Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 30 de setembro de 2002 Páx. 14.199

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de setembro de 2002 pola que se clasifica como mixta a Fundación Centro Tecnológico de Supercomputación de Galicia.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Centro Tecnológico de Supercomputación de Galicia, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. A fundación, en escrito do vintetrés de setembro de 2002, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 23 de setembro de 2002, ante o notario Enrique Roger Amat, co número tres mil oitocentos once do seu protocolo, por Carmen Bouso Montero, que intervén en nome e representación, como secretaria do Consello de Administración, da Sociedade Anónima Xestión Centro de Supercomputación de Galicia.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos o obxecto da fundación é fomentar, difundir e prestar servicios de cálculo intensivo e comunicación ás comunidades investigadoras galega e do Consello Superior de Investigacións Científicas, así como a aquela empresa ou institución que o solicite, e desta forma, contribuír mediante o perfeccionamento tecnolóxico e a innovación, á mellora da competitividade das empresas.

4. O padroado da fundación estará integrado polas persoas indicadas no artigo 10 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevou ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como mixta da Fundación Centro Tecnológico de Supercomputación de Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de

autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 24 de setembro de 2002.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación Centro Tecnológico de Supercomputación de Galicia adscribíndoa á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública