Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Xoves, 21 de novembro de 2002 Páx. 16.258

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 313/2002, do 26 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Cervo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto do paseo peonil da ría de Leiro á praia de Limosa.

O Concello de Cervo, en sesión celebrada o día nove de maio de dous mil dous, aprobou o proxecto do paseo peonil da ría de Leiro á praia de Limosa, e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens

e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día dezaoito de setembro de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vinte de agosto de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala o Concello de Cervo, a realización da obra é de vital importancia, ó estar situada no núcleo turístico de San Cibrao, moi destacado na Mariña de Lugo, representando a actividade turística unha boa parte dos recursos desta vila; ademais nesta zona están instalados complexos industriais de granxas mariñas, estando previstos a construcción doutros, polo que se fai necesario recuperar novas zonas de esparexemento para o uso e desfrute dos cidadáns. Por outra banda o concello pretende museizar e recupera-las súas riquezas para fomenta-lo desenvolvemento municipal, a través de actuacións na área ambiental e rehabilitación de antigas fábricas de salgadura existentes nesa zona, polo que o proxecto ecomuseolóxico e museográfico se vería seriamente comprometido no caso de non executarse o proxecto do paseo peonil da ría de Leiro

á praia de Limosa.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de setembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Cervo, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto do paseo peonil da ría de Leiro á praia de Limosa.

Santiago de Compostela, vinteseis de setembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais