Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Xoves, 28 de novembro de 2002 Páx. 16.561

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 18 de novembro de 2002 pola que se procede á convocatoria para o ano 2003 de axudas encamiñadas á mellora da infraestructura enerxética de Galicia, dirixida a empresas privadas, asociacións ou agrupacións de empresas sen ánimo de lucro e a persoas físicas, en réxime de concorrencia competitiva, de acordo coas bases reguladoras establecidas no anexo II da Orde do 11 de marzo de 2002, publicadas no Diario Oficial de Galicia, número 55, do 18 de marzo.

Un dos obxectivos da Consellería de Industria e Comercio no campo da política enerxética é conseguir unha explotación e xestión máis racional dos recursos enerxéticos, lograr uns índices de calidade das subministracións enerxéticas axeitados, non só reducindo o consumo, senón tamén mellorando a eficiencia enerxética.

Tanto a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, como a Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, prevén que as distintas administracións, no ámbito das súas respectivas competencias territoriais, poderán instrumentar programas de actuación e adoptar medidas que incentiven a mellora do servicio ós usuarios, así como a eficiencia e o aforro enerxético.

O desenvolvemento dos núcleos de poboación provocou que, en ocasións, o contorno de determinadas instalacións eléctricas sufrira alteracións significativas que aconsellan a modificación de aquelas, aínda que sigan sendo regulamentarias.

O gas é unha enerxía económica e ecolóxica xa dispoñible en moitos fogares e industrias de Galicia e que é preciso seguir impulsando para a súa extensión a novas zonas da nosa Comunidade Autónoma.

Como medio e instrumento para favorece-las actuacións indicadas, a Consellería de Industria e Comercio considerou necesario establecer un programa de axudas encamiñadas á mellora da infraestructura enerxética de Galicia.

Este programa estructúrase en catro liñas de axuda, que se recollen no anexo II da Orde do 11 de marzo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de

industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo.

Estas axudas axustaranse o disposto no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é proceder á convocatoria para empresas privadas, asociacións ou agrupacións de empresas sen ánimo de lucro e persoas físicas, das axudas e subvencións do Programa de axudas encamiñadas á mellora da infraestructura enerxética de Galicia, recollido no anexo II da Orde do 11 de marzo de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo.

Tal e como establece o artigo 3.2º da antedita orde, o obxecto, requisitos dos beneficiarios e criterios obxectivos de adxudicación son os establecidos para cada programa de incentivo no seu anexo, o non previsto nela aplicarase o que se estableza nos seguintes artigos.

Artigo 2º.-Créditos orzamentarios e contía máxima das axudas.

1. Estas axudas outorgaranse con cargo ós créditos previstos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2003, destinándose para o seu financiamento ata un máximo de 3.537.448 A para a anualidade 2003, e 707.488 A para a anualidade 2004, que se imputan ás seguintes aplicacións orzamentarias:

AplicaciónDenominaciónImporte

ano 2003

Importe

ano 2004

A) Uso racional da enerxía

08.02.631-A.770.0«Empresas privadas; uso racional da enerxía nas industrias»270.000 A54.000 A

B) Fomento das enerxías renovables

B.1) Plan de fomento da enerxía solar

08.02.631-B.774.0«Empresas privadas. Plan de fomento enerxía solar»540.000 A108.000 A

08.02.631-B.780.1«Familias e institucións sen ánimo de lucro. Plan de fomento enerxía solar»450.000 A90.000 A

B.2) Resto das enerxías renovables

08.02.631-B.773.0«Empresas privadas; fomento das enerxías renovables»326.392 A65.278 A

08.02.631-B.780.0«Familias e institucións sen ánimo de lucro; fomento das enerxías renovables»82.473 A16.495 A

C) Desenvolvemento da infraestructura de gas

08.02.631-B.771.0«Empresas privadas; II fase de gasificación»158.583 A31.715 A

AplicaciónDenominaciónImporte

ano 2003

Importe

ano 2004

08.02.631-B-772.0«Plantas satélite de GNL»180.000 A36.000 A

D) Adecuación de instalacións eléctricas

08.02.631-B.770.0«Empresas privadas; adecuación de instalacións eléctricas»1.530.000 A306.000 A

Total3.537.448 A707.488 A

O gasto que se proxecta tramítase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos do exercicio para 2003, de acordo co disposto no artigo 3, número 3º «in fine» da Orde do 27 de novembro de 2000 pola que se modifica a do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Esas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito.

Poderanse establece-los correspondentes compromisos plurianuais dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente.

2. As contías máximas das axudas para cada tipo de proxecto son as que se reflicten a continuación:

A) Proxectos de uso racional da enerxía: 40% do investimento subvencionable.

B) Fomento das enerxías renovables:

a) Solar térmica: ata 240 A/metro cadrado de superficie de captación.

En caso de instalación de colectores de alta tecnoloxía, o límite poderá incrementarse ata os 360 A/metro cadrado de superficie de captación:

b) Solar fotovoltaica:

-Sistemas illados: 9 A/Wp.

-Sistemas conectados á rede: 4 A/Wp.

c) Outras enerxías renovables: 40% do investimento subvencionable.

d) Instalacións mixtas: proporcional a cada un dos tipos anteriores.

C) Desenvolvemento da infraestructura de gas: 25% do investimento subvencionable.

D) Adecuación de instalacións eléctricas: 40% do investimento subvencionable.

3. En calquera caso, a contía da subvención non poderá ser superior ó 50% do investimento subvencionable.

Artigo 3º.-Concorrencia de axudas e subvencións públicas.

As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería para o mesmo proxecto.

O importe da subvención neta equivalente ás empresas, en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, non poderá supera-lo máximo de intensidade rexional, 40% sobre o investimento subven-

cionable establecido para cada actividade na presente orde. No caso de axudas a empresas PEME engadirase un 15% adicional a este límite, de acordo coas directrices sobre axudas de Estado de finalidade rexional (98/C 74/06) en relación co Mapa de axudas de finalidade rexional para o período 2000-2006 en España, aprobado pola Comisión /axuda de Estado número 773/99). Os devanditos límites máximos aplicaranse tanto se a axuda provén integramente de fontes nacionais como se foi cofinanciada con fondos comunitarios (punto 4.21 Directrices comunitarias sobre axudas de Estado ás pequenas e medianas empresas. DOC nº 213, do 23-7-1996).

Enténdese por mediana empresa a que cumpre os seguintes requisitos: que empregue menos de 250 persoas, cun volume de negocio que non supere os 40 millóns de euros ou cun balance xeral que non exceda dos 27 millóns de euros e que sexa independente, isto é, que o 25% ou máis do seu capital ou dos seus dereitos de voto non pertenza a outra empresa, ou conxuntamente a outras empresas que non respondan á definición de PEME. Os citados criterios aplicaranse á empresa no seu conxunto, incluídas filiais situadas noutros estados membros ou fóra da UE. (Recomendación da Comisión do 3 de abril de 1996, relativa á definición de pequenas e medianas empresas, DO L 107, do 30 de abril de 1996, p4).

Enténdese por subvención neta equivalente como o beneficio último que a axuda lle debería proporcionar á empresa unha vez deducido o imposto sobre sociedades aboado en concepto da dita axuda.

Artigo 4º.-Investimento subvencionable.

1. Para a definición da investimento subvencionable no caso de proxectos de uso racional da enerxía e fomento das enerxías renovables promovidos por empresas, serán de aplicación as directrices comunitarias sobre axudas estatais a favor do ambiente (2001/C 37/03 - DOCE 3.2.2001), polo que segundo o punto 37, os custos subvencionables teñen que calcularse netos das vantaxes obtidas dun eventual incremento da capacidade, dos aforros de custos xerados durante os cinco primeiros anos de vida do investimento e das produccións accesorias adicionais durante o mesmo período de cinco anos. No ámbito das enerxías renovables, os custos de investimento subvencionables corresponden, polo xeral, ós custos suplementarios soportados pola empresa en relación a unha instalación de xeración de enerxía tradicional da mesma capacidade en termos de xeración efectiva de enerxía.

2. No caso de proxectos de adecuación de instalacións de distribución de enerxía eléctrica, non se considerarán subvencionables os gastos de execución da obra civil necesaria (canalización subterránea e apoios fin de liña cos elementos inherentes a eles, no caso de que a adecuación da liña leve consigo o paso a subterráneo; cimentacións e tomas de terra de apoios, no caso de que a adecuación da liña aérea consista nunha variante en aéreo), así como os de xestión e consecución dos permisos de paso necesarios.

3. En ningún caso serán subvencionables os investimentos de substitución.

4. Non se valorarán para efectos de investimentos, os gastos que se realicen en pagamento de impostos, taxas, contribucións, licencias, etc., nin calquera outro de carácter tributario, fiscal ou sometido a aranceis, e os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro, agás as actuacións de fomento de enerxías renovables promovidas por familias ou institucións sen ánimo de lucro, nas que se poderá considera-lo imposto sobre o valor engadido (IVE) como subvencionable cando o beneficiario acredite mediante a correspondente certificación que se encontra acollido ó réxime de exención do IVE.

Artigo 5º.-Solicitudes, prazo de presentación e documentación que se debe achegar.

1. O prazo para a presentación das solicitudes computarase desde o día seguinte á publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 17 de xaneiro de 2003.

2. As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O modelo de solicitude e o resto dos modelos necesarios para solicitar ou xustifica-la axuda, publícanse como anexos I e II desta orde e están tamén á disposición dos interesados no enderezo da Internet http://www.xunta.es/conselle/in.

A solicitude presentarase xunto coa seguinte documentación:

a) Aquela que acredite a personalidade, natureza e réxime xurídico do solicitante, tendo en conta que:

i) Se é unha fundación, asociación ou entidade sen ánimo de lucro, deberá achega-la escritura pública de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro correspondente, debendo quedar acreditada, se fose o caso, a súa condición de entidade sen ánimo de lucro.

ii) Se é unha empresa, documentación acreditativa da súa constitución legal, inscrición no correspondente rexistro, enderezo social e do seu centro de traballo en Galicia, se fora o caso.

b) Documento nacional de identidade e documento público acreditativo do poder con que actúa quen representa a empresa ou entidade solicitante, se é o caso.

c) Tarxeta de identificación fiscal NIF/CIF segundo proceda, e do último recibo de pagamento do imposto de actividades económicas (IAE).

d) Memoria descritiva das actuacións que se vaian realizar na que deberá constar un epígrafe específico no que se valorará a eficiencia enerxética do proxecto e que incluirá plano de implantación da actuación a escala 1:10.000; no caso de actuacións de fomento das enerxías renovables, incluiranse esquema da instalación e bosquexo que represente a súa integración arquitectónica ou paisaxística.

e) Orzamento do investimento, desagregando os prezos unitarios dos principais elementos da actuación (anexo II da presente orde).

f) Calendario de execución do investimento, con referencia a cada unha das actuacións que configuran o proxecto (mes inicio/mes finalización) (anexo II).

g) Declaración expresa doutras axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento de calquera outra Administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

h) Declaración expresa de estar ó día no cumprimento das obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de que non ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia (anexo II).

i) Para as empresas suxeitas ós requisitos establecidos no anexo II da xa citada Orde do 11 de marzo de 2002, que se refiren ás esixencias de contratación estable de traballadores, presentarase declaración na que se relacionen os traballadores e o seu tipo de contrato (fixo ou temporal) ou, se é o caso, compromiso por escrito ante a Xunta de Galicia de alcanza-las porcentaxes de estabilidade laboral sinaladas no citado anexo.

4. As solicitudes de axudas para a adecuación de instalacións de distribución de enerxía eléctrica serán tramitadas a través dos respectivos concellos, que lle unirán ó expediente un escrito relativo ó compromiso de execución ó seu cargo da obra civil e xestión de permisos a que fai referencia o artigo 4º.2, con indicación de prazos.

De toda a documentación presentaranse tres exemplares, nos que tódolos documentos que non sexan orixinais estarán compulsados.

Artigo 6º.-Corrección de defectos.

Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos nesta orde para cada caso concreto, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ó da recepción do dito requirimento, rectifique a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, considerarase por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos conforme o establecido no artigo 42 da citada lei.

Artigo 7º.-Valoración dos proxectos.

1. Revisados os expedientes e completados de se-lo caso, os servicios de xestión das distintas unidades tramitadoras deberán emitir para cada solicitude de subvención, como paso previo para proceder á súa valoración, un informe relativo ó cumprimento dos

requisitos que establece para as solicitudes o artigo 5º da presente orde.

2. Conforme o establecido no artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma galega, a valoración das solicitudes admitidas a trámite realizaraa unha comisión, constituída para o efecto, que estará presidida polo director xeral de Industria, Enerxía e Minas ou a persoa en quen delegue, e na que participarán o subdirector xeral de Enerxía, o xefe do Servicio de Enerxías Renovables, que actuará como secretario, os delegados provinciais da Consellería de Industria e Comercio e o director do Instituto Enerxético de Galicia ou persoas en que estes últimos poidan delegar.

3. A mencionada comisión valorará a totalidade dos investimentos subvencionables seguindo os criterios de selección de proxectos establecidos para cada liña de axudas no anexo II da anteriormente indicada Orde do 11 de marzo de 2002, ordenando os investimentos correlativamente e en sentido decrecente ó valor asignado.

Á vista da dita valoración, proporá a contía das axudas correspondentes ós investimentos subvencionables ata esgota-lo crédito dispoñible, quedando en reserva o resto dos investimentos subvencionables, para que, se se producise algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, puidesen ser atendidas co crédito que quedara libre.

Á vista do informe emitido por acordo da comisión, dictaranse as correspondentes resolucións de acordo co establecido no artigo 4 da mencionada Orde do 11 de marzo de 2002.

Artigo 8º.-Actuacións plurianuais.

No caso de actuacións plurianuais, que excedan o exercicio 2003, poderanse establece-los correspondentes compromisos de anualidade, dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento, aplicándose o disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e función pública e actuación administrativa e pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo.

Os libramentos correspondentes a estas axudas faranse efectivos con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario. Se a materialización ou o pagamento do investimento se anticipase ó calendario establecido na resolución de concesión e non fose posible o reaxuste das anualidades de subvención, o investimento ou pagamento adiantado poderá servir de xustificación para o libramento das anualidades posteriores sempre que se obtivese a conformidade do órgano competente para a concesión da axuda.

Nos proxectos plurianuais, entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata o final de ano, corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificantes para o cobro da dita anualidade.

Artigo 9º.-Presentación de proxecto de execución.

Nun prazo de 40 días hábiles a partir da notificación da axuda, o beneficiario deberá remitir á delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio unha copia do proxecto de execución, cando este sexa necesario, asinado por técnico competente e visado polo colexio profesional correspondente e certificación da iniciación da obra; se esta fose realizada por terceiros, a documentación que acredite que a obra foi adxudicada e a acreditación do adxudicatario para realizala.

A falta de presentación desta documentación entenderase como renuncia á axuda concedida e, logo de audiencia do interesado, procederase conforme o establecido no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 10º.-Xustificación do investimento.

A data límite para executa-las actuacións que fosen obxecto de subvención e para xustifica-lo correspondente investimento e pagamento é o 30 de setembro do ano que corresponda, para o que o beneficiario deberá presentar, sen prexuízo do establecido no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, por triplicado, a seguinte documentación acreditativa:

a) Informe técnico no que se describa a realización do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

No caso dos proxectos de electrificación mediante o emprego de enerxías renovables, o beneficiario deberá acreditar que dispón dun contrato de mantemento por un período mínimo de tres anos, cunha entidade con capacidade técnica suficiente a xuízo da delegación provincial de Industria correspondente.

b) Documentos acreditativos do investimento ou de actuación, consistentes nas facturas orixinais e documentos xustificativos do pagamento realizado.

No caso das actuacións correspondentes a desenvolvemento de redes de gas propano canalizado, a realización das obras xustificarase mediante certificación de gastos expedida por persoa ou órgano con facultade para iso, xunto cunha auditoría elaborada por unha firma de auditores independentes (inscrita no Rexistro Oficial de Auditores Contables) ou censor xurado de contas.

c) Xustificante de axudas obtidas ou declaración das solicitadas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra Administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía.

d) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta bancaria onde debe realizarse o pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

e) Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma e de estar ó día no imposto de actividades económicas.

f) Documento acreditativo de que se acadan os niveis de estabilidade laboral a que se refire o anexo II da Orde do 11 de marzo de 2002.

g) O beneficiario de calquera subvención plurianual, cun importe total que supere os 30.050,61 A, deberá achegar, ademais, xustificante acreditativo de depósito na Caixa Xeral de Depósitos de seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que garanta o importe da anualidade o pagamento da cal se estea tramitando, así como dos seus correspondentes xuros de mora, conforme o xuro legal do diñeiro indicado na Lei de orzamentos do Estado que estea vixente nese momento, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes ó final do prazo de xustificación da última das anualidades da subvención.

Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio poderán solicita-las aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, podería entenderse que renuncia á axuda.

Artigo 11º.-Pagamento da subvención.

Conforme o establecido nos artigos 15 e 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, a percepción da axuda terá lugar despois de que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio, trala inspección realizada, de se-lo caso, certificasen que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención e o previsto na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estes servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ó inicialmente previsto e sempre que iso non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda reducirase proporcionalmente, mantendo constante a porcentaxe de subvención respecto ó investimento.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para que dicte as disposicións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio