Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 20 de setembro de 2002 Páx. 13.869

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector do comercio da pel.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector do comercio da pel, con nº de código 3600335, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 29-7-2002, subscrito en representación da parte económica pola Asociación de Empresarios do Comercio da Pel e, da parte social, polas centrais sindicais CC.OO. e UGT, en data 18-7-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio,

sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 21 de agosto de 2002.

P.A.

Luis Boullosa Nores

Secretario provincial

Convenio colectivo provincial

para o sector do comercio da pel

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio as centrais sindicais Comisións Obreiras (CC.OO.) e a Unión Xeral de Traballadores (UGT), en representación dos traballadores e a Asociación Provincial de Empresarios do Comercio da Pel, en representación dos empresarios do sector.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regula as relacións laborais entre empresarios e traballadores, en tódalas empresas da provincia de Pontevedra, integradas ou non en asociacións empresariais legalmente constituídas e dedicadas á actividade do comercio da pel.

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor ós dez días da súa sinatura con independencia da súa publicación no BOP, se ben os efectos económicos do primeiro ano de vixencia do convenio se retrotraerán ó 1 de xaneiro de 2002.

Artigo 4º.-Duración e prórrogas.

Terá unha duración de tres anos, contados a partir do 1 de xaneiro de 2002, finalizando os seus efectos o 31 de decembro de 2004.

Entenderase prorrogado tacitamente por períodos anuais, sempre que por calquera das partes non sexa denunciado cunha antelación mínima de tres meses antes da data do seu vencemento ou de calquera das súas prórrogas, debendo darse traslado da denuncia ás asociacións afectadas polo presente convenio.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó establecemento do presente convenvio viñese desfrutando de condicións máis beneficiosas cás aquí pactadas, deberaas conservar.

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral máxima ordinaria será de corenta horas semanais de traballo efectivo que se realizarán segundo o horario de traballo seguinte:

a) Horario de verán: 1 de xuño a 30 de setembro.

-Mañás: de 9.45 a 13.30 horas.

-Tardes: de 16.30 a 20 horas.

Neste período o presente horario de traballo realizarase de luns a sábado pola mañá, comprendendo, en consecuencia, o descanso semanal de día e medio,

a tarde do sábado e o día completo do domingo, de acordo co previsto no artigo 37.1º do Estatuto dos traballadores.

Dito o anterior cómpre sinalar que en cada establecemento o empresario poderá chegar a acordos con todos ou algúns dos seus traballadores para a prestación de servicios os sábados pola tarde; neste caso os traballadores terán dereito ó descanso compensatorio correspondente polo traballo nas tardes deses sábados.

b) Horario para o resto do ano.

-Mañás: de 10 a 13.30 horas.

-Tardes: de 16.15 a 20 horas.

No resto do ano rexerá este horario de traballo de luns a sábado pola tarde, para o que en cada empresa se fixará o descanso compensatorio polo traballo nas tardes dos sábados, segundo o previsto no Real decreto 1561/1995.

Non obstante o sinalado nos parágrafos anteriores, en cada establecemento o empresario poderá chegar a acordos con todos ou algúns traballadores, para a modificación do horario de traballo, tanto o fixado para verán como para o resto do ano.

Artigo 7º.-Horas extraordinarias.

Durante a vixencia deste convenio as partes asinantes del acordan a supresión das horas extraordinarias habituais.

Pola contra, acórdase a realización de horas extraordinarias que veñan esixidas por necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, e o mantemento das que resulten necesarias por períodos de maior venda, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade.

Artigo 8º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio terá dereito a 30 días ininterrompidos de vacacións anuais retribuídas, que se desfrutarán entre os meses de marzo a outubro, ámbolos dous inclusive.

Para a elección de quenda por parte dos traballadores, seguirase en cada unidade de traballo unha orde rotativa de preferencia, de tal xeito que quen tivo preferencia de elección de quenda no ano anterior é o último á hora de elixir quenda no presente ano.

Os traballadores que non poidan te-las vacacións, previamente establecidas no calendario laboral da empresa, por se atopar xa con anterioridade en situación de I.T., terán dereito a telas sempre que causen alta médica antes de ramata-lo ano natural, non a podendo acumular ó ano seguinte. Esta medida non será de aplicación a aquelas empresas que teñan establecido o peche por vacacións nun mes concreto do ano.

En todo caso será potestade do empresario a fixación do período de desfrute unha vez obtida a dita alta médica.

Artigo 9º.-Licencias e permisos.

Con independencia do disposto no artigo 37.3º do Estatuto dos traballadores, o persoal, logo de aviso e xustificación poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos seguintes:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio.

b) 5 días naturais nos casos de nacemento de fillo.

c) Ata 5 días naturais nos casos de morte do cónxuxe, ascendentes, descendentes ou irmáns, así como enfermidade grave ou hospitalización do cónxuxe, pais e fillos, téndose en conta para a súa concesión os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que en cada caso concorran.

d) Ata un máximo de tres días naturais por ano, por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora, téndose en conta para iso os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que no caso concorran.

Esta licencia, demostrada a súa indubidable necesidade, concederase no acto, sen prexuízo das sancións que poidan imporse ó traballador que alegue causas que resulten falsas.

e) Así mesmo, o traballador terá dereito a unha licencia retribuída de dous días ó ano, sen necesidade de ser xustificada. A dita licencia non poderá ser acumulable a períodos vacacionais e deberá ser solicitada cunha antelación de 5 días, polo menos, para un deles, fixándose o segundo de acordo coas necesidades da empresa.

Esta última licencia de dous días desaparecerá automaticamente do convenio no suposto de que se produza con carácter xeral e a nivel nacional unha reducción da xornada.

f) Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou minusválido físico, psíquico ou sensorial, que non desempeñe unha actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre, polo menor, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Terá o mesmo dereito que se precise encargar do coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non se poida valer por si mesmo, e que non desempeñe actividade retribuída.

A reducción da xornada prevista neste punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo

mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

A concreción horaria da reducción de xornada, prevista neste punto, corresponde ó traballador, dentro da súa xornada ordinaria. O traballador deberá avisar previamente o empresario con quince días de antelación a data en que se reincorporará á súa xornada ordinaria.

As discrepancias xurdidas entre o empresario e o traballador sobre a concreción horaria serán resoltas pola xurisdicción competente a través do procedemento establecido no artigo 138 bis da Lei de procedemento laboral.

Neste punto f) transcríbese para efectos informativos o disposto no Estatuto dos traballadores, no artigo 37.5º e 6º (conforme a redacción do artigo 2.2º e 3º da Lei 39/1999, sobre conciliación da vida laboral e familiar) de tal xeito que se deberá modificar autimaticamente ó mesmo tempo e na mesma liña que o faga o texto legal citado.

Os dereitos en materia de permisos retribuídos recoñecidos ós cónxuxes nas letras b) e c) deste artigo estenderanse ás parellas de feito inscritas no rexistro do organismo que competa; para as previstas na letra c) deberase acreditar un período de convivencia mínimo dun ano.

Artigo 10º.-Permiso por atención de fillos lactantes.

A traballadora por lactación dun fillo menor de nove meses terá dereito a unha hora ininterrompida retribuída de reducción da xornada de traballo, ó comezo ou ó final da xornada laboral ou dalgunha das súas quendas, que se deberá pactar de mutuo acordo entre empresa e traballadora.

O primeiro parágrafo deste artigo mellora o establecido no artigo 37.4º do Estatuto dos traballadores (conforme a redacción establecida no artigo 2.1º da Ley 3/1999, sobre conciliación da vida familiar e laboral), non obstante o cal, a traballadora poderase acoller ó disposto no dito artigo, que fai referencia á posibilidade de dividi-la hora de ausencia ó traballo en dúas fraccións de media hora.

Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou o pai en caso de que ambos traballen.

Artigo 11º.-Excedencias.

Para efectos informativos transcríbese o disposto no artigo 46.3º do Estatuto dos traballadores (conforme a redacción establecida no artigo 4 da Lei 39/1999, sobre conciliación da vida laboral e familiar) de tal xeito que se modificará automaticamente na forma que se modifique o texto legal.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo, tanto cando

o sexa por natureza como por adopción, ou nos supostos de acollemento, tanto permanente como preadoptivo, contando desde a data de nacemento ou, se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa.

Tamén terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a un ano, salvo que se estableza unha duración maior por negociación colectiva, os traballadores para atenderen o coidado dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non se poida valer en por si, e non desempeñe actividade retribuída.

A excedencia prevista neste punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

Cando un novo suxeito causante dese dereito a un novo período de excedencia, o inicio desta dará fin ó que, se é o caso, se viñese desfrutando.

O período en que o traballador permaneza en situación de excedencia conforme o establecido neste artigo será computable para efectos de antigüidade e o traballador terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional, á participación dos cales deberá ser convocado polo emrpesario, especialmente con ocasión da súa reincoporación. Durante o primeiro ano terá dereito á reserva do seu posto de traballo. Transcorrido o dito prazo, a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

Artigo 12º.-Suspensión con reserva de posto de traballo.

Para efectos informativos transcríbese o disposto no artigo 48.4º do Estatuto dos traballadores (conforme a redacción do artigo 5 da Lei 39/1999, sobre conciliación da vida familiar e laboral) de tal xeito que se modificará automaticamente na forma que se modifique o texto legal.

1. No suposto de parto, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas, que se desfrutarán de forma ininterrompida, ampliables no suposto de parto múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo. O período de suspensión destribuirase a opción da interesada sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto. En caso de falecemento da nai, o pai poderá facer uso da totalidade ou, se é o caso, da parte que reste do período de suspensión.

Non obstante o anterior, e sen prexuízo das seis semanas inmediatas posteriores ó parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que o pai e a nai traballen, esta, ó se inicia-lo período de descanso por maternidade, poderá optar por que o pai desfrute dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ó parto ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai, salvo que no momento

da súa efectividade a incorporación ó traballo da nai supoña un risco para a súa saúde.

Nos supostos de adopción e acollemento, tanto preadoptivo como permanente, de menores de ata seis anos, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliable no suposto de adopción ou acollemento múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo, contadas á elección do traballador, ben a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. A duración da suspensión será, así mesmo, de dezaseis semanas nos supostos de adopción ou acollemento de menores maiores de seis anos de idade cando se trate de menores discapacitados ou minusválidos ou que polas súas circunstancias e experiencias persoais, ou que por provir do estranxeiro teñan especiais dificultades de inserción social e familiar debidamente acreditadas polos servicios sociais competentes. En caso de que a nai e o pai traballen, o período de suspensión distribuirase a opción dos interesados, que o poderán

desfrutar de forma simultánea ou sucesiva, sempre con períodos ininterrompidos e cos límites sinalados.

Nos casos de desfrute simultáneo de períodos de descanso, a suma deles non poderá exceder das dezaseis semanas previstas nos puntos anteriores ou das que correspondan en caso de parto múltiple.

Os períodos ós que se refire este artigo poderanse desfrutar en réxime de xornada completa ou a tempo parcial, logo de acordo entre os empresarios e os traballadores afectados, nos termos que regulamentariamente se determinen.

Nos supostos de adopción internacional, cando sexa necesario o desprazamento previo dos pais ó país de orixe do adoptado, o período de suspensión, previsto para cada caso neste artigo, poderase iniciar ata catro semanas antes da resolución pola que se constitúe a adopción.

2. No suposto de risco durante o embarazo, nos termos previstos no artigo 26, puntos 2º e 3º, da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, a suspensión do contrato rematará o día en que se inicie a suspensión do contrato por maternidade biolóxica ou desapareza a imposibilidade da traballadora de se reincorporar ó seu posto anterior ou a outro compatible co seu estado.

Artigo 13º.-Protección da maternidade.

1. A avaliación dos riscos a que se refire o artigo 16 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, sobre prevención de riscos laborais, deberá comprende-la determinación da natureza, o grao e a duración da exposición das traballadoras en situación de embarazo ou parto recente, a axentes, procedementos ou condicións de traballo que poidan influír negativamente na saúde das traballadoras ou do feto, en calquera actividade susceptible de presentar un risco específico. Se os resultados da avaliación revelasen un risco para a seguridade e a saúde ou unha posible repercusión

sobre o embarazo ou a lactación das citadas traballadoras, o empresario adoptará as medidas necesarias para evita-la exposición ó dito risco, a través dunha adaptación das condicións ou do tempo de traballo da traballadora afectada. Estas medidas incluirán, cando cumpra, a non realización de traballo nocturno ou de traballo por quendas.

2. Cando a adaptación das condicións ou do tempo de traballo non resulte posible ou malia esta adaptación, as condicións dun posto de traballo puidesen influír negativamente na saúde da traballadora embarazada ou do feto, e así o certifique o médico que no réxime da Seguridade Social asista facultativamente a traballadora, esta deberá desempeñar un posto de traballo ou función diferente e compatible co seu estado. O empresario deberá determinar, logo de consulta cos representantes dos traballadores, a relación dos postos de traballo exentos de riscos para estes efectos.

O cambio de posto ou función levarase a cabo de conformidade coas regras e criterios que se apliquen nos supostos de mobilidade funcional e terá efectos ata o momento en que o estado de saúde da traballadora permita a súa reincorporación ó anterior posto.

No suposto de que, mesmo aplicando as regras sinaladas no parágrafo anterior, non existise posto de traballo ou función compatible, a traballadora poderá ser destinada a un posto non correspondente ó seu grupo ou a categoría equivalente, aínda que conservará o dereito ó conxunto de retribucións do seu posto de orixe.

3. O disposto nos anteriores números deste artigo será tamén de aplicación durante o período de lactación, se as condicións de traballo puidesen influír negativamente na saúde da muller ou do fillo e así o certificase o médico que, no réxime da Seguridade Social aplicable, asista facultativamente a traballadora.

4. As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto, logo de aviso ó empresario e da xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo.

Artigo 14º.-Salarios.

As retribucións salariais para o primeiro ano de vixencia do convenio (1-1-2002 ó 31-12-2002) son as que para cada categoría fixan na táboa salarial anexa e supoñen un incremento respecto das vixentes o 31-12-2001, do 3,5%.

Para o segundo ano de vixencia do convenio (1-1-2003 ó 31-12-2003) incrementaranse as táboas vixentes o 31-12-2002 no IPC real do ano 2002 máis medio punto.

Para o terceiro ano de vixencia do convenio (1-1-2004 ó 31-12-2004) incrementaranse as táboas vixentes o 31-12-2003 no IPC real do ano 2003 máis medio punto.

Artigo 15º.-Revisión salarial.

No caso de que o índice de prezos ó consumo (IPC) rexistrase o 31 de decembro do ano 2002 un incremento, respecto ó 31 de decembro de 2001, superior ó 2,25% o dito exceso servirá de base para a aplicación do incremento previsto para o ano 2003, adicionándoo ós salarios vixentes o 31-12-2002.

Así mesmo, no caso de que o índice de prezos ó consumo (IPC) rexistrase o 31 de decembro do ano 2003 un incremento, respecto ó 31 de decembro de 2002, superior ó 2%, o dito exceso servirá de base para a aplicación do incremento previsto para o ano 2004, adicionándoo ós salarios vixentes o 31-12-2003.

Do mesmo xeito, no caso de que o índice de prezos ó consumo rexistrase o 31 de decembro do ano 2004 un incremento, respecto ó 31 de decembro de 2003, superior ó 2%, o dito exceso servirá de base para a aplicación do incremento previsto para o ano 2005, adicionándoo ós salarios vixentes o 31-12-2004.

Artigo 16º.-Antigüidade consolidada.

Con efectos do 1 de xullo de 1999 acórdase a supresión do concepto de antigüidade, non obstante, os traballadores manterán e cosolidarán os importes ós que tivesen dereito polo complemento persoal de antigüidade o 30 de xuño de 1999.

A este importe engadiráselle a parte proporcional que o traballador tiña devengada e non cobrada, calculándose por meses completos, computándose como tal calquera fracción destes.

A antigüidade consolidada así calculada incrementarase durante a vixencia deste convenio, na mesma porcentaxe na que o fagan as súas táboas salariais, reflectidos no artigo 14º deste convenio.

Artigo 17º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio percibirá anualmente tres pagas extraordinarias, polo importe dunha mensualidade completa (salario convenio máis antigüidade consolidada, de se-lo caso), cada unha delas nas seguintes datas: 1 de marzo (paga de beneficios), xullo e Nadal.

Artigo 18º.-Complemento de transporte.

Establécese para todo o persoal das empresas afectadas por este convenio un complemento de transporte que, para o ano 2002, será de 54,21 euros mensuais, efectuándose o seu devengo en 12 pagas.

Este complemento incrementarase no segundo ano de vixencia do convenio (2003), no IPC real do ano 2002 máis medio punto; e no terceiro ano de vixencia (2004), no IPC real do ano 2003 máis medio punto.

En todo caso, este complemento terá a consideración de concepto extrasalarial para tódolos efectos, polo que non computará para o cálculo de antigüidade consolidada, gratificacións extraordinarias, etc., e tampouco se percibirá cando o traballador se atope en situación de incapacidade temporal, que

dando, así mesmo, exento de cotización á Seguridade Social.

Artigo 19º.-Incapacidade temporal.

Durante as situacións de incapacidade temporal derivadas de enfermidade ou accidente debidamente xustificados, as empresas completarán as prestacións económicas ata o importe íntegro das retribucións do convenio.

Artigo 20º.-Xubilación.

As empresas e traballadores poderán pactar, logo da existencia de común acordo por ambas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas cubri-las ditas vacantes con calquera traballador inscrito como demandante en oficinas de emprego.

Artigo 21º.-Axuda por defunción.

A partir da entrada en vigor do convenio, as empresas afectadas están obrigadas a subscribir unha póliza de seguro de accidente que cubra e garanta os riscos profesionais e extraprofesionais de morte dos traballadores que leven polo menos un ano na empresa, por importe de dúas mensualidades, igual cada unha delas á última que o traballador percibise, incrementada con tódolos emolumentos inherentes a ela.

Artigo 22º.-Desconto en compras.

O desconto en compras que o persoal realice nas súas empresas será, como mínimo, do 20%, respectándose as situacións máis favorables que se viñesen dando ata a data. O dito desconto non será efectivo nos artigos en rebaixas ou en saldo.

Artigo 23º.-Contratación.

-Compromiso de emprego fixo.

A partir da entrada en vigor deste convenio, establécese como obrigatorio nas empresas do sector unha porcentaxe mínima de emprego fixo do 50%, axustándose as fraccións á unidade cara a arriba.

Para velar polo cumprimento deste compromiso, a petición da comisión paritaria, as empresas afectadas por este convenio están obrigadas a presentaren no momento que lles sexa requirido a relación de traballadores coa modalidade de contrato que ten cada un deles.

-Contrato eventual.

A teor do disposto no artigo 15 b) do texto refundido do Estatuto dos traballadores, Real decreto 2720/1988, do 18 de decembro e a Lei 12/2001, do 9 de xullo, vixentes, este contrato ten por obxecto atender esixencias circunstanciais do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, mesmo tratándose da actividade normal da empresa.

Formalización do contrato: formalizarase por escrito, consignándose con suficiente precisión e claridade a causa e circunstancias que o motiven, e rexistrándose no Inem.

Duración e prórroga: a duración destes contratos non poderá ser inferior a 30 días nin superior a 12, dentro dun período de 18, contados a partir do momento do contrato inicial. Limítase a dous o número de contratos para realizar, na súa duración mínima, a unha mesma persoa.

No caso de que se concerte o contrato por un prazo inferior ós doce meses, poderá ser prorrogado por unha única vez mediante acordo das partes, sen que a duración total do contrato poida exceder do dito límite máximo.

Nos contratos superiores ós seis meses, se no momento do remate do período inicial non houbese unha comunicación previa de dez días de antelación á súa finalización, o contrato entenderase prorrogado automaticamente ata a súa duración máxima. Se no momento do remate da súa duración máxima non houbese denuncia expresa con dez días de antelación e se continuase prestando servicios, o contrato considerarase por tempo indefinido, agás proba en contrario que acredite a natureza temporal da prestación.

-Formación.

A súa duración mínima será de 6 meses, ata un máximo de 30 meses, e poderán acordarse ata dúas prórrogas por un período mínimo de seis meses cada unha, sen que a duración total do contrato poida exceder da citada duración máxima. A retribución que se aboará será do 85% do salario fixado en convenio para a categoría na que se vai forma-lo traballador.

Os contratos regulados neste artigo serán de aplicación durante a vixencia deste convenio, período durante o cal se poderán concertar este tipo de contratos, aceptándose a vixencia destes ata o seu remate.

-Contrato a tempo parcial.

Neste tipo de contrato indicarase a categoría profesional e o número de horas ordinarias de traballo ó día, á semana, ó mes ou ó ano e a súa distribución.

A xornada de traballo efectivo será de 30 horas. Cando a xornada sexa partida, esta só se poderá interromper unha vez. O tramo máis curto de prestación efectiva será de tres horas e media.

Neste tipo de contratos non está permitida a realización de horas extraordinarias.

Os postos de traballo de tempo completo non se cubrirán con esta modalidade contractual.

Converteranse en contratos a xornada completa aqueles que durante 30 días continuados ou de forma alternativa realizasen prolongacións de xornada.

Artigo 24º.-Contraprestación.

En compensación ás melloras pactadas neste convenio os traballadores obríganse a presta-los seus servicios co maior interese e productividade.

Artigo 25º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio haberá que aterse ó que dispoñen as normas legais vixentes de aplicación.

Artigo 26º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio e para atender a cantas cuestións se deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria, que estará integrada por tres representantes de cada unha das partes que negocien o convenio.

Vigo, 24 de xullo de 2002.

ANEXO

Táboa salarial

CategoríasSalario mes

(euros)

* Grupo I.
Enxeñeiros e licenciados787
Axudantes técnicos668,85
Practicantes596,69

* Grupo II.
Xefe de persoal747,65
Xefe de vendas747,65
Xefe de compras747,65
Encargado xeral747,65
Xefe de almacén668,85
Xefe de sucursal668,85
Xefe de grupo668,85
Xefe de sección598,28
Encargado de establecemento, vendedor, comprador594,31
Viaxante598,28
Corredor de praza564,68
Dependente595,89
Dependente maior653,75
Axudante553,18
Traballadores en formación: 85% do salario da categoría para a que se vai formar.

(Artigo 23º.-Contratación).

* Grupo III.
Xefe administrativo693,98
Xefe de sección645,02
Contable, caixeiro, taquimecanógrafo594,31
Oficial administrativo708,29
Auxiliar de caixa594,31
Auxiliar administrativo594,31

* Grupo IV.
Debuxante670,95
Escaparatista594,31
Rotulista594,31
Cortador594,31
Axudante de cortador594,31

* Grupo V.
Persoal de limpeza: a razón de 4,05 euros/hora.
Profesionais de oficio: nas demais categorías non

previstas nesta táboa, faranse as asimilacións que

correspondan.