Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Martes, 01 de outubro de 2002 Páx. 14.270

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2002, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector da industria de ebanistería e afíns da provincia de Lugo.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector da industria de ebanistería e afíns da provincia de Lugo (código 2700245), asinado o día 2 de xullo de 2002, pola representación da Asociación Provincial de Empresarios de Ebanistería de Lugo e da central sindical UGT (60,9%), e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do citado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 30 de xullo de 2002.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo provincial para a industria

de ebanistería e afíns da provincia de Lugo

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio será de aplicación a tódalas empresas da provincia de Lugo, establecidas ou que se establezan no futuro que, rexéndose polo II convenio colectivo estatal para as industrias da madeira publicado no BOE do 24 de xaneiro de 2002 e tendo os seus centros de traballo na provincia, teñan ó seu servicio traballadores encadrados nas actividades de ebanistería, mobles curvados, fábricas de mobles en serie, carpintería e carpintería mecánica, envases e embalaxes, brochas, cepillos, pinceis e vasoiras, almacéns de madeira e tapicerías, fábricas de cadaleitos, carpintería de ribeira e demais actividades de 2ª transformación da madeira, previstas no anexo I do II convenio colectivo estatal para as industrias da madeira. As condicións pactadas neste convenio teñen o carácter de mínimas obrigadas.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O presente convenio terá unha duración de 1 ano, desde o 1 de xaneiro de 2002 ata o 31 de decembro de 2002, con independencia da data de publicación no BOP ou Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º.-Comisión mixta paritaria.

Constituirase un comité mixto paritario entre as partes asinantes do convenio. O citado órgano -integrado por catro representantes da asociación empresarial asinante e catro membros de UGT, igualmente asinantes do convenio- cumprirá as funcións de aplicación do pactado, así como do seu seguimento. No caso de non chegar a acordo na dita comisión, ámbalas dúas partes sométense á competencia do Servicio de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) e xurisdicción competente.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Os traballadores que anteriormente a este convenio viñeran gozando de mellores condicións cás aquí pactadas, poderán acollerse a elas, séndolles respectadas para tódolos efectos.

Artigo 5º.-Denuncia.

A denuncia do convenio deberá presentala, cunha antelación mínima de 30 días á data de finalización do convenio, calquera das partes. A ausencia de denuncia deste convenio significará, en todo caso, a súa prórroga por un ano, en iguais termos, salvo no referente a táboa salarial, que se verá incrementada en igual contía có IPC anual.

Artigo 6º.-Xornada laboral.

A xornada laboral de traballo queda fixada para o ano 2002 en 1.776 horas ó ano de traballo efectivo, tanto en réxime de xornada continuada coma partida, que se distribuirá de luns a venres, ambos inclusive, salvo nos casos de que entre empresa e traballadores se tome un acordo en contra con respecto ó traballo dos sábados.

Independentemente do anterior, a empresa queda facultada, naqueles supostos de que non se traballe o sábado, para nomear un servicio de urxencia co fin de manter un nivel mínimo de servicios de asistencia ó público, sendo os ditos nomeamentos de carácter representativo. A compensación ós traballadores que traballen en sábado efectuarase de forma horaria con carácter mensual.

As empresas poderán distribuí-la xornada establecida no parágrafo primeiro do presente artigo ó longo do ano mediante criterios de fixación uniforme ou irregular, afectando a uniformidade ou irregularidade ben a todo o cadro de persoal ou de forma diversa por seccións ou departamentos, por períodos estacionais do ano en función das previsións das distintas cargas de traballo e desprazamentos da demanda. En todo caso, a distribución irregular da xornada respectará os topes mínimos e máximos de distribución previstos no artigo 43 do II convenio colectivo estatal para as industrias da madeira.

Para os efectos dunha mellor organización do traballo, as empresas poderán establecer un calendario anual no que se recolla a distribución da xornada pactada ó longo do ano.

Artigo 7º.-Vacacións.

O persoal comprendido no presente convenio gozará dun período anual de 30 días naturais de vacacións, preferentemente entre os meses de xuño e setembro. No primeiro trimestre de ano, as empresas poñerán en coñecemento de todo o persoal o calendario de vacacións, así como os criterios seguidos para o seu establecemento. Despois da citada exposición, existirá sempre a posibilidade de reaxuste do calendario proposto, ben por medio dun prazo de reclamación daqueles traballadores que sexan prexudicados ou polo establecemento dun acordo entre empresa e traballador.

Salvo no suposto de desfrute de vacacións por mes ou quincena natural, o inicio do período de desfrute de vacacións terá lugar en día laborable, non tendo tal consideración nin os sábados nin os domingos.

No suposto de desacordo, aplicarase o que dispoña a autoridade laboral ou a xurisdicción laboral.

Artigo 8º.-Período de proba.

O persoal comprendido no presente convenio, para os efectos de establece-la duración dos períodos de proba, observará a seguinte escala:

-Técnicos titulados superiores: 6 meses.

-Técnicos de grado medio ou sen titulación e persoal administrativo cualificados: 2 meses.

-Persoal de oficio e auxiliar administrativo: 1 mes.

-Resto do persoal: 20 días.

Artigo 9º.-Licencias retribuídas.

O persoal gozará das seguintes licencias retribuídas:

-15 días en caso de matrimonio.

-2 días por cambio de domicilio na cidade.

-5 días por cambio de residencia fóra do municipio.

Considérase non laborable a xornada de tarde do 24 e do 31 de decembro.

Así mesmo, considerarase non laborable a xornada de mañá do día 24 ou 31 de decembro, segundo acordo entre empresa e traballadores.

Nos restantes casos, aplicarase o disposto no cadro de permisos e licencias recollido no anexo II do II convenio colectivo estatal para as industrias da madeira e na lexislación laboral vixente.

Artigo 10º.-Roupa de traballo.

As empresas entregaranlles ós traballadores 2 pezas de roupa anualmente, unha en xullo e outra en decembro. En traballos especiais entregaranse, se fose necesario, as roupas oportunas.

Artigo 11º.-Salarios.

Durante o ano 2002 os salarios serán os establecidos na táboa salarial anexa, resultado de aplicar un incremento do 2,3% sobre das táboas do ano 2001, segundo o establecido na disposición adicional única do II convenio colectivo estatal para as industrias da madeira.

Artigo 12º.-Cláusula de revisión salarial.

No caso de que o IPC real estatal o 31 de decembro de 2002 rexistre un incremento superior ó IPC previsto polo Goberno para o ano 2002, a diferencia que se produza aboaráselles ós traballadores nunha soa paga, no mes de febreiro do ano 2003.

Artigo 13º.-Pagas extraordinarias.

Establécese unha en xullo de 30 días, que se pagará antes do 30 de xuño, denominada paga de verán, e outra en decembro, de 30 días que se aboará antes do 20 do citado mes, denominada paga de Nadal. A contía das pagas mencionadas será de 30 días de salario base máis a antigüidade.

As pagas extraordinarias reguladas no presente artigo devengaranse por semestres naturais e por cada día natural no que se devengase o salario base.

Artigo 14º.-Premio de xubilación.

Os traballadores que se xubilen con máis de 10 anos de antigüidade na empresa terán dereito ó desfrute de vacacións retribuídas coas seguintes duracións:

-Ós 65 anos: 1 mes.

-Ós 64 anos: 2 meses.

-Ós 63 anos: 2 meses e medio.

-Ós 62 anos: 3 meses.

-Ós 61 anos: 3 meses e medio.

-Ós 60 anos: 4 meses.

O desfrute destas vacacións farase efectivo coa correspondente antelación ó seu cesamento efectivo, debendo o traballador comunicar de forma constatable a súa decisión á empresa. Esta faralle entrega ó traballador que solicite as vacacións dun certificado acreditativo do seu desfrute, no que constará o número de meses ós que ten dereito.

Artigo 15º.-Seguro de invalidez ou morte.

As empresas suxeitas a este convenio contratarán un seguro por accidentes de traballo polas contías de 24.040,48 euros por invalidez permanente, nos graos de total, absoluta e grande invalidez, e de 15.025,30 euros no caso de morte.

Artigo 16º.-Axudas de custo e quilometraxe.

Todo traballador con dereito a axudas de custo percibirá 27 euros por axuda de custo completa e 10 euros por media axuda de custo, ou ben gastos para xustificar segundo factura, a elección da empresa.

O traballador que, por necesidades do servicio, teña que desprazarse fóra do lugar onde radique o seu centro de traballo empregando o seu vehículo particular, percibirá por este concepto a cantidade de 0,18 euros/quilómetro. Esta indemnización non operará cando se trate do desprazamento que o traballador teña que realizar ó seu centro de traballo para prestar servicios neste.

Artigo 17º.-Aprendices.

Os anos traballados como aprendiz nunha empresa serán computables para os efectos de duración da aprendizaxe, noutra das mesmas especialidades, logo de certificación do aproveitamento pola empresa anterior, ou certificación de capacitación por un centro de formación profesional.

O tempo de aprendizaxe nunha empresa será computable para os efectos de antigüidade. Para os efectos de determina-los salarios que corresponden, tratarase o establecido na táboa salarial anexa.

Artigo 18º.-Dereitos sindicais.

As empresas vinculadas ó presente convenio recoñecen os sindicatos debidamente implantados no sector como elemento básico ou representativo, para afrontar a través dos seus delegados de persoal e comité de empresa as necesarias relacións entre traballadores e empresario. Para o exercicio das súas funcións representativas, recoñéceselles ós membros dos comités de empresa e delegados de persoal o número mínimo de horas retribuídas mensuais previstas no artigo 68 do Estatuto dos traballadores segundo o número de traballadores de cada centro

de traballo, sen que en ningún caso o crédito horario mensual poida ser inferior a 16 horas.

Cota sindical: as empresas, por requirimento dos traballadores ou dos seus representantes sindicais (comité ou delegados), descontarán da nómina mensual do traballador o importe da cota sindical correspondente. O traballador interesado na realización de tal operación remitirá á dirección da empresa un escrito no que expresará, con claridade, a orde do desconto, a central sindical ou sindicato ó que pertence, a contía da cota e o número de contas correntes e entidades onde debe ser transferida a dita cantidade. A dirección da empresa entregará copia da transferencia á representación sindical, se a houber.

Taboleiro de anuncios: os delegados de persoal e seccións sindicais constituídos a teor da lexislación vixente, disporán dun taboleiro de anuncios para expoñer comunicados relativos a problemas laborais da empresa ou do sector.

Artigo 19º.-Compensación en caso de baixa por enfermidade ou accidente.

Nestes supostos, a empresa aboaralles os seus traballadores o complemento necesario para que, unidas á compensación económica debida a incapacidade temporal, por accidente de traballo e enfermidade profesional, o traballador perciba o salario que se establece no presente convenio a partir do día seguinte ó inicio da baixa e mentres perciba a indemnización económica a cargo da Seguridade Social, podendo a empresa controla-la evolución da enfermidade ou accidente por medio dos seus servicios. Deste dictame médico dependerá a subsistencia do referido beneficio, sen prexuízo das sancións que resulten pertinentes.

Igualmente, no caso de enfermidade común, o 100% aboarase a partir das 20 semanas de baixa e, en todo caso, cando exista hospitalización e durante o tempo que dure esta.

Artigo 20º.-Dos traballo tóxicos, penosos e perigosos.

En todo caso, para a súa cualificación e determinación fidedignas -logo de comunicación á empresa do traballador e traballadores supostamente afectados- aplicarase o que determine a autoridade laboral, logo de expediente legalmente tramitado para tal efecto.

En canto á súa retribución e demais aspectos normativos, aplicarase o disposto no II convenio colectivo estatal para as industrias da madeira.

Artigo 21º

Cando no cumprimento das obrigas laborais puidese producirse a retirada do carné de conducir, por infracción ou accidente, a empresa comprometerase a ocupa-lo traballador afectado naquelas tarefas que non requiran tal condición. Esta medida non será de aplicación no caso de infracción reiterada ou de retirada definitiva do carné.

Artigo 22º

A idade de xubilación voluntaria será de 64 anos cumpridos. Todas aquelas empresas ás que lles sexa solicitada por un traballador a dita xubilación á idade xa citada, veranse obrigadas a contratar outro traballador, titular de dereito ás prestacións de desemprego ou novo demandante de primeiro emprego, mediante un contrato da mesma condición có extinguido, na forma e condicións que establece a lexislación vixente.

Artigo 23º.-Normas supletorias.

En todo o non previsto no presente convenio colectivo, observarase o disposto no II convenio colectivo estatal para as industrias da madeira e demais lexislación vixente.

Artigo 24º.-Recoñecemento médico.

As empresas vinculadas ó presente convenio colectivo están obrigadas á realización dun recoñecemento médico anual para todo o persoal, a través do Gabinete Técnico Provincial de Seguridade de Hixiene, ou a través da mutua patronal de accidentes de traballo. O tempo empregado no recoñecemento será aboado pola empresa, que facilitará os medios de transporte para este desprazamento.

Artigo 25º.-Traballo da muller.

Os dereitos e obrigas establecidos na lexislación laboral e neste convenio afectarán por igual o home e a muller.

As empresas están obrigadas a pagar, por igual traballo, os mesmos salarios e complementos sen discriminación de sexo.

Para os efectos da extinción do contrato de traballo por causas obxectivas, non se computarán como faltas de asistencia as dos traballadores en período de licencia por maternidade.

Artigo 26º.-Comisión de seguridade e hixiene no traballo.

As partes asinantes acordan constituír unha comisión paritaria provincial sectorial de seguridade e hixiene no traballo, integrada por un representante de cada unha das centrais sindicais asinantes do convenio e un número de representantes da Asociación de Empresarios de Ebanistería de Lugo, igual ó total das centrais sindicais.

Ámbalas representacións comprométense a manter reunións periódicas, logo da convocatoria de calquera das partes con 15 días de antelación.

As funcións básicas da comisión de seguridade e hixiene terán como obxectivos prioritarios:

1. Promove-la observancia das disposicións legais vixentes para a previsión dos riscos profesionais no ámbito do sector.

2. Prestar asesoramento ós empresarios e traballadores para evitar e/ou reduci-los riscos que atenten contra a integridade física e saúde dos traballadores.

3. Dar a coñece-las normas e procedementos que en materia de seguridade e hixiene dicten os organismos especializados nesta materia.

4. Solicitar informes sobre os resultados estatísticos dos recoñecementos médicos que se lles realicen ós traballadores deste sector.

Cantas outras funcións a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e mellora da seguridade e hixiene no traballo, no sector, na provincia de Lugo.

Artigo 27º.-Comisión de formación profesional.

As partes signatarias acordan constituír unha comisión paritaria provincial sectorial de formación profesional, integrada por un representante de cada unha das centrais sindicais asinantes do convenio e un número de representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Ebanistería de Lugo igual ó total das centrais sindicais.

Serán funcións desta comisión:

-Requirir das administracións autonómicas competentes o recoñecemento desta comisión como interlocutor social sectorial, que reciba a información existente sobre programas e cursos de formación profesional con financiamento oficial que afectan o sector de ebanistería, co fin de colaborar tanto nos que estean en marcha como nos que poidan programar máis diante.

-Elaborar estudios sobre necesidades e requirimentos de formación profesional no sector para chegar a defini-la organización e programación desta, tanto ocupacional coma regulada (observatorio ocupacional).

-Elaborar plans formativos necesarios para consegui-la homologación das cualificacións profesionais dos traballadores técnicos, administrativas e manuais, coas súas equivalentes na Comunidade Económica Europea.

-Cantas outras funcións a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e mellora da formación profesional no sector, na provincia de Lugo.

Artigo 28º.-Complemento de antigüidade.

A partir do 30 de setembro de 1996 non se devengan por este concepto novos dereitos, quedando, polo tanto, suprimido.

Non obstante, os traballadores que xerasen antes do 30 de setembro de 1996 novos dereitos e contías en concepto de antigüidade, manterán a cantidade consolidada na dita data. A contía mencionada figurará na nómina de cada traballador como complemento persoal baixo o concepto de antigüidade consolidada, non sendo tal contía absorbible nin compensable. Para tales efectos, fíxase na táboa salarial anexa o importe do quinquenio consolidado para cada unha das categorías profesionais.

Artigo 29º.-Vinculación á totalidade.

Como queira que as condicións pactadas no presente convenio colectivo son o resultado da súa adaptación ó II convenio colectivo estatal para as industrias da madeira, se se dese o caso de que a xurisdicción competente anulase ou invalidase, habendo resolución firme, algún ou tódolos seus pactos e polo tanto quedase sen efecto o II convenio colectivo estatal pola aplicación do seu artigo 16, o II convenio colectivo estatal deixará de rexer no futuro no que respecta ó presente convenio colectivo provincial.

Por outra parte e no suposto de que a xurisdicción competente estimase que algunha das condicións pactadas no presente convenio colectivo conculca a legalidade vixente ou lesiona gravemente intereses de terceiros, e como queira que este convenio, na súa redacción actual, constitúe un todo orgánico indivisible, terase por totalmente ineficaz, debendo reconsidera-lo seu contido íntegro a comisión negociadora.

Disposicións adicionais

Primeira.-As partes asinantes deste convenio consideran o Acordo interprofesional galego sobre dos procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo como a canle idónea para a solución dos conflictos colectivos laborais.

Segunda.-As empresas disporán dun mes desde a publicación do presente convenio no BOP ou Diario Oficial de Galicia para aboa-las diferencias salariais entre as cantidades que viñeran percibindo e as que se pactan neste convenio, en concepto de atrasos desde o 1 de xaneiro de 2002 ata a data da publicación.

ANEXO

Táboa de salarios

(vixencia desde o 1-1-2002 ó 31-12-2002)

Categoría profesionalSalario díaQuinquenio consolidadoSalario anual

Encargado e similares29,83470,0812.677,75

Oficial 1ª conduc. e asimil.29,75468,7112.643,75

Oficial 2ª conduc. e asimil.28,80453,8112.240,00

Peón, axudante e asimil.28,18444,1011.976,50

Aprendiz 17 anos17,85281,537.586,25

Aprendiz 16 anos15,93251,456.770,25

Categoría profesionalSalario mesQuinquenio consolidadoSalario anual

Xefe oficina e proxectista899,82467,2312.597,48

Oficial 1ª admin. e xefe taller891,43462,8912.480,02

Oficial 2ª admin. e xefe taller866,53449,9512.131,42

Auxiliar administrativo850,01441,3711.900,14

Aprendiz maior 18 anos839,71436,0311.755,94

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA