Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Luns, 28 de outubro de 2002 Páx. 15.275

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

PARLAMENTO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2002 sobre provisión de vacante, por libre designación, no Servicio de Informática da Administración Parlamentaria.

En execución do acordo adoptado pola Mesa do Parlamento o día 23 de setembro de 2002, anúnciase a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, da praza vacante de xefe do Servicio de Informática da Administración Parlamentaria segundo as bases que se xuntan a esta disposición.

Xa que logo, disponse a súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 65 do seu regulamento, e así mesmo a súa publicación no Diario Oficial de Galicia para o seu coñecemento e apertura do prazo de presentación de solicitudes polos funcionarios interesados.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2002.

José María García Leira

Presidente

ANEXO I

Bases da convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de xefe do Servicio de Informática da administración do Parlamento de Galicia.

De conformidade co disposto no artigo 57 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia e nos artigos 27.2º e 28 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, esta Presidencia, en cumprimento do acordo da Mesa do Parlamento do día 31 de xullo de 2002, e despois de escoita-lo parecer favorable da Xunta de Persoal,

ACORDA:

Primeiro.-Anuncia-la convocatoria, para a súa provisión polo sistema de libre designación, do posto de traballo de xefe do Servicio de Informática da administración do Parlamento de Galicia, coas determinacións seguintes:

1. Grupo de titulación: A.

2. Nivel de complemento de destino: 28.

3. Complemento específico: 20.675,34 A.

4. Centro directivo: Servicio de Informática da Oficialía Maior do Parlamento de Galicia en Santiago de Compostela.

5. Funcións:

a) Responsabilizarse do deseño tecnolóxico das aplicacións e da xestión de todo o sistema informático.

b) Asesora-la dirección do Parlamento nas materias relacionadas coa súa profesión, en particular mediante a proposta de normas e procedementos de utilización de equipamentos informáticos supervisando o seu cumprimento.

c) Dirixir, coordinar, supervisar, organizar e controla-lo traballo do persoal adscrito ó Departamento de Informática.

d) Planifica-las distintas actividades dun proxecto, determinando os recursos de programación necesarios.

e) Verifica-lo rendemento dos sistemas, analizando problemas potenciais e reais e emendando, se é o caso, as súas deficiencias.

f) Propoñer normas e procedementos que garantan a operatividade dos equipos e a seguridade dos datos.

g) Elaborar proxectos e estudios para a dotación de equipamentos, periféricos, programas e calquera outra instalación, así como para a optimización dos recursos humanos.

h) Realizar tódalas actividades propias da profesión de analista de sistemas.

i) Realizar informes, memorias, estatísticas e, en xeral, todo tipo de estudios relacionados coa súa área profesional.

j) Impartir cursos de reciclaxe e/ou formación, en relación cos seus coñecementos profesionais, dirixidos ó persoal do Parlamento de Galicia ou organizados por este, sempre que esta tarefa non teña carácter exclusivo ou principal.

k) Asesora-la dirección do Parlamento de Galicia nas materias relacionadas coa súa profesión.

l) Baixo a supervisión de superiores xerárquicos, relacionarse con entidades públicas ou privadas que, se é o caso, requira a actividade profesional, para o mellor cumprimento dos obxectivos e fins do Parlamento de Galicia.

m) Atender a usuarios.

n) En xeral, calquera outra tarefa afín á categoría do posto e semellante ás anteriormente descritas que lle sexa encomendada polos seus superiores xerárquicos e resulte necesaria por razóns do servicio.

Segundo.-Poderán concorrer á convocatoria os funcionarios de carreira dos corpos ou escalas de sistemas e tecnoloxías da información de calquera das administracións públicas.

Terceiro.-Os funcionarios interesados poderán presenta-las súas solicitudes no rexistro xeral do Parlamento de Galicia, rúa Hórreo s/n, no prazo de quince días hábiles contados desde o seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, deixando constancia dos datos do posto que viñesen desempeñando e dos méritos que desexen alegar. Para facilita-la súa participación, invítase a formaliza-la súa petición de acordo co modelo que se inclúe no anexo I.

Os aspirantes deberán xuntarlle á súa petición un currículum vitae e xustificar mediante certificación ou copia compulsada os méritos alegados.

Cuarto.-No caso de que o aspirante seleccionado para ocupa-lo posto de traballo fose un funcionario con destino noutra Administración pública, requirirase o informe favorable do departamento no que presta servicio, considerándose neste sentido de non emitirse no prazo de quince días naturais, conforme o artigo 67 do R.D. 364/1995, do 10 de marzo. Unha vez tramitado o seu traslado, procederase á adxudicación do posto para o que foi seleccionado.

Quinta.-A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia, e poderá declararse deserto o posto de traballo se se considera oportuno.

Sexto.-O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles, se o destino anterior estivese na mesma localidade, ou dun mes, se estivese en localidade distinta ou leva consigo o reingreso ó servicio activo.

O prazo de toma de posesión comezará a contarse desde o día seguinte ó do seu cesamento, que deberá producirse dentro dos tres días hábiles seguintes ó da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución da libre designación.

Se a resolución comporta o reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión comezará a contar desde a data seguinte ó da súa publicación.

Sétimo.-Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer, potestativamente, recurso de reposición ante esta Presidencia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial

de Galicia. De non formular recurso de reposición ou contra a súa resolución expresa, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte desta publicación no Diario Oficial de Galicia ou da notificación expresa que resolva a vía administrativa (artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo).