Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 13 de decembro de 2002 Páx. 17.163

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 4 de decembro de 2002 pola que se resolve a concesión de premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para os alumnos que remataron os seus estudios universitarios no ano 2002, nas universidades do sistema universitario de Galicia.

A Orde do 17 de xuño de 2002 (DOG do 27 de xuño) convocaba os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para alumnos universitarios que remataron os estudios no ano 2002 nas universidades do sistema universitario de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 10 das bases da convocatoria, desde o día 6 ata o día 16 de novembro de 2002 expuxéronse as listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas e durante ese mesmo prazo os interesados puideron formula-las reclamacións para emendar erros e faltas de documentos perante a Dirección Xeral de Universidades.

Rematado este prazo, as solicitudes admitidas foron estudiadas pola comisión avaliadora nomeada na propia orde de convocatoria.

En consecuencia, atendendo á proposta elaborada pola citada comisión, esta consellería

RESOLVE:

Artigo 1º

Concedérlle-los premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia ós alumnos universitarios que remataron os seus estudios no ano 2002 e que se relacionan no anexo I desta orde. Os alumnos premiados recibirán unha contribución en metálico de 2.404,04 euros.

Artigo 2º

As solicitudes que figuran relacionadas no anexo II desta orde e que foron admitidas para participar neste concurso debe entenderse que quedan denegadas polas causas que nel se sinalan.

Artigo 3º

O incumprimento total ou parcial por parte dos beneficiarios de calquera das condicións establecidas na orde de convocatoria, do 17 de xuño de 2002, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto refundido la Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 4º

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria