Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 20 de setembro de 2002 Páx. 13.846

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 267/2002, do 13 de xuño, polo que se regula a habilitación profesional para a traducción e a interpretación xurada doutras linguas para o galego, e viceversa.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 5, outórgalles ó galego e ó castelán o carácter de linguas oficiais que todos teñen o dereito de as coñecer e as usar; e tamén establece que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, para o que disporán dos medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento. Por outra parte, o artigo 27.20º determina que lle corresponde a esta Comunidade a promoción e o ensino da lingua galega. Nesta liña, a Lei 3/1983 de normalización lingüística, establece, no seu artigo 2, que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal do galego e do castelán, como linguas oficiais que son da Comunidade Autónoma.

Desta equiparación legal do galego e do castelán derívase a necesidade de contar con profesionais cualificados para a traducción e a interpretación doutras linguas para o galego, e viceversa. De aí a conveniencia de regula-la habilitación destes especialistas, o que facilitará, ademais, o uso do galego na documentación xurídica, administrativa e económica, e nos actos e procedementos que deban ter efectos fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, ou que conteñan actuacións procedentes de fóra do seu ámbito territorial.

Por outra parte, a internacionalización das relacións sociais comporta, con frecuencia, a conveniencia de contar con traduccións fidedignas do galego a outras linguas, e viceversa; especialmente en textos e actuacións en materia xurídica, administrativa e económica.

Así pois, a necesidade de realizar versións entre pares de linguas, que xorden na vida diaria nos ámbitos xurídico, administrativo e económico aconsellan regular esta función. En primeiro lugar, porque existe a necesidade de dispor dun recoñecemento oficial das traduccións e interpretacións xuradas para o galego, e desta lingua para outras. En segundo lugar, coa finalidade de acredita-lo nivel formativo dos profesionais dedicados a estas funcións, mediante as correspondentes probas nas que demostren o seu nivel de aptitude académica e formativa para obte-lo nomeamento de traductor e intérprete xurado. E finalmente, para recoñecer regulamentariamente o feito de que as facultades de traducción e interpretación prevén itinerarios específicos de traducción xurídico-administrativa e económica ós titulados nestas especializacións.

En consecuencia, vistos os artigos 4.6º e 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e o seu presidente, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de xuño de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. É obxecto deste decreto a regulación das habilitacións profesionais para a traducción e a interpretación xurada doutras linguas para o galego, e viceversa.

2. A habilitación profesional á que se refire o epígrafe anterior obterase mediante a superación das probas reguladas neste decreto. Tamén poden obte-la habilitación as persoas que reúnan os requisitos previstas no artigo 7 deste decreto.

3. As habilitacións para as modalidades de traducción e de interpretación son independentes unha da outra.

Artigo 2º.-Carácter oficial da traducción e da interpretación.

1. As traduccións e as interpretacións que fagan as persoas titulares da habilitación profesional regulada no presente decreto teñen carácter oficial.

2. Os profesionais da traducción e da interpretación xurada deben certificar, coa súa sinatura e co seu selo, a fidelidade e a exactitude das súas actuacións. A certificación e o selo deben axustarse literalmente ós modelos que constan no anexo 1.

Artigo 3º.-Destinatarios das probas.

1. As probas ás que se refire o artigo 1.2º diríxense ás persoas que queiran obte-la habilitación de traducción ou de interpretación xurada.

2. Poden tomar parte nas probas as persoas maiores de idade que posúan, como mínimo, un título de diplomado, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou equivalente. Se se trata dun título estranxeiro, debe estar homologado.

Artigo 4º.-Convocatoria das probas.

1. As probas serán convocadas, coa periodicidade precisa, pola consellería competente en materia de política lingüística.

2. As convocatorias deben indicar:

a) As linguas obxecto do exame.

b) O prazo e o lugar de presentación de solicitudes, e tamén a documentación que debe achegarse.

c) As datas das probas e o lugar onde se realizarán.

d) O importe da taxa.

e) O lugar onde se publicarán as listas de persoas admitidas e excluídas e os resultados das probas.

f) A composición do tribunal.

Artigo 5º.-Composición e funcións do tribunal avaliador.

1. O tribunal cualificador das probas de traducción e interpretación xurada compóñeno os membros seguintes: presidente, vicepresidente, secretario e dous vocais. Ademais, poderán nomearse cantos asesores se precisen. Todos eles terán a condición de licenciado. O tribunal será nomeado polo titular da consellería competente na materia.

2. As funcións do tribunal cualificador son as seguintes:

a) Deseño, elaboración, corrección e valoración das probas específicas e comúns nos procedementos convocados.

b) Resolución das reclamacións presentadas.

c) Aprobación de resultados e elevación da correspondente proposta ó órgano competente para resolve-la convocatoria.

Artigo 6º.-Réxime das probas.

1. As probas estructúranse en probas comúns e probas específicas. Son probas comúns a de lingua galega e a de dereito. Son probas específicas a de traducción directa e inversa e a de interpretación consecutiva de enlace. O contido das probas descríbese no anexo 2.

2. Estas probas teñen carácter eliminatorio. A cualificación de apto nas probas comúns conserva os seus efectos nas tres convocatorias sucesivas á realizada.

Artigo 7º.-Habilitación directa.

1. Poden solicita-lo nomeamento, sen necesidade de convocatoria previa, as persoas seguintes:

a) As que posúan o título de licenciado en Traducción e Interpretación, sempre que acrediten mediante certificación académica que cumpren os seguintes requisitos:

a.1) Que cursaron vintecatro créditos de materias de traducción especializada durante a licenciatura e que calquera posible combinación lingüística de todas e cada unha das materias cursadas de traducción especializada teña o galego como lingua cara á que se traduce. De non figurar especificado deste xeito na denominación da materia, deberase xuntar tamén un certificado do programa oficial, coa combinación lingüística das materias cursadas.

a.2) Que doce dos vintecatro créditos das materias de traducción especializada cursada teñen como contidos a traducción de textos xurídicos e económicos. Se estes contidos non figurasen especificados nalgunha das materias, deberá xuntarse un certificado do programa oficial da materia correspondente ó curso escolar en que se cursase, no que terán que aparecer especificados aqueles contidos. O resto dos créditos, ata os vintecatro, poden obterse mediante a realización de prácticas en empresas avaladas e

tuteladas pola universidade correspondente, a través dos proxectos de fin de carreira ou memorias de traducción; ou a través de materias, incluídas as de terceiro ciclo, sempre que estean relacionadas directamente coa traducción de textos xurídico-administrativos ou económicos.

a.3) Que cursaron 12 créditos de interpretación.

b) As que posúan o nomeamento de intérprete xurado de galego, expedido polo Ministerio de Asuntos Exteriores.

Artigo 8º.-Nomeamento.

1. O titular da consellería competente na materia, por proposta do director xeral de Política Lingüística, resolverá o nomeamento como traductor ou intérprete xurado daquelas persoas que superasen as probas reguladas neste decreto e das que proceda a súa habilitación directa, por estar comprendidas nalgún dos epígrafes do artigo 7.

2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro que a dictou, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente, o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Este nomeamento dará lugar á inscrición no rexistro que se regula no artigo seguinte.

Artigo 9º.-Rexistro de Traductores e Intérpretes Xurados Habilitados.

1. A Dirección Xeral de Política Lingüística levará o Rexistro de Traductores e Intérpretes Xurados Habilitados para esta función, no que se inscribirán as persoas nomeadas traductor ou intérprete xurado para o galego, e do galego para outras linguas.

2. Os datos que deben figurar no rexistro son: nome e apelidos, NIF, data de nacemento, sexo, enderezo, teléfono, número de rexistro, data de alta no rexistro, tipo de alta (habilitación directa ou mediante convocatoria), titulación, modalidade da habilitación (traducción/interpretación) e lingua ou linguas.

3. O cambio de calquera destes datos debe ser comunicado polo interesado, para o seu asentamento no rexistro.

4. Os datos do rexistro son públicos.

Artigo 10º.-Carné acreditativo.

1. A consellería competente, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, expedirá o carné acreditativo a nome da persoa que teña a habilitación para a traducción ou interpretación xurada, segundo o modelo que consta no anexo 3.

2. O carné acreditativo debe elaborarse a través de procedementos e con materiais que garantan a súa autenticidade e durabilidade.

Disposición adicional

Única.-A consellería competente será a que teña asignada as atribucións en materia de política lingüística.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento do previsto neste decreto.

Santiago de Compostela, trece de xuño de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Modelos de certificado e selo

Certificado.

(Nome e apelidos), como (traductor/a e/ou intérprete xurado/a) de (lingua),

Certifico: que esta traducción para o (lingua de destino) é completa e fiel ó seu documento orixinal redactado en (lingua de orixe).

E para que así conste, asino este certificado,

(Localidade e data).

(Selo).

(Sinatura).

Selo.

No selo deben figurar, sen ningún tipo de engadido ou símbolo, os seguintes datos:

1. Nome e apelidos do traductor ou intérprete xurado.

2. Número de rexistro.

3. NIF.

4. Linguas e modalidades para as que está habilitado.

5. Enderezo e teléfono.

ANEXO II

Contido das probas

Proba de lingua galega.

Obxectivo xeral.

O obxectivo da proba é que o examinando demostre ter un dominio práctico da lingua galega que, ó facer unha traducción ou unha interpretación, lle permita utilizala dunha maneira correcta no galego normativizado.

Obxectivos específicos.

O examinando debe mostrar que ten un coñecemento de grao superior da lingua nos aspectos seguintes:

Ortografía: o examinando debe demostrar que ten un dominio completo da ortografía, tanto no relativo ás regras xerais como ás regras particulares e ás excepcionais.

Morfosintaxe: o examinando debe demostrar que ten un dominio completo da morfoloxía e da sintaxe, tanto no relativo ás regras xerais coma ás regras particulares e ás excepcionais.

Léxico e fraseoloxía: o examinando debe demostrar un coñecemento amplo do léxico xeral e da fraseoloxía, propios do galego normativizado.

Contido.

1. Ortografía:

1.1. O vocalismo. A representación dos fonemas do galego. O acento diacrítico.

1.2. O consonantismo. A representación gráfica dos fonemas consonánticos do galego. A representación das consoantes nasais. Os distintos valores do grafema x. A representación gráfica dos grupos cultos.

1.3. O acento. Aplicacións das regras de acentuación.

1.4. Uso da diérese.

1.5. Uso do trazo ou guión.

1.6. Uso de maiúsculas e minúsculas.

1.7. Uso de abreviaturas.

2. Morfosintaxe

2.1. Os artigos. Os alomorfos dos artigos. As contraccións. Usos dos artigos.

2.2. Os determinantes e pronomes posesivos. Formas especiais. Usos e valores especiais dos posesivos. Os posesivos distributivos.

2.3. Os determinantes e pronomes demostrativos. Amálgamas e contraccións.

2.4. Determinantes e pronomes indefinidos. Os cuantificadores e identificadores.

2.5. O xénero do substantivo e do adxectivo. A formación do feminino.

2.6. O número do substantivo e do adxectivo. A formación do plural.

2.7. O verbo: as conxugacións regulares e irregulares.

2.8. Usos dos tempos e dos modos verbais.

2.9. Casos especiais de verbos transitivos, intransitivos e pronominais.

2.10. Verbos de réxime preposicional.

2.11. Uso das formas impersoais (infinitivo impersoal, xerundio e participio). O infinitivo persoal ou conxugado.

2.12. A construcción en pasiva.

2.13. As perífrases verbais.

2.14. Os pronomes persoais. Formas tónicas e átonas. As amálgamas dos pronomes. O pronome de solidariedade. A colocación das formas átonas.

2.15. Pronomes relativos e interrogativos.

2.16. Adverbios: aspectos sintácticos e morfolóxicos.

2.17. Preposicións. Formas e usos.

2.18. Conxuncións de coordinación e subordinación.

3. Os signos de puntuación. O seu uso correcto.

4. Léxico e fraseoloxía.

Tendo en conta a finalidade da proba, pedirase o coñecemento e uso correcto do léxico e da fraseoloxía xerais, propios do galego normativizado.

4.1. Precisión léxica: uso do léxico e da fraseoloxía máis axeitado en cada contexto.

4.2. Locucións adverbiais, prepositivas e conxuntivas.

4.3. As expresións fixadas e frases feitas.

4.4. Sinónimos e antónimos.

4.5. Corrección de interferencias léxicas e fraseolóxicas doutras linguas.

Proba de dereito.

Obxectivo.

Comprobar que os aspirantes ó certificado posúen un coñecemento xeral do ordenamento xurídico, suficiente para traduci-los textos xurídicos.

Contidos.

I) Institucións xurídicas básicas no Estado español.

1. O ordenamento xurídico e a organización dos poderes do Estado.

a) Concepto de ordenamento xurídico.

b) A Constitución. Os tratados internacionais.

c) A lei. As normas con rango de lei: decreto lei e decreto lexislativo.

d) O regulamento.

e) Os principios xerais do dereito.

f) O costume.

g) O poder lexislativo

i) O poder executivo.

j) O poder xudicial.

2. O xefe do Estado. A monarquía.

3. Os órganos lexislativos e executivos do Estado.

a) As Cortes españolas: o Congreso e o Senado.

b) Órganos auxiliares: o Defensor do Poblo. O Tribunal de Contas.

c) O Goberno. Composición e funcións.

d) O presidente do Goberno.

e) O Consello de Ministros.

f) Os ministros.

g) As comisións delegadas do Goberno.

4. O Parlamento e o Goberno de Galicia.

a) O Parlamento de Galicia.

b) O Valedor do Pobo e o Consello de Contas.

c) O presidente da Xunta de Galicia.

e) O Consello da Xunta.

f) Os conselleiros.

5. A organización xudicial. Estructura.

a) O Tribunal Constitucional.

b) O Tribunal Supremo.

c) A Audiencia Nacional.

d) O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

e) As audiencias provinciais.

f) Os xulgados de primeira instancia, de instrucción e do contencioso-administrativo.

g) Os xulgados de paz.

h) O goberno do poder xudicial: o Consello Xeral do Poder Xudicial.

6. A organización territorial do Estado: Estado, comunidades autónomas e entidades locais

a) As formas de organización dos estados: estados unitarios e estados descentralizados.

b) O Estado das autonomías. As comunidades autónomas: organización e competencias.

c) A Administración local.

7. A organización da Administración pública.

a) Os órganos da Administración pública: órganos centrais e periféricos.

b) A Administración institucional ou instrumental: organismos autónomos, sociedades estatais e outros entes públicos. A empresa pública.

c) Os colexios profesionais e as cámaras oficiais.

8. Principais institucións de dereito civil.

a) Persoa (persoas físicas e xurídicas. O estado civil. A capacidade. O Rexistro civil).

b) Familia (matrimonio, separación e divorcio; a parella estable; filiación natural e adoptiva; institucións de protección: a potestade do pai e da nai e a tutela).

c) Sucesión (sucesións testada: o testamento; sucesión intestada e sucesión contractual).

d) Contratos (principais figuras contractuais: a doazón, a compravenda, os arrendamentos, o préstamo, a sociedade).

9. Principais institucións de dereito mercantil.

a) Concepto de empresa e de empresario. O Rexistro Mercantil.

b) As sociedades (anónimas, limitadas, cooperativas, etc.).

c) Os títulos valores (a letra e o cheque).

d) Dereito mercantil especial (bolsista, bancario, propiedade industrial, propiedade intelectual, dereito da competencia, do seguro, dereito marítimo, dereito dos consumidores e usuarios).

10. Principais institucións de dereito laboral.

a) Concepto de traballador.

b) O contrato de traballo: concepto, clases e extinción.

c) As asociacións empresariais e os sindicatos de traballadores.

d) A autonomía colectiva: os convenios colectivos.

e) Os conflictos colectivos: a folga e o peche patronal ou lock out.

f) A xustiza laboral: os órganos administrativos arbitrais e os tribunais laborais.

11. Principais institucións do dereito propio da actividade da Administración.

a) O dereito administrativo como dereito propio da actividade da Administración.

b) O procedemento administrativo: iniciación, instrucción, finalización. Recursos administrativos.

c) A xestión dos servicios públicos.

12. Os documentos públicos e privados.

a) A documentación notarial (matrices, copias autorizadas, copia simple, testemuñas e lexitimacións).

b) As resolución xudiciais: sentencia e auto.

c) As resolución administrativas: notificacións e certificacións.

d) O Rexistro da propiedade mercantil: publicidade material e publicidade formal.

e) A documentación estranxeira: a legalización diplomática e o Convenio da Haia.

II) Institucións xurídicas básicas da comunidade internacional.

1. Os tratados internacionais.

a) Concepto e clases.

b) A Carta das Nacións Unidas.

c) Os tratados internacionais relativos á protección dos dereitos humanos: a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. O Convenio europeo para a protección dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais.

2. As organizacións internacionais.

a) De ámbito universal. A ONU. Organización e funcións.

b) De ámbito rexional.

De cooperación preferentemente política. O Consello de Europa.

De cooperación preferente militar. A OTAN.

De cooperación preferentemente económica. A OCDE.

III) Institucións xurídicas básicas da Unión Europea.

1. Os tratados constitutivos: o Tratado da Unión Europea e o Tratado de Ámsterdam. Os tratados constitutivos das comunidades europeas (CECA, CEE, CEEA).

2. Os obxectivos da Unión Europea.

a) Os obxectivos da Unión Europea: a PESC, a cooperación en asuntos de xustiza e interior e a cidadanía europea.

b) Os obxectivos da Comunidade Europea: o mercado común e as liberdades comunitarias.

c) Os fondos estructurais. O FEDER. O FEOGA. O Fondo Social de Cohesión.

3. Institucións e órganos das comunidades europeas.

a) O Consello. O COREPER.

b) A Comisión.

c) O Parlamento Europeo.

d) O Tribunal de Xustiza.

e) O Tribunal de Contas.

f) Os órganos auxiliares: o Comité Económico e Social, o Comité das Rexións e o Banco Europeo de Investimentos.

4. O sistema xurídico comunitario.

a) Os actos normativos típicos: regulamentos, directivas, decisións, recomendacións e dictames.

b) As relacións do dereito comunitario cos dereitos internos dos países membros.

5. Perspectivas de futuro.

IV) Lexislación sobre a lingua galega.

1. A lingua galega na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia. A Lei de normalización lingüística.

2. A lingua galega na Administración.

a) Administración e función pública.

b) Administración local.

c) Administración de xustiza.

d) Administración militar.

3. Lexislación de lingua galega nas actividades comerciais e mercantís.

Estructura da proba.

A proba consta dunha batería de 40 preguntas de resposta múltiple con tres respostas alternativas sobre contidos expresados neste epígrafe.

Proba de traducción.

Obxectivo xeral.

O obxectivo xeral desta proba é avalia-los coñecementos e as capacidades necesarias para traducir textos do ámbito xurídico, administrativos ou socioeconómico ou textos formais non literarios.

Estructura da proba.

A proba estructurase nas áreas seguintes:

Área 1/Traducción directa:

Consta dunha traducción para o galego dun texto do ámbito xurídico, administrativo ou socioeconómico, ou dun texto formal non literario.

Área 2/Traducción inversa:

Consta dunha traducción do galego para a lingua elixida polo examinando dun texto do ámbito xurídico, administrativo ou socioeconómico ou dun texto formal non literario.

Área 3/Preguntas sobre cuestións lingüísticas:

Trátase de xustificar e de argumenta-las solucións que o examinando dese a puntos concretos da traducción.

Proba de interpretación.

Obxectivo xeral.

O obxectivo xeral desta proba é avalia-los coñecementos e as capacidades necesarias para facer unha traducción de enlace entre dous suxeitos, o que comporta tanto a traducción consecutiva directa como a inversa.

Estructura da proba.

Esta proba consiste en traducir un fragmento da conversa entre un xuíz, fiscal ou avogado e un declarante nunha vista oral ou nunha declaración, a partir de ve-la conversa rexistrada en vídeo. Despois de cada intervención, o examinando deberá traducila oralmente. A proba estructúrase nas seguintes áreas:

a) Área1/Dominio das técnicas de interpretación:

Avalíase o coñecemento e a aplicación correcta das técnicas de interpretación (comprensión e reproducción).

b) Área2/Nivel de lingua galega:

Avalíase a fluidez, a pronunciación e a entoación, a morfosintaxe e o vocabulario, de acordo co estándar oral.

c) Área3/Nivel da lingua obxecto de interpretación:

Avalíase a fluidez, a pronunciación e a entoación, a morfosintaxe e o vocabulario.

ANEXO III

Datos do carné.

No anverso do carné de traducción e interpretación xurada deben consta-los seguintes datos:

Logotipo da Xunta de Galicia.

Nome e apelidos e fotografía do titular.

DNI ou pasaporte ou tarxeta de residencia da UE.

No reverso debe constar:

Número de inscrición no Rexistro da persoa titular.

Habilitación da lingua ou linguas.

Modalidade (traducción/interpretación).

Data de inscrición.

Sinatura do director xeral de Política Lingüística.