Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 26 de setembro de 2002 Páx. 14.063

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Soutomaior.

Visto o texto do convenio colectivo para o persoal laboral do Concello de Soutomaior, con nº de código 3603642, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 2-7-2002, subscrito en representación da parte económica polo alcalde e a secretaria do concello, e da parte social, polo delegado de persoal, en data 31-5-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 21 de agosto de 2002.

P.A.

Luis Boullosa Nores

Secretario provincial de Pontevedra

Convenio colectivo do persoal laboral ó servicio

do Concello de Soutomaior

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación persoal, funcional e territorial.

Os acordos que se recollen neste convenio serán de aplicación ó persoal laboral, tanto fixo como temporal, que preste servicios no Concello de Soutomaior. Non será de aplicación ó persoal laboral que resulte contratado no marco de plans, programas ou actividades subvencionadas que, na súa regulación, esixan a aplicación dun concreto convenio colectivo ou establezan outro criterio ou sistema de retribucións.

Artigo 2º.-Ámbito temporal: vixencia, denuncia e prórroga.

1. Entrada en vigor: este convenio entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no BOP de Pontevedra e estenderá a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2004.

2. Non obstante, os efectos económicos derivados del retrotraeranse ó 1 de xaneiro de 2002.

3. As retribucións salariais serán obxecto de revisión, de se-lo caso, anualmente, con iguais criterios que para o persoal funcionario, de acordo coas disposicións orzamentarias de aplicación e do que para o efecto se prevexa no orzamento municipal para os exercicios de 2003 e 2004.

4. Prórroga e denuncia: este convenio prorrogarase, anualmente, de forma automática a non ser que se produza denuncia escrita de calquera das partes, con anterioridade ós dous últimos meses da súa vixencia. De producirse a denuncia do convenio, este manterá a súa vixencia ata a aprobación dun novo convenio.

Artigo 3º.-Comisión paritaria de interpretación e seguimento.

Créase unha comisión paritaria de interpretación e seguimento deste convenio colectivo, que terá como funcións as seguintes:

-A interpretación do seu articulado.

-A intervención obrigatoria, con carácter previo, á presentación de calquera conflicto colectivo.

-E calquera outra que expresamente se sinale neste convenio.

Fíxase como composición desta comisión: representando á Administración municipal, o alcalde-presidente e en representación dos traballadores, o delegado do persoal laboral.

Artigo 4º.-Absorción e condicións persoais máis beneficiosas.

Os acordos contidos neste convenio forman un todo único e consecuentemente as condicións de traballo que nel se establecen, sexan ou non de natureza salarial, compensan e absorben na súa totalidade as que viñesen rexendo con anterioridade e por calquera título (norma legal, pacto colectivo ou individual ou concesión voluntaria e unilateral da Administración municipal).

Non obstante durante a vixencia deste convenio, respectaranse a título persoal, como condicións máis beneficiosas, as que estean vixentes á entrada en vigor deste convenio, cando, examinadas no seu conxunto e en cómputo anual, resulten máis beneficiosas para un/ha concreto/a traballador/a.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 5º.-A organización do traballo.

A organización do traballo e a súa aplicación práctica é facultade da Administración municipal, quen, en todo caso, respectará os principios de racionalidade, economía e eficacia.

Será obxecto de consulta e negociación previa cos/coas representantes do persoal laboral, cando as decisións puidesen repercutir directa ou indi

rectamente sobre as condicións de traballo do persoal ó servicio do concello.

Quedan excluídas da obriga de consulta as decisións do concello que afecten o exercicio dos dereitos dos cidadáns ante a Administración municipal e o procedemento de formación dos actos ou disposicións administrativas.

Artigo 6º.-Racionalización do traballo.

A racionalización do traballo terá, entre outras, as seguintes finalidades:

a) A mellora das prestacións do servicio ós cidadáns.

b) A simplificación do traballo e a mellora de métodos e procesos.

Capítulo III

Xornada, horarios e horas extraordinarias

Artigo 7º.-Xornada.

1. A xornada ordinaria de traballo será de 37 horas e trinta minutos semanais de traballo efectivo, que se desenvolverán nos días e no horario concreto que se establece no artigo 8º. A xornada máxima anual queda establecida en 1.665 horas.

2. O tempo de traballo computarase de modo que tanto ó comezo como ó final da xornada diaria, o traballador se atope no seu posto de traballo.

3. O persoal laboral que realice xornada continua terá dereito ó desfrute dun descanso de 20 minutos durante a súa xornada, que se computará para tódolos efectos como tempo de traballo efectivo; a pausa retribuída será de quince minutos para os traballadores que realicen xornada partida.

4. Os traballadores terán dereito a un descanso mínimo semanal, de día e medio ininterrompido que, como regra xeral, comprenderá a tarde do sábado ou, se é o caso, a mañá do luns e o día completo do domingo.

5. Con ocasión da realización de estudios ou da asistencia a cursos de formación fóra da xornada habitual de traballo, poderá autorizarse a adaptación temporal do horario para facilita-la súa realización.

Artigo 8º.-Horarios de traballo.

-Servicio municipal de recollida domiciliaria do lixo:

Horario desde o 1 de outubro ó 30 de abril: de luns a sábado, ámbolos dous inclusive, das 20 horas ás 2.15 horas.

Horario dos meses de maio e setembro: de luns a sábado, ámbolos dous inclusive, das 21 horas ás 3.15 horas.

Horario desde o 1 de xuño ó 31 de agosto: de luns a sábado, ámbolos dous inclusive, das 22 horas ás 4.15 horas.

-Servicio municipal de obras:

Horario xeral das 8 horas ás 13 horas e das 15 horas ás 17.30 horas. Os días que sexa necesario realizar labores de enterramento adaptarase o horario ordinario, en función das necesidades de tal servicio.

-Servicio de atención ó pavillón municipal:

Horario xeral das 16.30 horas ás 0 horas, de luns a venres.

Os monitores deportivos contratados especificamente para a organización de concretas actividades deportivas desenvolverán as súas tarefas nos horarios pactados para o efecto nos respectivos contratos laborais.

-Servicio de limpeza de dependencias municipais e centros escolares:

Horario xeral: de luns a venres, ámbolos dous inclusive, das 14.30 horas ás 22 horas.

Os horarios específicos para a limpeza de cada dependencia será determinado por decreto da alcaldía, en atención ó horario de ocupación de cada unha delas.

-Servicios sociais e comunitarios e oficina de información xuvenil:

De luns a venres, ámbolos dous inclusive, coincidindo co horario de apertura das oficinas municipais. En caso de conveniencia para o servicio este horario poderá modificarse por decreto da alcaldía, logo de consulta cos traballadores interesados.

-Servicio de biblioteca municipal:

O horario xeral será de luns a venres, ámbolos dous inclusive, das 16 horas ás 20 horas.

Artigo 9º.-Horas extraordinarias.

1. Terán a consideración de horas extraordinarias cada hora de traballo que se realizase, logo de autorización da alcaldía ou da persoa en quen delegue, que exceda da xornada normal de traballo, a que se refire o artigo 7º.1.

2. As horas extraordinarias, salvo necesidade urxente ou en calquera outro dos supostos numerados no artigo 35 do Estatuto dos traballadores, non poderán exceder de 8 ó mes ou de 80 ó ano.

3. Para o debido control do número de horas extraordinarias, deberá levarse un rexistro por servicios, nos termos legais previstos para o efecto.

4. Para os efectos económicos, o valor da hora extraordinaria, en día laborable, será o resultante de incrementar nun 75% o valor da hora ordinaria. O seu cálculo farase de acordo coa fórmula seguinte:

Hora extra=(salario bruto anual+antigüidade)x1,75

1.665 horas (nº de horas efectivas anuais)

5. Para as horas extraordinarias que se realicen en domingos ou festivos, o valor da hora ordinaria verase incrementado nun 100%. Para estes efectos o coeficiente multiplicador na fórmula anterior será de 2.

6. Para os efectos previstos neste artigo, os traballos realizados os días 24 e 31 de decembro, consideraranse como efectuados en día festivo.

7. Os traballadores poderán compensa-la realización de horas extraordinarias por tempos equivalentes de descanso, cando as necesidades do servicio o permitan, e de acordo co seguinte baremo:

* Hora extraordinaria efectuada en días laborables: compensarase con hora e media de descanso.

* Hora extraordinaria efectuada en día festivo: compensarase con dúas horas de descanso.

Os tempos de descanso acumularanse para o seu desfrute, ata completar xornadas enteiras de traballo, e os días libres serán autorizados pola alcaldía, logo de solicitude dos traballadores interesados.

Capítulo IV

Vacacións, permisos e licencias

Artigo 11º.-Vacacións anuais.

1. Para o persoal que prestase servicios durante un ano, as vacacións anuais retribuídas, non sustituíbles por compensación económica, terán unha duración dun mes natural, podendo acordarse o seu fraccionamento, en dous períodos iguais de quince días. Desfrutaranse preferentemente durante os meses de xullo, agosto e setembro.

Nos supostos de prestación do servicio en períodos inferiores ó ano, o desfrute das vacacións será proporcional ó tempo traballado, a razón de dous (2) días e medio por mes de servicio.

O período de desfrute fixarase de común acordo entre a alcaldía e os traballadores e, para estes efectos, confeccionarase o calendario de vacacións do persoal no primeiro trimestre de cada ano.

2. Cando por necesidades do servicio o traballador teña que desfrutar obrigatoriamente as vacacións fóra do período inicialmente previsto no calendario anual, estas terán unha duración de trinta días hábiles.

3. Sempre que sexa necesario, a confección do calendario de vacacións e o seu desfrute, organizarase por quendas e de forma rotatoria, en cada servicio.

4. As vacacións non poderán ser compensadas en metálico, nin en todo nin en parte, excepto cando no transcurso do ano se produza a extinción da relación de emprego do traballador ou sexa declarado este en situación de excedencia ou de suspensión de funcións e aínda non desfrutase ou completado na súa totalidade o desfrute do período de vacacións.

5. De se produci-la declaración de incapacidade laboral dun traballador, con anterioridade ó inicio das vacacións programadas e tal situación subsistise no día previsto para o comezo destas, non comezarán a computarse como tales.

Unha vez producida a incorporación ó traballo procederase, de mutuo acordo, a fixarse o período de desfrute.

6. O calendario de vacacións poderá ser modificado puntualmente, logo de solicitude dos interesados, sempre que non existan razóns obxectivas do servicio que o impidan, e non se afecte a intereses de terceiros por razón das quendas establecidas.

7. A traballadora embarazada terá dereito a escolle-la data das súas vacacións regulamentarias.

Artigo 12º.-Permisos.

O traballador/a, logo de aviso e xustificación cando proceda, poderá ausentarse do posto de traballo con dereito a remuneración, polos motivos e períodos que se consignan a continuación:

a) Por matrimonio: 15 días naturais.

b) Polo nacemento ou adopción dun fillo: 2 días cando o acontecemento se produza na mesma provincia e 3 días cando sexa en provincia distinta.

c) Polo falecemento ou enfermidade grave do cónxuxe ou dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 2 días se o suceso se produce na mesma provincia, e 4 días se ocorre en provincia distinta.

d) Por traslado de domicilio habitual: 1 día.

e) Por exames: o mesmo día do exame no centro oficial.

f) Os días 24 e 31 de decembro consideraranse como festivos.

g) Asuntos persoais: poderá dispoñerse, como máximo, dun permiso para asuntos persoais, sen xustificación, atendendo sempre ás necesidades do servicio. O número de días de permiso será, como máximo, o que para cada ano natural se indica a continuación:

-Ano 2002: ata 3 días.

-Ano 2003: ata 6 días.

-Ano 2004: ata 9 días.

A duración máxima do permiso anterior requirirá ter prestado, con anterioridade ó seu desfrute, un ano de servicio; cando a prestación do servicio sexa inferior, os días de permiso verán reducida a súa duración proporcionalmente.

Os días de asuntos persoais deberán solicitarse con, polo menos, unha semana de antelación, e preferentemente se desfrutarán varios días xuntos, non podendo ser acumulado o seu desfrute ó das vacacións anuais.

Nas referencias feitas neste artigo a días de permiso, entenderanse feitas a días naturais, sexan laborais ou non. En todo o caso os días de permiso por traslado de domicilio, concorrencia a exames, deberán de coincidir necesariamente co día no que se produza o evento.

Artigo 13º.-Licencias.

1. Aplicarase o disposto na lexislación vixente sobre a materia para os funcionarios públicos municipais.

2. Por asistencia a cursos e seminarios, relacionados directamente coa función desempeñada e para a formación, o perfeccionamento, a reciclaxe e a promoción profesional, convocados polas institucións ou escolas da Administración: o tempo de duración destes.

Capítulo V

Réxime de retribucións

Artigo 14º.-Principios xerais.

1. O establecemento das condicións económicas do persoal laboral comprendido no ámbito deste convenio estivo presidido polo criterio de logra-la equiparación das súas retribucións coas do persoal funcionario do concello de posto equivalente.

Para tal fin, foron realizados os oportunos estudios previos de valoración dos distintos postos de traballo, antecedente directo deste convenio colectivo e nos que se conteñen os criterios que fundamentan a estructura salarial que se adopta neste.

2. A ordenación do pagamento de gastos do persoal ten carácter preferente sobre calquera outro que deba realizarse con cargo ós fondos propios da administración municipal.

Artigo 15º.-Estructura salarial.

1. O persoal laboral do Concello de Soutomaior, posuirá as retribucións salariais que se sinalan no anexo I, en atención ó grupo de pertenza, categoría profesional e tipo de xornada laboral, estando estas integradas polo conceptos que de seguido se enumeran e definen:

2. As retribucións do persoal laboral están integradas polo salario base e os complementos ou complementos de antigüidade, convenio e ó posto de traballo.

a) Salario base, constitúe a percepción económica de vencemento mensual, que corresponde percibir a todo traballador, en atención ó seu grupo de pertenza, establecida para a prestación profesional de servicios con referencia á xornada completa e ordinaria de traballo, ou no seu defecto, á xornada parcial asignada ó posto.

O importe que se percibirá por este concepto sinálase no anexo I, por períodos mensuais e anuais (12 mensualidades).

b) Complementos/complementos salariais:

b.1) De antigüidade (trienios).

Desde a entrada en vigor deste convenio, o complemento de antigüidade ou trienios, é a retribución económica, de vencemento mensual, que terá un importe igual por cada un dos trienios devengados, en atención ó grupo a que pertenza o traballador.

O nacemento do dereito á súa percepción prodúcese por cada tres (3) anos de servicio á Administración municipal, e terá efectos económicos desde o primeiro día do mes seguinte á aquel no que se perfeccione.

A remuneración por este concepto para os contratados laborais a tempo parcial, será proporcional á establecida en referencia á xornada completa.

O importe que se percibirá por este concepto, sinálase no anexo I precitado, con indicación do seu importe mensual e anual (12 mensualidades).

b.2) De convenio.

Constitúe a retribución, de vencemento mensual, que corresponde percibir a cada traballador, en atención á súa categoría profesional e ó grao de complexidade e dificultade que presenta o normal desenvolvemento das tarefas encomendadas, unha vez valoradas as esixencias de competencia e mando, especialización e responsabilidade.

O anexo I deste convenio sinala o importe que se percibirá por este concepto, en relación coa xornada laboral realizada, sexa esta completa ou parcial.

b.3) Do posto de traballo.

Este complemento destínase a retribuí-la especial dificultade técnica, dedicación, penosidade e perigosidade e sinaladamente a nocturnidade, cando na prestación dos servicios concorren as circunstancias referidas no artigo 36.1º do Estatuto dos traballadores, e se é o caso, a conducción de vehículos municipais.

Consecuentemente, o importe que se percibirá por este concepto retributivo, de vencemento mensual, fíxase en atención a categoría profesional de cada traballador e á duración da xornada de traballo asignada a cada posto.

O anexo I reflicte os importes que se percibirán por categoría e mes.

3. Pagas extraordinarias.

O persoal incluído no ámbito de aplicación deste convenio percibirá dúas (2) pagas extraordinarias, que se aboarán conxuntamente coas retribucións correspondentes ós meses de xuño e decembro.

A contía de cada unha das pagas extraordinarias será igual a unha mensualidade de salario base e da totalidade dos complementos que cada traballador perciba ordinariamente.

Artigo 16º.-Axudas sociais.

En situación de incapacidade laboral por enfermidade común ou accidente laboral, o concello pagará a diferencia, entre o a prestación económica recoñecida en tal situación pola Seguridade Social e as retribucións totais que viña percibindo o traballador antes de producirse tal situación.

Artigo 17º.-Asistencia xurídica.

Polo que respecta ós custos de defensa e representación en xuízo, o Concello de Soutomaior res

tituirá o traballador afectado, os custos procesuais naqueles supostos nos que un empregado municipal sexa demandado, por calquera asunto directamente relacionado coas funcións laborais encomendadas a este, e sempre que no correspondente proceso non sexa apreciada responsabilidade do traballador, conducta neglixente ou constitutiva de delicto ou falta.

O pagamento das cantidades anteriores terá carácter indemnizatorio e producirase unha vez concluído o correspondente proceso.

Artigo 18º.-Axudas de custo e indemnizacións por gastos de viaxe.

1. A todo traballador que de forma circunstancial e debidamente autorizado deba exerce-lo seu labor fóra do termo municipal aplicaráselle o réxime de axudas de custo vixente para os funcionarios públicos municipais. Idéntico criterio seguirase, cando se asista, logo da autorización, a cursos de formación, perfeccionamento, xornadas de traballo e actividades análogas.

2. Os traballadores que utilicen vehículo propio coa correspondente autorización, para desprazamentos fóra do termo municipal, por motivos de traballo, percibirán as indemnizacións por quilometraxe que estean aprobadas para os funcionarios públicos municipais. Estas cantidades pagaranse igualmente en servicios realizados dentro do termo municipal, cando proceda.

Capítulo VI

Acceso á condición de laboral fixo

Artigo 19º.-Acceso.

1. O acceso ás distintas categorías do persoal laboral fixo do Concello de Soutomaior realizarase, logo de convocatoria pública realizada para o efecto, mediante calquera dos procedementos legalmente establecidos.

2. Composición dos tribunais: en tódolos tribunais que sexa preciso constituír nos procesos selectivos para o acceso ás prazas vacantes que deban cubrirse con persoal laboral fixo de novo ingreso, será nomeado, ademais dos que regulamentariamente proceda, un vocal designado polo sindicato máis representativo no colectivo laboral do Concello de Soutomaior.

Capítulo VII

Dereitos e deberes do persoal laboral

Artigo 20º.-Dereitos e deberes.

Os dereitos e deberes dos traballadores comprendidos neste convenio serán os establecidos na lexislación laboral vixente.

Artigo 21º.-Traballos de superior ou inferior categoría.

Cando sexa preciso realizar traballos de superior ou inferior categoría aplicarase o disposto no artigo 39 do texto refundido do Estatuto dos traballadores.

Artigo 22º.-Réxime disciplinario.

Os traballadores poderán ser sancionados, en virtude de incumprimentos laborais, de acordo coa gradación de faltas e sancións que se establecen no Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado por Decreto 94/1991, do 20 de marzo.

Capítulo VIII

Seguridade e hixiene no traballo

Artigo 23º.-Roupa de traballo.

O Concello de Soutomaior facilitará roupa de traballo e calzado profesional homologados e de uso obrigatorio, a todo o persoal ó seu servicio cando as condicións e a natureza do traballo o requiran.

Artigo 24º.-Saúde laboral.

Ámbalas dúas partes comprométense a respecta-los dereitos e cumpri-las obrigas derivadas da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Capítulo IX

Dereitos sindicais

Artigo 25º.-Dos delegados de persoal.

1. O concello facilitará os medios técnicos e materiais necesarios para o normal desenvolvemento das funcións dos delegados de persoal, sinaladamente un local poder realizar, puntualmente, xuntanzas e asembleas, así como o uso adecuado e proporcional de medios telefónicos, fax e fotocopiadora.

2. O delegado terá dereito a 1 día ó ano para formación sindical.

ANEXO

Táboa salarial

GrupoCategoríaTipo

xornada

Soldo baseComplemento

antigüidade

Complemento

convenio

Complemento ó

posto de traballo

Total mesTotal ano 12

mensualidades

excepto trienios

IIBibliotecario/aParcial (20 h/s)456,20 A16,61 A/por trienio248,39 A82,01 A786,60 A9.439,20 A
Traballador/a socialParcial (18 h/s)410,61 A14,81 A/por trienio223,56 A73,81 A707,98 A8.495,76 A

VConductor SMRDLCompleta476,00 A11,65 A/por trienio278,62 A467,25 A1.221,87 A14.662,44 A
Encargado SMPPCompleta476,00 A11,65 A/por trienio278,62 A140,68 A895,30 A10.743,60 A
Operario SMRDLCompleta476,00 A11,65 A/por trienio237,56 A186,61 A900,47 A10.805,64 A
Operario SMOCompleta476,00 A11,65 A/por trienio237,56 A140,68 A854,24 A10.250,88 A
Limpador/aCompleta476,00 A11,65 A/por trienio165,79 A---641,79 A7.701,48 A
Limpador/aParcial (20 h/s)253,85 A6,21 A/por trienio88,42 A---342,27 A4.107,24 A

Notas:

SMRDL: servicio municipal de recollida domicilaria do lixo.

SMPP: servicio municipal do pavillón polideportivo.

SMO: servicio municipal de obras.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA