Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Venres, 22 de novembro de 2002 Páx. 16.315

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 316/2002, do 31 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 127, Plan de Obras e Servicios 2002 Trabada, estrada provincial Trabada-San Tirso de Abres, alargamento e mellora do punto quilométrico 3,40 ó 4,80, concello de Trabada.

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión do día vinteún de xuño de dous mil dous, aprobou o proxecto da obra número 127, Plan de Obras e Servicios 2002 Trabada, estrada provincial Trabada-San Tirso de Abres, alargamento e mellora do punto quilométrico 3,40 ó 4,80, e na sesión do vintenove de xullo de dous mil dous, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial de Lugo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día dezasete de outubro de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día trinta de setembro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala a deputación, a vía na que se vai actuar comunica co parque empresarial de San Tirso de Abres no Principado de Asturias desde a localidade de Trabada, o que xera unha considerable circulación en ámbolos sentidos, sendo a estrada provincial insuficiente para poder absorbe-lo tránsito, polo que se fai necesario proceder ó seu alargamento e modernización para acadar unha mellor visibilidade e poder evitar accidentes viarios.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de outubro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución da obra número 127, Plan de Obras e Servicios 2002 Trabada, estrada provincial Trabada-San Tirso de Abres, alargamento e mellora do punto quilométrico 3,40 ó 4,80.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais