A Consellería de Industria e Comercio dictou a Orde do 16 de abril de 2002 pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas para a mellora da infraestructura enerxética de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 79, do 24 de abril).
Na citada disposición establécese no seu articulado como requisito indispensable para o libramento de axudas a presentación da documentación acreditativa do investimento realizado antes do 31 de outubro de 2002.
Tendo en conta que o elevado número de solicitudes presentadas motivou un dilatado proceso de avaliación dos proxectos e resolución dos respectivos expedientes, considérase necesario amplia-lo prazo de xustificación dos investimentos levados a cabo polos solicitantes.
En consecuencia, no uso das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo único.-Amplia-lo prazo para a execución e xustificación dos investimentos ou actuacións subvencionables ó abeiro da orde da Consellería de Industria e Comercio do 16 de abril de 2002, no referido ós proxectos ós que lles sexa de aplicación a partida 08.02.631-A.760.0 Corporacións locais, uso racional da enerxía nos concellos ata o 30 de novembro de 2002.
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2002.
Juan Rodríguez Yuste
Conselleiro de Industria e Comercio