Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Venres, 22 de novembro de 2002 Páx. 16.314

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 14 de novembro de 2002 pola que se derroga a do 31 de xaneiro de 1997, de aprobación dos prezos privados para a utilización do sistema Igatel do Instituto Galego de Promoción Económica.

O programa Igatel do Igape naceu no ano 1994, cando aínda non existía unha rede universal de acceso ós sistemas de información (función que agora cumpre a World Wide Web) e, por tanto, facíase necesario crear infraestructuras de acceso (fundamentalmente nodos de conexión á rede de comunicación de datos existente nese momento, Iberpac) e incentiva-la demanda dos servicios (facilitando ós usuarios hardware e software de acceso, e ofrecendo productos de información atractivos no seu uso). Ó seren os custos de todo este sistema elevados, decidiuse somete-lo programa Igatel a un sistema de usuarios e tarifas, para repercutirlles parte dos custos investidos polo Igape; para o que foron publicadas as ordes da Consellería de Economía e Facenda do 21 de marzo de 1996, do 31 de xaneiro de 1997 (que derroga a de 1996) e do 15 de outubro de 1998 (que modifica a de xaneiro de 1997), nas que se establecían os prezos privados para a utilización dos servicios do sistema Igatel.

A evolución, tecnolóxica e normativa, das redes de comunicación telemática desde o ano 1994 ata a actualidade pasou desde unha situación inicial de monopolio das telecomunicacións cunha única rede de comunicación de datos, cun acceso caro, tecnicamente complicado, e cos provedores de información limitados no seu desenvolvemento e oferta de servicios, ata hoxe en día, cunha situación de libre mercado, cun estándar (o protocolo TCP/IP que soporta a rede Internet) universal e ofertado, nalgúns casos, de modo gratuíto polas operadoras do mercado, e na que a iniciativa privada está a investir no desenvolvemento de redes e contidos de información.

Nesta nova situación, o problema non é a infraestructura de acceso nin a oferta de servicios de información, senón o uso correcto da información e as tecnoloxías que a soportan na estratexia empresarial, convertendo un problema de dispoñibilidade e custo nun problema de elección da opción máis axeitada a cada caso concreto de entre as ofertas do mercado, o que, por outra parte, é enormemente cambiante e tecnoloxicamente complicado.

Baixo estas premisas, e tendo en conta que o sistema Igatel do Igape é, basicamente, un sistema de oferta de servicios de información e comunicacións, enténdese que o papel do Igape non debe estar en proporcionar oferta de servicios ou axudar á promoción da existente, senón en axudar á demanda a entende-la oferta e a facer un uso correcto dela, debendo o Igape difundir, divulgar e incentiva-lo uso das novas tecnoloxías da información no deseño e desenvolvemento de novos modelos de negocio, que aproveiten as oportunidades destas tecnoloxías.

Por todo iso, logo do acordo do Consello de Dirección do Igape, do 27 de xuño de 2002, e en virtude das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Derrógase a orde da Consellería de Economía e Facenda do 31 do xaneiro de 1997, pola que se aproban os prezos privados para a utilización do sistema Igatel do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 2º

Sen prexuízo da denuncia dos contratos subscritos cos usuarios, o Igape seguiralles prestando os servicios Igatel sen custo mentres non se implanten as medidas que aseguren unha transición cara a provedores da iniciativa privada.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día primeiro do mes seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2002.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda