Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Luns, 23 de setembro de 2002 Páx. 13.933

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS

ORDE do 12 de setembro de 2002 pola que se declara de interese galego a Fundación Provincial Banco de Alimentos e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 14 de xuño de 2002 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, do 5 de xuño de 2002, pola que se clasifica como de interese asistencial a Fundación Provincial Banco de Alimentos, que se adscribe á Consellería de Asuntos Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto contribuír a achegar unha resposta ós problemas de fame, marxinación, paro, pobreza, mediante a recadación e redistribución de excedentes e doazóns de alimentos, e aqueloutros bens propios dunha organización caritativa, achegando solucións colectivas en ámbitos asistenciais, laborais, formativos e todos aqueles non descritos aínda que non limitativos no sentido e alcance da fundación.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Provincial Banco de Alimentos, ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación Provincial Banco de Alimentos no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Asuntos Sociais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de lles dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada ante o protectorado a lle render contas anualmente e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o proxecto de orzamento con anterioridade

ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2002.

Corina Porro Martínez

Conselleira de Asuntos Sociais