Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Martes, 29 de outubro de 2002 Páx. 15.312

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 24 de outubro de 2002 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 150 millóns de euros.

Con base no artigo 27.1º da Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, o Consello da Xunta de Galicia, por Decreto 184/2002, do 10 de maio, autorizou a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos, facultando, así mesmo, ó conselleiro de Economía e Facenda para que estableza as condicións das ditas operacións e dicte as disposicións necesarias para tal efecto.

Mediante acordo do Consello de Ministros do 11 de outubro de 2002 obtívose a autorización establecida no artigo 14.3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Emitir débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia por un importe de 150 millóns de euros. Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións da Xunta de Galicia, representada mediante anotacións en conta, ó abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores e da Lei 41/1999, do 12 de novembro, sobre sistemas de pagamentos e de liquidación de valores.

A emisión de débeda pública que autoriza a presente orde terá as características que se detallan a continuación:

-Importe: 150 millóns de euros.

-Data da emisión: 4 de novembro de 2002.

-Data de desembolso: 4 de novembro de 2002.

-Prezo da emisión: á par, libre de gastos para o subscritor.

-Nominal das obrigacións: 1.000 euros.

-Subscrición: realizarana directamente as entidades financeiras aseguradoras da emisión, actuando no nome propio ou por conta de terceiras persoas, o día 31 de outubro de 2002.

-Cupón: os cupóns serán semestrais e vencerán os días 4 de maio e 4 de novembro de cada ano. A Xunta de Galicia pagará no seu vencemento os cupóns polo seu importe líquido. Se o posuidor é un investidor non residente que non opere en España mediante establecemento permanente, procederase á devolución de oficio das retencións practicadas, segundo o procedemento establecido na resolución da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro desta consellería, do 22-10-1993 (DOG do 8 de novembro). Así mesmo, procederase á devolución de oficio das retenciones practicadas ós investidores suxeitos pasivos do imposto de sociedades, así como ós investidores non residentes que operen en España a través de establecemento permanente, segundo o procedemento establecido na resolución da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro do 3-7-2001 (DOG do 9 de xullo).

-Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda pública á Central de Anotacións de Débeda Pública do Banco de España na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores e nos demais preceptos legais aplicables na materia.

-Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións cá débeda pública do Estado.

-Amortización: dunha soa vez á par, ós cinco (5) anos da data da emisión.

-Tipo de xuro: variable, fixarase semestralmente, con referencia ó Euribor (sen marxe) a prazo de 6 meses das 11 horas, publicado por Reuters na páxina Euribor01 (ou outra que a substitúa) do segundo día hábil anterior ó inicio do período de xuro.

-Liquidez: as entidades aseguradoras garanten durante a vida da emisión a liquidez das obrigacións.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2002.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda