperativa que incentive o protagonismo de Galicia e do galego no exterior.

g) A xestión dos programas horizontais de cooperación interrexional derivados das liñas de financiamento da Unión Europea.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior para dicta-las disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteoito de novembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Aurelio Miras Portugal.

Conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA