Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Martes, 29 de outubro de 2002 Páx. 15.313

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de Asociación Ciudadana de Lucha contra la Droga (Aclad).

Visto o expediente do convenio colectivo da Asociación Ciudadana de Lucha Contra la Droga (Aclad) (código convenio 1503652) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 21-6-2002 e complementado o día 5-9-2002, subscrito en representación da parte económica por Aclad, e da parte social polos delegados de persoal o día 5-6-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 25 de setembro de 2002.

María Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da Asociación Ciudadana

de Lucha Contra la Droga (Aclad), A Coruña

Capítulo I

Unidades de negociación

Artigo 1º.-Partes concertantes.

A comisión negociadora do convenio que se subscribe está integrada por Julio Portela Ceballos, Manuel Fuentes González e Joaquín Nebot Guiñales, en representación da Asociación Ciudadana de Lucha Contra la Droga, e polos delegados de persoal Aurelia Mariño Blanco, Octavio Susacasa Doval e Nicolás López Melero.

Capítulo II

Ámbito, vixencia e denuncia

Artigo 2º.-Ámbito persoal e territorial.

Rexeranse por este convenio a totalidade dos traballadores que na actualidade, ou no sucesivo, presten os seus servicios á Asociación Ciudadana de

Lucha Contra la Droga, nos seus centros de traballo da Coruña e Culleredo, o cal regula as normas de carácter xurídico laboral entre as partes.

Artigo 3º.-Vixencia e denuncia.

Este convenio entrará en vigor para tódolos efectos o día 1 de xaneiro de 2001, con independencia da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e finalizará o 31 de decembro de 2002.

A súa vixencia prorrogarase tacitamente de ano en ano, se ningunha das partes o denunciase fidedignamente coa anticipación mínima de dous meses, á data do termo da vixencia ou das súas prórrogas.

Capítulo III

Representación das partes negociadoras

Artigo 4º.-Comisión paritaria.

Acórdase establecer unha comisión paritaria como órgano para a conciliación, interpretación e vixilancia do pactado neste convenio.

Esta comisión estará formada logo de acordo das partes, pola representación empresarial e social que o deliberou.

Para efectos de notificacións, sinálase como domicilio o da empresa.

Capítulo IV

Tempo de traballo

Artigo 5º.-Xornada de traballo.

Establécese unha xornada laboral para este convenio de 38 horas semanais de traballo efectivo. Os traballadores da Unidade Asistencial e Unidade de Día gozarán dunha hora de reducción de xornada nos meses de xullo, agosto e setembro.

Se, como consecuencia dalgunha norma de carácter xeral e rango superior, se decretase a reducción da xornada aquí pactada, reducirase nos termos que estableza a dita norma a xornada establecida neste convenio.

II. Horas extraordinarias:

A iniciativa do traballo en horas extraordinarias corresponde á empresa e á libre aceptación do traballador, salvo as expostas no punto b) deste artigo, a realización das cales será obrigatoria para o traballador.

Aboaranse de acordo co valor da hora ordinaria de traballo, ou por común acordo entre a empresa e traballador poderanse compensar por tempos equivalentes de descanso retribuído. En ausencia de acordo ó respecto, entenderase que as horas extraordinarias realizadas deberán ser compensadas mediante descanso, dentro dos catro meses seguintes á súa realización.

Ámbalas partes acordan a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias, conforme o seguinte criterio:

a) Horas extraordinarias habituais: supresión.

b) Horas extraordinarias que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, así como de risco de perda de materiais e materias primas: realización obrigatoria.

c) Horas extraordinarias necesarias por ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural, derivadas das especiais características da actividade de que se trata: mantemento, sempre que non caiba a utilización das distintas modalidades de contratación temporal ou parcial previstas na lexislación vixente.

d) O número de horas extraordinarias non poderá ser superior a oitenta ó ano, reducíndose estas na mesma proporción ó contrato, se este, por modalidade ou duración significase a realización dunha xornada, en cómputo anual, inferior á xornada xeral da empresa.

Para efectos do cómputo, non se terán en conta as horas extraordinarias realizadas polos motivos expostos no punto b) deste artigo, nin tampouco aquelas que fosen compensadas mediante descanso dentro dos catro meses seguintes á súa realización.

Artigo 6º.-Permisos retribuídos.

*O traballador, logo de aviso de 48 horas, salvo urxencia acreditada, e xustificación posterior, encóntrase facultado para se ausentar do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e tempos seguintes:

* Casamento do traballador: 15 días naturais.

* Por falecemento do cónxuxe, pais, pais políticos e fillos: 4 días naturais.

* Por falecemento de parentes ata 2º grao consanguíneos ou afíns: 2 días naturais e 3 días se o proceso se produce a máis de 100 km.

* Polo nacemento ou adopción de fillos: 4 días naturais.

* Por casamento de fillos: 2 días naturais.

* Por enfermidade grave de parentes ata 2 º grao: 2 días naturais.

* Por traslado de domicilio habitual sen cambio de residencia: 1 día, e 2 días con cambio de residencia.

* Para concorrer a exames e demais probas de aptitude e avaliación durante os días de realización, como consecuencia dos estudios que estea a realizar en centros de ensino recoñecidos.

* Por asuntos propios: 9 días. O desfrute deste permiso está suxeito ás necesidades do servicio, dado o carácter especial das actividades da empresa.

* Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

* Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos legais establecidos.

* Os traballadores, por lactación dun fillo menor de doce meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións de media hora. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito pola reducción da xornada normal en media hora, coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou o pai, no caso de que ambos traballaren.

Artigo 7º.-Excedencias e permisos.

Os traballadores fixos que leven un ano de servicio ininterrompido na empresa poderán solicitar dela

unha excedencia por un tempo mínimo dun ano e un máximo de cinco. Este dereito só poderá ser exercido unha vez transcorridos catro anos desde o desfrute dun período de excedencia anterior, e ata un máximo de 1/3 do cadro de persoal simultaneamente. Durante os dous primeiros anos o traballador terá dereito á reserva do seu posto de traballo.

No restante relativo a esta materia, excedencia para cargo público, sindical, por maternidade ou adopción, aplicarase o disposto no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

Os traballadores fixos que leven un ano de servicio ininterrompido na empresa poderán solicitar dela un permiso non retribuído dun a tres meses con reserva do posto de traballo. Este dereito só poderá ser exercido unha vez transcorridos tres anos desde o desfrute dun período de permiso anterior.

Artigo 8º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio terá dereito ó desfrute dun período de vacacións anuais retribuídas de trinta días naturais ou 22 laborables se se fraccionan en períodos inferiores a quince días, logo de pacto coa dirección.

Os traballadores coñecerán as datas das súas vacacións dous meses antes, polo menos, do comezo do desfrute delas. En todo caso, observarase o previsto no artigo 38 do Estatuto dos traballadores.

Capítulo V

Percepcións económicas e revisión

Artigo 9º.-Salario base.

O concepto de salario base mensual para cada categoría profesional será o que se detalla na táboa salarial anexa.

Artigo 10º.-Remuneración anual.

Dando cumprimento ó disposto no artigo 26.5º do vixente Estatuto dos traballadores, detállanse na segunda columna das táboas salariais anexas os salarios en cómputo anual.

Artigo 11º.-Cláusula de garantía salarial.

De conformidade co acordo da xunta directiva, establécese a garantía de revisión salarial cada ano, que equipara os emolumentos deste convenio á media dos percibidos polos traballadores de centros de carácter similar dependentes do Plan Autonómico sobre Drogodependencias, dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia.

Esta revisión estará en función da aprobación pola Xunta de Galicia das correspondentes subvencións do mencionado PAD, e será negociada anualmente dentro da comisión paritaria, sendo os salarios revisados en función do IPC.

Artigo 12º.-Complemento persoal de antigüidade.

A partir da entrada en vigor deste convenio, o complemento de antigüidade percibirase por trienios, de acordo cos seguintes supostos:

a) Ó persoal que viña percibindo complemento de antigüidade antes de 1994 seguiránselle aplicando trienios na contía do 4% do seu salario base.

b) Para o resto do persoal, o valor do trienio será de acordo coa súa categoría profesional de:

* Grupo I: 42,86 euros/trienio.

* Grupo II: 35,70 euros/trienio.

* Grupo III: 28,64 euros/trienio.

* Grupo IV: 28,68 euros/trienio.

O importe de cada trienio comezará a se devenga-lo día 1 do mes seguinte ó seu cumprimento.

Artigo 13º.-Complemento de especialidade de psiquiatría.

Recoñéceselle-lo complemento de especialidade a todos aqueles médicos que teñan a especialidade de psiquiatría recoñecida e exerzan as funcións como tales.

Este complemento é de 125,86 euros/mes.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

Aboaranse dúas pagas extraordinarias, que se farán efectivas nos meses de xullo e decembro, e que consistirán nunha mensualidade do salario base incrementado coa antigüidade e complementos coa excepción do complemento de transporte.

Artigo 15º.-Complemento de incapacidade laboral transitoria.

A empresa aboaralle ó traballador en situación de baixa por IT e accidente, e por un período máximo de 12 meses, un complemento que, sumado á prestación da Seguridade Social, alcance o 100% da retribución bruta con relación ó mes anterior á situación de baixa.

O importe que se percibirá non poderá ser nunca superior ó que se perciba en situación de alta no traballo.

Capítulo VI

Conceptos extrasalariais

Artigo 16º.-Axudas de custo e gastos de locomoción.

Atendendo á natureza do servicio que se vai realizar, o persoal afectado por este convenio percibirá polo concepto de axudas de custo as cantidades seguintes:

* Por gastos de manutención: 21,64 euros/diarios.

* Por gastos de locomoción: 0,17 euros por quilómetro percorrido, cando o desprazamento se realice no vehículo do traballador.

Tódolos gastos indicados deberán ser autorizados pola xunta directiva, e xustificados documentalmente nas condicións máximas establecidas para cada concepto.

A contía das axudas de custo e gastos de locomoción será revisada segundo establezan en cada momento as directrices da Administración pública.

Artigo 17º.-Complemento de transporte.

Establécese o complemento de transporte na cantidade de 118,03 euros para axudar a gastos de desprazamento, que será aboado mensualmente, salvo o período de vacacións, é dicir, en once mensualidades.

Por razón da súa natureza non salarial, este complemento non será absorbible nin compensable en ningún concepto.

Artigo 18º.-Complemento de responsabilidade directiva.

O persoal con responsabilidade directiva percibirá por este concepto, mentres exerza esa responsabilidade, que é inherente ó cargo, a cantidade que se detalla a seguir:

* Complemento de dirección: 859,19 euros.

* Xefatura de sección: 357,40 euros.

* Xefatura de administración: 357,40 euros.

* Responsable prog.: 178,71 euros.

Artigo 19º.-Complemento de formación.

A empresa asignará para cada grupo profesional unha cantidade anual en concepto de formación, en función dos orzamentos aprobados.

Dentro de cada grupo, a dirección distribuirá a cantidade asignada a el entre os traballadores que realicen cursos de formación, a realización dos cales fose aprobada por aquela, segundo criterios que serán coñecidos sempre polo persoal.

Artigo 20º.-Complemento de comunidade.

O persoal que desempeñe o seu traballo na comunidade terapéutica percibirá por este concepto a cantidade de 214,44 euros/mes, en función do seu traballo, a quendas, horario nocturno, desprazamentos, etc.

Capítulo VII

Acordos sociais

Artigo 21º.-Provisión de vacantes, ascenso de categoría e outros.

Establécese a garantía de ofertar tódalas vacantes por provisión interna, con anterioridade á provisión externa.

Para os ascensos de categoría do persoal e a provisión interna das vacantes, en caso de reuni-las condicións requiridas, valoraranse en primeiro lugar a cualificación específica para o desempeño da categoría profesional e, en segundo lugar, a antigüidade.

Artigo 22º.-Póliza de seguros.

A empresa estará obrigada a concertar con primas íntegras ó seu cargo, no prazo de tres meses, unha vez homologado este convenio, unha póliza de seguros para a cobertura dos riscos de invalidez ou falecemento dos traballadores por accidente de traballo, incluídos os accidentes in itinere, que garanta ó traballador accidentado ou ós seus habentes causa nos casos de falecemento ou invalidez producidos por causa fortuíta espontánea, exterior e independente do traballador, a percepción da indemnización seguinte:

* 15.025,30 euros, no caso de falecemento do traballador por accidente de traballo.

* 24.040,48 euros, no caso de invalidez permanente ou grande invalidez, se o traballador cesa na empresa.

A referida póliza só abrangue os procesos indicados a partir da vixencia dela, sendo compatible coa pensión e indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social.

No obstante o exposto anteriormente, a indemnización que sexa percibida con cargo ó contrato de

seguro de accidentes que voluntariamente se contén neste convenio, considerarase como entregada á conta da indemnización que, de se-lo caso, puidesen declarar con cargo á empresa os tribunais de xustiza compensándose ata onde aquela alcance.

Capítulo VIII

Acción sindical

Artigo 23º.-Dereitos sindicais.

En todo o concernente ós aspectos sindicais, observarase o que sobre esta materia dispón o vixente Estatuto dos traballadores e a Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

Artigo 24º.-Garantías dos representantes dos traballadores.

Os membros do comité de empresa ou delegados de persoal terán as garantías que establece o artigo 68 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e as que se determinen a seguir:

* Non se computará dentro do máximo legal de horas mensuais dispoñibles para: o exercicio das súas funcións de representación, ou o exceso que sobre el se produza con motivo da súa actuación como membros da comisión negociadora do convenio polo que estean afectados.

* Sen supera-lo máximo legal poderán ser consumidas as horas retribuídas de que dispoñen os delegados de persoal, co fin de preve-la asistencia deles a cursos de formación organizados polos seus sindicatos, institucións de formación e outras entidades.

Artigo 25º.-Réxime disciplinario.

O persoal poderá ser sancionado pola empresa por incumprimentos laborais, nos que se terán en conta as circunstancias persoais, trasnscendencia da conducta sancionada e o grao de reiteración, de acordo coas seguintes faltas e sancións:

Faltas leves.

1. Ata tres faltas de puntualidade superiores a quince minutos nun mes.

2. Neglixencia no cumprimento das funcións encomendadas.

3. A non comunicación coa debida antelación da falta de asistencia ó traballo por causa xustificada, salvo que se probe a imposibilidade de facelo.

Faltas graves.

1. Falta de disciplina no traballo.

2. Falta de asistencia ó posto de traballo sen causa xustificada.

3. Causar danos en instalacións, medios de traballo e demais elementos relacionados coa actividade profesional.

4. Falta de respecto a superiores, compañeiros de traballo e demais persoas relacionadas coa actividade profesional.

5. Calquera conducta que supoña discriminación ou atente contra a dignidade das persoas.

6. Simulación de enfermidade ou accidente.

7. Tres faltas leves sancionadas no prazo dun mes.

Faltas moi graves.

1. Falta de asistencia ó traballo non xustificada durante tres días ou máis nun mes.

2. Abandono do posto de traballo sen causa xustificada.

3. Diminución voluntaria e continuada do rendemento profesional.

4. Tres faltas graves sancionadas nun mes.

Sancións.

Por faltas leves:

Amoestacións por escrito.

Por faltas graves:

Suspensión de emprego e soldo de tres a 15 días.

Por faltas moi graves:

Suspensión de emprego e soldo de 15 días a un mes.

Despedimento.

Tramitación e prescrición.

As sancións comunicaránselle motivadamente por escrito ó interesado para o seu coñecemento e efectos, dándoselles notificación ós delegados de persoal.

Para a imposición de sancións por falta moi grave será preceptiva a instrucción de expediente. Este expediente incoarase logo de coñecemento da infracción, remitíndolle ó persoal afectado prego de cargos con exposición sucinta dos feitos supostamente constitutivos de falta. Deste expediente daráselles traslado ós delgados de persoal para que, ámbalas partes e no prazo de cinco días, poidan manifestarlle á dirección o que consideren conveniente para o esclarecemento dos feitos. Transcorrido o dito prazo e aínda que os delegados, o persoal afectado, ou ambos non fixesen uso do dereito que se lles concede a formular alegacións, procederase a impoñerlle ó persoal a sanción que crea oportuna de acordo coa gravidade da falta e o estipulado por este convenio.

É absolutamente indispensable a tramitación de expediente contradictorio para a imposición das sancións, calquera que sexa a súa gravidade, cando se trate dos membros dos delegados de persoal, tanto se están en activo dos seus cargos sindicais coma se aínda están en período regulamentario de garantías.

As faltas leves prescribirán ós dez días, as graves ós vinte e as moi graves ós sesenta, a partir da data na cal se ten coñecemento e, en todo caso, ós seis meses de terse cometido.

Capítulo IX

Cómputos e vinculacións

Artigo 26º.-Compensación e absorción.

As condicións que se implantan por virtude deste convenio compensarán e/ou absorberán calquera outra que exista á súa entrada en vigor, sexa cal for a súa natureza ou a orixe da súa existencia, así como as que se poidan establecer por normas publicadas durante a súa vixencia, a non ser que estas formen un conxunto máis beneficioso para o traballador, consideradas en cómputo anual, caso no que substituirán integramente as deste convenio.

Artigo 27º.-Garantía persoal e condición mínima.

Serán respectadas as condicións superiores pactadas con anterioridade a este convenio, ou que se pacten durante a súa vixencia, con persoa ou grupo de persoas, sempre que no seu conxunto e en cómputo anual superen as establecidas por este, debido á condición que ten de normas mínimas de relación, tanto no que se refire ó social coma ó económico.

Artigo 28º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente en cómputo anual.

No suposto de que a autoridade laboral, en uso das súas facultades, non aprobase algún dos pactos contidos nel, este quedará sen eficacia práctica, debendo ser reconsiderado o contido na súa totalidade.

Disposición derradeira

No non establecido de maneira expresa neste convenio observarase o disposto no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

ANEXO I

Distribución actual do persoal

por grupos profesionais

Grupo I. P. tit. superior: psiquiatra, médico, psicólogo, informático, farmacéutico.

Grupo II. P. tit. medio: diplomado enfermería, diplomado en traballo social, xefe de administración.

Grupo III. P. admtvo.: auxiliar administrativo, auxiliar de clínica.

Grupo IV. P. técnico: monitor.

ANEXO II

Táboa salarial para o ano 2002

Grupo profesionalSalario baseC. transportePaga extra

G.I. P. tit. superior1.824,94118,031.824,94
G.II. P. tit. medio1.399,90118,031.399,90
G.III. P. técnico 992,53118,03 992,53
G.IV. P. administrativ.1.041,31118,031.041,31

O valor de cada paga extra verase incrementado coa antigüidade e complementos coa excepción do complemento de transporte.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA