Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Xoves, 17 de outubro de 2002 Páx. 14.801

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 4 de outubro de 2002 pola que se modifica a do 10 de abril de 2002 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia a través do cheque infantil en centros de primeira infancia non sostidos con fondos públicos.

A Orde do 10 de abril de 2002 (DOG nº 70, do 11 de abril), da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, regula as axudas económicas para a atención da primeira infancia a través do cheque infantil en centros de primeira infancia non sostidos con fondos públicos. Na súa exposición de motivos establécese que as axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.212A.470.0, recollida no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, e o importe destinado a elas ascenderá a 991.670 euros.

Dado que este programa se estende a parte do ano 2003, trátase dun gasto plurianual e é necesario que quede reflectido no texto da orde.

De acordo con todo o anterior e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifica-lo parágrafo 6º da exposición de motivos da orde, que pasará a te-la seguinte redacción:

«As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamen

taria 14.02.212A.470.0, recollida na Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, e o importe destinado a elas ascenderá a 991.670 euros na anualidade de 2002 e 694.169 euros na anualidade de 2003 correspondente ó ano 2002/2003».

Artigo 2º

Engádese un parágrafo 2º á disposición adicional 1ª da orde co seguinte contido:

«O crédito orzamentario ó que se imputan as axudas e o importe global máximo que se destina reflíctense na exposición de motivos da orde».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude