Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Xoves, 31 de outubro de 2002 Páx. 15.408

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 17 de outubro de 2002 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nos servicios periféricos da Consellería de Sanidade.

De conformidade co establecido no artigo 27.2º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e en uso das atribucións conferidas polo artigo 15.4º da mesma lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Anuncia-la convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I.

Segundo.-Poderán concorrer a ela os funcionarios de carreira que reúnan as condicións sinaladas no anexo I.

Terceiro.-As solicitudes para participar nesta convocatoria dirixiranse por escrito ó conselleiro de Sanidade (edificio administrativo San Lázaro s/n, 15704 Santiago de Compostela), segundo o modelo que se inclúe como anexo II a esta orde.

As ditas solicitudes poderanse presentar no rexistro xeral da Consellería de Sanidade, nos das súas delegacións provinciais, nos das direccións provinciais do Sergas ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), no prazo de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto.-Os aspirantes deberán unirlle á petición currículum vitae e xustificar documentalmente os méritos que aleguen.

Os méritos alegados e non probados da maneira que vimos de sinalar non se terán en conta.

Quinto.-Esta convocatoria será resolta pola Consellería de Sanidade. A súa resolución farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse deserto o posto de traballo, de considerarse oportuno.

Sexto.-O nomeamento dun funcionario con destino definitivo noutra Administración pública ou que preste os seus servicios na Comunidade Autónoma como consecuencia dunha comisión de servicios concedida conforme o disposto na disposición transitoria oitava, punto 4º, da Lei 30/1984, do 2 de agosto, que resulte seleccionado para ocupa-lo posto de traballo anunciado, estará condicionado a que a súa Administración emita informe favorable sobre el, conforme o previsto no Real decreto 28/1990, do 15 de xaneiro, e demais disposicións concordantes.

Sétimo.-O prazo de toma de posesión será de tres días, se o destino anterior está na mesma localidade do novo destino, e dun mes se está en localidade distinta ou comporta o reingreso ó servicio activo.

O prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ó do cesamento, que deberá producirse dentro dos tres días seguintes ó da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se a resolución comporta o reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo.-Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interporñer potestativamente recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación. De non estima-la interposición

deste recurso, poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2002.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Código do posto: SA.C99.10.000.36001.061.

Denominación do posto: Sección de Xestión de Persoal e Habilitación.

Dependencia: delegación provincial da Consellería de Sanidade.

Localidade: Pontevedra.

Tipo de posto: N.

Grupo: A/B/C.

Nivel C.D.: 24.

Complemento específico: 6.736,80 euros.

Corpo ou escala: xeral.

Adscrición a administracións públicas: adscrición indistinta a funcionarios da Administración da Xunta de Galicia, Administración do Estado, Administración de comunidades autónomas.

Formación específica: para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego (RI).