Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Xoves, 28 de novembro de 2002 Páx. 16.559

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 21 de novembro de 2002, sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

A actividade administrativa da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda leva consigo unha concentración de funcións arredor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias en órganos inmediatamente dependentes do conselleiro, sen esquece-lo debido respecto dos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio, tanto da Administración coma dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe.

Na súa virtude, facendo uso da facultades que me confiren os artigos 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Primeiro.-Administración de persoal.

Delégase no secretario xeral o exercicio das facultades que lle corresponden ó conselleiro en materia de persoal segundo o establecido no artigo 15 da Lei da función pública de Galicia, excepto a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación.

Segundo.-Contratación.

1. Delégase no secretario xeral o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación:

a) As atribuídas ó titular da consellería respecto dos contratos menores no ámbito das competencias da secretaría xeral.

b) En relación cos contratos que non teñan a consideración de contratos menores, a aprobación dos expedientes de contratación, a aprobación do gasto correspondente, así como, se é o caso, dispoñe-la súa tramitación urxente ou adopta-las medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 72 da Lei de contratos das administracións públicas.

c) A adxudicación e formalización dos contratos non cualificados como contratos menores; a prerrogativa da súa interpretación e resolve-las dúbidas que ofreza o seu cumprimento; a aprobación das

súas modificacións por razóns de interese público; acorda-la súa resolución e determina-los efectos desta; así como as restantes facultades que, de acordo coa lexislación, lle corresponden ó órgano de contratación, salvo as que se delegan expresamente nos directores xerais.

2. Delégase nos directores xerais, no ámbito das súas respectivas competencias:

a) En relación cos contratos que teñan a consideración de menores, o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico lle atribúe ó conselleiro.

b) Respecto do resto dos contratos:

-A aprobación dos pregos de prescricións técnicas.

-A aprobación dos proxectos e das súas modificacións.

-A súa dirección, inspección e control, podendo dicta-las instruccións oportunas para o fiel cumprimento do convido, e exercer todas aquelas facultades que a lexislación de contratación administrativa lle atribúe ó órgano de contratación en relación coas incidencias que xurdan durante a súa execución, excepto as que supoñan modificacións do contrato e a resolución de incidencias á que se refire o artigo 97 do Regulamento da Lei de contratos das administracións públicas.

Terceiro.-Expropiación forzosa.

Delégase nos titulares das direccións xerais, no ámbito das súas respectivas competencias, o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico lle atribúe ó titular do departamento en materia de expropiación forzosa.

Cuarto.-Xestión financeira e orzamentaria.

1. Deléganse no secretario xeral, ademais das facultades de autorización e disposición dos gastos derivados do exercicio das competencias delegadas en materia de contratación, o exercicio da competencia para autoriza-los gastos, autoriza-los actos de disposición dos créditos e de recoñecemento de obrigas e propoñerlle ó conselleiro de Economía e Facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos relativos a:

a) Os gastos de persoal.

b) Os gastos xerais incluídos no capítulo II dos orzamentos, que afecten á secretaría xeral ou a varias unidades de distintos centros directivos da consellería.

c) Os créditos dos capítulos IV, VI e VII dos orzamentos, salvo os derivados dos contratos menores correspondentes a competencias delegadas nos directores xerais.

2. Deléganse nos directores xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, as mesmas facultades indicadas anteriormente no número 1 en relación con:

a) Os gastos derivados da execución das competencias delegadas en materia de contratación e de

expropiación forzosa, así como os derivados da modificación de servicios afectados pola realización das correspondentes obras.

b) Os créditos correspondentes ó capítulo II dos orzamentos, que correspondan a gastos específicos do seu centro directivo.

3. En materia de axudas e subvencións públicas en réxime de concorrencia competitiva, será de aplicación o establecido na correspondente orde de convocatoria.

4. As competencias delegadas nos números anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables nos que se reflicten as correspondentes fases dos gastos.

Quinto.-Recursos e reclamacións.

1. Delégase no secretario xeral o exercicio das competencias seguintes:

a) Resolve-los recursos administrativos de alzada e de revisión cando a facultade de resolución corresponda ó titular da consellería, e mesmo suspende-la execución dos actos impugnados.

b) Resolve-las solicitudes de revisión de oficio formuladas ó amparo do previsto no capítulo I do título VII da Lei 30/1992.

c) Resolve-las reclamacións previas á vía civil e os procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, incluíndo, se é o caso, as correspondentes reclamacións contra as entidades de dereito público adscritas á consellería.

2. Delégase no director xeral de Transportes o exercicio da competencia para resolve-los recursos de alzada interpostos contra as resolucións dictadas en materia de transportes polos delegados provinciais da consellería e polos subdirectores xerais daquel centro directivo, e mesmo suspende-la execución dos actos impugnados.

Sexto.-Comisións de servicio con dereito a indemnización.

1. Delégase no secretario xeral o exercicio da competencia para a designación das comisións de servicio con dereito a indemnización prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, dos directores xerais, dos delegados provinciais e do persoal dependente da secretaría xeral.

2. Delégase nos titulares das direccións xerais o exercicio da competencia para a designación das comisións de servicio con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa.

3. Delégase nos delegados provinciais da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servicio con dereito a indemnización do persoal da correspondente delegación provincial.

Sétimo.-Delegacións específicas.

1. Delégase no director xeral de Urbanismo o exercicio das seguintes facultades:

a) A formulación, tramitación e aprobación dos instrumentos de planeamento urbanístico nos supostos previstos polos artigos 37, 38.2º, 39, 40, 44.1º, e 45, puntos 1 e 3 da Lei do solo de Galicia.

b) A emisión de informes sobre os instrumentos de planeamento urbanístico nos supostos establecidos polos artigos 41.3º e 42.5º da Lei do solo de Galicia, e polos artigos 7 e 8 da Lei 7/1995, de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo.

c) A aprobación definitiva dos instrumentos de planeamento urbanístico nos supostos establecidos polo artigo 41.1º e 3º da Lei do solo de Galicia.

d) A resolución dos expedientes de autorización en sólo rústico e nos núcleos rurais, nos supostos establecidos polo artigo 77.3º e 4º e pola disposición adicional terceira, punto 2 da Lei do solo de Galicia.

e) A aprobación definitiva dos expedientes de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta, segundo o disposto polo artigo 145 da Lei do solo de Galicia.

f) A resolución dos expedientes de reposición da legalidade urbanística, nos supostos establecidos polo artigo 180 da Lei do solo de Galicia.

g) A resolución de expedientes sancionadores por infracción urbanística moi grave, nos supostos establecidos polo artigo 186 c) da Lei do solo de Galicia.

h) Os requirimentos ós concellos nos supostos establecidos polo artigo 193 da Lei do solo de Galicia e o artigo 5 da Lei 7/1995, de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo.

i) Leva-lo Rexistro de Entidades Urbanísticas colaboradoras, de acordo co disposto no Regulamento de xestión urbanística, aprobado polo Real decreto 3288/1978, do 25 de agosto.

j) O exercicio de tódalas demais competencias e funcións que en materia de ordenación, planificación, xestión, execución e disciplina urbanística teña atribuídas o conselleiro pola Lei 1/1997, do solo de Galicia, a Lei 7/1995, de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo, e o Regulamento de disciplina urbanística, aprobado por Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro.

2 Delégase no director xeral de Obras Públicas o exercicio das facultades derivadas das relacións da consellería con Autoestradas de Galicia, S.A, incluíndo a xestión dos créditos orzamentarios asignados en relación con aquelas facultades, e, se é o caso, as atribuídas ó conselleiro como órgano de contratación.

3. Delégase no presidente do Consello de Administración do ente publico Portos de Galicia, o exercicio da facultade de aproba-los plans de utilización dos espacios portuarios dos portos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Oitavo.-Criterios complementarios.

Na aplicación das delegacións contidas nesta orde, teranse en conta os seguintes criterios:

a) En calquera momento, o conselleiro poderá reclamar para si o exercicio das competencias que se delegan nesta orde, das que quedan excluídos os supostos previstos no número 2 do artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

b) Enténdese comprendida na delegación no secretario xeral o exercicio da competencia para resolve-los recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dicte en virtude das facultades que se lle delegan nesta orde.

Por outra parte, delégase no secretario xeral o exercicio da competencia para resolve-los recursos de reposición interpostos contra as resolucións dictadas polos directores xerais en exercicio das facultades delegadas.

c) Atribúeselle ó secretario xeral o exercicio das competencias que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, non están expresamente delegadas noutros órganos.

Noveno.-Resolucións dictadas por delegación.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde, farán constar esta circunstancia, indicando a súa data, a da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e a denominación do cargo ou posto de traballo de quen a formaliza, e consideraranse dictadas polo órgano delegante.

Décimo.-Derrogacións.

1. Quedan derrogadas as seguintes disposicións:

a) A orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas, do 25 de outubro de 1983, sobre delegación de atribucións.

b) A orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, do 13 de decembro de 1993, sobre delegación de competencias no secretario xeral.

c) A orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, do 30 de decembro de 1999, pola que se delegan atribucións en materia de urbanismo.

2. Quedan tamén derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido nesta orde.

Décimo primeiro.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a excepción do previsto no punto cuarto, relativo á xestión financeira e orzamentaria, que entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2003.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2002.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda