Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Luns, 07 de outubro de 2002 Páx. 14.424

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 283/2002, do 19 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 120, estrada provincial Liber-San Román, alargamento e mellora punto quilométrico 3,60 ó 5,02 (concello de Cervantes).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o día trinta e un de maio de dous mil dous, aprobou o proxecto da obra número 120, estrada provincial Liber-San Román de Cervantes, alargamento e mellora punto quilométrico 3,60 ó 5,02, e na sesión do vintecatro de xuño de dous mil dous, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día cinco de setembro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala a Deputación Provincial de Lugo, a estrada na que se vai actuar serve como enlace da capitalidade municipal de San Román de Cervantes coa vía que comunica as localidades de Becerreá e Navia de Suarna, servindo de acceso ós habitantes da zona e tamén ós numerosos visitantes que se achegan á serra dos Ancares, a dita estrada sofre unha grave deterioración, que unido a súa estreitez e raios de curvas reducidos, provocan situacións de perigo, polo que se fai necesario o seu alargamento e mellora.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e previa deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de setembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a

urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución da obra número 120, estrada provincial Liber-San Román de Cervantes, alargamento e mellora punto quilométrico 3,60 ó 5,02.

Santiago de Compostela, dezanove de setembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais