Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Mércores, 18 de setembro de 2002 Páx. 13.774

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de setembro de 2002 pola que se nomean funcionarios en prácticas do corpo de profesores de ensino secundario e profesores técnicos de formación profesional os opositores que superaron os procedementos selectivos convocados por Orde do 12 de marzo de 2002 (Diario Oficial de Galicia do 18 de marzo), que están ocupando vacante dotada orzamentariamente.

Por Orde do 12 de marzo de 2002 (DOG do 18 de marzo), convocáronse procedementos selectivos de ingreso e acceso ós corpos de profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional e outros, en expectativa de ingreso na Comunidade Autónoma de Galicia.

O número 1 da base común 12 da citada orde establece que as prácticas terán por obxecto a valoración das aptitudes didácticas dos aspirantes que aprobaron a fase de oposición, que se realizarán nos destinos provisionais que lles corresponda co desempeño da función docente con plena validez académica.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Nomear funcionarios en prácticas dos corpos de profesores de ensino secundario e profesores técnicos de formación profesional os opositores que se relacionan nos anexos II e III da Orde do 9 de agosto de 2002 (DOG do 23 de agosto), coa excepción dos funcionarios de carreira dun corpo docente do grupo B que non se incorporen a un novo destino do corpo de profesores de ensino secundario.

Segundo.-O nomeamento como funcionario en prácticas producirá efectos económicos e administrativos do:

a) 17 de setembro de 2002, para os funcionarios en prácticas do corpo de profesores de ensino secundario, disciplinas de xeografía e historia, matemáticas, francés, música, psicoloxía e pedagoxía e tecnoloxía.

b) 1 de outubro de 2002, para os funcionarios en prácticas do corpo de profesores técnicos de formación profesional e os do corpo de profesores de ensino secundario, disciplinas de formación e orientación laboral, hostalería e turismo, informática, organización e proxectos de sistemas enerxéticos, procesos de producción agraria, procesos na industria alimentaria, procesos diagnósticos clínicos e productos ortoprotésicos, sistemas electrónicos e sistemas electrotécnicos e automáticos.

c) Os efectos económicos dos profesores que estivesen prestando servicios como interinos no curso 2001-2002 devengaranse con data 1 de outubro de 2002.

Terceiro.-O réxime retributivo dos funcionarios en prácticas será o establecido no Real decreto 456/1986, do 10 de febreiro, (BOE do 6 de marzo), polo que se fixan as retribucións dos funcionarios en prácticas.

Cuarto.-Os funcionarios en prácticas que xa estean prestando servicios remunerados na Administración como funcionarios de carreira ou interinos, contratados administrativos ou como persoal laboral, sen prexuízo da situación administrativa ou laboral que de acordo coa normativa vixente lles corresponda, deberán formular opción pola percepción das remuneracións durante a súa condición de funcionarios en prácticas, de conformidade co disposto no Real decreto 456/1986, do 10 de febreiro (BOE do 6 de marzo). De non formular opción, entenderase que desexan percibi-las retribucións que lles corresponden como funcionarios en prácticas.

Quinto.-A Dirección Xeral de Persoal adoptará tódalas medidas e instruccións que sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria