Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Xoves, 28 de novembro de 2002 Páx. 16.542

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de novembro de 2002 pola que se determinan as materias optativas e as materias de libre elección dos estudios das ensinanzas do grao superior de música establecidas polo Decreto 183/2001.

O Real decreto 617/1995, do 21 de abril, polo que se establecen os aspectos básicos do currículo do grao superior das ensinanzas de música, determina no seu artigo 6.2º que as administracións educativas fomentarán a autonomía pedagóxica e organizativa dos centros, favorecerán o traballo en equipo do profesorado e estimularán a súa actividade artística e investigadora a partir da súa práctica docente.

En consecuencia, o Decreto 183/2001, do 19 de xullo, polo que se establece o currículo do grao superior das ensinanzas de música e o acceso ó dito grao, clasifica no seu artigo 8 as materias das distintas especialidades, segundo a súa natureza e finalidade formativa, en obrigatorias, optativas e de libre elección.

As materias obrigatorias das diferentes especialidades, a descrición dos seus contidos e os seus créditos determínanse no citado Decreto 183/2001, que tamén regula os aspectos básicos das materias optativas e as de libre elección.

A finalidade desta orde é regula-la oferta e determina-la natureza das materias optativas e as de libre elección, que son as que lle permiten ó alumnado participar activamente na configuración do seu currículo académico, así como ir acoutando o seu perfil profesional.

En consecuencia, e de acordo co establecido na disposición derradeira primeira do Decreto 183/2001, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Capítulo I

Aspectos xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é regula-la oferta das materias optativas e de libre elección do grao superior das ensinanzas de música, dispostas no artigo 8 do Decreto 183/2001, do 19 de xullo, polo que se establece o currículo do grao superior das ensinanzas de música e o acceso ó dito grao.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde será de aplicación en tódolos conservatorios autorizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para imparti-lo grao superior das ensinanzas de música, establecidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Capítulo II

Materias optativas

Artigo 3º.-Natureza e condicións de elección.

Son materias optativas as que completan o perfil profesional do alumnado e, polo tanto, inciden nos diferentes aspectos curriculares relacionados coa súa especialidade. Estas materias pódense escoller dentro da oferta específica do conservatorio superior de música no que se está matriculado.

Artigo 4º.-Catálogo xeral.

As materias optativas do grao superior de música que se establecen para a Comunidade Autónoma de Galicia e as descricións dos seus contidos recóllense nos anexos I e II, respectivamente, desta orde.

Artigo 5º.-Materias optativas propias de centro.

1. Ademais das materias ás que se fai referencia no artigo anterior, cada conservatorio superior poderá propoñer outras para o seu catálogo, que deberán ser autorizadas pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Os seus currículos deberanse axustar ós obxectivos xerais do grao superior das ensinanzas de música establecidos no artigo sexto do Decreto 183/2001 e non poderán incluír contidos que formen parte de materias obrigatorias do grao superior de música.

2. As solicitudes de autorización desas materias optativas propias de centro incluirán os seguintes aspectos:

a) O currículo da materia, no que figurará a súa xustificación, obxectivos, contidos e criterios de avaliación.

b) O departamento didáctico ó que se adscribe.

c) A xustificación dos recursos humanos e materiais necesarios para o seu desenvolvemento.

d) Certificación da aprobación da proposta polo consello escolar do centro.

As citadas solicitudes deberanse remitir á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, antes do 15 de febreiro de cada ano académico, a través da delegación provincial correspondente, que as tramitará acompañándoas dun informe da inspección educativa.

Artigo 6º.-Distribución das materias por cursos e créditos asignados.

Corresponde a cada conservatorio superior, no exercicio da súa autonomía pedagóxica e organizativa, e de acordo coa súa dispoñibilidade de recursos, decidir en cada especialidade a distribución por cursos das diferentes materias optativas que oferte, así como o número de créditos de cada unha delas.

Artigo 7º.-Oferta de materias optativas en cada centro.

Os centros ofertarán un mínimo de seis materias optativas e un máximo de doce, de entre as esta

blecidas con carácter xeral e as propias de centro que conten coa preceptiva autorización.

Cada ano escolar a oferta de materias optativas realizarase atendendo ás necesidades profesionais e á demanda do alumnado, así como á dispoñibilidade dos recursos humanos e materiais do centro.

Capítulo III

Materias de libre elección

Artigo 8º.-Natureza e condicións de escolla das materias de libre elección.

1. Son materias de libre elección as que completan o perfil cultural do alumnado. Estas materias pódense escoller entre as obrigatorias das distintas especialidades que se impartan no centro no que se está matriculado e que non pertenzan á especialidade que se cursa.

En ningún caso se poderán escoller como materias de libre elección as clasificadas como ensinanzas instrumentais individuais e que se recollen no anexo III do Decreto 183/2001.

2. Non obstante o anterior, cando as posibilidades organizativas dos conservatorios así o permitan, poderanse ofertar como materias de libre elección as materias optativas de especialidades diferentes da que se cursa e que non formen parte desta última.

3. Así mesmo, poderase solicita-lo recoñecemento como de libre elección de materias, xa superadas, pertencentes ós catálogos ofertados polas universidades ou outros centros superiores de ensinanzas artísticas.

Artigo 9º.-Procedemento para o recoñecemento de materias de libre elección non ofertadas polo propio centro.

1. Para que unha materia que se cursou nun centro diferente daquel no que se está matriculado poida ser recoñecida como materia de libre elección, segundo o disposto no punto 3 do artigo anterior, deberá formularse a correspondente solicitude no conservatorio no que se está matriculado.

2. A resolución do recoñecemento das materias pertencentes ós catálogos das universidades corresponderá á dirección do conservatorio no que se está matriculado.

No caso das materias pertencentes ós centros superiores de ensinanzas artísticas ós que se fai referencia no punto 3 do artigo anterior, a resolución corresponderá á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Para tal fin, a dirección do conservatorio dará traslado da correspondente solicitude.

2. Para tal efecto, os interesados presentarán perante a dirección do centro no que estean matriculados a seguinte documentación:

a) Instancia dirixida á dirección do centro ou á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e For

mación Profesional, segundo corresponda en aplicación do disposto no punto anterior.

b) Certificación académica persoal expedida polo centro onde se cursou a materia obxecto de recoñecemento, na que constará esta última, con indicación explícita da súa duración total, expresada en créditos ou horas, e da avaliación final positiva do interesado.

A dirección do centro ou a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, segundo corresponda, poderán requirir do interesado a presentación do programa da materia, así como toda aquela documentación que se precise para a resolución do citado recoñecemento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Ordenación Educativa e Formación Profesional, de Centros e Inspección Educativa, de Persoal e de Universidades para dictar cantas instruccións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO I

Catálogo de materias optativas

Para tódalas especialidades:

Técnicas de educación auditiva.

Fundamentos da mecánica dos instrumentos.

Informática musical.

Técnicas de educación corporal.

Especialidade de canto:

Fonoloxía.

Foniatría.

Especialidade de composición:

Técnicas de gravación e posproducción.

ANEXO II

Descrición dos contidos

* Foniatría.

Descrición:

Esta materia está dirixida ó estudio da anatomía e fisioloxía dos órganos de fonación e das súas doenzas, coa finalidade de adquiri-lo coñecemento que un cantante debe ter respecto dos órganos fonadores e do seu coidado.

Obxectivos:

-Coñecer e comprende-lo funcionamento do sistema vocal.

-Adquiri-lo coñecemento necesario sobre as características e posibilidades da voz, para utilizalas correctamente.

-Desenvolver hábitos correctos de saúde e coidado do aparello vocal.

-Adquiri-la capacidade de executar correctamente o exercicio do canto.

Para lograr estes obxectivos será imprescindible que o alumnado experimente os contidos desta materia coa súa propia voz.

Contidos:

A voz e o seu sistema fonador: descrición e funcionamento. A voz no canto. Calidades acústicas. A respiración e a formación vocal. Uso correcto da voz.

Anatomía e fisioloxía do sistema respiratorio: características da respiración (control do alento, pausa e contención do aire). Tipos de respiración. Control respiratorio. A respiración durante a fonación.

Actitude corporal: esquema corporal, puntos de apoio.

Aparello resoador: vibracións internas. Resoadores. Proxección do son.

A relaxación en relación coa respiración e a fonación.

Calidades do son vocal: ton e altura, intensidade e volume, timbre.

Rexistro das voces: estudio analítico do cambio de rexistro na voz do home e na voz da muller.

Hixiene respiratoria e vocal. Interrelación da voz co sistema hormonal e nervioso. Enfermidades e trastornos funcionais.

* Fonoloxía.

Descrición:

A fonoloxía é unha rama da lingüística que estudia os sistemas fónicos das linguas, tanto polo seu valor funcional como polo punto e modo de articulación física dos seus sons, e por iso é unha aprendizaxe de relevante interese na formación dos cantantes.

Obxectivos:

-Coñece-los fundamentos da fonética (articulación física dos sons) e da fonoloxía (coñecemento dos sistemas fónicos).

-Relacionar eses coñecementos coa música e co canto.

-Adquiri-los coñecementos teóricos e prácticos de tipo fonolóxico relacionados coa voz e os sons.

Para lograr estes obxectivos é imprescindible que o alumno teña un coñecemento preciso da constitución do seu aparello fonador.

Contidos:

Distinción conceptual entre fonética e fonoloxía.

Conceptos de fonema, son e grafema. Escolas que os estudian.

Producción de sons. Mecanismos de producción da voz e a súa relación co canto.

Clasificación dos fonemas segundo o punto de articulación e segundo o modo de articulación.

Estudio fonolóxico da articulación.

Estudio fonolóxico da fonación.

Estudio fonolóxico da respiración.

Anatomía do aparello de fonación: esqueleto larínxeo, cartilaxes, músculos e nervios.

Órganos da fonación: cavidades infraglóticas, larinxe e cordas vocais; cavidades supraglóticas.

Cordas vocais: vibración.

Clases de sons: vocais e consoantes, puntos de articulación, posición da úvula e acción das cordas vocais.

* Fundamentos da mecánica dos instrumentos.

Descrición:

Esta materia, que se deberá adaptar no seu desenvolvemento ós intereses formativos específicos do alumnado, céntrase no estudio das partes e dos compoñentes mecánicos do instrumento, de xeito que se coñezan os procedementos necesarios para o seu mantemento axeitado así como para resolver cuestións básicas relativas á súa mecánica.

Obxectivos:

-Coñece-lo instrumento: partes, compoñentes mecánicos, materiais e técnicas de construcción.

-Coñece-los procedementos para o mantemento, construcción e reparación básica da mecánica do instrumento.

Contidos:

Terminoloxía específica.

Diagnose técnica do estado do instrumento.

Nomenclatura, función e localización de cada unha das partes da engrenaxe do instrumento.

Procesos de fabricación de instrumentos e os seus accesorios.

Estudio e práctica dos diferentes procedementos empregados no mantemento do instrumento e na solución de desaxustes mecánicos ou do material: limpeza, engraxamento, montaxe de pezas, axustes, nivelación, traballos sobre madeira e metal, colas empregadas na luthería, vernices, comprobación final e afinación, así como outros elementos específicos.

* Informática musical.

Descrición:

Esta materia concíbese como un afondamento na creación e análise musical baseadas na utilización da informática.

Obxectivos:

-Achegarse ás aplicacións da informática relacionadas coa música.

-Coñece-los principios básicos da tecnoloxía dixital.

-Adquirir unha visión de conxunto da informática musical, así como da utilización dos ordenadores na edición, secuenciación, elaboración e síntese da información sonora.

-Capacitarse no uso das diferentes técnicas de comunicación entre instrumentos musicais electrónicos, ordenadores e procesadores de sinal, para poder conectar de xeito apropiado sistemas secuenciados e utilizar programas de escritura e execución musical.

-Adquiri-la suficiente destreza no manexo de editores e secuenciadores musicais, de xeito que poida contribuír ó desenvolvemento futuro da profesión musical.

-Coñece-lo estándar MIDI e os instrumentos que o incorporan, así como as súas características máis importantes.

-Coñece-las posibles áreas de aplicación e emprego da tecnoloxía dixital no campo musical, familiarizándose coas aplicacións informáticas relacionadas con audio, MIDI, análise, síntese, composición, edición e pedagoxía musical.

Contidos:

A tecnoloxía dixital, o ordenador, plataformas e sistemas operativos.

A edición musical e a informática:

-Contorno da notación. Editores de partitura. Ferramentas de notación.

-Edición de elementos básicos da notación musical.

-Figuras, silencios, alteracións, ligaduras de valor e expresivas, notas con puntillo, notas de adorno, símbolos de oitava alta e baixa.

Creación de patróns de instrumentos:

-Pauta: número de liñas; compases, pentagramas e grupos; número de compases e corchetes de grupos; armadura, compás (metro) e claves.

-Características de instrumento: nome, clave, barrado, transporte, eliminación de pausas.

Elementos máis complexos da notación:

-Harmónicos, articulacións e caldeiróns, cifrados, cruzamento de notas dun pentagrama a outro, divises, enharmónicos, grupos irregulares, ferramentas espe

ciais, movemento de notas, signos reguladores, signos de articulación, signos de expresión, signos de repetición, transposición diatónica e cromática, trinos e trémolos. Música antiga. Notas sen plica e sen cabeza.

Adición de texto a un fragmento musical:

-Escritura de texto. Texto en varias voces. Duplicación de texto nun pentagrama ou noutro. Colocación do texto. Colocación individual de sílabas. Borrado de sílabas. Extensión de sílabas (melismas).

Formateo e impresión da partitura:

-Tamaño, disposición e sangrado de páxina. Títulos. Números de páxina. Bloques de texto.

-Impresión. Partes extractadas.

O protocolo MIDI:

-Canles MIDI. Mensaxes MIDI de canle, sistema e auxiliares. Modos MIDI. Portos e multiportos.

-Controladores continuos, conmutadores e especiais.

-Formatos MIDI estándar: GM, GS e XM.

-Carta de implementación MIDI.

Os instrumentos MIDI:

-Fontes MIDI de son. Instrumentos mestres e virtuais.

-Características: polifonía, multitimbridade e efectos integrados.

Control MIDI por ordenador:

-O secuenciador MIDI. Software. A gravación MIDI.

-Ferramentas de edición. Os editores. Comandos xerais.

-Intercambio de datos con outras aplicacións.

* Técnicas de educación auditiva.

Descrición:

Con esta materia trátase de desenvolve-lo sentido auditivo o máximo posible, atendendo ó estudio de estructuras rítmicas, melódicas e harmónicas, mediante audicións variadas, a lectura rítmica, a entoación, a repentización e a transposición.

Obxectivos:

-Discernir auditivamente desenvolvementos rítmicos e melódicos.

-Recoñecer, mediante a audición e a lectura, estructuras harmónicas e cadencias básicas.

-Capacitarse para a lectura de textos musicais e para a escoita.

-Escribir, trala súa audición, unha voz intermedia dun cuarteto ou obra coral a catro voces.

-Recoñecer e escribir fragmentos musicais a dúas voces realizados por instrumentos diferentes.

-Identificar erros na execución dun fragmento escrito.

-Memorizar, trala súa audición, frases ou fragmentos longos.

-Transcribir vocalmente textos musicais.

-Entoar verticalmente partituras vocais a varias voces.

-Identificar e escribir notas ou fragmentos curtos en diferentes rexistros.

-Utiliza-lo oído interno para relacionalo coa representación gráfica do son, así como para recoñecer timbres, estructuras formais, indicacións dinámicas, expresivas, temporais e a súa execución técnica.

Contidos:

Rítmicos: identificación e recoñecemento da amálgama, a polirritmia, a polimetría, os grupos de valoración especial regular ou irregular nun ou en varios pulsos, as estructuras rítmicas atípicas en compases convencionais, ritmos coxos ou de valor engadido, música sen compasar, ritmos no jazz, pop, etcétera, equivalencias e compases característicos. Modulacións rítmicas.

Melódicos: afinación determinada e indeterminada. Modalidade e tonalidade; novas concepcións na formación de escalas.

Harmónicos: novos criterios na formación de acordes.

Tímbricos: posibilidades sonoras dos instrumentos segundo o seu timbre, ámbito e forma de tocalos. Dificultades de identificación debidas ás concomitancias. Sons resultantes.

Expresivos: identificación e recoñecemento de matices estáticos e dinámicos; articulacións, carácter, emisión do son nos diferentes instrumentos; o vibrato e a ornamentación.

Textuais: tipoloxías comparadas.

* Técnicas de educación corporal.

Descrición:

Nesta materia, que se deberá adaptar no seu desenvolvemento ós intereses formativos específicos do alumnado, abórdase o estudio de hábitos e coidados físicos do organismo que, a modo de guía corporal, sirvan para mellora-la saúde, coordinación e flexibilidade do individuo e potencia-lo desenvolvemento das súas capacidades instrumentais ou vocais.

Obxectivos:

-Adoptar unha posición correcta do corpo na actividade cotiá e profesional.

-Coordina-los elementos que participan na execución: respiración, movemento dos dedos, suxeición do instrumento e posición do intérprete.

-Crear hábitos de estudio que melloren a resolución de cuestións técnicas na interpretación.

-Distingui-los esforzos musculares propios da execución das tensións debidas ó mal uso do corpo.

-Previr lesións e molestias físicas.

-Dotar de plasticidade a interpretación e a actividade pedagóxica.

-Conseguir unha actitude mental e corporal que mellore a actividade musical interpretativa e pedagóxica.

Contidos:

Exercicios posturais dirixidos a mante-las costas ergueitas e sas.

Exercicios de respiración coordinados co movemento.

Exercicios de concentración. A relación entre corpo e mente.

A percepción sensorial: oído-corpo.

Exercicios de prevención de molestias físicas.

Exercicios de reeducación postural e de recuperación.

Técnicas para resolver dificultades de tipo físico relacionadas coa interpretación.

Exercicios de flexibilidade.

O corpo como medio da expresión musical: exercicios para unha actividade fluída e libre.

* Técnicas de gravación e posproducción.

Descrición:

A finalidade desta materia é introduci-lo alumnado nas técnicas que permiten consegui-lo rexistro do son desexado, en función do local, do repertorio e do estilo da música, así como a consecución da óptima calidade do rexistro sonoro mediante a súa manipulación, a ecualización de niveis, e elección de efectos adecuados ó estilo musical ou o tratamento mediante ordenador.

Obxectivos:

-Introducirse no coñecemento das distintas técnicas do emprego de micrófonos, consolas, gravadores e procesadores.

-Capacitarse no manexo de equipos de gravación e reproducción musical en estudios de gravación.

-Capacitarse na utilización de programas de computación específicos para a gravación e a edición de audio dixital.

-Coñece-las distintas técnicas utilizadas trala gravación musical. Elaborar unha metodoloxía de traballo profesional, respectando as condicións creativas naturais persoais.

-Capacitarse na comprensión e utilización do instrumental para a medición de equipos de audio profesional, sistemas de son e recintos acústicos.

-Adestrarse no proceso final de producción, coa utilización de programas de ordenador específicos.

Contidos:

Gravación e posproducción do son:

-Introducción ó audio dixital.

-Procesos: gravación, edición, procesado, mesturas e masterización.

-O estudio de posproducción: dixital e analóxico.

Soportes e formatos do material sonoro:

-Audio de CD, MD, DCC e outros soportes.

-Arquivos de son. Formatos. Cambios de formato, downsampling e reducción de bits.

Edición de son:

-Visualización do son. O dominio temporal e o espectral.

-Claves visuais que axudan a interpreta-lo son: no dominio temporal (relación entre amplitude e intensidade, entre forma de onda e timbre, cantidade de harmónicos, e discontinuidades e regularidades) e no dominio espectral (harmonicidade, rexións de relevancia espectral e formantes, e presencia de ruídos como picos espectrais fóra de lugar).

-Edición destructiva e non destructiva.

-Cortes e encadeados. Fundidos de entrada e de saída. Fundidos cruzados.

-Eliminación de ruídos.

Transformación e procesamento do son:

-Reverberación e procesado espacial: tempo de decaemento. Retardo e intensidade das primeiras reflexións; tipos de reverberación. Densidade das reflexións. Absorción selectiva de frecuencias.

-Procesado da dinámica: portas de ruído, compresores e expansores da dinámica; normalización.

-Transformacións tímbricas baseadas en retardos: eco, reverberación, delay, flanging, phasing, feedback, chorus.

Montaxe e mestura:

-O contorno acústico que require a mestura: acústica da sala, monitores de campo próximo e de estudio. Niveis de escoita.

-Mesturadores virtuais: entradas e saídas principais e auxiliares, canles, buses auxiliares, de subgrupos, de retorno e de monitoraxe.

-Procesado habitual nunha mestura: ecualización, panoramización, reverberación e compresión.

-Automatización da mestura.

-Fontes sonoras na producción audio de voces: características sonoras das voces e fundamentos de microfonía para voces.

-Fontes sonoras para incorporar na producción de audio: tipoloxías de efectos (orixinais, de sala, de coleccións ou bibliotecas, electrónicos ou sintéticos). Coleccións de efectos. Recursos dispoñibles en Internet.