Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Luns, 07 de outubro de 2002 Páx. 14.424

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 284/2002, do 19 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Lalín, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de rede de sumidoiros nas Queimadas e Filgueira.

O Concello de Lalín, en sesión celebrada o día vinteseis de marzo de dous mil dous, aprobou o proxecto de rede de sumidoiros nas Queimadas e Filgueira, e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Lalín, foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vintedous de xullo de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día cinco de setembro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala o Concello de Lalín, a poboación do Espiño non dispón de saneamento nin de abastecemento de auga, e nas Queimadas-Filgueira, existe un colector que verte, directamente, augas residuais sen depurar, a un regueiro.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e previa deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de setembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Lalín, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de rede de sumidoiros nas Queimadas e Filgueira.

Santiago de Compostela, dezanove de setembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais