Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Martes, 01 de outubro de 2002 Páx. 14.279

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN de 6 de setembro de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas do parque eólico denominado Farelo. (Expediente 06/2000 DXIEM-EOL).

Examinado o expediente instruído por instancia de Elecnor, S.A. con domicilio para efectos de notificacións en praza Manuel Gómez Moreno, s/n, edificio Bronce, planta 6ª, C.P. 28020-Madrid, sobre autorización de instalacións do parque eólico denominado Farelo; resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O 14 de abril de 2000, Guillermo Planas Roca, en nome e representación de Elecnor, S.A., solicitou a autorización administrativa do parque eólico denominado Farelo, de 49,4 MW, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, ambos de aplicación ó presente expediente en virtude do disposto, na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, abastecemento e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do disposto na disposición transitoria segunda do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o

aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-Por Resolución do 18 de xullo de 2000, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, publicada no DOG do 22 de setembro e no BOE do 27 de setembro, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa das instalacións do parque eólico de Farelo, para os efectos de presentación de solicitudes.

Unha vez rematado o prazo de 20 días que se fixa na devandita resolución, non se recibiu ningunha solicitude de competencia.

Terceiro.-O proxecto do parque eólico Farelo someteuse a información pública para os efectos previstos nos artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novem

bro, do sector eléctrico; Decreto 2169/1966, do 20 de outubro, e Decreto 2617/1966, xa mencionados; ambos de aplicación ó presente expediente en virtude do disposto na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, abastecemento e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia; e o Decreto 205/1995, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica en Galicia, medinte resolución da Dirección Xeral de Industria, do 3 de xaneiro de 2001, publicada no BOP de Lugo do 19 de febreiro, no BOP de Pontevedra do 21 de febreiro, no diario El Progreso do 13 de xaneiro e La Voz de Galicia do 19 de xaneiro, no DOG do 7 de febreiro e nos taboleiros de anuncios dos concellos de Antas de Ulla (Lugo), Agolada e Rodeiro (Pontevedra).

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. Mª Luisa López Bastos alega que, debido ó impacto que a instalación do parque eólico vai ter no contorno, sería necesario que se puxesen os veciños en antecedentes respecto do trazado da liña de tensión.

Por outra banda, María Luisa López Bastos, pon de manifesto a súa absoluta desconformidade coa oferta económica que a empresa Elecnor, S.A. lles realizou ós diferentes propietarios dos terreos nos que se pretende instala-lo parque eólico de Farelo, toda vez que a oferta realizada pola dita empresa é totalmente desproporcionada en relación á que realizou respecto a outros parques eólicos instalados no ámbito da comunidade autónoma, nos que ademais os xeradores eran dunha potencia moi inferior ós que se pretenden instalar.

2. Ingemarga, S.A. alega que:

Ten un permiso de investigación que aproba os labores para o primeiro ano de investigación por Resolución do 31 de maio de 2001 da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas para minerais declarados como de carácter prioritario pola Lei estatal de fomento da minería do 4 de xaneiro de 1977 e regulamentos que a desenvolven e comprendidos entre a riqueza á que se refire o artigo 128 da Constitución española.

Que en último caso se harmonizarán ámbalas explotacións para o cal cita a sentencia número 64/1982, do 4 de novembro, do Tribunal Constitucional: «hase de harmoniza-la utilización racional dos recursos mineros citados teniéndolo bien presente á hora de atender, que é deber, ó desenvolvemento de tódolos sectores económicos».

Que, en caso de no ser posible compatibilizar ámbalas dúas explotacións, sinálase que o outorgamento do permiso de investigación é anterior á

solicitude á que se refire o expediente 060-EOL para o cal cita o artigo 33 da Constitución española.

Cuarto.-O 23 de xaneiro de 2002 e o 7 de febreiro de 2002 respectivamente, as delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra e Lugo emitiron informe favorable sobre o citado proxecto, coas seguintes características básicas:

Localización e coordenadas poligonais:

NomeConcellosVértices

FareloAntas de Ulla (Lugo)XY

Agolada (Pontevedra)1582.0004.740.500

Rodeiro (Pontevedra)2585.0004.740.500

3585.0004.737.000

4592.0004.732.000

5590.0004.730.000

6 585.0004.730.000

7584.0004.734.000

8582.0004.739.000

Nº de aeroxeradores: 38.

Potencia unitaria por aeroxerador: 1.300 kW.

Potencia total instalada: 49,4 MW.

Altura das torres: 50/60 m.

Diámetro do rotor: 62 m.

Producción anual estimada: 118.560 MWh/ano.

Investimento previsto: 5.683.112.964 ptas. (34.155.508,91 euros).

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión:

-38 centros de transformación (sitos no interior de cada aeroxerador) de 1.600 kVA, 0,69/30 kV e os seus correspondentes aparellos de seccionamento, manobra e protección de M.T.

-Subestación transformadora de tensión 30/132 kV.

-Rede colectora subterránea, que percorre o conxunto dos aeroxeradores, interconectándoos coas celas de 30 kV da subestación 30/132 kV que recolle a enerxía do parque.

Quinto.-O 18 de decembro de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de impacto ambiental do citado parque eólico, na cal se fixan as posicións de 37 aeroxeradores quedando o número 13 pendente de recolocación e posterior informe.

Sexto.-O 1 de abril de 2002 e medinte escrito remitido a esta dirección xeral, Elecnor, S.A. renuncia á instalación do aeroxerador número 3 do proxecto do parque eólico.

Sétimo.-O 21 de febreiro de 2002, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas abriu trámite de audiencia ás empresas Elecnor, S.A. e Ingemarga, S.A. para proceder a determina-la compatibilidade ou incompatibilidade dos seus aproveitamentos públicos en xogo.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, abastecemento e procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, Decreto 302/2001, do 25 de outubro, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.- Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa promotora e do resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. En relación coa alegación formulada por María López Bastos relativa á oferta económica realizada pola empresa Elecnor, S.A. ós diferentes propietarios, faise constar que non se pode analiza-la valoración económica da alegación posto que esta se basea nun acordo entre particulares, o cal, non ten relación coa tramitación administrativa da solicitude de autorización da instalación.

Por outra banda no relativo á liña de evacuación de enerxía, esta é obxecto de proxecto por separado, non obstante, o trazado aproximado previsto está indicado no apéndice denominado evacuación de enerxía PP.EE. serras do Faro e Farelo, dentro dos estudios de impacto ambiental dos proxectos dos parques eólicos.

2. Con relación á alegación da empresa Ingemarga, S.A. faise constar que na superficie na que se localizará o parque eólico existe na actualidade concedido un permiso de investigación mineiro denominado Nova Serrra de Farelo nº 2671, polo que se abriu trámite de audiencia por parte desta dirección xeral o 21 de febreiro de 2002 para así proceder a determina-la compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos públicos en xogo, facéndose constar que para a definitiva aprobación do proxecto deberá resolverse o preceptivo trámite de compatibilidade de utilidades públicas, non sendo necesaria a dita resolución para o que concirne á simple autorización administrativa.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites procedementais sinalados no Decreto 2617/1966 e no Decreto 205/1995.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que lle atribúen,

RESOLVE:

Autorizar a Elecnor, S.A. a instalación dos equipos electromecánicos do parque eólico denominado

Farelo, para unha potencia de 48,10 MW, que se vai localizar nos concellos de Antas de Ulla (Lugo), Agolada e Rodeiro (Pontevedra).

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución e na declaración de efectos ambientais do 18 de decembro de 2001, así como aquelas que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 3.2º do Decreto 327/1991, de 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia.

Segunda.-A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Terceira.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas