Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Mércores, 27 de novembro de 2002 Páx. 16.496

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 22 de novembro de 2002 pola que se convoca o Premio Galicia-Futura.

O Decreto 306/2002, do 31 de outubro (DOG nº 219, do 13 de novembro) polo que se crea o Premio Galicia-Futura, establece no seu artigo 4 que este premio será convocado por orde da citada consellería e terá unha periodicidade anual.

A tramitación desta orde acóllese ó disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000, toda vez que o Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do día 17 de outubro de 2002, aprobou o proxecto de orzamentos xerais para a Comunidade Autónoma para o ano 2003.

En consecuencia, e en uso das atribucións que teño conferidas e con fundamento no decreto invocado,

DISPOÑO:

Artigo único.-É obxecto desta disposición a convocatoria do Premio Galicia-Futura na súa primeira edición e o establecemento das bases que rexen esta convocatoria, sinaladas no anexo I.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

ANEXO I

Bases

Primeira.-O citado premio destínase a estimular e recoñece-lo labor que realice calquera mozo, moza ou persoa xurídica, nalgunha das actividades da vida, xa sexa no ámbito social, profesional, cultural, académico, deportivo ou en calquera outro ou en labores de apoio ou colaboración de especial transcendencia en temas relacionados coa xuventude.

Segunda.-O premio estará dotado con 18.000 A con cargo á partida orzamentaria 355B 640.2, 6.000 A para a categoría individual e 12.000 A para a categoría colectiva e dará dereito a un diploma acreditativo.

Terceira.-A proposta das candidaturas adecuarase ó disposto no artigo 5 do Decreto 306/2002, do 31 de outubro, polo que se crea Premio Galicia-Futura.

Cuarta.-Para a proposta do premio individual terase en conta:

-O esforzo, entrega e dedicación no seu labor.

-Que a súa actividade sirva de modelo exemplarizante para o resto da xuventude.

-A súa repercusión social.

-Que a actividade desenvolvida amose unha evolución e traxectoria coherente.

Para a proposta do premio colectivo terase en conta:

-A traxectoria da entidade no desenvolvemento da súa actividade.

-A repercusión e compromiso social do seu labor.

-Que as súas actuacións contribúan ó mellor desenvolvemento da xuventude galega.

-Que as súas actividades sirvan para a promoción de valores humanos entre os mozos e mozas de Galicia.

-Que os fins das súas actuacións sirvan para promove-lo interese xeral.

Quinta.-O exame das memorias presentadas e, se é o caso, a proposta do premio unha vez valorados os criterios anteriores, corresponderalle a un xurado seleccionador, a composición do cal se axustará ó establecido no artigo 6 do referido decreto.

Sexta.-O procedemento de actuación do xurado será o seguinte:

O xurado será convocado pola presidenta, e poderá xuntarse cantas veces esta coide oportuno.

Para a válida constitución do órgano, para os efectos da celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presencia da presidenta e o secretario/a e a da metade, polo menos, dos seus membros.

O xurado adoptará os seus acordos por maioría de votos, dirimindo o voto de calidade da presidenta en caso de empate. A decisión do xurado será inapelable.

O xurado poderá declara-lo premio deserto.

Correspóndelle ó secretario/a do xurado levantar acta das sesións. A proposta do xurado elevarase á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que resolverá. A resolución da concesión do premio, que pon fin á vía administrativa, publicarase no Diario Oficial de Galicia. A entrega do citado premio rexerase polo disposto no artigo 7 do citado decreto.

Sétima.-A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.