Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Venres, 08 de novembro de 2002 Páx. 15.702

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 18 de outubro de 2002 pola que se acorda a cesión de uso de bens mobles propiedade do Servicio Galego de Saúde a favor da Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira.

A Xerencia da Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira solicitou a cesión de uso de diverso equipamento propiedade do Servicio Galego de Saúde.

Dado que o equipamento será destinado á realización dos fins de interese xeral recollidos no artigo 6 dos seus estatutos, aprobados polo Decreto 276/2001, do 27 de setembro, de adaptación das fundacións sanitarias á disposición adicional sétima da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, o Servicio Galego de Saúde tramitou o expediente de cesión de uso de conformidade co disposto no artigo 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e no artigo 96 bis do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo (DOG nº 156, do 13 de agosto).

Por todo o exposto e en uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión de uso a favor da Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira dos bens mobles que se relacionan no expediente nº EXP-01/02, tramitado para o efecto pola División de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde.

Artigo 2º

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) Os bens cedidos destinaranse á xestión e administración do Hospital Virxe da Xunqueira de acordo cos fins de interese xeral establecidos no artigo 6 dos estatutos da fundación pública.

b) A cesión outórgaselle por un período máximo de cinco anos prorrogable por períodos sucesivos de igual duración se así o acordase o Servicio Galego de Saúde, logo da petición da fundación.

c) Transcorrido o prazo da cesión ou no caso de que os bens non se aplicasen ó fin sinalado ou deixasen de utilizarse con esa finalidade, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán ó Servicio Galego de Saúde, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentasen.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo director xeral da División de Recursos Económicos do Sergas e o director da fundación pública, debendo constar nela o acordo de cesión, no que se incluirá a relación de bens obxecto de cesión, e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

O Servicio Galego de Saúde, a través da División de Recursos Económicos, no marco das súas competencias, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2002.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade