Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Luns, 11 de novembro de 2002 Páx. 15.766

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 30 de outubro de 2002 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Música Viva.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Música Viva, con domicilio na Coruña.

Supostos de feito.

1. A fundación, en escrito de 25 de outubro de 2002, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 15 de outubro de 2002, ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número dous mil trescentos cincuenta e sete do seu protocolo por Roberto Rodríguez Oriolo, Consuelo Milagros Martín Neira, María Constantina Rodríguez Ruíz; interveñen no seu propio nome e dereito.

3. Os fins da fundación, segundo establece o artigo 6 dos seus estatutos, son entre outros:

a) Fomenta-las actividades musicais, artísticas e culturais na Comunidade Autónoma galega, promovendo un maior coñecemento por parte da sociedade galega da música creada en Galicia.

b) Enriquece-lo acervo de coñecementos na área da música promocionando e difundindo a música producida en Galicia, estudiando os vínculos entre música e outras disciplinas, tales como a electrónica, a acústica ou a informática, desenvolvemento a investigación e melloramento de instrumentos musicais, tanto tradicionais, como de vangarda.

c) Organizar e patrocinar grupos musicais, orquestrais e similares, fomentando a formación de grupos orquestrais de carácter privado, a producción musical na nosa Comunidade Autónoma e o cultivo das artes e ciencias e tecnoloxías que se relacionen directa ou indirectamente coa música.

d) Cooperar con grupos orquestrais, músicos, compositores, institucións e entidades para difundi-la música creada en Galicia na pluralidade cultural europea, colaborando co establecemento de mecanismos de apoio e difusión adecuados para ese fin.

e) Apoia-las políticas de formación en Galicia de músicos especializados en música internacional contemporánea, contribuíndo á difusión dos métodos e técnicas avanzadas para a aprendizaxe musical.

f) Fomenta-la aplicación das novas tecnoloxías para a execución, interpretación e difusión da música creada en Galicia.

g) Orientar e asesorar a persoas e organismos interesados na música e nas relacións desta coa cultura, a ciencia, a educación e a tecnoloxía, facilitándolles todo tipo de información e documentación ó respecto.

h) Cooperar na creación de centros especializados e organismos de investigación, documentación, intercambio de información e difusión en materia musical e cultural.

4. O padroado da fundación estará integrado por Roberto Orlando Rodríguez Oriolo, María Constantina Rodríguez Ruíz como vicepresidenta e Consuelo Milagros Martín Neira como secretaria.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Música Viva, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa ascrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulameto de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 29 de outubro de dous mil dous.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Música Viva adscribíndoa á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia Relacións

Institucionais e Administración Pública