Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Venres, 15 de novembro de 2002 Páx. 16.011

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de outubro de 2002 pola que se convocan axudas para a realización de escolas viaxeiras durante o ano 2003.

As escolas viaxeiras compren unha función importante ó facilitarlles ós alumnos a posibilidade de realizaren múltiples actividades de tipo formativo-cultural fóra do medio propiamente escolar, xa que sitúan o neno nun medio diferente ó seu, que lle vai propiciar unha maior convivencia e cooperación co profesor e outros compañeiros, ampliando os seus coñecementos e a súa comprensión integral, ó coñecer diferentes lugares, xentes, terras, costumes, historias e recursos.

Con base no acordo subscrito pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación e Cultura e co fin de permitirlles ós alumnos galegos de educación primaria o contacto

directo con outras zonas e culturas de España, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.

1. Convocar 540 axudas (36 grupos) destinadas a alumnos que no momento de formularen a solicitude estean cursando 4º, 5º e 6º de educación primaria en centros ordinarios da Comunidade Autónoma de Galicia, para participaren na actividade das escolas viaxeiras.

2. As escolas viaxeiras levaranse a cabo nas datas comprendidas entre o 25 de marzo e o 9 de xuño (primeira quenda) e entre o 29 de setembro e o 1 de decembro (segunda quenda) de 2003.

3. Os/as alumnos/as participantes integraranse en grupos de quince (15), ós que acompañará un/unha profesor/a do seu centro, preferiblemente o/a titor/a correspondente.

Segundo.-Cada grupo de quince alumnos/as percorrerá, xunto con outros dous grupos similares doutras comunidades, unha das rutas relacionadas no anexo I, ó longo dunha semana, iniciándose o seu percorrido o martes da semana que corresponda coa chegada dos alumnos á cabeceira da ruta e finalizando o luns seguinte (preferentemente pola mañá).

Terceiro.-As axudas ás que se refire a presente orde comprenderán:

a) O transporte en ferrocarril desde a estación de tren máis próxima ó lugar de procedencia dos alumnos ata a cabeceira da ruta e viceversa, así como o correspondente transporte aéreo no caso dos que percorran as rutas de Canarias e o marítimo no caso da ruta de Baleares.

b) Os gastos de aloxamento e manutención nos centros de acollida.

c) Os gastos de transporte por estrada correspondentes ó percorrido de cada ruta.

d) A cobertura de riscos durante o período de duración das escolas viaxeiras.

Cuarto.-Os/as profesores/as acompañantes (un por cada grupo de 15 alumnos/as) que terán que ser necesariamente os titores ou, se é o caso, profesores/as dos que habitualmente imparten clase ó grupo de alumnos/as, disporán de transporte e aloxamento gratuítos en termos similares ós indicados para o alumnado, beneficiándose, igualmente, da cobertura de riscos durante o período de duración das escolas viaxeiras.

Os devanditos profesores acompañantes serán os responsables da elaboración do anteproxecto de actividades que se menciona no punto seguinte.

Así mesmo, e no caso de seren seleccionados, prepararán cos alumnos/as os itinerarios da ruta que

van realizar e serán orientados en función dos obxectivos específicos que cada grupo pretenda conseguir e de acordo cos materiais e orientacións que reciban desde a coordinación, para que os alumnos elaboren un breve caderno de traballo, que utilizarán durante o desenvolvemento da actividade.

Quinto.-Os/as directores/as dos centros onde haxa alumnos/as que desexen participar enviaranlle a solicitude, axustándose ó modelo establecido no anexo II da presente orde, á delegación provincial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Datos dos alumnos solicitantes e autorización do pai, nai ou titor deles (anexo III).

b) Anteproxecto de actividades que se van realizar en relación coa programación do centro e cos obxectivos xerais que figuran no anexo IV.

c) Aprobación do Consello Escolar do centro, se se trata de centros públicos ou privados concertados, ou do órgano colexiado que o substitúa, no caso dos centros privados non concertados. A aprobación deberá referirse tanto á realización da actividade como á relación de alumnos/as participantes.

Sexto.-O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 13 de decembro de 2002.

Sétimo.-En cada provincia constituirase unha comisión de valoración das solicitudes presentadas que estará presidida polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en quen delegue e integrada, en calidade de vocais, por:

-Un inspector de educación (nivel de educación primaria).

-Dous directores de colexios de educación primaria, un do sector público e outro do sector privado.

-Dous pais ou representantes legais de alumnos, un do sector público e outro do sector privado.

-Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da delegación.

Todos eles serán designados polo delegado provincial.

Oitavo.-As comisións provinciais reuniranse no prazo de cinco días, unha vez finalizado o período de presentación de solicitudes, procedendo a valoralas, tendo en conta as características socioeconómicas da zona onde está situada o centro docente, co fin de darlles preferencia ós alumnos con menores oportunidades de dispoñer doutras ofertas por razóns económicas, culturais ou ambientais e, en particular, ós procedentes de zonas rurais, arrabaldes ou suburbios.

Así mesmo, terase en conta se o centro participou nesta actividade nos anos anteriores, co fin de posibilita-la participación dos centros que non o fixeron.

Cada comisión provincial elaborará unha relación de centros solicitantes, por orde de preferencia, en función dos criterios de valoración sinalados e remitiralla de inmediato á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

Noveno.-A selección definitiva será realizada pola Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, a través dunha comisión constituída con tal fin e con base nas propostas das comisións provinciais, tendo en conta que os grupos de alumnos de 4º soamente poderán participar na segunda quenda, os de 6º na primeira e os de 5º en ámbalas dúas quendas.

O prazo máximo para resolve-las solicitudes será de 3 meses, contado a partir da data de publicación no DOG desta convocatoria; considerándose desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo sinalado neste parágrafo.

Contra a resolución da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa poderase interpoñer recurso de alzada, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Décimo.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deportes, efectuará o seguimento e avaliación global do programa de escolas viaxeiras; por iso, os centros participantes, a través do profesor/a acompañante coa colaboración do grupo de alumnos/as, enviaranlle á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con posterioridade ó percorrido da ruta e nun prazo máximo de dous meses desde a súa finalización, unha memoria de avaliación da actividade, por exemplar triplicado, cunha extensión non superior a 10 folios, en formato DIN A-4.

Décimo primeiro.-A memoria de avaliación á que se refire o punto anterior constará das seguintes partes:

a) Recollerá os obxectivos da escola viaxeira, as características do grupo, as actividades programadas e os mecanismos e avaliación dos resultados.

b) Diario da viaxe no que se anotará de modo secuencial o desenvolvemento das actividades e a súa dedicación ós obxectivos propostos.

c) Avaliación dos resultados: reflectirá non só os coñecementos adquiridos polo grupo durante o desenvolvemento da escola viaxeira, senón tamén, e fundamentalmente, as actitudes suscitadas nos

alumnos ó contacto con outras culturas, a súa capacidade para participaren na vida das comunidades visitadas e o nivel de análise crítica e elaboración de alternativas ante os problemas locais, alcanzados polo colectivo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dictar tódalas disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Catálogo de rutas

* Ruta de Andalucía Occidental.

Resumo de contidos:

Córdoba: Patrimonio da Humanidade, Mesquita, Alcázar dos Reis Cristiáns, Xardín Botánico, Xudería, Museo Arqueolóxico. Parques naturais. Serra de Cárdena-Montoro. Serras subbéticas: Prego de Cordoba, Almedinilla. Val dos Pedroches, a industria agroalimentaria de Pozoblanco. Sevilla: catedral, Xiralda, Reais Alcázares, Barrio Sta. Cruz, praza de España e parque de María Luisa.

Aloxamento: Residencia Escolar M. Careaga y C. de Mora, Doctor Fleming, 1; 14445 Cardeña (Córdoba). Teléfono: 957 17 41 20.

Número de grupos: segunda quenda, 2.

* Ruta de Andalucía Oriental.

Resumo de contidos:

Almería: concello, catedral, cidade, auditorio, porto e Alcazaba. Mojácar e Carboneras. Cuenca de Sorbas. Macael. Os cultivos intensivos baixo plastico en El Ejido. Parque Natural do Cabo de Gata e Xardín Botánico El Albardinal. Granada: a Alambra, Xeneralife, Palacio de Carlos V, catedral e Capela Real. Parque das Ciencias.

Aloxamento: Residencia Escolar Carmen de Burgos. Estrada de Níjar, km 7. Almería. Teléfono: 950 29 14 40.

Número de grupos: primeira quenda, 2.

* Ruta de Cataluña.

Resumo de contidos:

A industria de transformación agrícola: visita a unhas cavas. O Val de Nuria. A Tarragona romana. Barcelona: a cidade e os seus monumentos: historia, arte, costumes, lugares singulares, etc. O Palau da Generalitat, a Sagrada Familia, o Parque Güell, a Rambla, o metro, o zoolóxico, os museos, o porto.

Aloxamento: Albergue Torre Ametller, Veïnat de Santa Elena d'Agell, Cabrera de Mar (Maresme). Barcelona. Teléfono: 93 759 00 97.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 2.

* Ruta de Navarra.

Resumo de contidos:

Vales pirenaicos: Roncal e Baztán. Camiño de Santiago: Puente La Reina e Estella. Pamplona capital. Ribeira tudelana e Bárdenas.

Aloxamento: Centro Puente. Estrada Señorío de Sarriá, s/n, 31100 Puente la Reina (Navarra). Teléfono: 689 70 18 36.

Número de grupos: primeira quenda, 1.

* Ruta da Comunidade Valenciana.

Resumo de contidos:

Sagunto: castelo e Teatro Romano. Valencia: centro histórico. El Saler e La Albufera. Játiva: conxunto histórico. Algemesí: agrícola e industrial. Alacante turístico: Denia e Gandía. Valencia metrópole. Cidade das Artes e as Ciencias. O porto e Alboraya.

Aloxamento: Albergue da Torre de Alborache. Estrada de Macastres, s/n 46369 Alborache (Valencia). Teléfono: 962 50 81 23 e 24.

Número de grupos: primeira quenda, 1.

* Ruta de Aragón.

Resumo de contidos:

O cinto industrial de Aragón. A Comunidade Autónoma e a súa organización. Zaragoza monumental e artística. A cidade como centro de servicios e o seu contorno.

O medio rural aragonés e as súas diferentes formas de vida: o val e o Pirineo, secaño e regadío.

Provincia de Huesca: orixe do antigo Reino de Aragón. Visita ó Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido.

Recorrido pola provincia de Teruel, modos de vida e diferencias paisaxísticas.

Aloxamento: Residencia Actividades de Alumnos. Venta del Olivar, praza Mayor, s/n, barrio da Venta do Olivar. 50011 Zaragoza. Teléfono: 976 34 11 33.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 2.

* Ruta de Toledo.

Resumo de contidos:

Toledo capital, institucións. O seu contorno: Castelo de Guadamur. Os montes de Toledo. A Mancha: Consuegra, Villacañas, Miguel Esteban e El Toboso.

Ruta Cervantina: Illescas, Esquivias, Ocaña e Tembleque. Toledo artístico e monumental.

Aloxamento: IES Universidad Laboral. Avda. de Europa, 28, 45003 Toledo. Teléfono: 925 22 34 00.

Número de grupos: primeira quenda, 2; segunda quenda, 2.

* Ruta de Burgos.

Resumo de contidos:

Percorrido urbano I: Atapuerca, industria, Monasterio de Las Huelgas. La Bureba: Briviesca, Frías, Oña e Poza de la Sal. A Ribeira: Salas de los Infantes, Peñaranda del Duero.

Percorrido urbano II: catedral, senda da natureza, núcleo histórico e ruínas do Castelo de Burgos. Val do Arlanza: Lerma, Covarrubias, La Yecla.

Aloxamento: Escola Fogar de Fuentes Blancas. Teléfono: 947 48 46 43.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 1.

* Ruta de Salamanca.

Resumo de contidos:

Salamanca monumental. Centro Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (Fundación Germán Sánchez Ruipérez). Arribes do Douro. Ruta da Prata. Béjar (Museo Téxtil, Museo Mateo Hernández). Candelario. Ruta de Ciudad Rodrigo. Fronteira portuguesa (predio experimental Castro Enríquez). Ciudad Rodrigo monumental. Serra de Francia. Pena de Francia. La Alberca.

Aloxamento: Escola Fogar de Santa Marta de Tormes (Salamanca). Teléfono: 923 20 02 21.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 1.

* Ruta de Soria.

Resumo de contidos:

Berlanga de Duero, San Baudelio, Tajueco, Gormaz. Soria. Numancia, Vinuesa, Laguna Negra. Canón do río Lobos, Burgo de Osma. San Esteban de Gormaz. Almazán, Medinaceli.

Aloxamento: Escola Fogar de Berlanga de Duero. Teléfono: 975 34 31 02.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda 1.

* Ruta de Estremadura.

Resumo de contidos:

Cáceres: Patrimonio da Humanidade. Alcántara: a producción hidroeléctrica de Estremadura. Mérida: capital romána e autonómica. Plasencia e Parque

Natural de Monfragüe. Guadalupe e Trujillo: Estremadura e América.

Aloxamento: IES Universidade Laboral (casitas). Avda. da Universidade, s/n, 1004 Cáceres. Teléfono: 927 22 59 66.

Número de grupos: segunda quenda, 2.

* Ruta de Madrid.

Resumo de contidos:

A Serra: Parque Rexional de Manzanares El Real, San Lorenzo de El Escorial. Museo do Prado, Madrid dos Borbóns. Os transportes: o metro. Medios de comunicación audiovisual. Parque zoolóxico. Visita a un pobo da comunidade. Visita a unha industria, aroporto de Barajas, Cosmo Caixa Parque do Retiro. Madrid dos Austrias.

Aloxamento: Centro de Intercambios Escolares. estrada de Colmenar Viejo, km 12,800. Teléfono: 91 372 12 84 e 91 734 27 00, extensión: 223.

Número de grupos: primeira quenda, 2; segunda quenda, 2.

* Ruta de Murcia.

Resumo de contidos:

Agricultura intensiva e industrias derivadas: visita ó alcouve El Jimenado e ó Centro de Capacitación Agraria en Torre Pacheco e industria de transformación (fábrica de conservas en Campos del Río). El Carmolí e La Manga do Mar Menor (paseo en barca). Cartagena: percorrido pola cidade (Teatro Romano), porto e val de Escombreras. Asemblea rexional, Portman e Museo Mineiro de La Unión. A auga e a horta: transvasamento Texo-Segura (Casa da Auga), sistemas tradicionais de rega (Norias de Abarán). Murcia: Museo da Ciencia e a Auga, Museo Salzillo e percorrido pola cidade (catedral). O Mar Menor, subida ó monte El carmolí en Los Urrutias. Percorrido no barco polo Mar Menor (Illa de la Perdiguera).

Aloxamento: Escola Fogar El Mar Menor, r/ Conde da Liseda, 30720 Santiago da Ribera, San Xabier (Murcia). Teléfono: 968 57 24 79.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 2.

* Ruta da Rioxa.

Resumo de contidos:

Logroño: capital da Comunidade Autónoma e sede das institucións. Parlamento rioxano. A historia medieval: Briones. Camiño de Santiago: Navarrete, Nájera, Sto. Domingo de la Calzada. Mosteiros de Suso e Yuso, Patrimonio da Humanidade e nacemento da lingua castelá. A industria vinícola: Haro: Museo Enolóxico. A ribeira do Ebro: Calahorra, cidade romana, industria de transformación agroalimentaria e mercado das verduras. Arnedo: Museo de Ciencias Naturais. A Serra de Cameros: espacios

naturais. Covas de Ortigosa de Cameros. Serra de Cebollera: Villaoslada de Cameros e Lomos de Orio.

Aloxamento: IES La Laboral, avenida de La Rioja, nº 6, 26140 Lardero (La Rioja). Teléfono: 941 44 96 52 e 941 44 97 52.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda 1.

* Ruta de Baleares.

Resumo de contidos:

Palma: a cidade e os seus monumentos: historia, arte, costumes, lugares singulares... As comarcas físicas de Mallorca: LLevant, Pla, Es Raiguer, Tramuntana e Migjorn; coñecendo a agricultura, a industria, o turismo, os medios de transporte e o medio natural.

Aloxamento: Albergue da Praia de Palma. R/ Costa Brava, 3, 07610 Palma de Mallorca. Teléfono: 971 26 08 92.

Número de grupos: primeira quenda, 1.

* Ruta de Euskadi.

Resumo de contidos:

A chaira alavesa: importancia da gandería no País Vasco. Bilbao e a súa zona de influencia: o porto. A industria. Donostia-San Sebastián: importancia da beleza da paisaxe no desenvolvemento turístico. Guernika e a ría de Mundaka: achegamento ós símbolos históricos de Euskalherría. Vestixios prehistóricos. O mar. Vitoria Gasteiz: a cidade e o seu trazado urbanístico; planificación e servicios. Euskadi institucional.

Aloxamento: Residencia Carlos Abaitua. R/ Escultor Díez, s/n, 01007 Vitoria. Teléfono: 945 14 81 15.

Número de grupos: primeira quenda: 1.

* Ruta de Gran Canaria.

Resumo de contidos:

Norte-noroeste da illa. Arucas, almacén de plátanos. Planta desalinizadora. Reptilandia. Agaete. Porto pesqueiro de Las Neves. Sur da illa: Parque Natural das Dunas de Maspalomas. Praia de Maspalomas. Leste-norte da illa: Vila de Agüimes: Barranco de Guayadeque e Centro de Interpretación. Paseo praia de Las Canteras e zona comercial. Centro-norte da illa: Xardín Botánico Vieira e Clavijo. Núcleo antigo da cidade de Las Palmas de Gran Canaria: Vegueta, catedral, praza de Santa Ana, Museo Canario e Museo Colón. Museo Elder da Ciencia e Tecnoloxía. Zona de Cumbre: Cumbre de Gran Canaria: Montañón Negro, Parador de Tejeda, Los Pechos, Roque Nublo.

Aloxamento: Residencia Escolar Las Palmas, estrada Lomo Blanco, 44, 35017 Las Palmas de Gran Canaria. Teléfono 928 35 02 76/35.

Numero de grupos: primeira quenda, 1.

ANEXO IV

Obxectivos xerais.

-Lograr un adecuado nivel de coñecementos e comprensión integral da comunidade visitada, as súas xentes e costumes, as súas terras, a súa historia e os seus recursos.

-Fomenta-la convivencia e cooperación entre os alumnos, aceptando as diferencias culturais e lingüísticas dos diferentes grupos, e potenciando o desenvolvemento das capacidades individuais.

-Crear hábitos e actitudes positivas na defensa e conservación do ambiente e do patrimonio, comezando polo contorno cotián dos alumnos.

-Procura-lo desenvolvemento e a utilización dunha metodoloxía activa e participativa de profesores e alumnos, e o intercambio de experiencias singulares, en relación coa ruta.

-Ampliar, desde o punto de vista didáctico, o ámbito de actuación da escola mercé á investigación e deseño de novas situacións de aprendizaxe, extensivas ó antes e despois da realización da ruta.

Aspectos previos.

-A escola viaxeira é, ante todo, escola. Ofrécelle ó profesor a posibilidade de participar no deseño e experimentación de novas situacións de aprendizaxe, partindo dun modelo docente baseado no seu protagonismo como figura activa do propio currículo, concibido como unha realidade flexible e xeradora dos seus propios contidos.

-O desenvolvemento da personalidade nas súas dimensións individual e social e o de actitudes a hábitos de cooperación, apertura cara á formas novas de participación responsable ou á formación do espírito creativo e sentido crítico ante os estímulos do medio. E tamén ó que fai referencia a unha escola non homoxeneizadora, que valore e procure desenvolve-las peculiaridades do individuo e do seu estilo persoal e social, favorecendo a convivencia rexional.

-Contribuír a que a acción formativa se inspire no respecto á pluralidade lingüística e cultural de España, a través do coñecemento e comprensión, precisamente, dos distintos pobos que a constitúen, e da convivencia, ó propio tempo, entre alumnos de distintas procedencias.

-Unha nova lectura da realidade que haberá de repercutir de forma positiva nos centros e que se traduce nunha consideración do medio non como algo separado e distinto do suxeito, senón como o espacio de relacións de toda índole que este establece, e no que interveñen tódolos procesos de comunicación e interacción.

Aspectos de metodoloxía e deseño.

-O esquema metodolóxico que máis claras referencias pode ofrecer ó profesor a cargo dos grupos é o que relaciona os principais axentes educativos, humanos e materiais, que concorren na actividade e nunha primeira aproximación.

-O profesor, en primeiro lugar, como responsable dos alumnos ó seu cargo, deberá desenvolve-los obxectivos específicos do seu proxecto de participación, adecuándoos ós obxectivos xerais da ruta establecida pola coordinación.

Na orde técnica velará para que os seus alumnos asistan provistos da documentación e equipamento necesarios.

-O coordinador, como garante dos propósitos educativos e pedagóxicos da experiencia, establecerá os mecanismos e recursos necesarios para a consecución, por unha banda, dos ditos propósitos e, por outra, das expectativas contidas no proxecto de cada un dos grupos participantes. Realizará para isto a posta en común pertinente ó inicio da experiencia e outras máis específicas no curso do seu desenvolvemento.

-O axudante de coordinación levará a coordinación a un nivel máis concreto de actividades e visitas, de acordo coa proposta de ruta e coas previsións didácticas que se establecesen entre os grupos. Na orde técnica velará pola normal secuenciación das actividades e os aspectos que, en xeral, lle sexan asignados pola coordinación.

-O alumno é o verdadeiro protagonista da actividade. É necesario consegui-la súa participación activa a través dos recursos (caderno de campo e outros) máis apropiados, tanto desde o punto de vista social e convivencial coma do desenvolvemento das súas capacidades individuais.

-Os recursos, como elemento clave no deseño, partindo dos máis próximos ó ámbito de formación do alumno (importancia dos recursos do propio centro de procedencia) e dos propios da comunidade visitada. A infraestructura (residencia, transporte, etc.) como recurso ó servicio da actividade.

-O ámbito de desenvolvemento da experiencia máis alá da súa realización práctica e que se estende ós centros de destino dos grupos. Importancia da avaliación e o seguimento, posteriormente dos diferentes aspectos e contidos que se desenvolveron. A memoria, como reflexión xeral sobre as expectativas e logros da actividade.