Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Martes, 15 de outubro de 2002 Páx. 14.690

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 289/2002, do 26 de setembro, polo que se acorda a afectación secundaria dunha parte do porto de Moaña, a favor da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda solicitou a incoación de expediente de afectación secundaria dunha parcela de terreo no porto de Moaña, baseándose na necesidade de instalar unha terminal marítima de pasaxeiros.

A titularidade do denominado porto de Moaña correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 3124/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de portos (BOE nº 285, do 27 de novembro). O porto de Moaña está adscrito, en virtude do artigo 17.1º da Lei 5/1994, ó ente público Portos de Galicia.

O ente público Portos de Galicia emitiu inform favorable sobre a solicitude, ó non atopar inconveniente para a constitución da afectación secundaria solicitada mentres non se aprecian incompatibilidades entre o uso previsto para a parcela (terminal de pasaxeiros) e o resto das actividades existentes e previstas no porto de Moaña.

Á vista do disposto nos artigos 12.4º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 31.1º do seu regulamento, a afectación secundaria de bens de dominio público require acordo do Consello da Xunta de Galicia baixo a forma de decreto, logo da instrucción do correspondente expediente pola Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinteseis de setembro de dous mil dous,

DISPOÑO

Artigo 1º

Acórdase a afectación secundaria a favor da Consellería Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda dun espacio de 199,04 m no peirao do porto de Moaña, na área de atracada do servicio de transporte marítimo de viaxeiros na ría de Vigo, para a instalación dunha terminal marítima de pasaxeiros.

Artigo 2º

A concorrencia da antedita afectación secundaria respecto do mencionado espacio do porto de Moaña non altera a adscrición orgánica esixida pola afectación principal, que lle conferirá ó seu titular, ente público Portos de Galicia, as facultades de administración, xestión e conservación, sen prexuízo das que lle correspondan á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda como titular dun interese específico por razón da afectación secundaria establecida.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do disposto neste decreto.

Santiago de Compostela, vinteseis de setembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda