Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Venres, 22 de novembro de 2002 Páx. 16.313

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 314/2002, do 31 de outubro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto do uso dos edificios do Pazo da Peregrina situado no concello de Ames (A Coruña).

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Ames, reunido en sesión celebrada o día 30 de outubro de 2001, acordou cede-lo uso dos edificios do Pazo da Peregrina á Dirección Xeral de Montes por un prazo de quince anos.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o correspondente expediente de aceptación de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 16, 17 e 23 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 33, 34 e

38 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da dita lei.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Ames acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de outubro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión a título gratuíto, feita polo Concello de Ames, do uso dos edificios do Pazo da Peregrina por un prazo de quince anos.

Os ditos edificios forman parte do predio que se describe como segue:

Rústico.-Granxa chamada A Peregrina, situado no lugar de Bertamiráns, parroquia de Ortoño, concello de Ames, pechada sobre si con valado propio onde está situada unha casa principal de dúas plantas e dúas casas accesorias, e unha capela, estando destinado o resto de terreo a labradío e unha viña. Linda: ó norte, ó sur e ó leste, resto do predio matriz; e ó oeste, hoxe estrada de Covas.

O inmoble descrito figura inscrito no Rexistro da Propiedade de Negreira no tomo 829, libro 220, folio 116, predio nº 20.630.

Artigo 2º

Os edificios do Pazo da Peregrina destinaranse a albergar, entre outros, o gabinete técnico de augas continentais, destinado ó apoio na xestión dos recursos piscícolas, análise de impactos ambientais, desenvolvemento forestal das bacías hidrográficas e, en xeral, para o asesoramento en tódolos temas relacionados cos ecosistemas acuáticos.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda