Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Xoves, 28 de novembro de 2002 Páx. 16.591

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de novembro de 2002, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se lle dá publicidade ó laudo arbitral, para a solución do conflicto sobre a composición do comité intercentros e a comisión negociadora do convenio colectivo da empresa Corporación Alimentaria Peñasanta, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 2 f) do Real decreto 1040/1981, de 22 de maio, sobre rexistro

e depósito de convenios colectivos de traballo, faise público o laudo arbitral dictado sobre a composición do comité intercentros e a comisión negociadora do convenio colectivo da empresa Corporación Alimentaria Peñasanta, S.A. e de conformidade co disposto no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósitos de convenios colectivos do traballo, esta dirección xeral

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito laudo arbitral, no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2002.

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

ANEXO

Laudo arbitral

Emitido en Vigo por Jaime Cabeza Pereiro o 16 de setembro de 2002.

Antecedentes.

Con data do 31 de xullo de 2002, o xefe da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra, José María Casas de Ron, actuando nas competencias mediadoras que lle atribúe o artigo 3.3.1 da Lei 42/1997, do 14 de novembro, reúnese coas partes en conflicto relativo á representación legal dos traballadores na empresa Corporación Alimentaria Peñasanta, S.A., centro de traballo de Vilagarcía de Arousa. O conflicto versa sobre a composición do comité intercentros e a comisión negociadora do convenio colectivo.

Interveñen na mediación, por UGT Manuel Ferreiro Mosquera, secretario xeral da FTA. Por CC.OO., Fernando Ramos Armesto, secretario de Acción Sindical da Fagr., pola CIG, Luciano Billar González, secretario xeral da FAT. E acordan por unanimidade, por proposta do mediador, somete-lo conflicto á arbitraxe do asinante deste escrito.

Segundo os termos do acordo obtido en mediación, celebrouse unha vista o día 10 de setembro do 2002, na que as partes alegaron canto tiveron por conveniente e xuntaron ó expediente proba documental. Interviron, por CIG Xosé Fernández Piñeiro, por CC.OO., Fernando Ramos Armesto e por UGT, Manuel Ferreiro Mosquera. Trala vista, as actuacións quedaron pendentes da emisión deste laudo.

Conflicto.

A cuestión consiste na debida constitución da banda social na mesa negociadora do convenio colectivo

negociado e pactado para os anos 2001 a 2003, xa rexistrado e depositado. En concreto, se o sétimo posto na dita banda lle corresponde á CIG ou ben a CC.OO. Os restantes postos correspondéronlle a UGT, cinco membros, e a CC.OO., un membro. Provisoriamente, a para soluciona-lo conflicto en tanto non se resolvera por arbitraxe, a comisión negociadora quedou conformada polos seis membros indiscutidos como titulares e, ademais, un invitado por CC.OO. e outro pola CIG, segundo acordo obtido con asistencia da secretaria do Consello Galego de Relacións Laborais, Pilar Cancela Rodríguez, con data do 22 de novembro de 2001.

Resultancia fáctica.

Primeiro.-Segundo o artigo 33 do convenio colectivo da empresa Corporación Alimentaria Peñasanta, S.A. para os anos 1998 e 2000, con ámbito de aplicación referido ós centros de traballo que afectaba o convenio colectivo interprovincial de Lacto Agrícola Rodríguez, S.A. de 1996, «... existe un comité intercentros, que... está lexitimado para negociar convenios colectivos na empresa ...». O mesmo precepto engade máis adiante que «... pasará a compoñerse de sete membros ...». Pola súa banda, o artigo 2 do Regulamento do comité intercentros expresa o seguinte: «na súa constitución gardarase a debida proporcionalidade obtida polos sindicatos, segundo os resultados electorais considerados globalmente no conxunto da empresa, correspondendo a estes a designación tanto dos membros titulares como dos suplentes, de entre os compoñentes dos distintos comités de centro e, se é o caso, delegados de persoal».

Segundo.-Celebradas eleccións sindicais, designáronse os sete membros do comité intercentros, correspondéndolle cinco a UGT e dous a CC.OO., sen que CIG acadase a representatividade necesaria para ter presencia no dito órgano. Sen embargo, a empresa despediu a un dos seus membros, Luis Camilo Eiré Rey, despedimento declarado nulo na instancia, pero improcedente en suplicación, o que produciu que a empregadora optase pola extinción do contrato nos primeiros meses do ano 2000.

Terceiro.-O día 24 de agosto de 2001 asinouse acta de constitución da comisión negociadora do convenio colectivo de Corporación Alimentaria Peñasanta, factoría de Vilagarcía de Arousa. Entre outras alusións, a acta expresa, verbo da representación social, que «na semana próxima, a representación social pasará, por escrito, ós membros da comisión negociadora».

Cuarto.-Entre o día 30 de agosto e os primeiros días de setembro do 2001, o secretario xeral da Federación Agroalimentaria de CC.OO. Galicia comunícalle ó presidente do comité intercentros e á dirección da empresa a designación de Carlos Pazos Cid en substitución do traballador despedido, para o comité intercentros e a comisión negociadora. Pola

súa banda, o 14 de setembro do 2001, o secretario nacional da Federación de Alimentación e Téxtil da CIG comunicalle ó presidente do Comité Intercentros e ó Departamento de Recursos Humanos da empresa o nomeamento de Manuel Danis Agra como membro titular da comisión negociadora. O día 21 de setembro do 2001, Joaquín Varela Castelo, membro da lista electoral de CC.OO., comunica por escrito ó presidente do comité de empresa de Vilagarcía e á dirección da empresa a súa aceptación do cargo de membro do comité de empresa, logo da renuncia dos suplentes anteriores a el na candidatura electoral. O 4 de outubro, o secretario nacional da Federación de Alimentación e Téxtil da CIG reitéralle ó director de Recursos Humanos da empresa o dereito da súa federación de contar cun membro na comisión negociadora. E o 24 de outubro, Joaquín Varela Castelo comunica a súa aceptación para ser membro do comité de empresa, en substitución do despedimento, á oficina pública de rexistro de eleccións sindicais.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro.-Debe explicitarse, en primeiro termo, que a negociación colectiva da que xorde este conflicto diríxese á sinatura dun convenio colectivo infraempresarial, xa que quedan fóra do seu ámbito de aplicación a fábrica da empresa da provincia de Lugo e as dependencias correspondentes ó Principado de Asturias. Xa que logo, as regras sobre lexitimación para negociar son as do artigo 87.1º do Estatuto dos traballadores: negociará ou ben o comité de empresa (ou os comités de empresa) ou ben as representacións sindicais elixidas para o efecto. Sen embargo, hai que ter en conta que o anterior convenio colectivo lle concedera lexitimación así mesmo ó comité intercentros. Este comité, en consecuencia, ten lexitimación compartida cos comités de empresa e delegados de persoal, segundo ten expresado reiteradamente a xurisprudencia (vg., STS do 14 de outubro de 1993). Incluso o TS defende unha lexitimación tácita ó comité intercentros creado por convenio colectivo, aínda que non se lle

atribúan expresamente competencias negociadoras (STS do 25 de xullo do 2000). Sen embargo, neste caso o comité de empresa de Vilagarcía de Arousa non ten lexitimación, polo feito de que o ámbito de negociación excede do seu ámbito de representación, limitado ó centro da dita vila (de novo, STS do 14 de outubro do 1993).

Segundo.-A lexitimación para negociar, xa sexa a do comité de empresa ou a do comité intercentros están predeterminadas normativamente, a primeira polo artigo 87.1º do ET e a segunda polo artigo 33 do convenio colectivo para os anos 1998 e 2000. É dicir, a norma establece aprioristicamente o órgano negociador. Aínda máis: vaise negociar un destes órganos colexiados a designación para participar na mesa negociadora unicamente pode recaer nos seus membros, non noutros terceiros alleos á representación unitaria.

Terceiro.-O día 24 de agosto do 2001 constituíuse a mesa negociadora, aínda que postergando a comunicación da composición da banda social. Esta data ten unha importancia determinante porque, segundo xurisprudencia reiterada, é a que se debe ter en conta para os efectos de medi-la representatividade de organizacións sindicais e empresariais (SSTS do 25 de maio do 1996, 7 de xullo do 1997 e 27 de abril do 2000 entre outras). Ou, mutatis mutandis, para establece-la composición do comité de empresa ou do comité intercentros.

Cuarta.-Do expresado nos fundamentos anteriores, resulta que podían negocia-lo convenio, ou ben o comité intercentros, ou ben a suma das representacións unitarias dos centros afectados por este, ou ben as representacións sindicais. Que se optara pola primeira alternativa implica que, na composición da comisión negociadora, había que aplica-la composición do comité intercentros na data do 24 de agosto do 2001. E, nese momento, este órgano colexiado estaba conformado por cinco membros de UGT e un de CC.OO. Xa que logo, esa era a composición correcta da comisión negociadora: cinco membros da UGT e un de CC.OO., sen que a adición dun sétimo membro de pleno dereito sexa axustada a dereito, porque implica a admisión dalguén que, na data de referencia, non era representante unitario dos traballadores.

Quinto.-Para estes efectos, hai que distinguir entre a substitución dun membro do comité de empresa e doutro do comité intercentros. A do primeiro órgano realizarase automaticamente, segundo o artigo 67.4º do ET. Deste xeito, o seguinte na lista de CC.OO. ó último electo pasou a formar parte deste cando adquiriu firmeza o despedimento dun dos seus orixinarios membros, sen que ó trámite diante da oficina pública se lle poida conceder valor constitutivo, senón meramente declarativo. Sen embargo, os membros do comité intercentros teñen que ser designados, artigo 63.3º, polos sindicatos, de acordo co artigo 2 do seu regulamento na empresa.

Sexto.-A postura da CIG, xa que logo, non é compartible: na comunicación do 4 de outubro do 2001 á empresa fundamenta o seu dereito no número de representantes unitarios de CC.OO. e CIG na empresa, pero para a negociación colectiva desenvolvida polo comité intercentros. De feito, nin sequera solicita que o seu nomeado sexa membro do comité intercentros, senón unicamente que sexa membro da comisión negociadora. Pero tampouco é defendible a postura de CC.OO.: a proporcionalidade electoral é para a composición do comité intercentros, como esixe o artigo 63.3º ET. Sen embargo, o artigo 88.1º do ET, ó se referir á comisión negociadora do convenio de empresa, non esixe proporcionalidade. Unicamente, que negocie o órgano lexitimado. Pero na súa composición no momento de constitución da mesa.

Sétimo.-Unha derradeira cuestión: cómpre lembrar que a solución pactada o día 22 de novembro do 2001 foi totalmente axustada a dereito: conformaron

a mesa os seis membros do comité intercentros e un invitado por cada organización en conflicto, pero como invitados, non como membros de pleno dereito.

Laudo: debo declarar e declaro que a mesa negociadora do convenio colectivo de Corporación Alimentaria Peñasanta debía estar constituída, pola banda social, polos seis membros de pleno dereito do comité intercentros en data do 24 de agosto de 2001, sen que caiba engadir un sétimo membro dunha federación sindical de CC.OO. ou de CIG.