Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Luns, 04 de novembro de 2002 Páx. 15.454

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 295/2002, do 17 de outubro, sobre subvencións a fondo perdido para a reconstrucción protexida de vivendas no medio rural de Galicia.

O Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, establece o marco normativo de financiamento de actuacións protexidas do Plan de Vivenda e Solo para o período 2002-2005.

O Decreto 127/2001, do 25 de maio, regulaba as subvencións a fondo perdido para a reconstrucción de vivendas no medio rural de Galicia.

A xeral aceptación destas axudas así como a necesidade aínda existente de actuacións de reconstrucción, rehabilitación integral, remodelacións e ampliacións nas vivendas do medio rural de Galicia explican a oportunidade da publicación dunha nova normativa que, por unha banda, continúe como complemento diferenciado da normativa de subvencións a fondo perdido para actuacións de rehabilitación máis simples recollida no Decreto 228/2002, do 20 de xuño, sobre subvencións a fondo perdido para a rehabilitación protexida de vivendas no medio rural de Galicia, e pola outra, en coherencia co novo marco normativo, articule estas subvencións como unha liña máis de axuda entre as previstas para a vivenda con carácter permanente ata o ano 2005.

Por coherencia coa normativa do novo Plan de Vivenda 2002-2005 a limitación dos ingresos ponderados pasa a expresarse en número de veces ó salario mínimo interprofesional.

Modifícase, ademais, o procedemento para adecualo ó modelo seguido na rehabilitación protexida do Plan de Vivenda, mediante as resolucións de declaración provisional e definitiva de reconstrucción protexida e a ulterior de concesión da subvención.

O presente decreto desenvolverase mediante ordes anuais que determinarán a contía dos recursos para cada exercicio orzamentario.

En virtude do anterior por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de outubro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente disposición ten por obxecto protexer e incentiva-la reconstrucción e reestructuración de vivendas rurais, promocionando solucións axeitadas ó medio e respectuosas coa tipoloxía da arquitectura tradicional da zona.

Artigo 2º.-Concepto de vivenda rural.

Para efectos deste decreto considéranse vivendas rurais as vivendas unifamiliares situadas en:

a) Entidades de poboación inferiores a 500 habitantes.

b) Núcleos entre 500 e 1.500 habitantes de municipios con planeamento municipal vixente, sempre que os núcleos sexan rurais ou, no caso de núcleos urbanos, sempre que a ordenanza de aplicación considere como compatible o uso da vivienda unifamiliar.

c) Núcleos entre 500 e 1.500 habitantes dos municipios sen planeamento sempre que teñan un claro carácter rural e non sexan características de aglomeracións ou concentracións urbanas.

Artigo 3º.-Condicións para a reconstrucción.

Poderán ser obxecto destas axudas aquelas vivendas cunha antigüedade superior ós 40 anos e que, como consecuencia das actuacións, vaian ser destinadas a domicilio habitual e permanente do beneficiario, durante o prazo, como mínimo de cinco anos, contados a partir da notificación da concesión da subvención.

No caso dos galegos residentes no exterior da Comunidade Autónoma esta obriga limitarase á residencia na vivenda reconstruída durante polo menos trinta días ó ano, no mesmo período.

Artigo 4º.-Actuacións protexibles.

1. As actuacións que se inclúen no ámbito de protección que se establece neste decreto son as seguintes:

A) Reestructuración interior.

Abrangue as obras que readapten a configuración arquitectónica interior do edificio con adecuacións significativas dos seus elementos fixos ou estructurais ás necesidades actuais dunha vivenda unifamiliar. Inclúe os baleiramentos totais con mantemento das fachadas.

B) Reconstrucción integral.

Abrangue as obras en edificacións que, dado o seu estado de ruína, ou como consecuencia de anteriores modificacións, só permiten a conservación de elementos valiosos illados da edificación primitiva, incorporándoos á edificación de nova planta.

C) Ampliación da vivenda.

Abrangue a ampliación do volume existente. As ampliacións deberán adecuarse ás características da edificación que se amplía e ás fixadas no planeamento vixente.

2. Para todas as actuacións anteriores será requisito indispensable, ademais da licencia municipal, o correspondente proxecto básico e de execución asinado polo técnico competente que, ademais das calidades técnicas e de seguridade das obras que se van realizar, garantirá a adecuación ó medio e á paisaxe da edificación resultante. En todo caso o proxecto deberá respectar e mante-las características tipolóxicas valiosas da edificación primitiva, conservando tódolos elementos merecentes de protección polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico ou da tipoloxía tradicional.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán solicita-las subvencións reguladas neste decreto sobre subvencións para reconstrucción de vivendas as persoas físicas que, sendo propietarias delas, obteñan uns ingresos familiares ponderados que non excedan de 3,5 veces o salario mínimo interprofesional.

As persoas físicas que residan, sen pagaren renda ningunha, en vivendas propiedade de institucións privadas sen fins de lucro, poderanse acoller ás axudas achegando o documento de autorización da institución correspondente. Tanto a vivenda obxecto das actuacións como o solicitante das axudas deberán reuni-los demais requisitos esixidos neste decreto.

Artigo 6º.-Axudas.

1. A Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo ós orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo e dentro das dispoñibilidades orzamentarias que poidan consignarse en cada exercicio económico, que se cuantificarán nas respectivas ordes anuais, poderá subvenciona-las actuacións recollidas no artigo 4º nunha contía equivalente ó 30% do orzamento das obras, sen que en ningún caso a dita subvención poida supera-la cantidade de 7.250 euros por beneficiario.

2. As axudas da presente disposición atenderanse da forma que será establecida mediante ordes anuais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda que determinarán:

1. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, onde figuran os créditos para esta finalidade, con cargo á que serán atendidas as ditas axudas.

2. O importe máximo das axudas que se poderán outorgar dentro de cada exercicio orzamentario.

Artigo 7º.-Ingresos familiares.

Para os efectos do determinado no artigo 5º da presente disposición enténdese:

1. Por ingresos familiares a contía, en número de veces o salario minimo interprofesional, da parte xeral e especial da base impoñible reguladas nos artigos 38 e 39, respectivamente, da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, isto é, antes de proceder ás deduccións dos mínimos persoal e familiar, e correspondente á declaración do solicitante e ás declaracións de cada un dos demais membros da unidade familiar, presentadas no período impositivo inmediatamente anterior (con prazo de presentación vencido) á solicitude das axudas.

Se o interesado non presentase declaración por non estar obrigado a iso, a acreditación dos seus ingresos familiares efectuarase mediante declaración responsable, relativa ás mencionadas parte xeral e especial da base, reguladas nos artigos 38 e 39, respectivamente, da Lei 40/1998, do 9 de decembro, sen prexuízo do achegamento dos documentos acreditativos que se establecen para a súa comprobación no artigo 8º desta disposición.

2. Por ingresos familiares ponderados, os resultantes de lles aplicar ós ingresos familiares os seguintes coeficientes multiplicadores de ponderación en función do número de membros da unidade familiar:

Familias de 1 membro: 1.

Familias de 2 membros: 0,95.

Familias de 3-4 membros: 0,90.

Familias de 5-6 membros: 0,85.

Familias de máis de 6 membros: 0,80.

3. Por unidade familiar tal e como resulte definida polas normas reguladoras do imposto sobre a renda das persoas físicas.

As referencias á unidade familiar, para efectos de ingresos, fanse extensivas ás persoas que non estean integradas en ningunha unidade familiar.

4. No caso dos galegos residentes no estranxeiro que perciban ingresos noutro tipo de moeda distinta ó euro, os ingresos na moeda propia do país no que se obteñan calcularanse en función do seu contravalor en euros, aplicando o primeiro cambio oficial fixado para o comprador no mercado de divisas no ano seguinte ó que se refiran os ingresos.

Artigo 8º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para a reconstrucción protexida das vivendas presentaranse nas delegacións provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo que correspondan por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, axustándose ós modelos que figuran no anexo desta disposición.

2. Os documentos que se deben achegar á solicitude de reconstrucción protexida son os seguintes:

a) Fotocopia compulsada do DNI e do NIF do solicitante.

b) Proxecto básico e de execución de acordo co previsto no artigo 4º do presente decreto.

c) Plano de localización da vivenda no que figure o nome da parroquia, do lugar, da rúa e o número ou denominación da casa.

d) Fotografías actuais de tódalas fachadas da vivenda e das partes que se van a reconstruír.

e) Fotocopia compulsada da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, correspondente ó exercicio inmediatamente anterior á data da solicitude e certificado das rendas expedido, nos termos do Real decreto 1190/2000, do 23 de xuño, pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.

De non estar obrigado a presenta-la declaración do IRPF, copia da notificación-liquidación emitida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria para os que presentaron o modelo de solicitude de devolución 104-105, e certificado acreditativo do nivel de rendas do correspondente exercicio expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.

Nos demais casos, declaración responsable de tódolos ingresos obtidos e certificado acreditativo do nivel de rendas do correspondente exercicio, expedido pola Axencia Estatal da Administracion Tributaria que corresponda, xuntando, ademais, os seguintes documentos: declaración das circunstancias familiares, certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas que estivese de alta no devandito exercicio e, se é o caso, certificado de pensións, ou prestacións periódicas, certificado do Inem, e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

No suposto dos emigrantes, a xustificación dos ingresos familiares efectuarase mediante copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas presentada en España, ou da equivalente presentada no país onde presten os seus servicios, autenticada, se é o caso, pola agregadoría laboral correspondente ou delegación consular de España.

f) Certificado municipal de situación da vivenda segundo o disposto no artigo 2º do presente decreto.

g) Licencia municipal de obras para a execución do proxecto.

h) Documentos que acrediten que o solicitante é o propietario da vivenda obxecto das actuacións e, de se-lo caso, a autorización da institución correspondente prevista no artigo 5º do presente decreto.

i) Documentación acreditativa da antigüidade da vivenda.

j) Declaración do conxunto de tódalas subvencións solicitadas ou concedidas, para as actuacións obxecto desta solicitude, das administracións públicas ou doutros entes públicos.

3. A presentación da solicitude implicará que a Comunidade Autónoma poderá facer uso da información de carácter tributario ou económico que fose legalmente pertinente ou solicitala, no marco da colaboración que se estableza, da Axencia Estatal de Administración Tributaria ou doutras administracións públicas, para o cumprimento dos fins relacionados directamente coas funcións de outorgamento e aboamento das subvencións.

4. As solicitudes asinadas polos galegos residentes no exterior da Comunidade Autónoma poderán presentarse nas entidades galegas dos lugares de residencia que teñan recoñecida a galeguidade ou estean consideradas como colaboradoras, as cales deberán remitilas en todo caso á Consellería de Emigración e Cooperación Exterior.

Esta consellería remitirá as solicitudes á Delegación Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo que corresponda en función da localización da vivenda.

Será preceptivo o informe da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior para toda solicitude presentada polos galegos residentes no exterior.

Artigo 9º.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día da entrada en vigor da presente disposición e rematará o día 31 de decembro de 2005.

A finalización do prazo de presentación de solicitudes poderase modificar por orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda en función dos recursos orzamentarios e do número de solicitudes presentadas.

Artigo 10º.-Declaración provisional.

Á vista da documentación presentada e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren pertinentes o delegado provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo procederá a outorga-la declaración provisional de reconstrucción protexida, no caso de cumpri-los requisitos esixidos, ou a denegala no caso de non cumprilos.

A declaración provisional comprenderá as actuacións que se van realizar, o prazo de execución das obras e o seu orzamento.

O prazo de execución non poderá exceder de dous anos a partir da data de notificación da declaración provisional de reconstrucción protexida.

Excepcionalmente por causa xustificada e por petición motivada do promotor, poderase conceder unha ampliación do prazo establecido que non exceda da metade del.

O non cumprimento dalgún dos requisitos establecidos na presente disposición ou o feito de que as actuacións de reconstrucción obxecto da solicitude xa estiveran realizadas con anterioridade ó momento da solicitude das axudas, será motivo da denegación da declaración provisional de reconstrucción protexida do expediente.

Artigo 11º.-Declaración definitiva.

O beneficiario, unha vez executadas as obras declaradas dentro do prazo concedido para o efecto, disporá dun prazo de 15 días para comunicar por escrito á Delegación Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo a súa finalización, xuntando fotografías que mostren as obras realizadas. A falla de comunicación no dito prazo do promotor dará lugar á denegación da declaración definitiva por incumprimento das condicións da declaración provisional.

O delegado provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, á vista da documentación presentada, logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, procederá a outorgar ou denegar, segundo se cumpran ou non as condicións, a declaración definitiva de reconstrucción protexida para o expediente con notificación ó interesado.

Será motivo de denegación da declaración definitiva non executa-las obras obxecto da declaración provisional dentro do prazo concedido para o efecto.

Non obstante, poderá outorgarse a declaración definitiva naqueles casos en que, conseguida a seguridade estructural e a habitabilidade da vivenda e cumpridos os demais requisitos, se comprobe que as obras executadas de entre as declaradas provisionalmente chegan como mínimo ó 75 % do orzamento protexido. Neste caso, a contía da subvención limitarase ó 30% do orzamento efectivamente executado.

Artigo 12º.-Concesión da subvención.

A concesión da subvención efectuarase por resolución do director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, por proposta do delegado provincial, unha vez obtida a cédula da declaración definitiva de reconstrucción protexida. Na resolución de concesión constará o importe da subvención concedida.

Contra as resolucións de declaración provisional e definitiva de reconstrucción protexida e de concesión da subvención poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da notificación da resolución.

Non obstante, se non existise crédito orzamentario, resolverase a concesión no momento en que exista cobertura orzamentaria.

Os beneficiarios, unha vez obtida a declaración definitiva de reconstrucción protexida e dictada a resolución de concesión da subvención e en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Deberán, así mesmo, acreditar que se atopan ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 13º.-Facultade de inspección.

1. Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realizar tódalas inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verifica-la exactitude dos datos achegados, a execución das obras aprobadas ou o destino da subvención concedida.

2. Os beneficiarios están obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 14º.-Garantías.

1. O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención suporá, ademais das sancións que puideran corresponder, a obriga do reintegro por parte do beneficiario dos recursos achegados polo IGVS, incrementados co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión das axudas.

Artigo 15º.-Prazos de resolución.

De acordo co artigo 42.2º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, o prazo máximo establecido para resolver e notifica-las resolucións de declaración provisional e definitiva e de concesión da subvención será de seis meses. Así mesmo, segundo o disposto no artigo 44.1º da antedita lei, vencido o prazo máximo establecido sen que se dictara e notificara a resolución, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo 16º.-Compatibilidade.

Os beneficios establecidos na presente disposición:

1. Son compatibles, para as mesmas actuacións, coas axudas para a rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos galegos, sen que en ningún caso o total das subvencións concorrentes poida supera-lo 75% do orzamento protexible.

2. Son incompatibles con cualquera outra axuda con cargo ós orzamentos do IGVS ou do Ministerio de Fomento, destinadas ás mesmas actuacións.

3. Non poderán concederse a aquelas persoas que, ó abeiro de calquera norma autonómica reguladora de axudas para actuacións de rehabilitación ou reconstrucción, ou ó abeiro da normativa estatal dos plans de vivenda, as solicitaran nos catro exercicios inmediatamente anteriores ó da presentación da solicitude, coa excepción daqueles casos en que as solicitudes remataran o seu procedemento sen obter beneficio ningún.

Disposicións transitorias

Primeira.-As axudas económicas solicitadas dentro de prazo ó abeiro de convocatorias anteriores seguirán tramitándose conforme a normativa aplicable a elas, se ben o seu outorgamento quedará supeditado ó cumprimento dos requisitos establecidos na normativa vixente sobre outorgamento de subvencións e, en especial, dos establecidos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Así mesmo, a tramitación administrativa levada a cabo conforme a normativa anterior entenderase sempre sen prexuízo da aplicación da normativa en vigor reguladora do réxime e control da aplicación das subvencións públicas.

Segunda.-Os solicitantes de subvencións para a reconstrucción da súa vivenda rural ó abeiro do Decreto 127/2001, do 25 de maio, e da Orde do 6 de xuño de 2001, ós que lles foran denegadas as súas solicitudes por falta de recursos dispoñibles en aplicación do artigo 10º do devandito decreto, poderanse acoller á normativa e ós beneficios da presente disposición se así o solicitan. Neste caso tomaranse como referencia os ingresos, orzamento e prezo das actuacións e demais circunstancias que no seu día motivaron a proposta de aprobación, tramitándose nos demais aspectos conforme a normativa do presente decreto.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 127/2001, do 25 de maio, e a Orde do 6 de xuño de 2001 que o desenvolve, así como todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido neste decreto, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá dictar, no marco das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de outubro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA