Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Martes, 15 de outubro de 2002 Páx. 14.737

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da planta de coxeración de enerxía eléctrica denominada Ampliación Central de Coxeración Campus Norte, que se situará nas instalacións que a Universidade de Santiago de Compostela posúe na facultade de filoloxía no concello de Santiago de Compostela (A Coruña), pola que se inclúe no réxime especial de producción de enerxía eléctrica. (Expediente 97/765).

Examinado o expediente instruído a pedimento da Universidade de Santiago de Compostela, con enderezo para efectos de notificacións en Rúa Nova 6, casa da Balconada, 15782 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro.-Con data 15 do febreiro do 1999 e despois de cumpri-los trámites de información pública sen que se presentara ningunha alegación ó respecto, esta dirección xeral resolveu autorizarlle á Universidade de Santiago de Compostela, a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica situada nas instalacións que a universidade posúe no Campus Norte, termo municipal de Santiago de Compostela (A Coruña).

Segundo.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas aprobou, por Resolución do 13 de febreiro de 2002, o proxecto de execución da planta de coxeración de enerxía eléctrica autorizada á Universidade de Santiago de Compostela e a súa inclusión no réxime especial de producción eléctrica.

Terceiro.-Con data do 15 de abril de 2002, a referida institución solicita a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da planta de coxeración de enerxía eléctrica denominada Ampliación Central de Coxeración Campus Norte, e a súa inclusión no réxime especial de producción eléctrica regulado polo Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

As características básicas da instalación serán as seguintes:

-Un motor de 314 kW de potencia mecánica e 1.500 rpm de velocidade de xiro, que utiliza como combustible gas natural.

-Un alternador de 301 kW de potencia eléctrica, 380 V de tensión nominal e 0.8 de factor de potencia.

-Un transformador de relación de transformación 380 V/20 kV e 400 kVA de potencia.

-A instalación contará cos preceptivos sistemas de conexión, protección e control, así como, cos sistemas de posta a terra.

Cuarto.-O proxecto foi sometido a información pública mediante Resolución do 25 de abril de 2002, da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, publicada no DOG do 19 de xuño de 2002, e no BOP do 21 de xuño.

Durante o período de información pública non se recibiron alegacións.

Quinto.-O proxecto, realizado polo enxeñeiro técnico industrial Juan Carlos Vázquez Gómez, con número de colexiado 352, foi visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Lugo e redactado conforme o esixido polo Decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e coas demais disposicións que lle son de aplicación.

Sexto.-O proxecto conta con informe favorable da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no Decreto 1955/2000, do 1 de decembro, no Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, e coas demais que lle son de aplicación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, en virtude das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a planta de coxeración de enerxía eléctrica denominada Ampliación Central de Coxeración Campus Norte á Universidade de Santiago de Compostela.

2. Aproba-lo proxecto de execución da instalación que se vai situar nas instalacións que a universidade posúe na facultade de filoloxía situada no Campus Norte do termo municipal de Santiago de Compostela (A Coruña).

3. Recoñecer, á planta de coxeración autorizada, a condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2818/1998, e incluíla no grupo a.1 do artigo 2 do devandito real decreto.

Calquera modificación das instalacións autorizadas requirirá unha nova solicitude de autorización administrativa, de acordo co indicado no artigo 17.4º do Real decreto 1775/1967, do 22 de xullo, que fixa o réxime de instalación, ampliación e traslado das industrias en xeral.

Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica no Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), no prazo de dous anos a partir da notificación desta resolución, para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do Real decreto 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral no desenvolvemento da dita orde.

A instalación adaptarase ó procedemento de captación e procesamento de datos de producción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde do 29 de xullo de 2002 (DOG do 13 de agosto).

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación ó interesado.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas