Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 13 de decembro de 2002 Páx. 17.144

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 28 de novembro de 2002 pola que se clasifica como de interese industrial a Fundación Centro Tecnolóxico da Pizarra.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Centro Tecnolóxico da Pizarra, con domicilio en Sobradelo de Valdeorras, Ourense.

Supostos de feito.

1. Santiago Vázquez León, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 13 de novembro de 2002, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día once de marzo de mil novecentos noventa e nove, ante o notario Manuel Julio Reigada Montoto, co número mil cento noventa e tres do seu protocolo pola Fundación para o Fomento de Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e pola Asociación Gallega de Pizarristas.

3. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos o obxecto principal da fundación é destinar e afecta-lo seu patrimonio á realización de fins xerais de interese galego, no ámbito sectorial e territorial a que a súa denominación e fins se contraen.

En xeral son fins desta fundación o apoio ó sector mineiro de Galicia, e en particular ó sector da lousa, mediante o desenvolvemento da investigación tecnolóxica de procesos e productos e o seu control de calidade, co fin de fomenta-la actividade, mellorando o rendemento das explotacións situadas en Galicia, de mellora-la súa competitividade e promociona-la súa comercialización.

En concreto a fundación xestionará o Centro Tecnolóxico da Pizarra, co seu Laboratorio Tecnolóxico integrado no dito centro e a Escola Técnica de Colocadores de Pizarra.

4. O padroado da fundación estará constituído segundo se determina no artigo 9 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese industrial da Fundación Centro Tecnolóxico da Pizarra, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese industrial e a súa adscrición á Consellería de Industria e Comercio.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 26 de novembro de 2002.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese industrial a Fundación Centro Tecnolóxico da Pizarra e adscribila á Consellería de Industria e Comercio que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública